Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 19 de setembro de 2002 Páx. 13.835

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MUROS

ANUNCIO da oferta de emprego público 2002.

A oferta de emprego público do Concello de Muros para o ano 2002 comprende: A) Persoal funcionario: un técnico de xestión e un educador, grupo B, escalas de Administración xeral e especial respectivamente. B) Persoal laboral: un oficial da brigada de operarios, grupo D; un monitor deportivo, un operario da brigada, especialidade de carpintería e un operario da brigada, ampliable a outra, todos do grupo E.

I. Resumo das bases xerais da convocatoria

1. Normas xerais.

O obxecto desta convocatoria é a provisión en propiedade das prazas citadas anteriormente, de acordo coa oferta de emprego público deste concello para o ano 2002, consonte a normativa reguladora do acceso ó emprego público.

2. Requisitos.

Requisitos: a) Ser cidadán español ou nacional dos demais estados da Unión Europea; b) Ter cumpridos 18 anos de idade e para as prazas de funcionarios, non exceder daquela na que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade; c) Te-lo título esixido ou estar en condicións de

obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte nesta convocatoria; d) Posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza á que se aspire; e) Que o aspirante non fose separado mediante expediente disciplinario do servicio ás administracións públicas nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

3. Solicitudes.

Os que queiran participar nas probas selectivas deberán facelo constar en instancia dirixida o alcalde da corporación, que se presentará no rexistro xeral do concello -directamente ou por calquera dos procedementos que prevé o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro-, no prazo de vinte días naturais contados desde que se publique o anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

4. Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o alcalde aprobará no prazo dun mes a lista de admitidos e excluídos, que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da corporación. Os aspirantes disporán dun prazo de dez días para emendar erros nos termos que sinala o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. Fase de concurso.

Nos procedementos de selección por concurso-oposición, a fase de concurso non terá carácter eliminatorio. A puntuación que se obteña na fase de concurso non se poderá aplicar para supera-los exercicios da fase de oposición.

6. Nomeamento.

No prazo de vinte días naturais contados desde que se publiquen as listas de aspirantes aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral do concello os seguintes documentos: a) Título esixido para participar nas probas selectivas; b) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública nin encontrarse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas; c) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade referida ó momento da toma de posesión; d) Certificación acreditativa de non padecer enfermidade ou eiva física que impida o normal desenvolvemento da súa función; e) Dúas fotografías tamaño carné.

7. Norma final.

Esta convocatoria e tódolos actos administrativos que dela se deriven poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma que dispón a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II. Resumo das bases específicas da praza

de técnico de xestión

1. Sistema: concurso-oposición.

2. Título: diplomado en dereito, en ciencias económicas e empresariais, ou en ciencias políticas e

da administración. Para os casos en que non exista o título de diplomado, abonda con demostrar que se superaron os tres primeiros cursos da licenciatura ou o primeiro ciclo desta.

3. Fase de concurso: nesta fase avaliaranse os seguintes méritos:

a) Por antigüidade en concepto de servicios prestados na Administración local en postos de traballo de natureza semellante: 0,20 puntos por mes ata un máximo de 3 puntos.

b) Por títulos académicos de categoría superior ó que se esixe: por licenciatura en dereito, ciencias económicas e empresariais ou ciencias políticas e da administración: 2,50 puntos. Polo título de doutor en calquera desas especialidades: 3 puntos.

c) Por cursos impartidos polas administracións públicas ou homologados, relacionados coa organización e o funcionamento das corporacións locais, ata un máximo de 2 puntos: -de menos de 15 horas: 0,10 puntos; -de 15 a 40 horas: 0,20 puntos; -de máis de 40 a 70 horas: 0,35 puntos; -de máis de 70 a 100 horas: 0,50 puntos; -de máis de 100 horas: 0,75 puntos.

d) Pola cualidade da experiencia profesional acreditada na Administración local nos postos de traballo que se desempeñasen en concepto de funcionario ou contratado, ata un máximo de 2,50 puntos.

4. Fase de oposición.

Primeiro exercicio, por escrito, contestar brevemente nun período máximo dunha hora e media un cuestionario de sesenta preguntas sobre temas do programa.

Segundo exercicio, por escrito, desenvolver durante o tempo máximo de tres horas, dous temas relacionados co contido do programa.

Terceiro exercicio, práctico, analizar e resolver durante un tempo máximo de dúas horas un suposto relacionado co contido das tarefas do posto de traballo.

Cuarto exercicio, elaborar en lingua galega, durante o tempo máximo de corenta minutos, un documento administrativo.

Os catros exercicios serán obrigatorios e eliminatorios: os tres primeiros avaliaranse de 0 a 10 puntos e é preciso unha puntuación mínima de 5 para aprobalos; o cuarto puntuarase de 0 a 4 puntos e será preciso un mínimo de 2 para aprobalo.

III. Resumo das bases específicas da praza

de educador

1. Sistema: concurso-oposición.

2. Título: diplomado en educación social, mestre, licenciado en pedagoxía, psicoloxía, psicopedagoxía ou ciencias da educación. Para os casos en que non exista o título de diplomado, será suficiente con demostrar que se superaron os tres primeiros cursos da licenciatura ou o primeiro ciclo desta.

3. Fase de concurso. Nesta fase avaliaranse os seguintes méritos: a) Por servicios prestados na Administración local en postos de traballo de natureza semellante, en cualidade de funcionario ou contratado laboral: 0,20 puntos por mes ata un máximo de 3 puntos. b) Por títulos académicos de categoría superior ó que se esixe: por licenciaturas nas especialidades indicadas no punto 3 anterior: 2,50 puntos. Polo título de doutor en calquera desas especialidades: 3 puntos. c) Por cursos impartidos polas administracións públicas ou homologados, relacionados coas tarefas propias de traballo de educador, ata un máximo de 2 puntos. d) Pola cualidade da experiencia profesional acreditada na Administración local nos postos de traballos que se desempeñasen en concepto de funcionario ou contratado, ata un máximo de 2,50 puntos.

4. Fase de oposición.

Primeiro exercicio, por escrito, contestar brevemente nun período máximo dunha hora e media un cuestionario de sesenta preguntas sobre temas do programa.

Segundo exercicio, por escrito, desenvolver durante o tempo máximo de tres horas, dous temas relacionados co contido do programa.

Terceiro exercicio, práctico, analizar e resolver durante un tempo máximo de dúas horas un suposto relacionado co contido das tarefas do posto de traballo.

Cuarto exercicio, elaborar en lingua galega, durante o tempo máximo de corenta minutos, un documento de traballo.

Os catro exercicios serán obrigatorios e eliminatorios: os tres primeiros avaliaranse de 0 a 10 puntos e é preciso unha puntuación mínima de 5 para aprobalos; o cuarto puntuarase de 0 a 4 puntos e será preciso un mínimo de 2 para aprobalo.

IV. Resumo das bases específicas

A) Da praza de oficial da brigada de operarios.

1. Sistema: concurso-oposición, por promoción interna.

2. Título: graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente; e permisos de conducción clase B, C1 e C ou equivalentes e te-la condición de operario da brigada municipal do Concello de Muros, persoal laboral fixo, cunha antigüidade mínima de dous anos.

B) Das prazas de monitor deportivo e operarios da brigada.

1. Sistema: concurso-oposición.

2. Título: certificado de escolaridade ou equivalente.

As bases completas e os programas dos exercicios da oposición apareceron publicados no BOP da Coruña nº 185, do 13 de agosto de 2002.

Muros, 19 de agosto de 2002.

Celestino Formoso Vidal

Alcalde