Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 16 de setembro de 2002 Páx. 13.689

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 17 de xuño de 2002 do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro do municipio de Rianxo (A Coruña), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e polo Concello de Rianxo.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 18 de xuño de 2001.

O vertedoiro municipal de residuos urbanos de Rianxo aséntase sobre unha ladeira de suave pendente, en terreos que pertencen ó concello de Rianxo. O vertedoiro non presenta ningún tipo de cerramento perimetral, atopándose rodeado de vexetación. Localízase a uns 1.000 m do centro da vila e a uns 150 m dunha granxa de coellos e nel atópanse principalmente residuos sólidos urbanos incinerados, aparecendo tamén residuos de tipo inerte e outros.

A zona na que se sitúa o vertedoiro presenta un aspecto antropizado xa que a vexetación que se localiza nos arredores se compón basicamente de repoboacións de árbores foráneas Pinus radiata e Eucaliptus globulus.

O proxecto considera a limpeza do vertedoiro e a adecuación da superficie por medio da selaxe. Ademais para evita-la contaminación procederase a realizar unha drenaxe para recolle-las augas de escorregada superficial e outra profunda para recolle-los lixiviados, almacenalos en dúas balsas e transportalos para o seu tratamento nunha estación depuradora de augas residuais. Colocaranse cinco pozos de extracción pasiva de gases e dúas campás para a súa saída.

Co obxecto de recupera-la localización prevese realizar sementeira e hidrosementeira na superficie selada (14.825 m) coa seguinte mestura de sementes: matogueiras (Chamaspartium sagitalle, 20%), xoio (Lolium perenne, 25%), herba de Vigo (Lolium multiflorum, 25%), trevo (Trifolium pratense, 20%), xesta (Cytisus striatus, 5%) e toxo (Ulex eupopaeus, 5%).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras consideradas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de selaxe e clausura do vertedoiro do municipio de Rianxo (A Coruña) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 20 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente da Coruña recíbese con data do 21 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 21 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública, recibíndose o correspondente informe o 31 de outubro de 2001. No anexo II da presente declaración inclúese o resultado deste informe.

Completada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula só para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Rianxo (A Coruña), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Rianxo.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Rianxo, a obriga de asumi-lo mantemento e a conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Rianxo. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos titulados Estudio de impacto ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro municipal de Rianxo (A Coruña) e Proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro municipal de residuos sólidos urbanos de Rianxo (A Coruña). Novembro 2001, e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de selaxe e clausura do vertedoiro do concello de Rianxo.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Para evita-la emisión de po efectuaranse regas de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través da gabia perimetral e da drenaxe superficial proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega ó xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que se vai revexetar empregarase como mínimo a dose de sementes de 200 kg/ha, indicada no proxecto.

As especies que se empregarán na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase un peche perimetral cun acceso, debe asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, así como limita-la entrada polo acceso só a persoal autorizado.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que hai que remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que hai que realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, e comprenderá como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano irá acompañado da relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega ó xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 8 do anexo 17: estudio de impacto ambiental e o anexo 13: plan de seguimiento e control ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados ó xestor autorizado.

b) Antes da entrega a xestor tomarase unha mostra dos lixiviados e analizaranse os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas. E nas augas subterráneas, con frecuencia semestral, analizaranse os parámetros indicados no punto 2 do anexo 13 do proxecto, estes son: pH, DBO, DQO, COT, cloruros, fenois, metais pesados, fluoruro, arsénico e petróleo/hidrocarburo.

c) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade dos lixiviados, das augas subterráneas, ou un incremento importante na producción destes, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Rianxo poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e emitirá informe sobre se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá paralizar de forma cautelar as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2002.

P.D.

Mª José Echevarría Moreno

Subdirectora xeral de Calidade Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro:

SituaciónEstrada que une o lugar de Asados con Rianxo, concello de Rianxo.

Coordenadas de proxectoX: 515.876; Y: 4.724.408

Superficie unha vez selado14.854 m

Volume actual de residuos58.184 m

Volume final de residuos64.903 m

Tipos de residuos60% de sólidos urbanos maioritariamente incinerados, 35% inertes e 5% de varios

Tipo de vertedoiroEn superficie

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto:

Situación actualProxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonDúas balsas comunicadas e traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 5 pozos

TratamentoNonSistema pasivo de extracción

PluviaisGabias de recollida perimetral NonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon20 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe:

Superficie do vertedoiro

Capa de impermeabilizaciónXeotéxtil e lámina de PEAD

Capa de drenaxeXeomalla drenante e malla de reforzo

Capa de cobertura 40 cm de solo natural e 20 cm de terra vexetal

Resumo das medidas protectoras e correctoras.

A maquinaria empregada durante a fase de selaxe deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de gases e ruídos de vehículos de motor. Caso de que non cumpran os límites legais serán inmediatamente substituídas.

Os residuos perigosos que se xeren durante a fase de selaxe (aceites, envases que conteñan residuos perigosos, etcétera) xestionaranse conforme a lexislación vixente.

Os materiais empregados nos labores de selaxe deberán cumprir tódolos controis de calidade e as especificacións técnicas necesarias.

Terase especial coidado en que o levantamento de po durante a fase de construcción sexa o menor posible, cinguíndose unicamente ás zonas proxectadas.

Protección das gabias con herbáceas, a fin de evita-la erosión dos seus laterais.

Localización e saneamento dos puntos de filtración de lixiviados, por medio do seu recubrimento e trala reparación da selaxe.

As canles de erosión e a acumulación de terras ó pé, indican que a vexetación exerce unha protección deficiente. En tal caso, pode recorrerse ó tratamento con estabilizadores de solos, mentres a vexetación se refai.

No caso de agretamentos lonxitudinais, iso indicará a existencia de movementos na selaxe por asentamentos; haberá que reenchelas para evitar que se convertan en futuras canles de erosión.

Os afundimentos e saídas de fumes poden ser síntomas de enérxicas fermentacións locais, sendo en tal caso recomendable levanta-los rodais afectados extinguindo as combustións se as houbese, ou detendo as fermentacións mediante achega de terras, seguida de remoción, compactación e restauración da selaxe.

Os defectos da drenaxe poden esixir un subsolado seguido de adicións de material groso, para mellora-la textura.

O control do estado da vexetación esixirá corrixi-los erros de plantación, mellorar e fertiliza-lo solo, e indaga-las causas polas que poidan verse afectadas zonas sen cobertura suficiente. A presencia destes rodais indicará erros que haberá que identificar e corrixir: mala aplicación das técnicas de revexetación, asfixias de raíz por afundimentos do substrato e asolagamentos.

ANEXO II

Resultado da consulta realizada.

A Dirección Xeral de Saúde Pública tras estudia-lo expediente remitido, e sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, emite informe favorable á clausura e selaxe do vertedoiro.