Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 23 de outubro de 2002 Páx. 15.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2002 pola que se convoca un curso de procedemento administrativo para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2002, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de procedemento administrativo para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Perfeccionar e actualiza-los coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial refe

rencia ás peculiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local pertencentes ós grupos C/D ou asimilados, con coñecemento do acceso á Internet.

Terceira.-Requirimentos técnicos:

-PC con conexión á Internet.

-Conta de correo electrónico.

-Navegador da Internet.

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 24 horas (20 de autoestudio con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudio complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ó profesor tódalas dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse dúas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ó comezo do curso co fin de explica-lo seguimento e a estructura deste a segunda ó final para a realización da proba de avaliación para poder obte-lo diploma de aproveitamento.

2. Datas: novembro a decembro do ano 2002.

3 . Prazas: 100.

Quinta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar nos cursos programados deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de outubro de 2002.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Sexta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sétima.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Oitava.-Certificado de asistencia.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Novena.-Contido.

Unidade 1.-Principios xerais e ámbito de aplicación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-1.1. As administracións públicas coma organizacións.

-1.2. As bases constitucionais e estatutarias da organización e da actividade administrativa.

-1.3. O ámbito de aplicación da Lei 30/1992.

-1.4. Os principios xerais da organización e da actividade administrativa.

Unidade 2.-Procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento.

-2.1. Concepto de procedemento administrativo. A diferencia entre acto administrativo e disposición administrativa xeral.

-2.2. Tipos de procedementos administrativos.

-2.3. Finalidades do procedemento administrativo.

Unidade 3.-Características e fases do procedemento administrativo.

-3.1. Características do procedemento administrativo.

-3.2. Fases do procedemento administrativo.

Unidade 4.-Principais trazos do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral. O procedemento sancionador.

-4.1. Disposicións de carácter xeral.

-4.2. Procedemento para a elaboración das disposicións de carácter xeral.

-4.3. Procedemento sancionador.

-4.4. Procedemento sancionador simplificado.

Unidade 5.-Procedementos de reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais, procedementos especiais á marxe da Lei 30/1992.

-5.1. As reclamacións previas ás vías civil e laboral.

-5.2. Procedementos especiais á marxe da Lei 30/1992.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública