Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 18 de outubro de 2002 Páx. 14.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Servimgal, S.L., (código de convenio nº 8200632), que se subscribiu coa data do 17 de xullo de 2002, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2002.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio Servimgal, S.L.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes contratantes.

O presente convenio colectivo foi negociado e subscrito pola empresa Servimgal, S.L. e os seus delegado/as de persoal, co ámbito territorial e persoal que máis abaixo se indica.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do convenio é o dos centros de traballo da empresa Servimgal, S.L., existentes na actualidade, e mailos que se poidan crear.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal de lavandería pertencente ó cadro de persoal da empresa, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o día do seu asinamento, sen prexuízo de que as condicións económicas sexan aplicadas a partir do 1 de xaneiro de 2002.

Terá unha vixencia dun ano e expirará o 31 de decembro de 2002.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio quedará automaticamente denunciado dous meses antes do seu vencemento. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor daqueloutro que o substitúa.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio colectivo establécense con carácter de mínimas.

Tódalas melloras que se implanten a través de normas legais ou doutras serán compensadas e absorbidas ata onde alcancen, cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que no cómputo anual a suma das condicións do convenio sexa máis beneficiosa.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

De acordo coa lexislación vixente, crearase unha comisión paritaria para a interpretación do convido, composta por tres membros en representación dos traballadores e outros tres por parte da empresa.

A propia comisión establecerá as normas de funcionamento.

Persoal.

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de febreiro de cada ano un rexistro do persoal ó seu servicio ordenado polo seu número e onde fará consta-los seguintes datos: nome e número da persoa traballadora, categoría laboral e antigüidade nela, profesión ou oficio e servicio no que traballa.

Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores o 1 de xaneiro de cada ano de publicación no rexistro.

Artigo 9º.-Categorías.

* Encargado/a xeral.

* Técnico/a de grao medio.

* Responsable de equipo.

* Oficial administrativa/o.

* Auxiliar administrativa/o.

* Oficial 1ª lavandería.

* Oficial 2ª lavandería.

* Especialista, conductor/a, lavandeiro/a.

* Axudante lavandería.

* Sereno/a.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

A empresa, en caso de necesidade xustificada, pode encomendar tarefas correspondentes a unha categoría inferior a aquela pola que está contratado o traballador/a, limitándoa temporalmente; neste caso, o traballador/a recibirá a retribución correspondente á categoría pola que está contratado. En todo caso, a empresa non poderá encomenda-la realización das tarefas descritas por un prazo superior a tres meses, non sendo por causas xustificadas.

Se se lle encomendase ó traballador/a o desempeño de funcións correspondentes a categorías superiores, percibirá o salario correspondente á categoría na cal realice as súas funcións. Transcorridos seis meses desde que comezou o desempeño de tales funcións, consolidarase o ascenso para tódolos efectos, con excepción daqueles que estivesen a realizar substitucións.

Artigo 11º.-Formación.

Constituirase unha comisión de formación, composta por un delegado/a do persoal e un membro da dirección.

Previamente, farase un estudio de necesidades. Posteriormente, os delegado/as deberán realizar un informe anual sobre o estudio das necesidades da empresa, co fin de detectar qué formación se necesita e qué tipo de cursos se deben realizar.

Unha vez detectadas as necesidades e definidos os cursos que se deberán impartir, elaborarase un informe que determine o nivel de prioridades deles e por grupo de necesidades; este presentarase á empresa, que decidirá sobre a súa viabilidade.

Artigo 12º.-Ascensos.

Tódalas vacantes que se produzan na empresa cubriranse, en primeiro lugar, mediante o sistema de ascensos, cos criterios que se marquen.

Os delegado/as de persoal deberán participar no concurso para cubri-las vacantes por ascensos, tanto no proceso de valoración dos méritos e probas como na súa cualificación. Un dos méritos será respecta-la antigüidade dos traballadora/os que se presenten.

Artigo 13º.-Persoal de novo ingreso (período de proba).

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, debendo quedar no seu poder unha copia del.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

* Persoal técnico: 2 meses.

* Persoal administrativo e de recepción e entrega: 15 días.

* Persoal subalterno: 15 días.

* Persoal restante: 15 días.

Artigo 14º.-Contratación de novo persoal e medidas de fomento de emprego.

A empresa comunicaralles ós representantes dos traballadora/os, con suficiente antelación, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou fixo, con fin de que, en igualdade de condicións, se lle poida dar preferencia ós familiares dos traballadores/as.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos por causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción sexa de doce meses, nun período total de dezaoito meses.

Réxime de traballo.

Artigo 15º.-Xornada.

Establécese que a xornada será a mesma en días laborables e horas efectivas de traballo para todo o persoal.

O número de horas será de 40 semanais, coas horas de descanso que establece a lei.

Sempre que se poida, realizarase a xornada continua, mediando entre xornadas 12 horas ininterrompidas de descanso.

En caso de xornada continua terase dereito a un descanso de 30 minutos para o bocadillo, que serán contabilizados como xornada efectiva.

A xornada de traballo estará abranguida entre luns e domingos, con dúas quendas rotativas e un día e medio de descanso semanal ininterrompido. O cadro horario confeccionarase nos primeiros días de xaneiro, coa conformidade dos delegados/as dos traballadores/as.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 30 por cento sobre o salario base de cada traballador/a e percibiranse sobre as horas efectivas traballadas.

Para cubri-las necesidades da quenda de noite recorrerase preferentemente a persoal voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións será do mes natural no que se goce.

O calendario onde consten as vacacións do persoal laboral fixarase antes do 31 de marzo, elaborarase de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores e serán estas obrigatoriamente rotativas.

Se ó inicio das vacacións, un traballador/a estivese de baixa por accidente de traballo, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito a gozar delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

As vacacións gozaranse no período abranguido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ámbolos dous incluídos.

Os traballadores/as que gocen as súas vacacións, por necesidade da empresa, nun mes distinto ós abranguidos no período descrito, terán dereito a unha bolsa de vacacións, cun importe mínimo fixado en 90,15 A (15.000 pesetas).

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador/a, logo de avisalo e xustificalo, poderá ausentarse do traballo, con dereito á remuneración, polo tempo e os motivos seguintes:

Casamento: 16 días naturais.

Nacemento filla/o ou adopción legal: 3 días laborables que se poderán gozar dentro dos sete días seguintes ó parto. No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia: 4 días laborables.

Falecemento:

-De pais, fillos ou cónxuxe do traballador/a: 4 días naturais.

-De avós, netos e irmáns do traballador/a: 3 días naturais.

-De país, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

-De país, avós, netos e irmáns do cónxuxe con convivencia: 3 días naturais.

-Tíos naturais ou políticos con convivencia: 1 día natural.

No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia: 2 días naturais máis.

Para os efectos de cómputo dos días de permiso por falecemento, considerarase que:

-Computarase como día de permiso o do falecemento, se este se produce antes de transcorrida a metade da xornada laboral do traballador/a.

-Se o falecemento se produce no día non laborable para o traballador/a, computarase como día de permiso no caso de que o falecemento tivese lugar antes das 12 horas.

Enfermidade grave, hospitalización ou operación cirúrxica con anestesia total:

-De pais, fillos e cónxuxe do traballador/a ou políticos: 3 días naturais. No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia: 2 días máis.

-De avós, netos e irmáns do traballador/a ou políticos: 2 días naturais.

-Operación cirúrxica leve ou sen anestesia total con convivencia: o tempo que dure, sexa cal sexa a operación.

Nestes últimos casos, se existe necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia: 2 días naturais máis.

A referencia a cónxuxe nos anteditos permisos faise extensiva á persoa que conviva maritalmente co traballador/a, que acredite a súa situación de convivencia mediante certificado do concello, libro de familia ou documento semellante.

Casamento:

-De pais, fillos, irmáns e netos, tanto naturais como políticos: 1 día natural.

-No caso de desprazamento: 2 días naturais.

Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Cumprimento de deber público: polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

Exames:

-Os traballador/as matriculados en centros oficiais ou recoñecidos polo MEC, que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional, ó abeiro da Lei xeral de educación, terán dereito ós permisos necesarios para concorrer ós exames correspondentes.

Asuntos propios: 3 días naturais.

Artigo 19º.-Excedencias.

1º. O traballador/a cunha antigüidade mínima na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia, coa conservación do posto de traballo, por un prazo non menor dun ano e non maior de tres. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador/a se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

2º. Para cursar estudios por un tempo superior a un ano e inferior a cinco anos. Este período só poderá ser aproveitado outra vez polo traballador/a, se transcorreron catro anos desde o final da outra excedencia, xa sexa voluntaria ou especial.

3º. Cando concorran circunstancias de enfermidade grave de longa duración ou defunción do cónxuxe ou familiares abranguidos no 1º grao de consanguinidade e se acredite a necesidade de atender persoalmente as consecuencias derivadas daquelas situacións. Esta excedencia non será inferior a tres meses nin superior a un ano.

4º. Cando o cónxuxe sexa trasladado por razóns laborais a un centro de traballo fóra da súa provincia onde o traballador/a preste os seus servicios. Esta excedencia non poderá ser inferior a seis meses nin superior a dous anos.

5º. Cando opten por seguir un tratamento baixo vixilancia médica por razóns de alcoholemia ou toxicomanía; esta excedencia non poderá ser superior a un ano e só poderá solicitarse unha vez. Para reintegrarse deberá acreditarse o rigoroso seguimento do tratamento.

As excedencias citadas non computarán antigüidade ningunha.

A comunicación para reintegrarse á empresa deberá formularse por escrito e cun mes de antelación á data do remate da excedencia.

Artigo 20º.-Excedencia para o coidado dos fillo/as.

Os traballadores fixos con, polo menos, un ano de antigüidade, terán dereito a solicitar unha excedencia especial, con reserva do posto de traballo, para o coidado persoal e directo dos fillos menores de catro anos, tanto cando o sexan por natureza como por adopción.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. A dita situación de excedencia non poderá exceder de tres anos.

Réxime de retribucións.

Artigo 21º.-Retribucións.

As retribucións entenderanse sobre a xornada completa. O seu aboamento realizarase por meses dentro dos tres primeiros días do mes seguinte, como máximo.

As retribucións para o ano 2002 fíxanse na táboa anexa.

O traballador/a terá dereito a percibir anticipos á conta do traballo realizado e ata o 90% da retribución correspondente.

Dentro do salario, para os efectos da definición, distinguiranse os seguintes conceptos remunerativos:

a) Soldo base: cantidade mínima diaria garantida ó traballador/a que efectúe o seu traballo co rendemento normal, segundo queda definido no presente convenio.

b) Soldo: cantidade mínima mensual garantida ó traballador/a que preste o seu traballo polo rendemento normal, segundo queda definido no presente convenio.

c) Xornal: importe total das retribucións que por calquera concepto perciba o traballador/a.

d) Complementos (plus): entenderanse por tales as cantidades de diñeiro que estableza a empresa para cubri-los postos de traballo que se realizan e que marca este convenio.

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

Os traballador/as percibirán dúas gratificacións extraordinarias, que se aboarán nos meses de xuño e decembro, con anterioridade ó día 30 de xuño e 15 de decembro, respectivamente. O importe de cada unha das pagas será dunha mensualidade de salario base segundo o convenio máis o complemento de antigüidade aplicado ó que corresponda a cada un dos niveis. As ditas pagas percibiranse íntegras, independentemente de que o traballador/a estivese en situación de IT en calquera das súas modalidades, durante o período do seu cobramento.

Artigo 23º.-Complementos.

Antigüidade: todo o persoal afectado por este convenio percibirá en concepto de antigüidade un importe do 4% do seu salario base por cada trienio cumprido.

Transporte: fíxase un complemento de transporte coa contía de 73,56 A, que será igual para tódalas categorías e aboarase nas doce mensualidades.

Festividade: fíxase un complemento de festividade coa contía de 9,26 A por cada día traballado dos 14 festivos do ano.

Artigo 24º.-Horas extraordinarias.

O pagamento da hora extraordinaria normal será de 4,51 A, a nocturna de 6,01 A e a festiva de 6,91 A.

As horas nocturnas consideraranse a partir das 23 h ata as 7 h.

Os representantes dos traballadores/as recibirán periodicamente información do número de horas realizadas por traballador/a e por departamento.

Artigo 25º.-Adaptación do persoal con capacidade diminuída.

O persoal que por deficiencia das súas condicións físicas ou por outras circunstancias non estea en situación de dar rendemento normal na súa categoría, pasará a outro traballo e respectaráselle o salario que tivese acreditado antes de pasar á dita situación.

Artigo 26º.-Incapacidade transitoria.

1. Nos períodos de baixa por accidente de traballo, hospitalización e convalecencia, o traballador/a terá dereito a que a empresa complete, exclusivamente ó seu cargo, as prestacións da Seguridade Social, de forma que o traballador/a perciba durante os días de baixa o 100% do salario máis a antigüidade, o complemento de transporte, o complemento de penosidade, o especial, o de responsabilidade e o de nocturnidade.

2. Nos supostos de IT por enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa completará o 100% do salario máis a antigüidade, o complemento de penosidade, o de responsabilidade e o especial, a partir do día 15 da baixa.

Estas compensacións salariais serán efectivas, tanto se o traballador/a é substituído como se non o é.

Melloras sociais.

Artigo 27º.-Seguros.

Contratarase un seguro colectivo de vida con cargo á empresa, e que abrangue a todo o persoal dela. O capital asegurado será:

a) Morte por accidente incluído in itínere: 18.000 A.

b) Invalidez permanente absoluta, derivada de enfermidade profesional: 21.000 A.

c) Grande invalidez: aboamento do capital asegurado derivado de enfermidade profesional: 21.000 A.

Artigo 28º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó persoal a correspondente roupa de traballo. Serán entregados dous equipos completos ó ano, con calzado incluído.

Artigo 29º.-Recoñecementos médicos.

O recoñecemento médico realizarase como se indica na actual lexislación vixente, segundo o artigo 22 da Lei 35/1995, de prevención de riscos laborais.

O resultado do dito recoñecemento seralle entregado a cada traballador/a.

Artigo 30º.-Saúde laboral.

Nomearase un comité de saúde laboral con tódalas demais normas contidas segundo a Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 31º.-Protección á maternidade.

Aterase ó recollido na Lei 39/1999, do 5 de novembro, de protección á maternidade.

Artigo 32º.-Acción sindical.

Os delegada/os de persoal terán dereito a:

1. Ser informados periodicamente pola dirección da empresa, sobre a evolución xeral, a situación da producción, o programa de producción e a evolución probable do emprego.

2. Anualmente coñece-lo balance, a conta de resultados e a memoria.

3. A empresa informará previamente sobre sancións por faltas graves e, en especial, nos supostos de despedimento.

4. A empresa facilitaralles ós delegados/as de persoal o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice; igualmente, facilitaralles unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. Existirá un taboleiro de anuncios, que porá a empresa, onde os delegado/as de persoal poidan publicar, inserir, etc.

6. Os representantes dos traballador/as deberán realizar un informe previo e participar nas seguintes cuestións:

a) Os delegado/as de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica nin profesional por causas ou por razón do desempeño da súa función.

b) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación; poderán publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, e exercerán tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para ese efecto.

Artigo 33º.-Asemblea de traballadores/as.

Os traballadores/as terán dereito a reunírense en asemblea unha vez ó mes e por un tempo máximo dunha hora durante a xornada, debendo comunicar á empresa a realización desta cunha antelación de 48 horas, salvo situación de excepción e sempre de mutuo acordo coa empresa.

Artigo 34º.-Vestiarios.

A empresa está obrigada a facilitar unha zona de vestiarios, independentemente para homes e mulleres, con duchas e armarios, e mailo que establece a Lei de saúde laboral.

Igualmente, habilitarase unha zona para o descanso do bocadillo e que sirva para realiza-las asembleas.

ANEXO

Ano 2002

CategoríaSalario

base

Comp.

especial.

Comp.

respons.

Comp.

pen./per.

Encargado xeral693,0498,95

Técnico grao medio693,04

Responsable de equipo565,3598,1862,83

Oficial administrativo585,05

Auxiliar administrativo494,74

Oficial 1ª lavandería494,7498,95

Oficial 2ª lavandería488,58

Especialista, conductor, lavandeiro488,5895,1897,72

Axudante lavandería482,85

Sereno/a475,89

En tódalas categorías: complemento transporte 73,56 A

Complemento de festividade 9,24 A día festivo.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA