Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2002 Páx. 13.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Babé y Cía, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Babé y Cía, S.L., con nº de código 3603622, que

tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-7-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 13-2-2002. De conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de xullo de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Texto do sexto convenio colectivo de

Babé y Cía, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

Este convenio afecta a empresa Babé y Cía, dedicada á actividade do transporte de distribución de productos petrolíferos, e os seus traballadores empregados exclusivamente na dita actividade e que presten os seus servicios nos centros de traballo situados na provincia de Pontevedra, ou nos centros que poida crear esta empresa para a distribución dos productos indicados en provincia distinta da citada.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o día primeiro de xaneiro de 2002 calquera que sexa a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e abranguerá o período comprendido entre esa data e o 31 de decembro do ano 2002, agás prórroga tácita por anos naturais, se non é denunciado formalmente por calquera das partes, polo menos, con tres meses de antelación á data do seu vencemento ou, se é o caso, de calquera das súas prórrogas.

Artigo 3º.-Concorrencias do convenio.

Este convenio rexerá nos seus propios termos e sen ningunha variación durante o ano 2002. En consecuencia, durante a súa vixencia non poderá aplicarse, no ámbito que comprenda, outro concorrente

total ou parcialmente, en calquera dos aspectos territoriais, funcional ou persoal.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio compensaranse na súa totalidade coas que anteriormente viñesen desfrutando os traballadores, calquera que fose a súa orixe, denominación ou forma en que estivesen concedidas, respectándose as condicións máis beneficiosas con carácter ad personam, sempre que en conxunto e en cómputo anual sexan superiores ás establecidas neste convenio.

As disposicións legais que puidesen implicar variación económica en todos ou cada un dos conceptos retribuídos, unicamente terán aplicación práctica se, globalmente consideradas en cómputo anual, superan o valor destas.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que por calquera causa se modificase algunha das cláusulas establecidas neste convenio, quedará todo sen eficacia, debendo procederse a un novo estudio de negociación da totalidade do seu contido, que debe ser un e indivisible.

Artigo 6º.-Facultades da empresa.

Son facultades da dirección da empresa, entre outras:

a) A organización e reestructuración da empresa, imposta por necesidades do servicio público que presta a súa organización e estabilidade.

b) A adaptación de métodos ou sistemas de traballo, oído o comité de empresa.

c) Fomenta-la productividade, esixindo uns rendementos normais de traballo.

d) Tódalas facultades que se atribúe a empresa en virtude dos dereitos que lle outorga a lei serán coa información previa ó comité de empresa, que procurará que sexan desenvolvidas coa máxima equidade e xustificación.

Artigo 7º.-Obrigas do conductor.

Sen prexuízo das obrigas xerais do conductor no desempeño da súa función laboral, concrétanse como específicas desta actividade as que seguen:

a) Conducir calquera vehículo da empresa segundo as necesidades desta, sendo responsable del e da mercadoría que transporta durante a viaxe que se lle encomendase e da documentación do vehículo.

b) Facilitar un parte diario por escrito do servicio efectuado e do estado do camión, a súa cisterna e elementos accesorios que se fixen.

c) Na súa libreta de control habilitada pola empresa, o conductor anotará o inicio da súa xornada, os percorridos polos itinerarios e os tempos reais ou previstos que se fixen, as avarías que se poidan producir, así como a hora de finalización da súa xornada. As follas da libreta de control serán por duplicado para que lles quede constancia ó conductor e mais á empresa.

d) Inspecciona-lo estado, limpeza e conservación dos vehículos, as súas cisternas e elementos accesorios.

e) Empalmar e desempalmar mangueiras, abrir e pechar válvulas, axustar e desaxustar brazos de carga e descarga, e demais mecanismos utilizados para o enchido e baleirado das cisternas, realizando estas funcións e as súas complementarias, tanto se estes elementos son do seu propio vehículo como se son alleos a el, e aínda que teña que verificar estas opcións dentro do recinto da entidade cargadora.

f) Coñece-lo funcionamento e uso dos aparellos de extinción de incendios e executar estas operacións cando proceda, e asistir dentro da xornada de traballo ás prácticas de adestramento daqueles.

g) Durante o enchido e baleirado das cisternas, verificará a operación de purga en cada compartimento, comprobando a ausencia neles da auga decantada.

h) Observa-las normas legais vixentes en cada momento, así como as establecidas por CLH, S.A. e as compañías operadoras, e as que se dicten con carácter xeral en relación coa circulación e transporte de productos petrolíferos, en especial o disposto nas normas e procedementos do sistema de calidade de Babé y Cía, conforme a norma ISO 9002.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de corenta horas semanais, de acordo co calendario laboral, en cómputo semanal.

Cando a organización do traballo o permita, e sempre co acordo previo entre empresa e administrativos, implantarase a xornada continuada para estes, respectándose os que a teñen concedida.

Tódalas horas que superen ou excedan as corenta semanais ou as 8 diarias, terán a consideración de extraordinarias ou de presencia para todo o persoal.

Dada a característica desta actividade, cando as necesidades do servicio o requiran, realizaranse as horas extraordinarias e de presencia que, como máximo, están permitidas na lexislación vixente.

Á normativa legal vixente aplicarase tamén no que respecta ó descanso semanal e diario.

Os sábados e festivos nos que por necesidades do servicio se traballe, serán rotativos para o persoal conductor e remunerados da seguinte forma:

-Os sábados serán aboados na cantidade fixa do anexo 2 polas 8 horas de traballo, tanto efectivas como de presencia, e un día de descanso de compensación. Todo o que exceda das 8 horas pagarase como horas extras.

-Os festivos aboaranse na contía fixada no citado anexo 2 por 8 horas de traballo, tanto efectivo como de presencia, e todo o que exceda das 8 horas pagarase como extras e sen día de descanso compensatorio.

No caso de ser requirido o servicio de taller, en sábado ou festivo, a remuneración aplicable será a mesma que para o persoal conductor.

Artigo 9º.-Definición de tempo de traballo efectivo e tempo de presencia.

Tempo de traballo efectivo:

-A conducción dos vehículos.

-A parte do tempo empregada nos procesos de carga e descarga do vehículo que esixe a participación activa do conductor con manexo de elementos de conexión ou dispositivos de enchido de vehículo.

En situación de avaría e mantemento:

-O tempo de reparala, sempre que a reparación a realice o mesmo conductor.

-Cando sexa preciso o remolque a talleres ou outros lugares nos que se vaia realiza-la reparación, o tempo empregado na dita operación de remolque, no caso de que o conductor asuma a conducción do vehículo avariado.

Definición do tempo de presencia.

A parte dos tempos de enchido ou baleirado do vehículo que só requira vixilancia do proceso pero non a utilización de equipos ou dispositivos de enchido ou baleirado, aínda que neste tempo se efectúen xestións administrativas relacionadas co cargamento.

As esperas anteriores á carga ou á descarga en orixe ou destino que esixan vixilancia do vehículo.

As esperas por reparación de avarías ou paradas reguladas por este convenio colectivo ou outras regulamentacións, nas que recae sobre o conductor a vixilancia do vehículo.

Terán tamén carácter de horas de presencia, calquera outra que aconselle a práctica de servicio e de común acordo entre a empresa e o comité. Neste caso, teranse en conta para incorporar ó texto de futuros convenios.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias de Nadal, verán e marzo aboaranse na contía de 30 días naturais cada unha delas a razón de salario base máis antigüidade e faranse efectivas o 18 de decembro, 18 de xullo e 18 de marzo, esta última devengada a 31 de decembro (antiga paga de beneficios).

Artigo 11º.-Vacacións e licencias retribuídas.

Tódolos traballadores da empresa desfrutarán dunhas vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais a razón de salario base máis antigüidade e o importe dunha bolsa de vacacións que se cifra na contía, fixada no anexo 2, aboándose ambas ó se inicia-lo desfrute das vacacións.

O calendario para o desfrute de vacacións, será confeccionado na forma que determina o Estatuto dos traballadores e darase a coñecer con tres meses de antelación ó seu comezo, procurando establece-la

oportuna rotación para evitar que o dito desfrute lles corresponda ós mesmos traballadores nas mesmas datas.

Licencias retribuídas.

Sobre esta materia aplicarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais, coas seguintes excepcións:

a) Os días de licencia será retribuídos a razón do salario base do convenio maila antigüidade que corresponda.

b) En caso de matrimonio, o traballador terá dereito ó desfrute de 15 días por este concepto.

c) Para atender a asuntos propios que non admitan demora, o traballador terá dereito durante un ano á licencia dun a seis días, sen ter que xustifica-las causas.

d) En caso de falecemento de cónxuxe, descendente, ascendente, irmáns, tíos consanguíneos, o traballador desfrutará de dous a sete días por determinar segundo a distancia e circunstancias que concorran no caso.

e) No suposto de falecemento de ascendentes, irmáns e tíos afíns, o traballador desfrutará de licencias de dous a catro días, a duración das cales tamén se determinará en consideración á distancia e circunstancias concorrentes.

f) En caso de parto da esposa, compañeira, enfermidade grave do cónxuxe, ascendentes, descendentes e consanguíneos, a licencia será de tres a sete días, tamén fixados en atención á distancia e circunstancias concorrentes.

Artigo 12º.-Complemento de perigosidade.

Os productores que, como consecuencia da actividade que desenvolven na empresa, manipulen ou transporten habitualmente mercadorías explosivas ou inflamables, percibirán un complemento do 15% sobre o salario base por día traballado.

Os sábados non festivos consideraranse como efectivamente traballados para os exclusivos efectos do devengo deste complemento.

Artigo 13º.-Complemento de locomoción.

Establécese a cantidade fixada no anexo 2 en concepto de complemento de transporte para o persoal conductor, e para as restantes categorías a cantidade fixada no citado anexo 2, que se percibirá por día efectivamente traballado.

Os sábados non festivos consideraranse como efectivamente traballados para os exclusivos efectos do devengo deste complemento.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias e complemento de actividade.

Sobre as horas extraordinarias respectarase o establecido no artigo 35 do vixente Estatuto dos traballadores. Non obstante, páctase expresamente o valor da hora extraordinaria e o complemento de actividade nas contías fixadas no anexo 2 deste convenio.

Tendo en conta a natureza do traballo que se realiza no transporte de mercadorías perigosas, e o específico de distribución de productos petrolíferos, as horas extras co seu valor pactado terán o carácter de estructurais de mantemento, de conformidade coa lexislación vixente.

Co obxecto de reduci-la aglomeración de vehículos nos cargadeiros, coa conseguinte perigosidade e o número de horas de presencia, páctase dentro da xornada laboral unha flexibilidade na entrada ó traballo, que se gradúa entre as 6.30 e as 8.45 horas.

O persoal comprométese a realiza-las horas establecidas no Real decreto 1565/1995, ou do que o substitúa, comprometéndose así mesmo a empresa a distribuí-las ditas horas de forma equitativa e que permita a igualdade de oportunidades.

Estas horas serán supervisadas periodicamente polo comité de empresa e, se se detectan anomalías e estas non se corrixen, levará consigo a modificación ó anterior horario non flexibilizado.

Fíxase un complemento de actividade, cunha contía que se paga por hora que se exceda das 8 diarias de media semanal, que terá a consideración de complemento por cantidade e calidade de traballo, de acordo co artigo 39 do Acordo xeral para o transporte.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

Fíxase a contía da axuda de custo para todo o persoal a que afecta este convenio nas cantidades que figuran no seu anexo 2.

Estas axudas de custo devengaraas o persoal conductor sempre que realice servicios co camión, incluídos sábados e festivos.

Para as comidas en ruta, o conductor dispón de hora e media, á súa conveniencia.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

Ó persoal de tráfico facilitaráselle como roupa de traballo, unha vez ó ano, dous pantalóns, dúas camisas, unha chaqueta curta de tela, un par de zapatos ou botas, e luvas segundo as necesidades, e cada dous anos: un anorak ou roupa de auga.

Ós administrativos, unha chaqueta curta de tela ó ano.

Ós mecánicos, tres fundas e un par de botas ó ano.

Esta roupa entregarase coa obrigatoriedade de que na xornada de traballo vaian provistos do uniforme correspondente.

A roupa de traballo deberá entregárselles a tódolos traballadores dentro do primeiro semestre do ano.

Artigo 17º.-Suspensión do permiso de conducción ou autorización para conducir mercadorías perigosas.

En caso de que un conductor sufra a retirada do seu permiso de conducir ou carné TPC por sentencia

ou resolución firme da autoridade competente e de forma definitiva ou temporal, a empresa aseguraralle un novo posto de traballo segundo a elección desta, e o interesado percibirá a remuneración correspondente á súa nova categoría.

Ó remate da duración da suspensión do permiso, será reintegrado á súa antiga categoría e posto de traballo.

Enténdese que sempre e cando estea conducindo ó servicio da empresa, exclusivamente e non vulnere o artigo 7º do Real decreto 1999/1979, do Regulamento de mercadorías perigosas, ou do que o substitúa.

Aplicarase o mesmo artigo 17, sempre que ó conductor se lle retirase o seu permiso de conducir, media hora antes e media hora despois da súa entrada e saída ó traballo.

A empresa terá a obriga de manter como máximo o seguinte número de conductores afectados en función do número de conductores.

En cadro de persoal de ata 20 conductores: un.

En cadro de persoal de entre 21 e 40 conductores: dous.

En cadro de persoal de entre 41 e 60 conductores: tres.

En cadro de persoal de entre 61 e 80 conductores: catro.

En cadro de persoal de máis de 80 conductores: cinco.

Artigo 18º.-Comisión mixta.

Constitúese unha comisión mixta como órgano de interpretación e vixilancia do cumprimento do convenio. Terá o seu domicilio no centro de traballo de Vilar de Infesta e estará composta por seis membros designados pola metade de cada unha das partes, empresarial e social.

As partes poderán utiliza-los servicios de asesores, os que designará libremente e á súa custa, e terán voz pero non voto.

Serán funcións da comisión paritaria as seguintes:

Vixilancia e seguimento deste convenio e interpretación dos seus preceptos.

Constitución de ponencias ou comisións e elaboración de estudios sobre calquera aspecto de relacións laborais no ámbito da empresa, incluída a normativa básica sobre promoción profesional.

Estudio sobre a aplicación á actividade da empresa da Lei de prevención de riscos laborais e o seu desenvolvemento.

Acordos sobre formación continua, para adaptarse ás medidas da empresa.

A validez dos acordos da comisión paritaria require que se adopten por maioría de ámbalas partes.

A comisión paritaria regulará o seu propio funcionamento e reunirase como mínimo cada tres meses ou cando unha das partes o solicite cunha antelación de 48 horas e o motivo fose transcendente.

Estará constituída, pola parte empresarial, por Ramón González-Babé, Federico González-Babé Iglesias e, pola parte social, José Luis Rodríguez Pérez, Juan Bautista Rodríguez Vázquez e Mª del Pilar Montes Anllo. Ámbalas partes poden autorizar suplentes que as representen.

Artigo 19º.-Dereito supletorio.

No non previsto neste convenio rexerá o Acordo xeral do transporte aprobado por Resolución do 13 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Traballo, dándolle así cumprimento ó establecido na disposición transitoria primeira do dito acordo.

Artigo 20º.-Seguro de vida ou invalidez.

Para o persoal que se rexa por este convenio, nos casos de morte ou invalidez permanente total ou absoluta derivados de accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa garantiralles ós herdeiros ou ó traballador, unha indemnización por un importe de 30.050,61 euros, e concertará obrigatoriamente para tales fins a póliza de seguros. Para o caso de gran invalidez, a contía será de 48.080,97 euros.

Artigo 21º.-Incapacidade laboral transitoria.

Ós traballadores afectados por este convenio, que se encontren na situación de IT (incapacidade temporal), calquera que sexa a causa determinante, a empresa aboaralles un complemento ata cubri-lo 100% da base reguladora da prestación da Seguridade Social e a partir do 120º día de baixa.

Durante os primeiros 30 días de baixa por enfermidade, aboarase tamén o dito complemento para cubri-lo 100% da base reguladora.

Artigo 22º.-Acción sindical.

En canto ós dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa, aplicarase o establecido na Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Non obstante o disposto anteriormente, non se computarán dentro das horas dispoñibles as que correspondan a reunións de comisións deliberadoras do convenio e comisións mixtas que, sendo regulamentariamente convocadas, terán carácter retribuído.

De acordo co previsto no Estatuto dos traballadores e LOLS, poderán acumularse as horas e crédito sindical que lles correspondan ós representantes dos traballadores (comités de empresa e delegados de persoal), as empresas afectadas por este convenio nun de calquera sindicato legalmente constituído.

Esta acumulación poderá ser das horas sindicais correspondentes a dous meses durante o ano.

Artigo 23º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores que se rexan por este convenio e leven como mínimo 24 anos de antigüidade na empresa tendo cumpridos os 60 anos, poderán solicita-la xubilación anticipada.

De acordo coa base reguladora, a empresa aboará mensualmente como cantidade fixa e invariable a diferencia existente entre a cantidade que aboe a Seguridade Social e o 100% da dita base. Esta cantidade poderá ser aboada pola empresa dunha soa vez e en función dos meses que falten ata os 65 anos.

Este compromiso terá como duración ata que cumpra o traballador a idade de 65 anos ou o tope mínimo que en cada momento poida establece-la lexislación vixente para a xubilación voluntaria.

O compromiso rescindirase, así mesmo, cando a empresa deixe a actividade pola que se rexe este convenio.

No caso de non existir acordo entre empresa e traballador, a esa xubilación voluntaria que libremente poderá solicita-lo traballador, poderá oporse por causa xustificada o empresario, que levará a petición do traballador á comisión mixta, que decidirá por maioría se procede ou non a xubilación solicitada, sendo vinculante esa decisión.

Artigo 24º.-Retribucións.

Para o ano 2002, as retribucións do persoal afectado por este convenio serán as detalladas no anexo 1.

Adicionalmente, acórdase unha revisión das cantidades devengadas durante o ano 2002. Se o IPC anual a 31 de decembro de 2002 superase o 2,70%, esta revisión será igual ó exceso de IPC superior ó 2,70% mencionado. Non se producirá ningunha revisión se o IPC real fose inferior ou igual ó indicado 2,70%.

En caso de prórroga do convenio conforme o artigo 2º, procederase á modificación de retribucións aplicándolle a cada un dos conceptos retributivos a variación anual do IPC xeral a 31 de decembro do ano que remata con efectos do primeiro de xaneiro do ano seguinte.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Son os complementos salariais, que serán os que se derivan das condicións persoais do traballador que non foran valoradas ó fixa-lo soldo ou salario. Teñen carácter de consolidables.

A promoción económica en función do traballo desenvolvido, que se devengará desde o día 1 do mes natural seguinte ó seu vencemento, queda fixada nun 5% do salario nase ós cinco anos, un 10% ós dez anos, un 15% ós quince anos, e un 20% ós vinte ou máis anos de servicios computables.

Ós traballadores que viñesen percibindo premios, complementos complementos de antigüidade, calquera que fose a denominación deles, en contía superior á que resulte do novo sistema establecido no

parágrafo anterior, respectaráselles a título persoal, mentres lles resulte máis favorable o dereito a cobra-la cantidade que viñesen percibindo por tal concepto o 31 de decembro de 1997. Ós que nesta data estean en curso de adquisición dun novo tramo temporal, recoñeceráselles no seu momento, agás que ámbalas partes acorden outra forma de compensación, o dereito a cobrar a título persoal, a cantidade que tería devengado ó consolidalos, calculadas consonte o salario vixente en tal momento.

ANEXO 1

Táboa salarial

* Grupo 1º

-Subgrupo A

I Xefe de servicio1.115,09 A

II Inspector principal1.019,06 A

-Subgrupo B

I Enxeñeiro e licenciado1.046,50 A

II Enxeñeiro e aux. titulado854,36 A

III Axudante técnico sanitario761,84 A

* Grupo 2º

I Xefe de sección909,25 A

II Xefe de negociado840,63 A

III Oficial 1ª791,22 A

IV Oficial 2ª763,76 A

V Auxiliar administrativo717,10 A

VI Aspirante e aprendices

-Maiores de 18 anos526,72 A

-Menores de 16 anos350,62 A

* Grupo 3º

-Subgrupo A

I Xefe de tráfico 1ª840,63 A

II Xefe de tráfico 2ª799,48 A

III Xefe de tráfico 3ª793,98 A

IV Conductor mecánico785,73 A

V Conductor763,75 A

VI Conductor motociclos741,82 A

VI Axudante730,82 A

Mozo especializado717,10 A

Mozo carga, descarga e reparto703,43 A

* Grupo 4º

Xefe de taller868,09 A

Encargado contramestre840,63 A

Encargado xeral799,48 A

Encargado de almacén793,98 A

Xefe de equipo793,98 A

Oficial de 1ª785,73 A

Oficial 2ª763,76 A

Oficial 3ª717,10 A

Engraxador lavacoches717,10 A

Mozo de taller717,10 A

* Grupo 5º

Cobrador717,10 A

Telefonista703,38 A

Porteiro703,38 A

Vixilante703,38 A

Garda de día703,38 A

Garda de noite717,10 A

Limpadora (8 horas)621,02 A

Traballadores entre 16-18 anos aplicado R.D. sobre salario mínimo interprofesional vixente.

ANEXO 2

Outros conceptos retributivos

Artigo 8º

Aboamento sábados:36,61 A

Aboamento festivos:97,60 A

Artigo 11º

Bolsa de vacacións:311,43 A

Artigo 12º

Complemento de perigosidade:3,92 A

Artigo 13º

C. transporte conductor:4,82 A

C. transporte restantes:9,59 A

Artigo 14º

Hora extra:8,29 A

Complemento de actividade: art. 39 AG.8,26 A

Artigo 15º

Galicia

Comida:12,12 A

Cea:12,12 A

Noite:12,12 A

Almorzo:4,03 A

-Total40,39 A

Fóra de Galicia

Comida:20,22 A

Cea:20,22 A

Noite:16,16 A

Almorzo:4,03 A

-Total60,63 A