Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 03 de setembro de 2002 Páx. 13.196

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA NÚMERO DEZ DE VIGO

EDICTO (540/2001).

Luis Diego Espino Hernández, secretario do Xulgado de Primeira Instancia número dez de Vigo e o seu partido, fai saber que nos autos do xuízo ordinario seguidos perante este xulgado co número 540/2001-I se dictou a seguinte sentencia:

Xuíz que a dicta: Francisco Javier Romero Costas

Lugar: Vigo.

Data: vintecinco de xuño de dous mil dous.

Parte demandante: Banco Pastor, S.A.

Avogado: Elías Barros Estévez.

Procurador: José Antonio Fandiño Carnero.

Parte demandada: Manuel Rodríguez Groba.

Avogado: sen profesional asignado.

Procurador: sen profesional asignado.

Obxecto do xuízo: reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Único.-O procurador José Antonio Fandiño Carnero formulou demanda, en nome e representación do Banco Pastor, S.A. contra Manuel Rodríguez Groba, enviada a este xulgado e rexistrada co nº 540/2001; emprazouse o demandado, quen non compareceu nos autos e foi declarado en rebeldía procesual, e sinalouse a correspondente audiencia previa de xuízo, á que compareceu a demandante ratificándose nas súas accións; recibiuse a proba o expediente e propúxose exclusivamente a documental, tendo por reproducida a pericial, e acordouse trae-los autos á vista para sentencia sen celebración de xuízo, segundo o prevido no art. 429.8º Lac/2000.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A entidade financeira demandante reclama, conforme a póliza de liquidación, responsabilidade e garantía de operacións mercantís nº 263, por un máximo de 10.000.000 de pesetas, subscrita ante fedatario mercantil no 8 de febreiro de 1982, o resto da débeda que a demandante, Banco Pastor, S.A. no puido recuperar da entidade mercantil Groymos, S.L., no proceso sumario hipotecario do artigo 131 da Lei hipotecaria seguido perante o Xulgado de Primeira Instancia número tres dos de Vigo, co nº 436/1986, que deu lugar a unha conta especial hipotecaria cun saldo debedor de 17.374.900 pesetas relativa ós efectos sen pagar da referida mercantil fronte ó Banco Pastor executante o 31 de maio de 1986. Esta pretensión concrétase na suma de 6.374.900 pesetas, despois da deducción dos 11.000.000 de pesetas obtidos na execución hipotecaria, máis os xuros ó 20% pactados na escritura de hipoteca de máximo realizada na súa cláusula 4ª, que, ascendendo á suma de 5.289.692 pesetas o 30 de novembro

de 1987, data de realización do ben, se entenden cubertas pola póliza de afianzamento, ben que se limita a reclamación á suma de 10.000.000 de pesetas, hoxe 60.101,21 euros,

en razón do límite da garantía subscrita. A isto non contesta o demandado, quen permanece á marxe do procedemento, tendo sido declarado en situación procesual de rebeldía despois de se teren esgotado tódalas posibilidades de localización establecidas na Lac/2000. Esta postura procesual non implica acatamento de feitos senón oposición tácita á demanda, segundo derivaba antes de reiterada xurisprudencia e hoxe se recoñece no artigo 496 da Lei de axuizamento civil de 2000.

Segundo.-Ten de comezarse por sinalar que a fianza é un contrato que se constitúe como medio de garantía polo que un terceiro asume o compromiso de responder do cumprimento dunha obriga para o caso de que non o fixer o debedor principal e, como tal contrato, non é alleo ás normas de interpretación do Código Civil, artigos 1281 e ss., esixíndose o carácter expreso e a interpretación restrictiva favorable ó fiador nos casos debedores.

Terceiro.-No presente caso é claro que a póliza de afianzamento está a garantir dun modo global e futuro as operacións que se relacionan na súa cláusula 2ª, alíneas a), b) e c). E mesmo que o tribunal supremo veña admitindo a garantía fidensoria e global en tanto, como sinala a STS 23-II.00, se debe partir do principio de autonomía da vontade (artigo 1255 do Código Civil) e do concepto de contrato de fianza (artigo 1822 do Código Civil), ben como da súa regulación relativa á obrigación garantida como obxecto do contrato, isto será sempre que: a) Non se atente contra a normativa sobre condicións xerais da contratación ou cláusulas abusivas, tal e como aparecen reguladas nas leis 7/1998, do 13 de abril, e 26/1984, do 19 de xullo, modificada por aquela, non aplicables ó caso que nos ocupa por ser anterior á súa entrada en vigor; b) A obrigación garantida será determinada ou determinable, o que significa non só que exista a obrigación e se descoñeza o seu importe, mais tamén que non

nacese a obrigación e poida nacer no futuro, quedando determinada ou determinable por fixarse as partes as relacións xurídicas das cales fagan nace-las obrigacións que se garanten e o seu importe máximo; e c) Se harmonice a indeterminación da obrigación garantida coa fianza co carácter expreso desta, que contempla o artigo 1827 do Código Civil, de tal xeito que só se admite a obrigación que sexa determinable por, como mínimo, a concreción subxectiva das partes entre as que nacerá a obrigación e pola concreción obxectiva da contía aínda que só sexa como máximo.

Cuarto.-Así as cousas, a parte demandante pretende que a obrigación de afianzamento alcanza o principal de 6.374.900 pesetas, punto que comparte este xulgador na medida en que se trata do resto sen pagar dunha débeda derivada das operacións mercantís da entidade afianzada Groymos, S.L. co Banco Pastor, por efectos sen pagar conforme a cláusula 2ª, alínea a) da póliza de afianzamento, e isto con base na proba documental fornecida (artigo 319 e 326 Lac/2000), obrigacións que, por outra parte, pola súa vez estaban garantidas tamén na escritura de hipoteca de máximo do 17 de abril de 1983,

cláusula 2ª. Cuestión distinta é a relativa ós xuros ó 20% derivados da hipoteca de máximo (cláusula 4ª) e producidos desde a data do feche da conta especial hipotecaria que entende a demandante que deriva ata a adxudicación dos inmobles garantidos na poxa hipotecaria do 30-XI-1987. Sen dúbida o demandante entende que estes xuros ata a suma total garantida de 10.000.000 de pesetas se encontran incursos na alínea c) da cláusula 2ª da póliza de afianzamento, como devengo da que chama conta especial hipotecaria, mais esta conclusión non se pode compartir. E isto é así por canto estamos a falar de dúas garantías de débedas principais, como son a hipoteca de máximo, do 17 de xuño de 1983, que claramente refería na súa cláusula 5ª que, como tal garantía «non implica en forma ningunha alteración ou modificación das operacións mercantís ás que se refire a disposición primeira deste outorgamento, ou das que na súa garantía se constitúen ou se constituísen, reservando o Banco Pastor, S.A. para

si cantos dereitos e accións lle correspondan en razón das expresadas obrigacións, podendo exercer libremente tódalas accións cambiarias ou doutra especie, dimanantes das obrigacións contraídas, efectos e documentos que os representen, e da presente escritura, sen que polo exercicio dalgunha delas poida entederse que se renuncia ás demais que ó Banco Pastor, S.A. poidan corresponder»; e a póliza de afianzamento de operacións mercantís do 8 de febreiro de 1982, o obxecto da cal son precisamente as ditas operacións mercantís, e que na súa cláusula 6ª tamén recolle a compatibilidade con outras garantías «as partes fan constar que poderían libremente outorgar separadamente, xa sexa en escritura pública, póliza mercantil, etc., outros contratos de liquidación, responsabilidade e garantía, afianzando as mesmas operacións mercantís co Banco Pastor, S.A., xa sexa como superposición de garantía ou con obxecto de garantir un maior volume das operacións previstas nesta póliza, complementando a

presente, sen que isto supoña anulación, modificación ou variación desta, que continuará en toda a súa vixencia con independencia». É máis, a alínea c) da cláusula 2ª non pode levar á conclusión de que coa póliza de afianzamento mercantil se están a garantir outras garantías converxentes, pois isto non concorda co obxecto da póliza, afianzamento de operacións mercantís principais, nin coas normas xerais de interpretación dos contratos, ademais restrictivas na materia que nos ocupa, como xa se explicou (artigos 1283, 1285 e 1288 do Código Civil). Por último, tampouco hai que esquece-lo artigo 1825 do Código Civil, que esixe para a reclamación ó fiador que a obrigación garantida estea perfectamente determinada e sexa líquida, sendo claro, do explicado máis arriba, que non converxe a determinación esixible na materia que nos ocupa, pois se trata dunha obriga accesoria doutra principal na que se xera unha ficción de saldo ou conta de liquidación, unicamente viable para estes efectos

liquidatorios, alleo por tanto ó contido da alínea c) cláusula 2ª do afianzamento, que, por tanto, non pode alcanzar.

Quinto.-Por todo isto hai que acoller en parte a demanda, sen facer expresa imposición das custas (art. 394 Lac/2000).

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, decido que estimando en parte a demanda deducida polo procurador José Antonio Fandiño Carnero, en nome e representación do Banco Pastor, S.A. fronte a Manuel Rodríguez Groba, debo condenar e condeno a lle aboar á entidade demandante a suma de 38.313,92 euros (6.374.900 pesetas), máis os xuros legais do art. 576Lac/2000 desde a data de notificación desta resolución, sen facer expresa imposición das custas.

Modo de impugnación: mediante recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra (artigo 455 Lac).

O recurso prepararase por medio de escrito presentado neste xulgado no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ó da notificación, limitado a cita-la resolución apelada e manifestando a vontade de recorrer, con expresión dos pronunciamentos que impugna (artigo 457.2º Lac).

Así, por esta miña sentencia, o pronuncio, mando e asino».

E para que sirva de notificación do demandado rebelde con paradoiro descoñecido Manuel Rodríguez Groba, expido este edicto para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia en Vigo o doce de xullo de dous mil dous.

O secretario xudicial

Rubricado

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO CATRO

DE IRÚN