Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 23 de outubro de 2002 Páx. 15.080

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2002 pola que se convoca un curso de xestión orzamentaria para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2002, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de xestión orzamentaria para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Perfeccionar e actualiza-los coñecementos dos participantes na xestión orzamentaria na Administración local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local que desenvolva traballos de xestión orzamentaria, pertencentes ós grupos C e D ou asimilados, con coñecemento do acceso á Internet.

Terceira.-Requirimentos técnicos:

-PC con conexión á Internet.

-Conta de correo electrónico.

-Navegador da Internet.

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 24 horas (20 de autoestudio con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudio complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ó profesor tódalas dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse duas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ó comezo do curso co fin de explica-lo seguimento e a estructura deste e a segunda ó final para a realización da proba de avaliación para poder obte-lo diploma de aproveitamento.

2. Datas: novembro a decembro do ano 2002.

3 . Prazas: 50.

Quinta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar nos cursos programados deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de outubro de 2002.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo

común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Sexta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sétima.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Oitava.-Certificado de asistencia.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Novena.-Contido.

Módulo 1.-O orzamento xeral.

-Unidade 1: ¿que é o orzamento xeral?.

-Unidade 2: a estructura do orzamento xeral.

-Unidade 3: a elaboración do orzamento xeral.

-Unidade 4: aprobación do orzamento xeral.

Módulo 2.-As modificacións orzamentarias.

-Unidade 1: os créditos orzamentarios.

-Unidade 2: as modificacións de crédito.

-Unidade 3: os tipos de modificacións (I).

-Unidade 4: os tipos de modificacións (II).

Módulo 3.-A execución do orzamento.

-Unidade 1: procedemento xeral de obtención de gastos.

-Unidade 2: excepcións ó procedemento xeral de gastos.

-Unidade 3: execución do orzamento de ingresos.

-Unidade 4: gastos con financiamento afectado.

Módulo 4.-A liquidación do orzamento.

-Unidade 1: a liquidación do orzamento xeral.

-Unidade 2: os saldos pendentes.

-Unidade 3: o resultado orzamentario.

-Unidade 4: o remanente de tesourería.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública