Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 17 de setembro de 2002 Páx. 13.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de setembro de 2002 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, atribúelle, no seu artigo 4.2º, ó Goberno do Estado a fixación dos elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas, co fin de garantir unha formación común para tódolos alumnos e alumnas e para dar validez ós títulos correspondentes en todo o territorio español.

A organización das ensinanzas de artes plásticas e deseño en ciclos de formación específica de grao medio e de grao superior estableceuse na mencionada lei. Así mesmo, a disposición adicional quinta do Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22 de maio), polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, dispón que as ensinanzas de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos formativos, de acordo co disposto no mencionado real decreto.

Estas disposicións, xunto co Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28 de abril), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas, constitúen o contido normativo básico regulador dos ciclos de formación específica das ensinanzas de artes plásticas e deseño.

Segundo o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 18 de agosto), que regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Administración educativa galega completa-los currículos dos correspondentes ciclos formativos e, xa que logo, os obxectivos e os criterios que se terán en conta no proceso de avaliación dos ciclos formativos, no seu ámbito competencial.

Pola súa banda, a Orde do 16 de febreiro de 1996 (BOE do 23 de febrero), estableceu os elementos básicos dos informes de avaliación do alumnado que

curse os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que se precisan para garanti-la mobilidade do alumnado.

O Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e os deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, regulou a reclamación dos alumnos ás cualificacións.

A Orde do 17 de decembro de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro do 1998), regulou a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas artísticas de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia acumulada aconsella dictar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellora-lo proceso de avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa estas ensinanzas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o Decreto 213/1998, do 10 de xullo, que establece a estructura orgánica desta consellería,

DISPÓN:

1. Obxecto.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto regula-la avaliación e a acreditación académica do alumnado de artes plásticas e deseño que cursa estudios, na Comunidade Autónoma de Galicia, en centros públicos ou privados que estean autorizados para impartir ciclos de formación específica de graos medio ou superior.

2. Aspectos xerais da avaliación.

Artigo 2º.-Normas xerais.

1. A avaliación realizarase tendo en conta as capacidades profesionais e as tarefas máis significativas características do título, que constitúen a referencia para defini-los obxectivos xerais do ciclo formativo, así como os obxectivos dos módulos, expresados en termos de capacidades terminais que o conforman. Estes referentes para a avaliación serán os establecidos no correspondente currículo.

2. Así mesmo, dado que os centros docentes deben completar e desenvolve-lo currículo, tamén se terán en conta no proceso de avaliación destas ensinanzas os obxectivos, as capacidades e os criterios de avaliación que para cada ciclo se concretaran no proxecto curricular do centro. Neste proxecto deberán especificarse as actuacións, as estratexias e os instrumentos de avaliación máis axeitados para valora-los logros acadados.

3. Os criterios de avaliación fixados para cada capacidade terminal establecen o nivel de consecución desta e, xa que logo, os resultados mínimos

que se deben acadar no proceso de ensino-aprendizaxe. En consecuencia, constitúen o referente inmediato para o proceso de avaliación das capacidades de cada módulo.

Artigo 3º.-Avaliación das ensinanzas.

1. A avaliación das ensinanzas dos ciclos formativos será inicial, continua e final, aínda que diferenciada segundo os módulos que compoñen o currículo.

2. A avaliación inicial servirá para que cada profesor constate o nivel do alumno antes de comeza-lo proceso de ensino-aprendizaxe.

3. A avaliación continua é aplicable ó longo de todo o proceso de ensino-aprendizaxe e require a asistencia regular do alumnado ás clases e ás demais actividades lectivas programadas para os distintos módulos do ciclo formativo.

A partir das directrices xerais establecidas no regulamento de réxime interno do centro, o proxecto curricular do ciclo concretará, para cada módulo, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua; en todo caso, este número de faltas non poderá ser superior ó10% da duración do módulo.

4. A avaliación final servirá para valora-los resultados obtidos polo alumno ó termo do proceso de ensino-aprendizaxe e para determina-la cualificación final do ciclo formativo en función da consecución dos obxectivos xerais do currículo e a competencia xeral do título.

Artigo 4º .-Plan de avaliación.

1. A avaliación realizarase por módulos e polo profesorado que imparte docencia ós alumnos. O proxecto curricular de ciclo deberá programar para cada módulo un plan de avaliación seguindo as directrices especificadas no currículo correspondente ó ciclo formativo e no proxecto curricular do centro.

2. O proxecto curricular de cada ciclo establecerá o plan extraordinario de avaliación, no que se fixarán os criterios e os procedementos de avaliación así como o deseño das probas que permitan ós alumnos que perderon o dereito á avaliación continua, descrita no artigo 3º desta orde, evidencia-lo logro das capacidades terminais establecidas para cada módulo non superado.

3. Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberase informar dos criterios de avaliación que serán aplicados para evidencia-la adquisición das capacidades establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considera suficiente para acada-la avaliación positiva.

Artigo 5º.-Adaptacións curriculares.

Cando o progreso dun alumno non responda globalmente ós obxectivos programados, o equipo

docente adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo ou adaptación curricular. Neste caso, e sen que isto signifique unha mingua das capacidades mínimas que se establecen no documento base do currículo, a valoración do rendemento do alumno realizarase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos de forma individualizada para este.

Artigo 6º.-Plan de actividades de recuperación de módulos.

1. No proxecto curricular de cada ciclo o equipo docente establecerá o plan de actividades de recuperación, que fixará para cada módulo os criterios e o procedemento de avaliación que permitan verifica-lo logro das capacidades terminais establecidas para cada un deles ós alumnos que no proceso ordinario de ensino-aprendizaxe non o superaron.

2. O programa de actividades de recuperación desenvolverase no terceiro trimestre do último ano do plan de estudios do ciclo formativo.

Artigo 7º.-Fase da formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET).

1. A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e a obra ou proxecto final realizaranse unha vez superados os restantes módulos profesionais que constitúen o ciclo formativo.

2. Para acceder á fase de formación práctica en empresa, estudio ou taller será preciso, con carácter xeral, ter aprobados tódolos módulos do ciclo agás a obra ou proxecto final.

3. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la realización da formación práctica en empresa, estudio ou taller simultaneamente coas actividades de recuperación a aqueles alumnos que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produza mingua na recuperación de tódalas capacidades programadas no plan de recuperación.

Esta excepción aplicarase segundo os criterios que establecera o proxecto curricular do centro para cada ciclo.

4. O equipo docente poderá revoga-la autorización concedida ós alumnos para realizaren a súa formación práctica en empresas, estudios ou talleres cando manifesten durante o seu desenvolvemento un baixo rendemento contrastado ou fosen sancionados en expediente disciplinario.

5. A avaliación do módulo de formación práctica en empresa, estudio ou taller realizaraa o profesor titor do grupo de alumnos, quen establecerá un calendario de visitas ó centro de traballo para manter entrevistas co titor de empresa responsable, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

6. O titor do grupo de alumnos contará para a avaliación do módulo de formación práctica en empresa, estudio ou taller coa colaboración do titor da empresa, quen emitirá un informe que valore a

actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a formación práctica en empresa, estudio ou taller se desenvolvera en varios centros ou empresas, solicitarase un informe de cada un deles.

Artigo 8º .-A obra ou proxecto final.

1. Para inicia-la obra ou proxecto final cumprirá, con carácter xeral e sen prexuízo das excepcións previstas no artigo 7º.3 desta orde, ter aprobados tódolos módulos do ciclo agás o da fase de formación práctica en empresa, estudio ou taller.

A aceptación da proposta de realización do proxecto ou obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación dos proxectos, tal como se dispón no decreto que regula o currículo, corresponderá a un tribunal integrado por:

Presidente: o director ou directora do centro ou o profesor ou profesora en quen delegue.

Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e se encargará de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, de se-lo caso, o centro poña ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

Vocais: polo menos tres profesores, nomeados pola dirección, dos que dous serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais, como asesor, un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

2. A avaliación da obra ou proxecto final será a última que se realice, requirirá a superación previa de tódolos módulos impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres.

Artigo 9º.-Cualificacións.

1. Os resultados da avaliación final expresaranse en termos de cualificacións, que se formularán en cifras de 1 a 10, sen decimais, no caso de avaliación final de cada módulo de formación no centro, e cun só decimal no caso de cualificación da obra ou proxecto final. Considéranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos, e negativas as restantes.

2. A cualificación da fase de formación práctica en estudio ou taller expresarase en termos de apto ou non apto.

3. No caso de módulos que foran obxecto de validación ou de correspondencia coa práctica laboral, consignarase a dita circunstancia mediante a inserción das palabras validado ou exento respectivamente, sen que en ningún caso se compute o dito módulo para os efectos de avaliación final do ciclo formativo.

4. A nota final do ciclo formativo obterase unha vez superados tódolos módulos impartidos no centro educativo, a fase de formación práctica en empresa, estudio ou taller e a obra ou proxecto final. Para

obtela, acharase a media aritmética, expresada cun só decimal, entre as seguintes cualificacións: a media aritmética das cualificacións dos módulos que integran o ciclo formativo e a cualificación da obra ou proxecto final. Para o cálculo da cualificación final non se terán en conta os módulos validados ou exentos, así como o de formación práctica en empresa, estudio ou taller.

3. Titorías.

Artigo 10º.-Do ciclo formativo.

Os alumnos de cada ciclo formativo contarán cun profesor titor nomeado pola dirección do centro, que será membro do equipo docente, escollido preferentemente entre os que impartan docencia ó longo de todo o ciclo. En relación coa avaliación, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Coordina-lo desenvolvemento curricular de ciclo (plans de ensino-aprendizaxe e de recuperación de módulos, e plan de avaliación ordinaria e extraordinaria de módulos).

b) Organizar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo de alumnos.

c) Informa-lo alumnado do seu proceso educativo e, se é o caso, os seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

d) Elabora-lo plan de ensino-aprendizaxe do módulo de FPEET, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

e) Realiza-lo seguimento educativo e a avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres.

f) Asesora-lo alumno en relación coas posibles validacións e coa exención de módulos.

g) Emitir informe sobre as peticións de exención da formación en empresa, estudio ou taller formuladas polos alumnos do ciclo.

h) Orientar profesionalmente o alumnado en relación ás saídas académicas e profesionais, co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral.

Artigo 11º.-Da obra ou proxecto final.

1. A titoría da obra ou proxecto final correrá a cargo do titor do grupo de alumnos do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. En relación coa avaliación realizará as seguintes funcións:

a) Coordina-lo anteproxecto segundo os contidos do decreto de currículo e o que estableza o proxecto curricular de ciclo.

b) Dirixi-los traballos de realización do proxecto.

c) Facilitar, por instancia do tribunal, información sobre o desenvolvemento do proxecto ou obra final.

d) Elaborar un consello orientador dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralos sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

4. Desenvolvemento do proceso avaliativo.

Artigo 12º.-Sesións de avaliación.

1. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado realizadas polo equipo de profesorado dun grupo de alumnos para contrasta-las súas informacións académicas e valora-lo progreso destes en relación cos obxectivos educativos que se especifican no proxecto curricular do ciclo.

2. O proceso de avaliación desenvolverase en función dos períodos lectivos e polo profesorado que o decreto do currículo regula para o ciclo formativo.

Artigo 13º.-Avaliación ordinaria.

1. O desenvolvemento da avaliación ordinaria de módulos implicará catro tipos de actuacións, en función dos períodos que se especifiquen no proxecto curricular do ciclo:

a) Sesión de avaliación parcial de módulos. Nesta sesión, que se realizará cunha frecuencia mínima trimestral, valorarase e informarase dos progresos académicos ós alumnos, pais ou titores. Calquera modificación de frecuencia trimestral requerirá a autorización expresa do Servicio da Inspección Educativa.

O resultado de cada sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I. Nos módulos nos que o alumno perdeu o dereito á avaliación continua, do artigo 3º.3 desta orde, consignarase a dita circunstancia mediante as iniciais PD.

b) Sesión de avaliación final de cada un dos módulos. Nesta sesión valoraranse e cualificaranse os logros dos alumnos en relación ás capacidades terminais establecidas para cada módulo. Para cada un dos alumnos que non supere módulos, o profesor responsable elaborará o informe individualizado de avaliación previsto no artigo 27º desta orde e informará os alumnos sobre as actividades de recuperación que deberán realizar de acordo co establecido no artigo 6º.

Nesta sesión avaliaranse tamén os alumnos que realizaron as probas que se establecen no plan extraordinario de avaliación para aqueles que perderon o dereito á avaliación continua recollido no artigo 3º desta orde. Os alumnos que non superen o procedemento establecido para o módulo ou módulos non os poderán superar.

A sesión de avaliación final de cada módulo terá lugar ó remate do período lectivo asignado para cada un deles no proxecto curricular do ciclo e poderá coincidir no tempo coa derradeira avaliación parcial de módulos de cada un dos anos académicos en que se desenvolve o ciclo.

Coincidindo coa sesión de avaliación final dos módulos do ciclo tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado ó período de realización da práctica en empresa, estudio ou taller e da obra ou proxecto final, tendo en conta os criterios establecidos no artigo 7º e 8º desta orde.

O resultado de cada sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I.

c) Sesión de avaliación da fase de formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET). Nesta sesión, o titor do grupo valorará e cualificará os logros dos alumnos en relación ás capacidades terminais establecidas para o módulo, tendo en conta os informes emitidos polo titor de empresa ou empresas que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo.

A cualificación de apto no módulo de formación práctica en empresa, estudio ou taller estará condicionada, de se-lo caso, á superación dos módulos pendentes.

O resultado da sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo II.

d) A sesión de avaliación da obra ou proxecto final será realizada, unha vez superados tódolos módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres. Nesta sesión avaliarase globalmente a obra ou proxecto final, tomando como referencia os contidos que o decreto do documento base curricular establece.

Os membros do tribunal cualificarán cada un dos epígrafes que se establezan no currículo do ciclo formativo e expresarán o resultado en cifras de 1 a 10, sen decimais. A nota do proxecto será a media aritmética das anteriores expresada cun só decimal, e o seu resultado reflectirase no modelo de acta como a do anexo III.

2. A acta de avaliación final do ciclo formativo, que se axustará ó modelo do anexo IV, establecerá a cualificación final dos alumnos que superaron o proxecto ou obra final e fará a proposta de expedición do título.

Artigo 14º.-Avaliación extraordinaria.

1. Para os alumnos que, segundo o establecido na sesión de avaliación final ordinaria de módulos, do artigo 13º b) desta orde, teñan que realiza-las actividades de recuperación, celebrarase unha vez rematadas estas unha sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos pendentes. A data da avaliación extraordinaria será establecida polo centro no seu proxecto curricular e, en calquera caso, nunca será posterior ó 15 de setembro. O resultado da sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I.

2. A dirección do centro adoptará as medidas oportunas e fixará as datas para que os alumnos que superen a totalidade dos módulos pendentes na sesión de avaliación extraordinaria de módulos establecida no punto anterior poidan realiza-lo período da formación práctica na empresa, estudio ou taller, e a obra ou proxecto final, así como as sesións de avaliación final extraordinarias correspondentes. O resultado das avaliacións reflictirase nos modelos de acta que figuran nos anexos II e III.

3. A acta de avaliación final do ciclo formativo, que se axustará ó modelo do anexo IV, establecerá a cualificación final dos alumnos que superaron o proxecto ou obra final e fará a proposta de expedición do título.

Artigo 15º.-Reclamación ás cualificacións.

1. Contra as cualificacións, o alumnado poderá reclamar segundo o procedemento establecido para os centros de ensino secundario.

2. De acordo co establecido no artigo 13 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, os alumnos ou os seus pais ou titores poderán reclamar ante a dirección do centro contra as decisións e cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As reclamacións deberán basearse nos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo do proceso de aprendizaxe do alumno non é adecuada ós obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e instrumentos de avaliación aplicados son inadecuados conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de cualificación e avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

3. O procedemento e os prazos para a presentación e tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito perante a dirección do centro, nun prazo de dous días lectivos a partir daquel no que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro, tralos informes que estime oportunos, trasladará estes informes e a reclamación ó equipo docente do ciclo correspondente, que poderá, con base no que se establece no punto 1 deste artigo e coa debida documentación, ratificarse na cualificación outorgada ou estima-la procedencia de rectifica-la cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ó alumno.

c) No suposto de que o departamento ratifique a cualificación e o alumno, nun prazo de dous días, o solicite por escrito, o director remitirá, nos tres días seguintes, o expediente á delegación provincial.

d) O delegado provincial, visto o informe da inspección educativa, resolverá no prazo máximo de 10 días naturais. Da resolución do delegado provincial daráselle comunicación ó interesado e ó equipo docente a través do director do centro.

e) Contra a resolución do delegado provincial poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114

e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992,de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Repetición do ciclo formativo.

1. Os alumnos que teñan módulos pendentes trala avaliación final extraordinaria, recollida no artigo 14º desta orde, por non ter realizado as actividades de recuperación ou por teren sido avaliados negativamente, deberán repetir tódalas actividades programadas para os módulos pendentes de superación, formalizando a segunda matrícula á que ten dereito no réxime ordinario de ensinanzas.

2. Os alumnos avaliados negativamente na sesión de avaliación da formación práctica na empresa, estudio ou taller ou na sesión de avaliación da obra ou proxecto final, recollidas nas letras c) e d), do artigo 13º desta orde, deberán repetir tódalas actividades programadas, formalizando a segunda matrícula á que teñen dereito no réxime ordinario de ensinanzas.

5. Titulacións e acreditación.

Artigo 17º.-Títulos.

1. A superación dun ciclo formativo de grao medio ou superior dará dereito á obtención do título de técnico ou técnico superior, respectivamente. Para iso cumprirá ter cualificación final positiva en todos e cada un dos módulos que o compoñan, na fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e na obra ou o proxecto final.

2. Os centros deberán realiza-las solicitudes de proposta de expedición de título nos prazos determinados pola normativa vixente.

Artigo 18º.-Acreditación.

O alumno ou a alumna que obteña cualificación positiva nun ou máis módulos dun ciclo terá dereito a que se lle expida a correspondente acreditación, que consistirá nunha certificación expedida pola secretaría do centro na que, á vista das actas, se fará consta-la denominación dos módulos superados, as horas cursadas neles, cando exista constancia delas, e as cualificacións obtidas. A certificación realizarase nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo modelo que se indica no anexo V desta orde.

6. Matrícula e convocatorias.

Artigo 19º.-Matrícula.

1. Os alumnos poderán realiza-la matrícula para un mesmo ciclo, polo réxime ordinario, un máximo de dúas veces.

2. Para a cualificación final de cada módulo e a excepción da práctica en empresas, estudios ou talleres e da obra ou proxecto final, en cada matrícula, o alumnado disporá dun máximo de dúas convocatorias, incluídas as extraordinarias.

Artigo 20º.-Renuncia ás convocatorias.

1. O alumnado poderá solicita-la renuncia á convocatoria cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro considere pertinentes.

2. As solicitudes de renuncia serán resoltas polo director no prazo máximo de dez días, e informará á inspección educativa.

Artigo 21º .-Convocatorias extraordinarias.

1. O alumnado que teña esgotadas as convocatorias establecidas no artigo 19º desta orde poderá solicitar, nos quince días anteriores ó comezo do curso, perante a dirección do centro, unha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade que lle impedise o normal desenvolvemento dos estudios ou outras causas que merezan igual consideración, sen que a falta de rendemento escolar poida considerarse como tal.

2. Os centros remitirán á delegación provincial, no prazo de cinco días, as solicitudes de convocatoria extraordinaria presentadas polos alumnos acompañadas dun informe da xefatura de estudios, co visto e prace do director, no que constarán cantas circunstancias sexan relevantes. As delegacións provinciais, logo de informe da inspección, remitirán no prazo de cinco días os expedientes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, que resolverá sobre cada solicitude individualmente.

7. Documentación do proceso de avaliación.

Artigo 22º.-Documentación básica.

Considéranse documentos do proceso de avaliación dos estudios de artes plásticas e deseño o expediente académico, as actas de avaliación, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións.

Destes documentos, teñen a condición de básicos e garanten a mobilidade académica dos alumnos e alumnas, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados.

Artigo 23º.-Expediente académico.

Toda a información relativa ó proceso de avaliación recollerase de maneira sintética no expediente académico, no que figurarán, xunto cos datos identificativos do centro e os datos persoais do alumno, o número e a data de matrícula, as medidas de adaptación, así como os resultados da avaliación e as decisións de titulación. O expediente académico dos alumnos axustarase ó modelo que figura no anexo VI da presente orde, e deberá ser cuberto pola escola de artes na que se matricule. Ó secretario ou secretaria da escola corresponderalle a custodia e o arquivo do expediente.

Artigo 24º.-Actas de avaliación.

1. As actas de avaliación formalizaranse ó remate de cada sesión e comprenderán a relación nominal dos alumnos que compoñen o grupo, xunto coas cualificacións de avaliación. Levarán a sinatura de tódo

los profesores que constitúen o equipo educativo do período educativo que se avalía ou dos membros do tribunal, se é o caso, co visto e prace do director do centro.

2. A non superación dos módulos previos a aqueles que teñan idéntica denominación no seguinte curso implica a non cualificación do módulo posterior e expresarase en termos de non cualificado, considerándose como pendentes. Do mesmo xeito procederase cos módulos previos que, segundo o anexo VII desta orde, sexan considerados requisito básico para poder cursar con aproveitamento outros módulos progresivos do ciclo, polo que deben ser superados con antelación a aqueles para os que son formación de base. En caso contrario, estes últimos non poderán ser cualificados e figurarán na acta co termo non cualificado, e non consumirán convocatoria.

3. Nas actas de avaliación parcial e final ordinaria os módulos non avaliados consignaranse, segundo os períodos lectivos, coas iniciais seguintes:

a) PA: pendentes de avaliación.

b) AA: avaliados anteriormente.

4. Nas actas de avaliación extraordinaria de módulos, os módulos aprobados nas convocatorias de avaliación anteriores consignaranse coas iniciais AC.

5. Os alumnos repetidores serán avaliados en actas diferentes ós demais alumnos do grupo que forman parte. Os módulos aprobados en matrícula anterior, nas actas de avaliación parcial e final ordinaria e extraordinaria de módulos serán consignadas coas iniciais AM.

6. As escolas de arte remitirán copia das actas de avaliación final do ciclo formativo ó servicio de inspección no prazo de 15 días a partir da data de celebración da correspondente sesión. Os centros autorizados de artes plásticas e deseño remitirán, no prazo máximo de 15 días, ó remate da avaliación, dous exemplares das actas e o seu informe correspondente dos resultados finais á escola de artes á que estean adscritos.

Estas arquivarán un dos exemplares e o outro enviarano ó servicio de inspección provincial nun prazo de 15 días.

Artigo 25º.-Libro de cualificacións.

O libro de cualificacións de artes plásticas e deseño ten valor acreditativo dos estudios realizados polo alumno e constitúe o documento oficial básico que reflicte as cualificacións obtidas, os módulos validados ou que fosen obxecto de correspondencia coa práctica laboral. Recollerá, de se é o caso, a información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, unha vez superados tódolos módulos do ciclo formativo cursado. Unha vez superados os correspondentes estudios, entregaráselle ó alumno, facéndose constar esta entrega no propio libro mediante a

correspondente dilixencia, da que se gardará copia no expediente do alumno.

No centro haberá un libro paxinado para facer consta-las saídas e entradas dos libros de cualificacións. As saídas serán asinadas polo secretario ou secretaria do centro, ou persoa autorizada, e o titular do libro ou representante en quen delegue.

Correspóndelle ó Servicio de Inspección Educativa supervisa-lo proceso de cobertura e custodia do libro de cualificacións.

Artigo 26º.-Traslados.

Cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro sen concluí-lo ciclo formativo, o centro de orixe remitirá ó de destino, por petición deste, o libro de cualificacións do alumno, facendo constar na dilixencia correspondente que as cualificacións concordan coas actas que constan no centro. Cando o libro de cualificacións corresponda a alumnos de centros privados, esta dilixencia realizaraa o centro ó que estean adscritos. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico do alumno ó que incorporará os datos do libro de cualificacións. No caso do alumnado incorporado desde plans de estudios anteriores á nova ordenación do sistema educativo, xuntarase certificado de estudios sobre as ensinanzas cursadas conforme os devanditos plans.

Artigo 27º.-Informes de avaliación individualizada.

Para cada un dos alumnos que non superen módulos, o profesor responsable da avaliación final ordinaria ou extraordinaria consignará nun informe de avaliación individualizado toda aquela información que resulte necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe, e conterá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de consecución dos obxectivos xerais en canto ás ensinanzas de artes plásticas e deseño, así como das capacidades terminais dos módulos.

b) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe, segundo os trimestres en que se organizou a avaliación.

c) Aplicación, se é o caso, de medidas educativas complementarias.

Cando o alumno se traslade a outro centro sen concluí-lo curso, o informe de avaliación individualizado será elaborado polo titor do grupo a partir dos datos facilitados polos profesores.

8. Sistema de validacións e correspondencias.

Artigo 28º.-Requisitos xerais.

As solicitudes de validación de módulos por estudios cursados e a correspondencia de módulos e fase de formación práctica en empresa, estudio ou taller coa práctica laboral requirirán a matriculación previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas.

Artigo 29º.-Validacións de módulos entre ciclos formativos.

1. Poderán ser validados aqueles módulos do mesmo grao comúns a varios ciclos formativos que teñan idéntica denominación e duración, así como as mesmas capacidades terminais e criterios de avaliación ós descritos nos reais decretos polos que se establece cada un dos títulos de artes plásticas e deseño.

2. A solicitude de validación farase ó director da escola de arte onde conste o expediente do alumno no modelo do anexo VIII, irá acompañada dunha certificación académica oficial ou, no seu defecto, fotocopia compulsada do título e do libro de cualificacións. Serán resoltas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

3. As validacións non previstas neste artigo serán obxecto, necesariamente, de solicitude ante o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que dará lugar a resolución individualizada da Dirección Xeral de Formación Profesional e Promoción Educativa, no marco das súas competencias.

Artigo 30º.-Correspondencia de módulos coa práctica laboral.

1. Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral aqueles módulos que así o dispoñan os decretos nos que se establecen os respectivos currículos para a Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo, a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres é susceptible de exención a partir da experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

Artigo 31º.-Requisitos de correspondencia.

1. O alumnado poderá solicitar na secretaría do centro a correspondencia coa práctica laboral e a posible exención, indicadas no artigo anterior, dentro dos quince primeiros días do comezo do ciclo formativo correspondente. Xunto coa solicitude (modelo do anexo IX) cumprirá acreditar unha experiencia laboral de, cando menos, doce meses no mesmo campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

2. A acreditación da experiencia laboral realizarase mediante os documentos seguintes e de forma acumulativa:

a) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral á que estivera afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, se é o caso, o período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa onde adquirira a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo no que realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades econó

micas (IAE) e xustificantes de pagamento do dito imposto. A certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

Artigo 32º.-Procedemento de correspondencia.

1. Recoñecerase a correspondencia entre os módulos ou a formación práctica en empresa, estudio ou taller dos ciclos formativos de formación específica de artes plásticas e deseño e a práctica laboral cando se cumpran as seguintes condicións:

a) A acreditación polo interesado de experiencia laboral relacionada cos módulos ou a formación práctica en empresa, estudio ou taller dos que se solicita a correspondencia ou exención. Para isto, realizarase a comprobación, mediante os requisitos obxectivos e documentais, de maneira que a experiencia laboral se corresponda cos estudios profesionais obxecto da dita solicitude.

O titor ou a titora do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar segundo o caso. Para elabora-lo informe reunirá a información precisa do profesor ou profesora que imparta o módulo para o que se solicita validación.

b) No caso de informe favorable, a persoa que solicita a correspondencia de módulos coa práctica laboral terá que superar unha proba que permita evidencia-la competencia profesional establecida nos obxectivos de cada módulo que se solicita. A exención da formación práctica en empresa, estudio ou taller coa práctica laboral non precisa desta proba.

A proba tomará como elementos de referencia as capacidades terminais cos seus respectivos criterios de avaliación expresados no módulo e, con carácter orientativo, aquelas capacidades profesionais do perfil do currículo relacionadas coas ditas capacidades terminais, para medi-lo seu grao de consecución, en función da experiencia laboral do solicitante.

Esta proba realizaraa unha comisión constituída por tres membros, presidida polo director do centro educativo e da que formarán parte o titor do ciclo e o profesor do módulo correspondente.

9. Avaliación dos procesos de ensino e da práctica docente.

Artigo 33º.

O profesorado, ademais da aprendizaxe do alumnado, avaliará os procesos de ensino e a súa propia práctica docente en relación co logro dos obxectivos educativos do currículo. Igualmente, avaliará a programación docente e o proxecto curricular. A avaliación das programacións dos módulos profesionais

correspóndelles ós profesores e profesoras das especialidades correspondentes que, á vista dos informes das sesións de avaliación, procederán ó finaliza-lo curso á revisión das súas programacións iniciais. As modificacións que se acordaran incluiranse na programación para o seguinte curso.

Os elementos da programación sometidos á avaliación serán, polo menos, os seguintes:

a) Oportunidade da selección, distribución e secuenciación dos contidos ó longo dos módulos profesionais.

b) Idoneidade dos métodos pedagóxicos empregados e dos materiais didácticos propostos para uso dos alumnos e alumnas.

c) Adecuación dos criterios de avaliación.

d) Resultados das medidas de atención á diversidade adoptadas.

As modificacións derivadas do proceso de avaliación serán recollidas no proxecto curricular de ciclo e reverterán en forma de:

a) Idoneidade dos itinerarios académicos propostos ós alumnos e alumnas.

b) Adaptación do desenvolvemento do currículo ás características do contorno do centro e ás necesidades do alumnado.

c) Racionalización dos espacios e da organización do horario escolar.

d) Funcionamento da orientación educativa e profesional do alumnado.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 17 de decembro de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 12 xaneiro de 1998), pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas artísticas de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para desenvolve-lo contido da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación ós alumnos matriculados a partir do curso 2002-2003.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL