Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 16 de setembro de 2002 Páx. 13.693

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 7 de xuño de 2002 do proxecto de clausura do vertedoiro do municipio de Viveiro (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e polo Concello de Viveiro.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificouno como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 29 de xuño de 2001.

O obxecto do proxecto é a definición das obras e instalacións necesarias para a clausura, selaxe e recuperación ambiental do vertedoiro municipal de Viveiro (Lugo).

O vertedoiro ocupa unha plataforma de superficie case horizontal de aproximadamente 3.500 m, xunto cun noiro de pendente moi forte que ocupa uns 2.400 m e ten máis de 40 m de altura. O volume de lixo presente no vertedoiro estímase nuns 10.000 m.

O lugar comezou a usarse como vertedoiro no ano 1980, estando en servicio ata maio de 2001. No momento en que comezou o vertido de residuos non se adoptou medida ningunha destinada a acondiciona-lo terreo para tal actividade. A práctica habitual consistía en verte-los residuos polo noiro sobre o mar, co que gran parte das verteduras realizadas xa non se atopan no vertedoiro.

Durante todo o tempo de explotación do lugar, parte dos residuos urbanos procedentes do termo municipal foron queimados ó seren depositados, coa conseguinte emisión de fumes, cinzas voantes e gases.

A parcela na que se sitúa o vertedoiro na actualidade é propiedade do concello de Viveiro, aínda que parte do noiro de vertedura se atopa dentro da zona de dominio marítimo-terrestre.

Co obxecto de rexenera-la zona prevese realizar unha hidrosementeira da superficie selada cunha mestura das seguintes sementes: Lolium rigidum (xoios), Phalaris tuberosa (foxos), Bromus inermis e Bromus squarrosus (bromos), Festuca arundinacea (festuca), Festuca rubra (festuca encarnada), Lotus corniculatus (pasteiros), Vicia sativa (ervellaca), Trifolium subterraneum (trevo), e a plantación das seguintes unidades: 50 de Erica arborea (breixo) e 50 de Cytisus striatus (xesta).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras consideradas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura do vertedoiro do municipio de Viveiro (Lugo) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 2 de xullo de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 142, do 23 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Lugo recíbese con data 4 de setembro de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 2 de xullo de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública e a Demarcación de Costas en Galicia, recibíndose os correspondentes informes o 1 de febreiro de 2002 e o 7 de xuño de 2002.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos.

Feita a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula só para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura do vertedoiro do municipio de Viveiro (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Viveiro.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Viveiro, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Viveiro. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos:

* Estudio de impacto ambiental del proyecto de clausura del vertedero del municipio de Viveiro (Lugo). Junio 2001,

* Proyecto de construcción de clausura del vertedero del municipio de Viveiro (Lugo). Septiembre 2001,

e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura do vertedoiro de residuos urbanos de Viveiro (Lugo).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Seguirase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, e deberá dispor de documentación acreditativa ó respecto.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nos pozos de extracción non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

4. Sobre as augas.

Para calquera afección no dominio público marítimo terrestre, consecuencia da realización do proxecto, así como para calquera tipo de vertedura, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Dirección Xeral de Costas.

Para a vertedura do lixiviado tratado será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo autónomo Augas de Galicia.

Debido á situación do vertedoiro na zona de dominio público marítimo-terrestre, deberase dispor un sistema de protección que impida a chegada de materiais ó mar.

Efectuaranse regas para evita-la emisión de po de xeito que se humecte o solo, pero evitarase que se formen anegamentos e regatos.

Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, co fin de evita-la formación de anegamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

Garantirase o axeitado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexis

lación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

A mestura de sementes que se van utilizar na revexetación deberá estar formada por especies presentes na zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual, e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

O peche deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se vai remitiren a esta dirección xeral.

As analíticas que se teñen que realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio tamén deberá realizar a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, que comprenderán, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:750 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, que non puidesen ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 8 do anexo 12 do proxecto, incluíndo ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lodos da planta de tratamento ó xestor autorizado.

b) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Analítica do efluente tratado a saída da depuradora compacta dos seguintes parámetros como mínimo: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas. Xunto coa primeira remisión dos resultados desta analítica remitirase a autorización de vertedura de Augas de Galicia.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade no efluente da depuradora ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos

parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Viveiro poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, proporcionando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaráselle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberalle ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e emitirá informe sobre se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2002.

P.D.

Mª José Echevarría Moreno

Subdirectora xeral de Calidade Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro:

LugarMunicipio de Viveiro.

Superficie da parcela6.000 m

Volume aproximado de residuos10.000 m

Tipos de residuosRSU

Tipo de vertedoiroEn ladeira

Tempo de funcionamentoMáis de 20 anos

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto:

Situación actualProxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 2 pozos

TratamentoNonExtracción pasiva

PluviaisGabias de recollida perimetral NonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

Cuberta

Zona plataforma

Lámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon50 cm

VexetaciónNonSi

Cuberta

Zona noiro

Lámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon50 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeNonSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe para a plataforma de vertedura:

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento0,25 m

Capa de impermeabilizaciónXeocomposto de bentonita

Capa de drenaxeXeomalla drenante

Capa de cobertura 0,5 m de solo tolerado e 0,5 m de terra vexetal

Compoñentes do sistema de selaxe para a zona do noiro:

Superficie do vertedoiro

Capa de asentamento0,25 m de solo

Capa impermeabilizaciónXeocomposto de bentonita

Capa para asegura-la estabilidade e controla-la erosiónXeomalla

Capa de cobertura 0,5 m de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

Medio físico.

Xeoloxía.

Realizaranse medidas conducentes a estabiliza-los noiros xerados polo movemento de terras, e restablecerase polo menos o equilibrio actual.

A revexetación dos solos afectados contribúe de maneira decisiva ó control da erosión superficial e á restauración da cuberta vexetal.

Como medida preventiva do impacto ambiental que supón a apertura de canteiras para materiais de obra, debe coidarse especialmente a súa localización, e realizarase un estudio para a súa restauración unha vez explotadas. O mesmo sucede cos depósitos de material sobrante de escavación.

Réxime hidrolóxico.

Separaranse as cuncas mediante o acondicionamento e emprego dun foxo perimetral que recolla a auga de chuvia que normalmente accedía ó vertedoiro, a correcta disposición da barreira hidráulica na capa de selado, e a depuración das augas que acceden á masa de residuos mediante a estación de tratamento deseñada.

Solos.

Considérase a rexeneración do solo da zona do vertedoiro mediante a aportación de solo vexetal.

Vexetación.

Realizaranse plantacións acordes co contorno conducentes a recupera-la cuberta vexetal da zona, de xeito que a súa planicie conteña especies autóctonas compatibles coa estructura de selado.

Medio socioeconómico.

Molestias da obra.

Procederase a rega-las pistas de acceso para a maquinaria, procurando así reduci-la concentración de po no aire, e a controla-las emisións dos vehículos empregados na execución.

ANEXO II

Resumo dos informes recibidos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública indica que, estudiado o expediente remitido e sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, esta dirección xeral emite informe favorable á clausura do vertedoiro.

O Servicio Provincial de Costas en Galicia da Demarcación de Costas en Galicia emite informe no que se recolle que o proxecto en deberá ser remitido directamente ó antedito servicio polo titular das obras, e parte destas proxéctanse sobre a zona de dominio público marítimo-terrestre tutelado por este servicio. Ademais, e visto o proxecto, anticipan que resulta preciso que se concreten os seguintes aspectos:

-Forma en que a saída da depuradora se deriva a terreo estremeiro.

-Constitución de servidume de tránsito alternativa á afectada polas obras.

Maior grao de detalle nas explicacións da realización das obras no noiro sobre o mar.