Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 23 de outubro de 2002 Páx. 15.076

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dicta a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presenta-las solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, no vindeiro ano 2003.

De conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 20 de xaneiro de 2000, pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesqueira, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2003 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a confluencia do Tea co río Miño, coas limitacións que a continuación se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público para celebrar por parte do Servicio de Conservación da Natureza de Pontevedra, na data, hora e lugar que se fará público, no que se indicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios para empregar serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en voadizo sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non superará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licencia de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día. Documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela; sendo todos eles responsables do incumprimento desta condición.

-O período hábil de pesca será desde o 20 de xaneiro ata o 30 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21 horas destes días e poderán facelo ata as 8 horas do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán ás 21 horas destes días e poderán facelo ata as 8 horas do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21 horas dos domingos ata as 21 horas dos luns.

Requisitos para seguir na instalación das estacadas:

* Deberán estar debidamente numeradas e situadas de conformidade co recollido no anexo, onde se fixen

sobre o terreo polo persoal da Consellería de Medio Ambiente, e ningún caso se poderá monta-las estacadas fóra do lugar establecido, nin se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de 2 estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

* Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso, as dimensións das estacadas superarán a metade do río.

* Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servicio de Conservación da Natureza, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial.

* Na iluminación da estacada so se poderán utilizar bombillas, quedando prohibido focos ou similares.

* Finalizado o réxime especial o día 30 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retira-las estacadas e demais instalacións, deixando o contorno libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas no refuxio da Freixa ou no Servicio de Conservación da Natureza en Pontevedra, rúa Benito Corbal, 47-5ª planta.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán tódalas persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non podendo causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licencia de especial para embarcación (licencia clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lle correspondera no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servicio de Conservación da Natureza revisará cada estacada e cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde a mesma procederase ó seu levantamento.

Se durante a temporada de pesca da lamprea os axentes observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa poderanlle retirar, nese intre, os permisos que lle resten, sen dereito a devolución do seu importe.

O Servicio de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modifica-lo contido da presente normativa adoptando medidas axeitadas.

Sorteo de postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 10 de xaneiro de 2003, ás once horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servicio

Provincial de Conservación da Natureza, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta (Pontevedra) ata as 14 horas do 25 de novembro do 2002.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá logo de presentación do DNI pola orde obtida no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a temporada logo do pagamento do prezo público que corresponda e presentación da licencia de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores xuntándose na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece reflectido en máis dunha solicitude, procedarase á anulación.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto ó que figura no seu permiso.

Se quedara algún posto vacante sortearase entre os pescadores que por razón do sorteo e estando incluídos nel non tiveran opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o nº de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ó sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición dos axentes de Conservación da Natureza. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ó sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 8 de outubro de 2002.

José Antonio López Rodríguez

Delegado provincial de Pontevedra

ANEXO

Estacadas do río Tea 2003.

Lonxitude total: 12.412 metros.

Treito: ponte do ferrocarril-praia da Moscadeira.

Nº estacadaDistancia (m)

Ponte do ferrocarril a 160

1 a 2100

2 a 360

3 a 450

4 a 560

5 a 6370 (ponte romana/ponte PO-412)

6 a 7100

7 a 860

8 a 9115

9 a 10305

10 a 11100

11 a 12120

12 a 13120

13 a 14100

Nº estacadaDistancia (m)

14 a 15352

15 a 1650

16 a 17677

17 a 18173

18 a 19280 (ponte Cordeiro)

19 a 201.160

20 a 21120

21 a 22400

22 a 23100

23 a 24290

24 a 25210

25 a 26200

26 a 271.350

27 a 281.850

28 a 29220

29 a 30300 (ponte das Partidas)

30 a 31100

31 a 32100

32 a 33100

33 a 34590

34 a 35100 (desembocadura Uma)

35 a 36350

36 a 37110

37 a 38110

38 a 39110

39 a 40120

40 a 4190

41 a 42120

42 a 43120

43 a 44160

44 a 45210

45 a 4680

46 a 47150

47 a 48100

48 á praia da Moscadeira120