Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2002 Páx. 13.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de agosto de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria da prórroga das bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan proxectos de investigación vixentes e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2002, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tec

nolóxica (2002-2005), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como misión fundamental potencia-lo sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

O plan está integrado por programas xerais, sectorias e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o programa de recursos humanos que ten entre outros obxectivos o de instrumenta-los recursos humanos adicados as actividades de I+D+I en número como en especialización nas áreas de maior interese.

No ano 2001, por Orde do 20 de abril, aprobanse as bases que rexan a convocatoria de bolsas para formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia. Na base 4 da citada convocatoria prevíase que as bolsas que se concedesen cubrirían o período comprendido entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002 e poderían ser prorrogadas consonte as normas que estableza a correspondente convocatoria por novos períodos dun ano ou fracción ata completar un máximo de 18 meses de prórrogas. As ditas bolsas foron adxudicadas por resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 1 de agosto de 2001 (DOG do 10 de agosto).

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria da prórroga por un período de doce meses das bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, dirixidas ás persoas que foron adxudicatarias da bolsa por Resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 1 de agosto de 2001, de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 277.950,00 euros (271.500,00 A corresponden ó pagamento das bolsas e 6.450,00 A ó pago do seguro dos bolseiros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.06.432A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os anos 2002 e 2003, dos que 69.487,50 A corresponden á anualidade do 2002 e 208.462,50 A corresponden á anualidade do 2003.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

A competencia para resolver esta orde de acordo co disposto no artigo 72.4º e 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, é obxecto de delegación por parte do con

selleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Nas resolucións que se dicten en virtude desta delegación farase constar esta explicitamente.

Artigo 5º

A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 6º

Para os efectos do establecido nos artigos 42.1º, 42.2º e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria. No caso de non recaer resolución dentro do dito prazo entenderanse desestimadas as solicitudes formuladas por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente.

Artigo 7º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados en virtude do disposto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida, ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 8º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, consonte o disposto no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Prórroga das bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan proxectos de investigación vixentes.

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios das bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, concedidas por Resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 1 de agosto de 2001 (DOG nº 155, do 10 de agosto) poderán solicitar unha prórroga por un período de doce meses sempre que aínda non rematasen a súa tese de doutoramento.

2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial RHU-06 (que se publica como anexo II á presente orde), que estará á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e en Internet nos enderezos:

http://www.sxid.org.

http://www.cesga.es/sxid.

http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.

Presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o período transcorrido en que desfrutou da bolsa de nova adxudicación e plan de traballo durante a prórroga solicitada. Deberán ir asinados polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

2.2. Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento), do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación foron axeitadas.

2.3. Declaración do solicitante de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

3. Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de I+D procederán á revisión das solicitudes comprobando se é correcta a documentación presentada. En caso contrario requirirase o solicitante para que achege a documentación complementaria ou emende os erros detectados no prazo de dez días advertíndoo de que

de non facelo procederase consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. Contía da bolsa.

O importe das bolsas incluirá:

4.1. Unha asignación mensual de 905 euros brutos. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2003 no caso de existir crédito axeitado e suficiente co fin de consegui-la total homologación destas bolsas con outras bolsas de ámbito estatal.

4.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

5. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre o 1de outubro de 2002 e o 30 de setembro de 2003.

6. Comisión de selección e resolución.

A selección de candidatos será efectuada pola comisión de selección de investigación creada polo Decreto 37/1998, do 30 de xaneiro.

A comisión valorará os documentos citados nos puntos 2.1 e 2.2 do presente anexo; para obte-la prórroga será necesario que a valoración dos ditos documentos sexa favorable.

7. Aceptación da bolsa e pagamento.

7.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases.

7.2. As bolsas aboaranse mensualmente logo da presentación polo bolseiro dun informe que resuma o traballo realizado no dito período. O pagamento do último mes farase despois de que o bolseiro presente:

-O informe final que resuma a totalidade do traballo realizado co visto e prace do director do traballo.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá conceder, só en casos excepcionais, interrupcións no aproveitamento da bolsa a petición razoada do interesado, logo de informe do seu director de tese.

As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 6 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

Así mesmo no caso de maternidade poderá concederse, logo de petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa, no dito período a un 75%.

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; se o escrito ven acompañado dun informe do director da tese na que expón que o beneficiario participa noutras tarefas de investigación do grupo poderase, por parte da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

9. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 60 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas a ensinanzas prácticas ou suplencias non superiores neste caso a 5 horas, logo de conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. Esta colaboración non suporá, en ningún caso, a asunción polo bolseiro das responsabilidades que corresponden ó profesorado. A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se autoricen.

O bolseiro está obrigado a notificar á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases supoñerá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

10. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental resolverán tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.