Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2002 Páx. 13.645

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, parque eólico de Monte Castelo-subestación Portodemouros, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra). (Expediente IN407A 00/237-4).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña 201 A, 15705 Santiago de Compostela, resultan os seguintes.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 12 de setembro de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de trasporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

L.A.T. a 220 kV, de 13.613 m de lonxitude, con conductor LA-455 Simplex, sobre apoios metálicos, desde o parque eólico Monte Castelo (propiedade de Gamesa Energía, S.A.) ata a subestación de Portodemouros, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A. A instalación está situada no concello de Vila de Cruces.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución de 21 do xaneiro de 2002, publicada no DOG do 1 de febreiro,

no BOP de Pontevedra do 1 de febreiro e no diario La Voz de Galicia do 5 de febreiro de 2002, no taboleiro de anuncios do Concello de Vila de Cruces e na Delegación Provincial de Pontevedra; así mesmo a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

1. Alfonso López Abollo manifesta que o seu predio quedará inservible e solicita a ocupación total. Achega informe de valoración.

2. CRC Obras e Servicios, S.L. titular dunha canteira próxima a a L.A.T. e solicitante do permiso de investigación Gloria, manifesta a súa desconformidade co largo da afección, tendo en conta que o método de extracción require o uso de explosivos. Así mesmo alega que dada a proximidade da liña á zona de extracción de material, impediría o avance da explotación mineira.

Solicita unha compensación baseada nunha estimación do volume de recurso que se deixaría de explotar (supón que será anfibolita de grande calidade como a posta de manifesto na canteira); este volume podería ser aínda maior por condicionantes ambientais ou de deseño de explotación.

3. Josefa Cacheda López alega que a superficie de afección é maior do que se lle notificou, que a L.A.T. xera ruídos e efectos nocivos para a saúde e que pensara facer unha plantación. Solicita que se considere afectado a totalidade do predio, que se valore como monte alto e que se lle poña unha toma de corrente.

4. José, Nélida e Luis Castro Varela solicitan que se enterre a liña ou que vaia polos lindes. Manifestan a súa desconformidade coa oferta de Gamesa. Posteriormente acompañan unha folla de aprecio.

5. O Servicio de Infraestructuras Agrarias solicita documentación adicional.

6. Manuel Souto López di ignora-la afección correspondente ós seus predios así como as limitacións que a súa propiedade puidera dar lugar este expediente. Así mesmo alega que é titular do predio 188; o titular publicado manifesta a súa conformidade.

7. Luis Fernández Ramos, avogado, presenta senllas alegacións actuando en representación dos seguintes propietarios de bens e dereitos afectados: Carmen Montero Mella, Carmen Rey Sanmiguel, Carmen Sánchez Souto, Celia Penas Ríos, Dorinda Duro Pedreira, José, Manuela e Carmen Penas Mato, Julio Mato Orza, Mª Nieves Montero Souto, Manuel López Penas, Manuel Mato Orza, Manuel Sánchez Souto, Manuel Varela Iglesias, Ramón Penas Ramos,

Ramón Penas Ribadulla, Ramón Seijo Sanmiguel, Ricardo Santos Facorro, Roberto Vila Pedreira, Salomé, María Esther, Manuel e Jesús Montero Duro, Eugenio Junquera Abollo, Hermindo Iglesias Diéguez, Jaime Penas Taboada, Jesús Montoto Lois, Joaquín Junquera Abollo, José Iglesias Diéguez, María Elisa Sanmiguel Lodeiros, Nieves Facorro González, Pablo Souto Ramos, Delio Pedreira Lodeiro, Pilar Colmeiro Vázquez, Pilar Iglesias Diéguez, José Verde Asorey e Cesarina García Carril.

Insta a individualización dos bens afectados por parte da entidade beneficiaria, procedendo a estaquillar sobre o terreo a localización da servidume. Solicita que, en tódolos predios, se compense o demérito que sofre a parte do predio non expropiada, cunha indemnización do 30% do valor real dos terreos.

Para tódolos predios achega informes técnicos nos que se especifican os bens, estado de cultivo das parcelas afectadas e, se é o caso, erros do plano parcelario co fin de permitir unha adecuada valoración dos bens afectados chegado o trámite de levantamento de actas previas á ocupación.

Fai as seguintes observacións ó parcelario:

-Os dereitos sobre o arborado dos predios 72 e 83 seguen pertencendo a Celia Penas Ríos, aínda que os predios xa non sexan da súa propiedade debido ó proceso de concentración da zona, por se-lo arborado previo a este proceso.

-O predio 342 é propiedade de Dorinda Duro Pedreira e forma único predio coa 343.

-Existe un erro no linde do predio 386 co 395.

-O predio 397, que aparece a nome de Ramón Penas Ramos, pertence a Carmen Sánchez Souto.

-Os predios 398 e 399, que aparecen a nome de Carmen Sánchez Souto, pertencen a Ramón Penas Ramos.

-Os predios 400, 401 e 402, que aparecen a nome de Ramón Seijo Sanmiguel, pertencen a Carmen Sánchez Souto.

-Existe un erro no tipo de cultivo do predio 404.

-No predio 304 existe un enclave doutro propietario.

-O predio 367 está dividido en dúas partes. Non obstante, soamente a parte pertencente ó titular publicado queda afectado polo paso da liña.

-O predio 307-A está dividido en dúas partes: unha pertencente a Roberto Vila Pedreira e outro a Ramón Penas Ribadulla.

-O predio 316 orixinal foi dividido en varias, un dos cales pertence ó seu representado Roberto Vila Pedreira e outro a Ramón Penas Ribadulla.

8. Ángel Fernández Presas, solicitante do permiso de investigación mineira denominado Alberto I nº 2773, alega que non procede a prosecución deste procedemento ata que non se resolva o seu recurso de alzada interposto fronte á resolución de autorización administrativa do parque.

Alega que os intereses públicos en xogo poden ser incompatibles e que ten prioridade de dereito por ser primeiro no tempo e porque o permiso solicitado outorga dereitos sobre recursos de utilidade e dominio públicos. Así mesmo alega que o director xeral non é competente para declara-la utilidade pública.

Así mesmo alega que non se cumpre o requirido no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental-redacción dada pola Lei 6/2001, do 8 de maio: artigo 1 e anexo I.

9. Manuel Salgado Rodríguez propón unha traza alternativa que entende que causaría unha menor afección. Así mesmo, manifesta a posibilidade de que o predio 402 sexa da súa propiedade.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Quinto.-O 26 de agosto de 2002 o promotor presentou dous escritos nos que acepta a expropiación total solicitada por Josefa Cacheda López, titular da parcela nº 99, e de Alfonso López Abollo, titular da parcela nº 30.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, de 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente. Esta valoración corresponde á fase de prezo xusto.

2. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

3. Deuse traslado á empresa promotora das distintas solicitudes de documentación complementaria formulada polos alegantes e esta tomou razón delas, procedendo ó envío dela.

4. En relación cos cambios de titularidade nas parcelas, a empresa beneficiaria tomará razón delas

e procederase a tramita-lo expediente de expropiación forzosa cos alegantes. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

5. Será expropiada a totalidade do predio 30, ó ser aceptada a expropiación total dela polo promotor, tal como consta no apartado quinto de antecedentes de feito.

6. Non podemos acepta-la alegación referente á canteira denominada Portodemouros nº 95, dado que non resulta afectada pola liña, situándose a máis de 300 metros de distancia da traza. Non se toma en consideración a alegación relativa á área da solicitude de permiso de investigación Gloria, xa que o alegante ostenta unha mera expectativa de dereito que aínda non foi obxecto de resolución.

7. Con respecto á alegación presentada por Josefa Cacheda López, será expropiada a totalidade do predio 99, ó ser aceptada a súa expropiación total polo promotor, tal como consta no punto quinto de antecedentes de feito.

O nivel de ruído é moi inferior ó permitido pola Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Cúmprense os límites establecidos nos artigos 6 e 7 do Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restriccións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas. Tómase nota da súa petición de autorización de toma de corrente. Non obstante, deberá solicitala á empresa distribuidora da zona.

8. Non podemos admiti-la alegación presentada por José, Nélida e Luis Castro Varela, dado que non se cumpren os requisitos do artigo 161 do R.D. 1955/2000.

9. Achegouse a documentación solicitada polo Servicio de Infraestructuras Agrarias.

10. Corríxese o erro na titularidade do predio 188. Entenderanse as sucesivas actuacións con Manuel Souto López.

11. En canto ás alegacións presentadas por Luis Fernández Ramos, cabe dicir que se procederá a estaquilla-la a afección.

-Con respecto á alegación do arborado dos predios 72 e 83, cabe dicir que a empresa tomará razón dela. Non obstante, será durante o levantamento de actas, ó que será oportunamente convocado, o momento no que pode demostra-la súa titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria.

-Corríxese o erro no linde do predio 386 coa 395. Non obstante, ó estar este linde afastado da traza da liña, a afección mantense.

-Admítense as alegacións referidas á titularidade dos predios 397, 398, 399, 400, 401 e 402. Con estes titulares entenderanse as sucesivas actuacións.

-Corríxense os erros nos lindes dos predios 304 e 367. Non obstante, as afeccións mantéñense.

-Admítese a alegación referida ó predio 307-A, que se divide en 307-A-1 pertencente a Roberto Vila Pedreira e 307-A-2 pertencente a Ramón Penas Ribadulla. Con estes titulares entenderanse as sucesivas actuacións.

-Admítese a alegación referida ó predio 316. O predio orixinal queda dividido en cinco predios coa seguinte numeración e titulares, cos que se entenderán sucesivas actuacións:

316; Dolores e Manuel Otero Santiso.

316-A; Roberto Vila Pedreira.

316-B; Pablo Souto Ramos.

316-C; Ramón Penas Ramos.

316-D; José Lodeiro Adán.

12. En canto á alegación presentada por Ángel Fernández Presas, cabe dicir que o seu recurso de alzada foi inadmitido por extemporáneo.

Non se toma en consideración a alegación relativa ós intereses públicos en xogo, xa que o alegante ostenta unha mera expectativa de dereito que aínda non foi obxecto de resolución.

A Lei 6/2001 non é de aplicación, por tratarse dun expediente do ano 2000.

13. Non podemos admiti-lo cambio de traza solicitado por Manuel Salgado Rodríguez xa que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 161 do R.d. 1955/2000, ó ser incompatible a traza proposta polo alegante coa configuración da subestación de Portodemouros.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, parque eólico de Monte Castelo-subestación de Portodemouros, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se autoriza, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas