Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 23 de outubro de 2002 Páx. 15.067

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal) con nº de código 3602982, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-9-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 24-7-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á

Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 16 de setembro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal) para os anos 2002 e 2003

Artigo 1º.-Partes asinantes e ámbito.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, pola parte económica, a representación da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal), pola parte social, os delegados de persoal de La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal).

Este convenio concértase entre a representación económica e social da empresa referenciada e será de aplicación a todo o seu persoal.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2003. Calquera que sexa a data da súa sinatura ou publicación no Diario Oficial de Galicia, os efectos económicos para o ano 2002 retrotraeranse en todo caso ó 1 de xaneiro do dito ano. A revisión salarial do ano 2003 terá efectos desde o 1 de xaneiro do dito ano.

Este convenio prorrogarase por un ano máis, agás denuncia dalgunha das partes cun mes de antelación á fin da súa vixencia. Denunciado o convenio, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor daquel que o substitúa.

Artigo 3º.-Normas supletorias.

Serán as de carácter xeral.

Artigo 4º.-Dereitos adquiridos.

Este convenio garante como mínimo as condicións existentes, aplicándose sobre eles os seus beneficios.

Respectaranse os dereitos adquiridos e condicións máis beneficiosas que estean establecidas na empresa á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 5º.-Xornada e vacacións.

A xornada anual será de 1.768 horas de traballo efectivo e as vacacións anuais en 30 días ininterrompidos. A xornada diaria efectiva será de 8 horas de traballo.

Neste ano 2002 e no ano 2003, La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal) desfrutará as vacacións en dous períodos, polo que terá unha reducción de 8 horas sobre as 1.768 h, quedando a súa xornada anual efectiva en 1.760 h de traballo.

Os días establecidos como descanso ou vacacións serán retribuídos como tempo efectivo de traballo.

Artigo 6º.-Xornada nocturna.

Establécese un complemento de nocturnidade, como complemento de posto de traballo, para os traballadores que presten os seus servicios na quenda de noite, consistente nun 10% sobre o salario base que corresponda en cada caso e por noite efectivamente traballada.

Non obstante o anterior, recoñécese o dereito adquirido de maneira expresa e a favor dos traballadores fixos de cadro de persoal á entrada en vigor do convenio para 1997 de que a referida porcentaxe sexa un 25% en lugar do 10%. Tamén se lles recoñece o dereito adquirido ós mesmos traballadores que, estando normalmente prestando os seus servicios en quenda de día e temporalmente pasen, por requirimento da empresa, á quenda de noite, a percibir, ademais do complemento mencionado, os seguintes complementos por noite efectivamente traballada: para dúas semanas consecutivas ou menos de traballo en quenda de noite: 17,88 euros/noite traballada. Para máis de dúas semanas consecutivas de traballo en quenda de noite: 16,18 euros/noite traballada. Nestas circunstancias, o pase a quenda de noite será voluntario.

O pase dun destes traballadores fixos de quenda de día, con dereito adquirido descrito, a fixos da quenda de noite esixirá o previo acordo do interesado coa empresa respecto das condicións de remuneración do seu traballo como fixo da quenda de noite.

Artigo 7º.-Salario.

O importe do salario base para os anos 2002 e 2003 será o que figura nas táboas anexas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal percibirá 2 pagas extraordinarias, unha no mes de xullo pagadeira na primeira quincena e outra en decembro, pagadeira do 15 ó 18, o importe da cal será de 30 días de salario base máis, se é o caso, a antigüidade que corresponda.

Artigo 9º.-Beneficios.

Todo o persoal percibirá unha gratificación anual que se devengará semestralmente, do 15 ó 20 dos meses de xaneiro e xullo. En xaneiro a correspondente ó segundo semestre do ano anterior e en xullo a do primeiro semestre do ano que corre. Consistirá no 10% sobre o salario base, sobre a antigüidade e sobre as dúas pagas extras, efectivamente percibidas.

Artigo 10º.-Accidente laboral.

As baixas por accidente laboral non darán lugar á perda da paga de beneficios, a cal se percibirá como se se traballase.

Ademais, para os accidentes que dean lugar a IT, ocorridos dentro do recinto da empresa ou durante as horas nas que estea prestando servicio ás empresas, completarase a prestación da Seguridade Social por accidente laboral ata o 100% da base reguladora a partir do 1º día de baixa inclusive. Para este complemento a cargo da empresa establécese un límite de duración de 18 meses desde o inicio da baixa, coincidindo co período máximo de IT establecido na lei.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Acordan as partes que a partir do día de entrada en vigor do convenio para 1997 desaparecerá o concepto retributivo de antigüidade, agás para as persoas a favor

das cales se recoñece a continuación o seguinte dereito adquirido: recoñécese de maneira expresa e formal a favor de tódolos traballadores fixos de cadro de persoal á entrada en vigor do convenio de 1997, e que estean prestando os seus servicios para a empresa, o dereito adquirido ás percepcións polo extinguido concepto de antigüidade.

Este dereito adquirido esténdese non só a seguir devengando no futuro as cantidades que ata a data viñan percibindo por este concepto, senón a que sigan xerando quinquenios, cos correspondentes devengos, ata chegar ó límite máximo de cinco quinquenios. O réxime destas percepcións por antigüidade, para os que teñan o dereito adquirido a elas, seguirá sendo o mesmo que existía ata o de agora, e sobre estas percepcións seguiranse aplicando os incrementos que se pactan nos futuros convenios colectivos. Os traballadores e a empresa poderán pactar individualmente a absorción deste concepto, entendéndose que esta absorción poderá realizarse unicamente co acordo expreso do traballador.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Tenderase á supresión das horas extras que non veñan impostas por causas de forza maior ou que teñan o carácter de estructurais. Enténdese por horas extra estructurais:

a) As que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.

b) As necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. As de mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

Terán a consideración de horas extra festivas aquelas que se realicen en sábado ou nos días festivos declarados legalmente e retribuiranse na contía establecida na táboa anexa a este convenio.

En tódalas horas extras retribuídas que se realicen cada día, o traballador percibirá, ademais do valor da hora extra pactado en convenio e co obxecto de axudar a tódolos gastos en que puidera incorre-lo traballador como consecuencia da realización das ditas horas, os seguintes complementos:

-Ata 4 horas: 2,53 euros/hora.

-Máis de 4 horas: 10,13 euros/día.

Se as horas extras se realizan entre as 22 h e as 6 h do día seguinte, ademais do complemento anterior, o traballador percibirá o valor da hora extra pactado na táboa incrementado un 25% en concepto de nocturnidade.

O importe das horas extraordinarias será o que figura na táboa anexa.

Artigo 13º.-Falecemento dun traballador.

En caso de falecemento dun traballador, a empresa aboaralle ó seu cónxuxe, no seu defecto ós fillos e no seu defecto ós pais, nesa orde sempre que dependan economicamente do traballador falecido, as cantidades que se relacionan segundo as seguintes causas:

a) Se o falecemento é debido a enfermidade ou accidente non laboral: 3.540,92 euros.

b) Se o falecemento é debido a accidente laboral: 6.060,43 euros.

Artigo 14º.-Categorías profesionais.

Substitúese a categoría de aprendiz menor de 18 anos pola de contrato de formación, cos salarios que figuran na táboa anexa.

Os especialistas de 2ª serán promovidos á categoría de especialistas de 1ª, como máximo, ós 6 meses de antigüidade na empresa.

Os porteiros e serenos equipáranse como mínimo a especialistas de 1ª en categoría e retribución.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá os seus traballadores da roupa de traballo necesaria para o exercicio do seu labor, non podendo ser inferior a dúas pezas de roupa ó ano.

Artigo 16º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Satisfarase co incremento do 3% para o ano 2002, sobre o que estivo en vigor en 2001. Para 2003, satisfarase co incremento do 2,75% sobre o establecido para o ano 2002. Computarase por períodos semanais e terá dereito a el o persoal que non cometera máis dunha falta de asistencia ou puntualidade durante o dito período e alcanzará os días traballados máis domingos e festivos.

Non obstante o exposto no parágrafo anterior, o dito complemento percibirase igualmente nos seguintes supostos:

a) Cando o traballador se ausente para cumprir funcións de carácter sindical.

b) Durante os períodos regulamentarios de vacacións.

c) Cando o traballador se ausente por causas de citacións xudiciais ou gobernativas ou para asistir a algún exame por estudios oficiais, mesmo o obrigatorio para obte-lo permiso de conducir ou para a obtención ou renovación do DNI.

d) Durante os días traballados na semana na que se produza a baixa ou a alta, orixinados por causa de accidente laboral.

e) Por asistencia á consulta médica.

f) Durante os días nos que o traballador estea ausente con permiso por causa de morte dos pais, cónxuxe, fillos, avós, netos e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

g) Durante o permiso motivado polo parto da esposa, intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos familiares comprendidos na letra f).

Artigo 17º.-Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Os traballadores que viñeran prestando servicios para as empresas o 1 de xaneiro de 1996 e que, conforme o artigo 60 da Ordenanza laboral para a industria metalgráfica, viñan percibindo o complemento de traballos tóxicos, penosos e perigosos na contía establecida no anterior convenio, conservarán o dito dereito malia a derrogación da ordenanza, percibindo o complemento na contía do ano anterior, incrementada coa mesma porcentaxe pactada para a táboa salarial do convenio.

Artigo 18º.-Incapacidade permanente parcial.

Cando ó traballador se lle declare unha incapacidade permanente parcial para a súa profesión habitual, a empresa terá a obriga de admitilo e proporcionarlle traballo que non lle supoña diminución na súa remu

neración, a cal haberá de manterse na contía íntegra que lle corresponda, segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Tódolos traballadores terán dereito a percibir por cada fillo escolarizado a cantidade de 18,49 euros mensuais para o ano 2002, e 20 euros mensuais para o ano 2003, durante os doce meses do ano, e na idade de 3 a 24 anos, logo da xustificación.

Artigo 20º.-Axuda a minusválidos.

Os traballadores con fillos beneficiarios da prestación de minusvalidez da Seguridade Social percibirán por parte da empresa unha axuda de 129,89 euros mensuais para o ano 2002 e 133,47 euros para o ano 2003.

Artigo 21º.-Complemento extraordinario de permanencia.

O complemento extraordinario de permanencia terá carácter voluntario para o traballador e discrecional para a empresa, logo de informe da representación dos traballadores. Este complemento extraordinario de permanencia aboarase na última nómina do traballador cunha antigüidade igual ou superior a 20 anos, de conformidade coa seguinte escala:

Para 2002Para 2003

A los 60 anos6.415,14 euros6.591,55 euros

A los 61 anos5.625,29 euros5.779,99 euros

A los 62 anos4.948,85 euros 5.084,94 euros

A los 63 anos4.272,38 euros4.389,87 euros

A los 64 anos3.738,33 euros3.841,13 euros

A los 65 anos3.275,49 euros3.365,57 euros

Artigo 22º.-Baixas por incapacidade permanente absoluta.

Os traballadores que causen baixas por incapacidade permanente, no grao de absoluta, por proposta da Comisión Técnica Cualificadora Provincial ou Central da Seguridade Social, percibirán por parte da empresa 3.732,82 euros dunha soa vez, calquera que sexa a súa idade.

Artigo 23º.-Ausencias retribuídas.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificándoo, poderá faltar ou ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Durante tres días, que poderán ampliarse ata dous máis, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para efectos de:

a) Nos casos de parto de esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, fillos, pai ou nai, netos, avós e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

b) Durante un día por traslado do seu domicilio habitual.

c) Un día natural en caso de matrimonio de fillos, irmáns ou pais.

d) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical, nos casos representativos e non excedendo de 40 horas laborables ó mes.

e) As nais con fillos menores de nove meses terán unha reducción dunha hora na xornada laboral, a cal será retribuída pola empresa.

f) A empresa aboará un permiso retribuído en 15 días naturais, en caso de matrimonio.

Nos parentescos enténdese tanto nos graos de consanguinidade como no de afinidade.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Incrementarase, para o ano 2002, no 3% sobre o que estivo en vigor o ano anterior. Para o ano 2003, incrementarase no 2,75% sobre o que estivo en vigor o ano anterior.

Artigo 25º.-Maternidade.

As traballadoras no período de xestación poderán solicita-lo cambio parcial ou temporal de posto de traballo sempre que, a xuízo do médico de empresa e do seu xinecólogo, o posto que desempeña lle proporcione dificultades anormais.

A empresa complementará a traballadora desde a súa baixa por maternidade co 100% da base reguladora durante 16 semanas.

Artigo 26º.-Funcións do comité de empresa.

De acordo co convido nas leis, os comités terán facultades para intervir en materia de:

a) Negociación colectiva.

b) Seguridade e hixiene.

c) Expedientes de regulación de emprego.

d) Folga.

e) Ser informados trimestralmente pola empresa, acerca da situación e marcha xeral desta.

E serán informados do mesmo xeito, en materia de:

a) Mobilidade do persoal.

b) Imposición de sancións de despedimentos.

c) Evolución do emprego e horas extras.

As empresas facilitarán un local para o funcionamento dos comités, dotado de arquivos para a súa documentación e máquina de escribir. Para a reproducción de circulares ó persoal, procurarán facilitárlle-lo servicio de multicopista compatibilizándoo co traballo normal das oficinas.

Artigo 27º.-Asembleas.

Poderán ter lugar dentro dos locais de ámbalas dúas empresas, fóra de horas de traballo, cando o soliciten da empresa o comité ou o 20% dos traballadores, polo menos con 48 horas de anticipación á súa realización.

Mentres non se destine a outro fin, o local que cederá a empresa será o mesmo empregado ata o de agora.

Artigo 28º.-Cota sindical.

As empresas descontaranlles ós traballadores afiliados ós sindicatos con representación do 10% de delegados no comité e pertenzan a centrais de ámbito nacional, de nacionalidade ou rexión, a cota sindical logo da conformidade do interesado por escrito.

Os mencionados escritos dos traballadores terán unha vixencia mínima dun ano, salvo comunicación en contrario do interesado.

Artigo 29º.-Seccións sindicais.

Terán as seguintes garantías:

a) No suposto de medidas disciplinarias contra calquera afiliado, as empresas xunto ó escrito de sanción ó interesado entregarán copia para a súa sección sindical.

b) Poderán difundir libremente as publicacións da súa central, cobrar cotas e afiliar, sen máis limitacións que a non obstaculización da producción.

c) As seccións sindicais coa representación mencionada neste artigo poderán realizar asembleas, fóra de horas de traballo, nos locais da empresa, unha vez solicitada a súa realización.

d) As seccións sindicais de empresa que cumpran o 10% disporán para o conxunto dos seus afiliados de ata un máximo de 7 días anuais de licencia non retribuída, para asistencia a cursos, congresos, etc. dunha central.

A licencia requirirá notificación á empresa cunha semana de antelación.

e) A empresa estará obrigada a concede-la excedencia polo tempo necesario para os traballadores que ocupen un cargo sindical con carácter polo menos provincial.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 30 de setembro de 2002 un incremento respecto ó 31 de decembro de 2001 superior ó 2,75 % (dous con setenta e cinco por cento), efectuarase unha revisión salarial tan axiña como se constate oficialmente a dita circunstancia. Esta revisión, no suposto de que haxa que facela efectiva, serao sobre os meses de outubro, novembro e decembro de 2002 e consistirá na aplicación do exceso sobre o citado tanto por cento ás retribucións vixentes no 31 de decembro de 2001. Do mesmo xeito, para o ano 2003, revisarase no 2,5% nas mesmas condicións do ano anterior.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria integrada por tres representantes dos traballadores e tres representantes da empresa. Será presidida pola persoa que a mesma comisión designe por ambas partes, podendo actua-la comisión sen presidente, se así se acordase.

Será función principal da comisión paritaria interpreta-las cláusulas do convenio pronunciando unha arbitraxe nas cuestións controvertidas que se lle presenten.

Artigo 32º.-Retribución persoal feminino.

Haberá que aterse ó disposto no artigo 28 do Estatuto dos traballadores.

Vigo, 24 de xullo de 2002.

R. patronal:

Teresa Ramos Barbosa.

R. traballadores:

J. Carlos Goberna Pérez.

José París Lago.