Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 18 de outubro de 2002 Páx. 14.877

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 12 de setembro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, de notificación de proposta de resolución do expediente sancionador 22/2002 a Inés Bello Parga.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, tramitou expediente sancionador 22/2002, seguido en virtude de denuncia formulada por Álvaro Yamandú Caballero Araújo contra Inés Bello Parga, finalizando este trámite con proposta de resolución de expediente sancionador por incumpri-la obriga de destina-la vivenda de promoción pública a domicilio habitual e permanente.

O citado acordo é do seguinte teor:

Proposta de resolución do expediente sancionador 22/2002.

Vista a denuncia presentada por Álvaro Yamandú Caballero Araújo contra Inés Bello Parga, e despois das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes feitos:

1. Con data do 9 de xaneiro de 2002 recibiuse escrito, na Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Lugo, denunciando posibles irregularidades na ocupación da vivenda 3º C da rúa Fontelo, 1 de Lugo, da que é titular Inés Bello Parga, correspondentes ó grupo de vivendas de promoción pública denominadas Illas Canarias, acollidas ó expediente LU-92/010, conta 24.

2. Con data do 28 de xuño de 2002 efectuouse visita de inspección á dita vivenda resultando, segundo se reflecte na acta de inspección, que non é posible localizar a ninguén nela, observándose indicios de non ocupación habitual.

3. O artigo 5, alínea B y C, da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, dispón que «a dedicación das vivendas de protección oficial a usos non autorizados ou a alteración do seu réxime de uso, establecido na cédula de cualificación definitiva» e «o non destino das vivendas de protección oficial ou daquelas para as que se recibiu unha axuda da Comunidade Autónoma a domicilio habitual e permanente ou mantelas deshabitadas sen causa xustificada durante un prazo superior a tres meses», constitúe unha infracción grave.

4. O 3 de xullo de 2002 dictouse acordo de iniciación de procedemento sancionador baixo o número 22/2002, notificado á denunciada mediante publicación no DOG nº 162, do 23 de agosto de 2002, polo que se lle imputaban a Inés Bello Parga, a comisión dunha infracción administrativa do artigo 5, alínea C, da Lei 13/1996, do 30 de decembro. Concedido prazo de 15 días para presentar alegacións, a denunciada non fixo uso deste dereito.

Feito probado.

Determínase, así, como feito probado que Inés Bello Parga non cumpriu a obriga de destina-la vivenda adxudicada a domicilio habitual e permanente.

Fundamentos de dereito.

1. É competente para dicta-la resolución deste expediente o delegado provincial do IGVS de Lugo, en virtude do disposto no artigo 1 do Decreto 134/1997, do 22 de maio, sobre desconcentración de competencias sancionadoras en materia de vivenda establecidas no artigo 10 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda.

2. Que a infracción imputada se encontra tipificada no artigo 5 c) da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda que sinala que

«terán a cualificación de infraccións graves... c) o non destino das vivendas de protección ou daquelas para as que se recibiu una axuda da Comunidade Autónoma a domicilio habitual e permanente ou mantelas deshabitadas sen causa xustificada durante o prazo superior a tres meses» e, en tal sentido o Real decreto 3148/1978, do 10 de novembro, polo que se desenvolve o Real decreto lei 31/1978, do 31 de outubro, sobre política de vivenda define no seu artigo 3 que se entende por domicilio habitual e permanente, e del despréndese que se entende por domicilio permanente o que constitúa a residencia do titular, ben sexa propietario o arrendatario, e sen que perda tal carácter polo feito de que este, o seu cónxuxe ou parentes, dun e doutro, ata o terceiro grao que convivan co titular, exerzan na vivenda unha profesión ou pequena industria doméstica, aínda que sexa obxecto de tributación, e por domicilio habitual, enténdese cando a vivenda non permaneza desocupada máis de tres meses, salvo

que medie xusta causa.

3. Considérase responsable da dita infracción a Inés Bello Parga, correspondéndolle unha sanción de 601,02 a 3.005,06 euros de multa conforme o establecido no artigo 7 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, sobre infraccións en materia de vivenda.

4. Ó amparo do disposto no artigo 3.2º do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora R.D. 1398/1993, do 4 de agosto, os interesados teñen dereito a formular alegacións e a achegar tódolos documentos que consideren convenientes en calquera momento do procedemento con anterioridade ó trámite de audiencia.

Poderán así mesmo, recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade conforme o establecido no artigo 8 do citado regulamento.

5. Segundo o artigo 16.1º do Regulamento do procedemento, os interesados dispoñen dun prazo de 15 días contados desde a notificación da presente proposta para achega-los documentos ou informacións que estimen convenientes e propoñer probas, concretando os medios dos que se pretendan valer.

Vistos os artigos citados, a Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, a Lei de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común e o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, propón:

Impoñerlle a Inés Bello Parga unha sanción de 601,02 euros de multa.

Notifíquese a presente proposta de resolución á interesada coa indicación de que, de conformidade co establecido no artigo 19 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, poderá presentar alegacións, no prazo de quince días, ó termo dos cales a Delegación do IGVS dictará a resolución que corresponda.

Lugo, 12 de setembro de 2002.

Francisco Centeno Márquez

Instructor