Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2002 Páx. 13.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de setembro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Galicia Saúde e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 12 de setembro de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 11 de setembro de 2002 pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Galicia-Saúde adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos terá por obxecto a xestión e administración da área hospitalaria da Mutual do Centro Galego de Bos Aires, co compromiso de dar cobertura a tódolos asociados presentes e futuros de conformidade coas previsións estatutarias da mutual, segundo o acordo que se celebre entre a fundación e o Centro Galego de Bos Aires-Mutualidade-Cultura-Acción Social.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32. 3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galicia Saúde ó cumpri-los seus estatutos ás prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Galicia Saúde no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, reformada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade