Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2002 Páx. 12.553

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se anuncian medidas de apoio ás entidades locais de Galicia, consistentes na dotación de equipos informáticos destinados a facilita-la implementación do portal dos concellos Eido Local.

A Xunta de Galicia, mediante convenio asinado no ano 1996, iniciou a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións para un proceso de modernización da Administración, así como a intensificación da cooperación coa Administración local, que culminou coa implantación dun sistema de información ó cidadán, denominado portelo único.

Posteriormente, no ano 2001, avánzase no proceso iniciado no ano 1996, e mediante addenda, créase o portal informático Eido Local, que supón a implantación da administración electrónica nas relacións entre as entidades locais e a Xunta de Galicia.

A integración do portal dos concellos Eido Local como novo marco de prestación de servicios a través da rede da Internet incorpora un novidoso instrumento de xestión que permite axiliza-los trámites e simplifica-la tramitación de servicios e documentos administrativos nas relacións establecidas entre a Administración autonómica e a Administración local.

Como consecuencia da incorporación deste novo mecanismo de relación e comunicación no funcionamento ordinario dos concellos interesados, faise necesaria a disposición de medios técnicos e materiais necesarios que constitúan unha infraestructura telemática con capacidade suficiente para desenvolver un servicio rápido e eficaz.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as relacións coas corporacións locais.

Tendo en conta isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende continuar co seu labor de colaboración coas entidades locais de Galicia, regulando por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para cesión de equipos informáticos destinados a facilita-la implementación do portal dos concellos Eido Local.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento informático das entidades locais de Galicia, co fin de facilita-la implementación do portal dos concellos Eido Local. Para tal fin, cederá en propiedade equipos informáticos ás entidades locais de Galicia en réxime de concorrencia competitiva, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35.bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las cesións ás que se refire esta orde aquelas entidades locais que cumpran cos seguintes requisitos:

-Aquelas que teñan asinado o correspondente convenio coa Xunta de Galicia, referente ó portelo único, e que na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes se atopen dados de alta no portal dos concellos -Eido Local- (www.eidolocal.es ou www.eidolocal.com).

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de cento vinte mil douscentos tres euros (120.203 A), con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.626.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, que se dedicarán á adquisición de equipamento informático para as entidades locais de Galicia.

Para tal efecto iniciará a consellería, e con carácter previo, o correspondente procedemento de contratación dos equipos informáticos obxecto da cesión.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as entidades locais que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da entidade local relativa ó acordo adoptado polo órgano competente, polo que:

a) Se acorda solicita-la cesión en propiedade regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Facúltase o presidente da entidade para acepta-la cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións establecidas nesta orde.

2.2. Memoria na que se relacione o material informático con que conta a entidade local na actualidade.

2.3. Breve memoria xustificativa da necesidade do equipamento informático solicitado, en relación ós obxectivos do portal dos concellos Eido Local.

2.4. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixiren os erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o dipos

to na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Administración local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá mediante orde que se publicará no DOG, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en propiedade dun/s equipo/s informático/s, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o diposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-la entidade local solicitante:

a) Comprometerse ó mantemento e conservación do equipo informático cedido.

b) Compromiso de destina-lo equipo informático ó fin para o que foi cedido, así como de contribuír ó avance das relacións telemáticas entre a Administración local e autonómica (envío de actas, envío de anuncios ó DOG, tramitación de expedientes..) a través do portal dos concellos Eido Local.

c) Compromiso de dispoñer de sinatura dixital para o presidente e o secretario da corporación local no prazo máximo de dous meses desde a recepción do equipo informático.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo

proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 7º.-Aceptación.

O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción, para comunica-la aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación poderá anularse a resolución.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Número de persoas da entidade local dadas de alta e en posesión do correspondente certificado de sinatura dixital, ademais do presidente e o secretario da corporación : ata o 50%.

b) Número de equipos informáticos cos que conta a entidade local e que vaian destinados a este fin: ata o 25%.

c) Persoal da entidade local que realice ou vaia realizar tarefas relacionadas co portal dos concellos Eido Local: ata o 25%.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo director xeral de Administración local e o órgano competente das distintas entidades locais, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os equipos informáticos cedidos non se aplicasen co fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou os utilizasen con graves quebrantamentos, ou se incumprisen calquera dos compromisos adquiridos pola entidade local en virtude das condicións sinaladas no artigo 6.3º da presente orde, considérase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, se é o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, haberase que ater ó diposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais