Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2002 Páx. 13.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de xullo de 2002 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 4.2º, atribúelle ó Goberno do Estado a fixación dos elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas que constituirán as ensinanzas mínimas, co fin de garantir unha formación común para tódolos alumnos e para darlles validez ós títulos correspondentes en todo o territorio español. Así mesmo, o punto 3º do citado artigo atribúelles ás administracións educativas competentes o establecemento do currículo dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo, do que, en todo caso, formarán parte as ensinanzas mínimas.

Polo que se refire ós estudios de formación profesional específica, o Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22 de maio), estableceu os aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas da formación profesional específica de graos medio e superior, que se concretan para cada título profesional no correspondente real decreto que as promulga.

En virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo (DOG do 18 de agosto), que regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Administración educativa galega completa-los currículos dos correspondentes ciclos formativos e, xa que logo, os obxectivos e os criterios que se terán en conta no proceso de avaliación dos ciclos formativos. Así, o Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece a ordenación xeral dos estudios de formación profesional específica en Galicia e as directrices sobre os seus títulos.

Pola súa banda, a Orde do 30 de outubro de 1992, modificada pola Orde do 2 de abril de 1993 (BOE do 15 de abril), estableceu os elementos básicos dos informes de avaliación das ensinanzas de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 1/1990, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que se precisan para garanti-la mobilidade do alumnado, que se complementa coa Orde do 21 de xullo de 1994 (BOE do 26 de xullo).

O Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, regulou a reclamación dos alumnos ás cualificacións.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados

aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas dos ciclos formativos ás peculiaridades e ás características das persoas adultas.

A Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 do xullo) regulou a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 20 de decembro de 2001 (BOE do 9 de xaneiro de 2002), determinou as validacións de estudios de formación profesional específica derivadas da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A experiencia acumulada aconsella dictar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellora-lo proceso de avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa estas ensinanzas.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPÓN:

I. Obxecto.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto regula-la avaliación e a acreditación académica do alumnado que curse formación profesional específica, e é de aplicación nos centros públicos e privados autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ciclos formativos de grao medio ou de grao superior.

II. Aspectos xerais do proceso de avaliación.

Artigo 2º.-Normas xerais.

1. A avaliación das ensinanzas de ciclos formativos de grao medio e superior realizarase tendo en conta a competencia xeral e as capacidades profesionais características do título, que constitúen a referencia para defini-los obxectivos xerais do ciclo formativo e os obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, dos módulos profesionais que o conforman. Estes referentes para a avaliación están establecidos no correspondente currículo. Ó mesmo tempo, avaliarase a madureza do alumnado e o grao de consecución das finalidades previstas para a formación profesional específica no artigo 2 do Decreto 239/1995.

2. Así mesmo, dado que os centros docentes deben completar e desenvolve-lo currículo, conforme o dis

posto no artigo 12 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, tamén se terán en conta no proceso de avaliación destas ensinanzas os obxectivos, as capacidades e os criterios de avaliación que para cada ciclo se concretasen no proxecto curricular de centro.

3. As capacidades terminais establecen os obxectivos avaliables para a consecución do módulo e, xa que logo, os resultados mínimos que se deben acadar no proceso de ensino-aprendizaxe. En consecuencia, constitúen o referente inmediato para o proceso de avaliación do módulo.

Artigo 3º.-Avaliación das ensinanzas.

1. A avaliación das ensinanzas dos ciclos formativos será inicial, continua e final, aínda que diferenciada segundo os módulos que compoñen o currículo.

2. A avaliación inicial servirá para que cada profesor constate o nivel do alumno antes de comeza-lo proceso de ensino-aprendizaxe.

3. A avaliación continua é aplicable a tódolos módulos do ciclo formativo ó longo do proceso de ensino-aprendizaxe e require a asistencia regular do alumnado ás clases e ás demais actividades lectivas programadas.

A partir das directrices xerais establecidas no regulamento de réxime interno do centro, o proxecto curricular do ciclo concretará para cada módulo o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua. En todo caso, este número de faltas non poderá ser superior ó 10% da duración do módulo.

Para a cualificación final de cada módulo (coa excepción do módulo de FCT), en cada matrícula o alumno disporá dun máximo de dúas convocatorias de avaliación: unha ordinaria e outra extraordinaria.

4. A avaliación final servirá para valora-los logros obtidos polo alumno ó termo do proceso de ensino-aprendizaxe e para determina-la cualificación final do ciclo formativo en función dos obxectivos xerais do currículo e a competencia profesional característica do título.

Artigo 4º.-Plan de avaliación.

1. A avaliación será realizada por módulos profesionais e polo profesorado que imparte docencia ós alumnos correspondentes. O proxecto curricular de ciclo deberá programar para cada módulo un plan de avaliación seguindo as directrices especificadas no currículo do ciclo formativo e no proxecto curricular do centro.

2. O proxecto curricular de cada ciclo establecerá o Plan extraordinario de avaliación, no que se fixarán os criterios e os procedementos de avaliación así como o deseño das probas que permitan ós alumnos que perderon o dereito á avaliación continua (descrita no artigo 3º desta orde) evidencia-la adquisición das capacidades terminais establecidas para cada módulo non superado.

3. Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumno a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, conforme co establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberase informar dos criterios de avaliación que serán aplicados para evidencia-la adquisición das capacidades establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considera suficiente para acada-la avaliación positiva.

Artigo 5º.-Plan de actividades de recuperación de módulos.

No proxecto curricular de cada ciclo, o equipo docente establecerá o plan de actividades de recuperación, que fixará para cada módulo os criterios e os procedementos de avaliación que permitan verifica-lo logro das capacidades terminais establecidas para cada un deles ós alumnos que no proceso ordinario de ensino-aprendizaxe non o superaron.

Artigo 6º.-Acceso á formación en centros de traballo (FCT), desenvolvemento e avaliación.

1. Para acceder á FCT cumprirá ter superados tódolos módulos de formación no centro educativo. Así mesmo, o equipo docente poderalles denega-la determinados alumnos o acceso ó módulo de FCT. Esta limitación só se lles poderá aplicar a aqueles alumnos nos que concorran circunstancias manifestas de baixo rendemento ou insuficiente madureza que pola súa idade ou outras circunstancias e ata ese momento fosen detectadas en, polo menos, a metade dos módulos profesionais.

2. O desenvolvemento da FCT será preferentemente no treito final das ensinanzas do ciclo formativo e despois de realizar tódolos módulos de formación no centro educativo. Por causas debidamente xustificadas no proxecto curricular do ciclo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autoriza-la realización do módulo de FCT anticipadamente e de xeito simultáneo cos módulos de formación no centro educativo.

3. No caso de que comece o período de FCT antes de rematar tódolos módulos de formación no centro educativo, unha vez realizada a avaliación final ordinaria, o alumnado con módulos non superados interromperá a realización do período de FCT, co fin de poder atender ás actividades de recuperación que se lle organicen.

4. A avaliación do módulo de FCT realizaraa o profesor titor do grupo de alumnos, quen establecerá un calendario de visitas ó centro de traballo para manter entrevistas co seu responsable, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

5. O profesor titor do centro educativo contará para a avaliación do módulo de FCT coa colaboración do titor da empresa, quen emitirá un informe que

valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a FCT se desenvolve en varios centros de traballo ou empresas solicitarase un informe de cada un deles.

Artigo 7º.-Cualificacións.

1. As cualificacións obtidas polo alumno expresaranse en cifras de 1 a 10, sen decimais, para cada módulo profesional, agás o de formación en centros de traballo, que se cualificará en termos de apto ou non apto. Para superar un módulo o alumno terá que acadar unha cualificación igual ou superior a cinco.

2. Para a superación dun ciclo formativo cumprirá ter superados todos e cada un dos módulos que o compoñen, incluído o de formación en centros de traballo (FCT). Neste caso, a cualificación do ciclo obterase como media aritmética das cualificacións de tódolos módulos, agás o de FCT, e expresarase numericamente, cunha única cifra decimal. Para os efectos de cualificación final do ciclo, non se terán en conta os módulos validados ou exentos.

Artigo 8º.-Titoría.

Cada grupo de alumnos contará cun profesor titor, preferentemente para todo o ciclo, que será membro do equipo docente e que desenvolverá, en relación coa avaliación, as seguintes funcións:

a) Coordinar, xunto coa xefatura de departamento, o desenvolvemento do proxecto curricular de ciclo: plans de ensino-aprendizaxe e de recuperación de módulos, e plan de avaliación ordinario e extraordinario de módulos.

b) Asesora-lo alumno en relación coas posibles validacións e coa exención do módulo de FCT.

c) Emitir informes sobre as peticións de exención da FCT formuladas polos alumnos do ciclo.

d) Orienta-lo alumnado en relación coa busca de emprego e as saídas profesionais, a partir do consello de orientación elaborado polo equipo docente, segundo o previsto no punto 2 do artigo 10º desta orde, co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional. Para isto contará co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, de se-lo caso, do departamento de orientación do centro.

e) Convocar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo de alumnos.

f) Informar do proceso educativo dos alumnos, tanto a estes como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

g) Elabora-lo plan de ensino-aprendizaxe do módulo de FCT, coa colaboración e a participación do resto do equipo docente do ciclo.

h) Realiza-lo seguimento educativo e a avaliación do módulo de FCT, coa colaboración do responsable designado para tal efecto pola empresa.

III. Desenvolvemento do proceso avaliativo.

Artigo 9º.-Sesións de avaliación.

1. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado que realice o profesorado do equipo docente do ciclo para contrasta-las súas informacións académicas respecto dos alumnos dun mesmo grupo e para valora-lo seu progreso, así como para valora-lo logro dos obxectivos educativos que se especifiquen no proxecto curricular do ciclo.

2. O proceso de avaliación de formación profesional específica, desenvolverase en función dos periodos lectivos e polo profesorado que o decreto do currículo regula para o ciclo formativo.

Artigo 10º.-Avaliación ordinaria.

1. As actividades programadas para cada módulo no proceso de ensino-aprendizaxe comprenden os seguintes catro tipos de avaliación:

a) Sesión de avaliación parcial dos módulos que integran a formación no centro educativo. Nesta sesión, que se realizará cunha frecuencia trimestral, valorarase o progreso académico dos alumnos e informarase del ós alumnos e ós pais ou titores legais. Calquera modificación da frecuencia trimestral requirirá a autorización expresa do Servicio de Inspección Educativa.

A acta de avaliación axustarase ó modelo do anexo I a) desta orde. Os módulos nos que se perdeu o dereito á avaliación continua, segundo o recollido no artigo 3º.3 desta orde, consignaranse na acta coas iniciais PD.

b) Sesión de avaliación final de cada un dos módulos da formación no centro educativo. Nesta sesión valoraranse e cualificaranse os logros dos alumnos en relación ás capacidades terminais establecidas para cada módulo. Para cada un dos alumnos que non superen módulos, o profesor responsable elaborará o informe individualizado de avaliación previsto no artigo 16º.8 desta orde.

Nesta sesión avaliaranse tamén os alumnos que perderon o dereito á avaliación continua descrita no artigo 3º desta orde. Os alumnos que non se presentan ás probas establecidas no Plan extraordinario de avaliación descrito no artigo 4º.2 desta orde non poderán supera-los módulos.

Esta sesión de avaliación terá lugar ó remate do período lectivo asignado para cada módulo no proxecto curricular do ciclo, e poderá coincidir coa derradeira avaliación parcial de cada un dos anos académicos en que se desenvolve o ciclo.

A acta de avaliación axustarase ó modelo do anexo I a).

c) Sesión de avaliación previa á realización da FCT. Nesta sesión tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado a este módulo, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 6º.1 desta orde. O alumno será informado das actividades de recuperación e do seu calendario, que deberá realizar de acordo co establecido no artigo 5º.

Esta sesión poderá coincidir coa derradeira sesión de avaliación final de módulos.

A acta de avaliación axustarase ó modelo do anexo I a).

d) Sesión de avaliación final do ciclo formativo. Nesta sesión valorarase e cualificarase o módulo de FCT ós alumnos que superaron tódolos módulos nas sesións de avaliación ordinarias do módulo. Esta sesión terá lugar ó remata-lo período lectivo ordinario asignado á FCT. A acta de avaliación axustarase ó modelo do anexo I b) e nela establecerase a cualificación final dos alumnos que superen a FCT segundo o recollido no artigo 7º.2 desta orde, e farase a proposta de expedición de título.

2. Nalgunha das sesións de avaliación anteriormente citadas, o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada alumno que curse a oferta formativa completa, con obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional.

3. Nas actas de avaliación parcial e final, os módulos non avaliados na sesión consignaranse, segundo os periodos lectivos ós que correspondan, coas iniciais seguintes:

a) PA: pendentes de avaliación.

b) AA: avaliados anteriormente.

Artigo 11º.-Avaliación extraordinaria.

As actividades de recuperación programadas para os módulos non superados na avaliación ordinaria e a realización posterior da FCT, comprenden dous tipos de avaliación:

a) Sesión de avaliación final extraordinaria de módulos pendentes. Nesta sesión valorarase e cualificarase o progreso dos alumnos unha vez rematadas as actividades de recuperación establecidas no punto 1 b) do artigo 10º desta orde. A acta de avaliación axustarase ó modelo do anexo I a). Os módulos aprobados nas convocatorias de avaliación anteriores consignaranse na acta coas iniciais AC.

No caso de ciclos formativos que se desenvolvan durante tres trimestres no centro educativo, esta sesión final extraordinaria de módulos realizarase con anterioridade ó 29 de outubro. No caso dos restantes ciclos realizarase no mes de xuño, coincidindo coa sesión final ordinaria do ciclo formativo.

A dirección do centro adoptará as medidas oportunas e fixará as datas para que os alumnos que superen a totalidade dos módulos pendentes na sesión final extraordinaria de módulos poidan realiza-lo período de formación en centros de traballo.

b) Sesión de avaliación final extraordinaria do ciclo formativo. Nesta sesión valorarase e cualificarase o módulo de FCT realizado polos alumnos que superaron na avaliación final extraordinaria tódolos módulos pendentes. Esta sesión terá lugar ó remata-lo período lectivo extraordinario asignado á FCT. A acta de avaliación axustarase ó modelo

do anexo I b) e nela establecerase a cualificación final dos alumnos que superen a FCT e farase a proposta de expedición de título.

Artigo 12º.-Repetición do ciclo formativo.

1. O alumnado matriculado por réxime ordinario poderá repetir unha soa vez no ciclo formativo, cursando unicamente os módulos pendentes de superación, conforme o que se establece no artigo 22.1º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo.

2. Os alumnos que teñan módulos pendentes trala avaliación final extraordinaria de módulos, por non teren realizadas as actividades de recuperación ou por seren avaliados negativamente, así como os alumnos que non superen a FCT na avaliación final ordinaria ou extraordinaria do ciclo formativo, deberán repetir tódalas actividades programadas para o módulo ou módulos pendentes de superación formalizando unha nova matrícula.

3. No caso de ciclos formativos que se desenvolvan durante tres trimestres no centro educativo, os alumnos repetidores terán que formaliza-la matrícula con anterioridade ó 31 de outubro.

4. Os alumnos que trala avaliación final ordinaria ou extraordinaria do ciclo teñen pendente o módulo de FCT, poderán realizar de maneira excepciónal e nos meses de decembro e marzo a segunda matrícula á que segundo o punto 1 deste artigo teñen dereito.

5. Os alumnos repetidores serán avalidados en actas diferentes ós do grupo de alumnos do que formen parte. Nas actas de avaliación parcial e final ordinaria e extraordinaria de módulos, así como nas actas de avaliación previa á realización da FCT, os módulos aprobados en matrícula anterior serán consignados coas iniciais AM.

Artigo 13º.-Adaptacións curriculares.

1. Cando o progreso dun alumno non responda globalmente ós obxectivos programados, o equipo docente adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo ou de adaptación curricular, dentro dos límites previstos no artigo 14 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo.

2. En todo caso, a cualificación do alumno realizarase tomando como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación relacionados con capacidades profesionais básicas que permitan o logro da competencia xeral característica do título.

Artigo 14º.-Reclamacións ás cualificacións.

1. Os alumnos ou os seus pais ou titores poderán reclamar, ante a dirección do centro, contra as decisións e as cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As referidas reclamacións deberán basearse no seguinte:

a) A avaliación que se levou a cabo do proceso de aprendizaxe do alumno non foi adecuada ós

obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, ós contidos e ós criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e os instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados, conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de cualificación e avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

2. O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito ante a dirección do centro, nun prazo de dous días lectivos a partir daquel no que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro, tralos informes que estime oportunos, trasladará estes informes e a reclamación ó departamento correspondente, quen poderá, con base no que se establece no punto 1 deste artigo e coa debida documentación, ratificarse na cualificación outorgada ou estima-la procedencia de rectifica-la cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ó alumno.

c) No suposto de que o departamento ratifique a cualificación e o alumno, nun prazo de dous días, o solicite por escrito, o director remitirá, nos tres días seguintes, o expediente á delegación provincial.

d) O delegado provincial, visto o informe da inspección educativa, resolverá no prazo máximo de dez días naturais. Da resolución do delegado provincial daráselles comunicación ó interesado e ó departamento a través do director do centro.

e) Contra a resolución do delegado provincial poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV. Titulación e documentos do proceso de avaliación.

Artigo 15º.-Titulación e acreditación.

1. A superación de tódolos módulos profesionais de que consta un ciclo formativo de grao medio ou superior dará dereito á obtención do título de técnico ou de técnico superior, respectivamente. Os centros deberán realiza-las solicitudes de expedición de título nos prazos determinados pola normativa vixente.

2. O alumnado que supere un ou máis módulos dun ciclo formativo terá dereito a que se lle expida a correspondente acreditación, que consistirá nunha

certificación expedida pola secretaría do centro na que, á vista dos expedientes académicos, se fará consta-la denominación dos módulos superados, as horas cursadas neles, cando exista constancia delas, así como as cualificacións obtidas. A certificación realizarase nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o modelo que se indica no anexo II desta orde.

Artigo 16º.-Documentos da avaliación.

1. Considéranse documentos do proceso de avaliación de formación profesional específica, as actas de avaliación, o expediente académico, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións. Destes documentos, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados teñen a condición de básicos e garanten a mobilidade académica do alumnado.

2. As actas de avaliación axustaranse no seu deseño xeral ó modelo que figura no anexo I a, e I b desta orde.

Os centros privados remitirán un exemplar das actas ó instituto ó que estean adscritos.

Enviarase copia validada das actas de avaliación final do ciclo formativo ó servicio de inspección educativa no prazo de 15 días a partir da data de realización da correspondente sesión.

3. O expediente académico dos alumnos que accedan a un ciclo formativo deberá ser aberto polo instituto de educación secundaria no que se matricule por primeira vez. O expediente académico, que será único para cada ciclo formativo, axustarase ó modelo que figura no anexo III da presente orde. A custodia e o arquivo dos expedientes correspóndelle ó secretario ou, no seu defecto, ó administrador do centro. Os expedientes conservaranse no derradeiro instituto no que o alumno realizou ou rematou o ciclo, mentres este exista; no caso de supresión do centro educativo, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria arbitrarán as medidas axeitadas para a súa conservación ou traslado.

4. O libro de cualificacións de formación profesional constitúe o documento oficial básico que reflicte os estudios cursados e as cualificacións obtidas polo alumno. En consecuencia, ten valor acreditativo dos estudios realizados e deberá recoller, de se-lo caso, a información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude por parte do alumno da expedición do título correspondente, logo de superados tódolos módulos profesionais do ciclo formativo cursado.

5. Correspóndelle ó secretario ou, no seu defecto, ó administrador do centro, a formalización e a custodia dos libros de cualificacións de formación profesional. Unha vez superados os correspondentes

estudios, entregaráselle ó alumno ou alumna, facéndose constar esta entrega no propio libro mediante a correspondente dilixencia.

No centro educativo haberá un libro paxinado para facer consta-las saídas e entradas dos libros de cualificacións. As saídas serán asinadas polo secretario do centro, ou persoa autorizada, e polo titular do libro ou representante en quen delegue.

6. Correspóndelle ó Servicio de Inspección Educativa supervisa-lo proceso de formalización e custodia do libro de cualificacións.

7. Segundo se establece no artigo 19.4º do Decreto 239/95, do 28 de xullo, nas sesións de avaliación finais ordinarias de módulos o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralos sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

8. O informe de avaliación individualizado incluirá as cualificacións parciais ou valoracións de aprendizaxe, segundo os trimestres nos que se organiza a avaliación, outorgadas ata ese momento ó alumno, as medidas de reforzo educativo ou de adaptación curricular tomadas, as validacións ou exencións concedidas, as actividades propostas para a recuperación de módulos, e cantos outros aspectos de índole educativa se consideren relevantes.

Artigo 17º.-Traslado de matrícula a outro centro.

1. Cando un alumno se traslade a outro centro sen ter concluído o ciclo formativo, o centro de orixe remitirá ó de destino, por petición deste, ademais do expediente académico, o informe de avaliación individualizado previsto no artigo anterior, elaborado polo titor do ciclo formativo a partir dos datos facilitados polos profesores e, de se-lo caso, o libro de cualificacións.

2. No caso de traslado dun alumno, as cualificacións finais obtidas nos módulos profesionais, que deberán figurar no libro de cualificacións de formación profesional, manterán a súa validez académica para tódolos efectos.

V. Sistema de validación e correspondencias.

Artigo 18º.-Validacións de módulos profesionais.

1. Os módulos profesionais que teñan idéntica denominación e duración, así como as mesmas capacidades terminais e os mesmos criterios de avaliación cós descritos nos reais decretos polos que se establece cada un dos títulos de formación profesional específica, son validables entre si segundo o que se reflicte no anexo IV desta orde.

2. Os módulos profesionais que, sen ter idéntica denominación, si teñen similares capacidades terminais e contidos básicos ós descritos nos reais decretos polos que se establecen as titulacións e as correspondentes ensinanzas mínimas, serán validables segundo o que se reflicte no anexo V desta orde.

3. Así mesmo, no anexo VI desta orde recóllense outras validacións de carácter xeral entre módulos profesionais non incluídas nos puntos anteriores deste artigo.

4. Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou, de se-lo caso, ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a resolución de calquera outra validación de módulos por estudios realizados non considerada nos epígrafes anteriores deste artigo.

Artigo 19º.-Procedemento de validacións.

1. As solicitudes de validación requirirán a matrícula previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas, e presentaranse perante a dirección do centro e dentro dos primeiros corenta e cinco días contados desde o comezo das clases. No caso de centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ó centro público ó que estea adscrito, no prazo de cinco días.

A solicitude formalizarase no modelo de instancia establecido para tal efecto no anexo VII desta orde, irá acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI do alumno e da documentación acreditativa dos estudios realizados: certificación académica oficial , certificación académica segundo o modelo do anexo VIII desta orde, fotocopia compulsada do título de formación profesional ou fotocopia compulsada do libro de cualificacións.

2. As solicitudes de validacións de módulos profesionais consideradas nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 18º desta orde serán recoñecidas pola dirección do centro docente público.

3. As solicitudes de validación consideradas no punto 4 do artigo 18º desta orde serán remitidas polo director do centro á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, e unha copia delas será remitida ó Servicio da Inspección Educativa da provincia.

Artigo 20º.-Exención do módulo de FCT pola práctica laboral.

1. O módulo profesional de FCT é susceptible de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral.

2. A solicitude requirirá a matrícula previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas. Formalizarase perante a dirección do centro docente onde estea matriculado o alumno, dentro dos primeiros corenta e cinco días contados desde o comezo das clases e no modelo de instancia establecido para tal efecto no anexo IX desta orde. No caso de centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ó centro público ó que estea adscrito.

3. Débese acreditar unha experiencia laboral de doce meses relacionada cos estudios profesionais que permita demostra-las capacidades terminais correspondentes ós módulos profesionais de FCT dos reais decretos polos que se establecen os títulos de

formación profesional específica, e achega-la documentación seguinte:

a) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral á que se estivese afiliado, na que conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, de se-lo caso, o período de cotización en réxime especial de traballadores autónomos ou de calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa na que se indique especificamente a duración do contrato, as actividades desenvolvidas e o período de tempo no que se realizaron estas actividades. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no Imposto de Actividades Económicas e xustificante de pagamento do dito imposto.

4. O titor ou a titora deberán emitir informe sobre a solicitude de exención do módulo de FCT no referente á idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación presentada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar en cada caso. Para elabora-lo informe reunirá a información precisa do profesorado que forma parte do equipo docente.

5. Sobre a exención do módulo de FCT resolverá a dirección do centro, no caso de centros públicos, e no caso de centros privados a dirección do centro público ó que estea adscrito.

Artigo 21º.-Rexistro.

1. As validacións ou exencións quedarán rexistradas como validado ou exento no expediente académico do alumno, na acta de avaliación final e no libro de cualificacións.

2. A renuncia á matrícula quedará rexistrada coa palabra renuncia, no expediente académico do alumno, na acta de avaliación final e no libro de cualificacións.

VI. Avaliación do proceso de ensino e da práctica docente.

Artigo 22º.-Avaliación do proceso de ensino e da práctica docente.

1. O profesorado, ademais das aprendizaxes dos alumnos, avaliará os procesos de ensinanza e a súa propia práctica docente en relación co logro dos obxectivos educativos do currículo. Igualmente, avaliará os elementos da programación docente e do proxecto curricular de ciclo que se indican a seguir:

a) Oportunidade da selección, distribución e secuenciación dos contidos ó longo dos módulos profesionais.

b) Idoneidade dos métodos pedagóxicos empregados e dos materiais didácticos propostos para uso dos alumnos.

c) Adecuación dos criterios de avaliación.

d) Resultados das medidas de atención á diversidade adoptadas.

2. As modificacións derivadas do proceso de avaliación serán recollidas no proxecto curricular de ciclo e reverterán en forma de:

a) Adaptación do desenvolvemento do currículo ás características do contorno do centro e ás necesidades do alumnado.

b) Racionalización dos espacios e da organización do horario escolar.

c) Accións realizadas sobre a orientación educativa e profesional do alumnado.

3. A avaliación das programacións dos módulos profesionais é responsabilidade do profesorado das especialidades correspondentes quen, á vista dos informes das sesións de avaliación, procederá ó finaliza-lo curso á revisión das súas programacións iniciais. As modificacións que se acordaran incluiranse na programación seguinte.

4. Tódolos aspectos enumerados neste artigo deberanse ter en conta para a elaboración da memoria de fin de curso.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de xuño de 1999, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-la presente orde, así como para adaptala ás peculiaridades das ofertas de formación profesional destinadas a persoas adultas ou pola modalidade a distancia.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e seralles de aplicación ós alumnos de formación profesional específica matriculados a partir do curso 2002-2003.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2002

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional