Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 09 de outubro de 2002 Páx. 14.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 286/2002, do 12 de setembro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Fene, O Incio, Taboada e Maside.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto

tres establece que o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Fene, O Incio, Taboada e Maside solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante o Decreto 69/2002, do 22 de febreiro (DOG nº 51, do 12 de marzo), desafectáronse do dominio público varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Fene, O Incio, Taboada e Maside.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 12 de xullo de 2002 (DOG nº 147, do 1 de agosto) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a seguir se relacionan:

1. A favor do Concello de Fene do dereito de uso dun edificio de baixo e unha planta que ten unha superficie aproximada de 120 m por andar, que ten unido na parte posterior do edificio una pequena edificación de 30 m aproximadamente. O conxunto construíuse sobre un soar duns 222 m, producto de 10 m de fronte por 22 m. de fondo, situado no lugar de Vilanova, hoxe avenida Doutor Sixto Mauriz, nº 25, da vila e municipio de Fene (A Coruña). Estrema: norte, Flora Corbeira Balado; sur, José María Vilar Rodríguez; leste, María del Carmen Martínez; e oeste, camiño veciñal de Perlío a Lavandeira.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 389, libro 65, folio 89, predio nº 6.482, inscrición 3ª.

2. A favor do Concello do Incio do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta que ocupa aproximadamente 125 m do soar sobre o que se asenta

duns 350 m, situado na marxe da estrada de Bóveda ó Incio, hoxe rúa Bóveda nº 10, da vila e termo municipal do Incio (Lugo), estrema: norte, coa expresada estrada en liña 12 metros; sur, propiedade de Valentín Gallego Cando; leste, máis de Antonino Rodríguez Vázquez; e oeste, soar en construcción de vivenda de Ramón Maceda.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 415, libro 62, folio 49, predio nº 6.357, inscrición 1ª.

3. A favor do Concello de Taboada do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta de 80 m por andar, aproximadamente, que ocupa a totalidade do seu soar, que forma un rectángulo de 10 m de fronte por 8 de fondo, aproximadamente, no lugar de Campo da Feira, hoxe rúa Insuas, nº 38 da vila e municipio de Taboada (Lugo). Estrema: fronte ou oeste, campo da feira e estrada de Rubián a Palas de Rei, hoxe praza de Muñelos; dereita entrando ou sur, lavadoiro público a tres metros de distancia, hoxe terreo municipal; esquerda entrando ou norte, edificio escolar a oito metros e dez centímetros, hoxe escaleiras de acceso ó centro de saúde; e fondo ou leste, predio dos herdeiros de Concepción González Ramos, con valo divisorio que queda á distancia de dous metros, hoxe predio de Carlos Rosado e Daniel Muniz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Chantada no tomo 705, libro 111, folio 185, predio nº 15.768, inscrición 1ª.

4. A favor do Concello de Maside do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta de 125 m por andar, aproximadamente, construídos sobre soar de 208 m de superficie, que forma un rectángulo de 13 por 16 metros, no lugar de Campo da Feira, hoxe rúa Rodríguez Soto, nº 30, da vila e municipio de Maside (Ourense). Estrema: norte, bens de propios, hoxe rúa Rodríguez Soto; sur, bens de uso público, hoxe terreos municipais; leste, máis terreo municipal; e oeste, bens de propios, hoxe rúa Tras do Matadoiro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade do Carballiño no tomo 477, libro 64, folio 123, predio nº 7.052, inscrición 3ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, doce de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda