Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2002 Páx. 12.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para perruquerías de donas, cabaleiros, unisex e beleza.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para perruquerías de donas, cabaleiros, unisex e beleza (código de convenio nº 8200535), que se subscribiu con data do 14 de maio de 2002, entre a representación da parte empresarial e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio,

sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2002.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para perruquerías de donas, cabaleiros, unisex e beleza

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º

Este convenio establece as normas laborais polas que se rexerán tódalas empresas dedicadas ó sector de perruquería de donas, cabaleiros, unisex e beleza, estean ou non encadradas na Fepega.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Queda comprendido neste convenio aquel persoal que preste o seu traballo e exerza as funcións características desta actividade en sanatorios, colexios, círculos de recreo, hoteis, balnearios, espectáculos públicos, grandes almacéns, etc., salvo que especificamente estivesen reguladas as súas actividades por outras disposicións propias das empresas de que dependan.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Vixencia.

A vixencia deste convenio estenderase do 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2004. Con independencia da data da publicación, os efectos económicos iniciaranse o 1 de maio de 2002. A cotización á Seguridade Social das diferencias salariais existentes a partir do 1 de maio deberá facerse non máis tarde do último día do mes seguinte á data da súa publicación.

Se o convenio non fose denunciado no prazo de tres meses antes do seu vencemento, entenderase prorrogado de ano en ano, incrementándose os salarios no mes de xaneiro do mesmo modo conforme o índice de prezos ó consumo aprobado polo Instituto Nacional de Estatística referido ós doce meses anteriores.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude deste convenio serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con todas aquelas melloras voluntarias que tiñan concedidas as empresas, tanto se son aboadas en metálico coma en especie. Sen prexuízo da facultade de amplia-las melloras establecidas neste convenio, as empresas que aboen ó seu persoal salarios superiores ós esixidos regulamentariamente, non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que se fixen nestas estipulacións salvo na contía necesaria para supli-las diferencias.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica dalgún ou de tódolos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados e sumados ós vixentes con anterioridade ó convenio, superasen o nivel deste.

No caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Garantía ad personam: respectaranse as retribucións que en cómputo global, con respecto ós conceptos económicos cuantificables, fosen superiores ás establecidas neste convenio.

Capítulo II

Do persoal

Sección primeira

Disposicións xenéricas

Artigo 6º

Debido á necesaria adaptación das categorías profesionais do convenio colectivo de ámbito autonómico ó disposto no convenio colectivo xeral de traballo para perruquerías, institutos de beleza, ximnasios e similares, a estructura profesional do sector será a establecida no anexo deste convenio.

A clasificación profesional do persoal que se consigna neste convenio non supón a obriga de ter provistas tódalas prazas ou postos de traballo especificados, axustándose estes ás necesidades da empresa.

Así mesmo, son enunciativos os distintos cometidos asignados ás categorías profesionais como principais ou de especialidade, sen que isto supoña a realización en exclusiva destes cometidos, pois tódolos traballadores/as veñen obrigados a realizar cantas funcións lles sexan ordenadas pola empresa, sempre e cando non redunde en prexuízo da súa formación profesional ou en menoscabo da súa dignidade, e sen supera-los límites de tempo establecidos no Estatuto dos traballadores.

Sección segunda

Contratación, clasificación segundo

as permanencias

Artigo 7º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

Segundo o disposto no artigo 32 do convenio colectivo xeral para perruquerías, institutos de beleza, ximnasios e similares, os contratos de traballo concertados de acordo co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores e nos artigos 1 b) e 3 do Real decreto 2720/1998, terán unha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 16 meses.

Poderán acollerse ó disposto nesta disposición, tanto os contratos pactados desde a publicación deste convenio coma aqueles que estean xa en vigor na data da súa publicación e aínda non esgotasen a súa duración máxima.

O disposto neste artigo manterá a súa vixencia independentemente da finalización da vixencia do resto das cláusulas contidas neste convenio, ata o asinamento dun novo convenio, salvo que por disposición legal se modificase a regulamentación desta modalidade contractual.

Artigo 8º.-Contrato para la formación laboral.

Segundo o disposto na letra b) do artigo 11 do Estatuto dos traballadores, modificado pola Lei 63/1997, do 31 de decembro, e atendendo as especiais necesidades de formación dos traballadores do sector, as partes asinantes deste contrato acordan amplia-la duración máxima do contrato para a formación a tres anos.

Esta ampliación da duración máxima será de aplicación tanto para os contratos vixentes no momento de publicación deste convenio coma para todos aqueles que se asinen no futuro.

Artigo 9º.-Contratación indefinida.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se tivesen concertado con carácter temporal ou por tempo determinado, acollerase ó disposto na lexislación vixente no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Sección terceira

Clasificación do persoal segundo a súa función

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio, segundo as funcións que desenvolvan e tendo en conta as definicións que establecen os artigos seguintes, clasificaranse en grupos profesionais.

A nova estructura profesional procura obter unha máis razoable estructura productiva, todo iso sen prexudica-la dignidade, oportunidade de promoción e xusta retribución que lle corresponda a cada traballador. Os actuais postos de traballo e tarefas axustaranse ós grupos profesionais establecidos neste convenio.

A clasificación levarase a cabo por interpretación e aplicación dos criterios xerais e polas tarefas básicas máis representativas. No caso de concorrencia nun posto de traballo de tarefas básicas correspondentes a diferentes grupos profesionais, a clasificación realizarase en función das actividades propias do grupo profesional superior.

A clasificación non suporá, en ningún caso, que se exclúa nos postos de traballo de cada grupo profesional a realización de tarefas complementarias, que serían básicas para postos incluídos nos grupos profesionais inferiores.

Artigo 11º.-Grupos profesionais.

-Grupo profesional 0.

Criterios xerais: os traballadores pertencentes a este grupo planean, organizan, dirixen e coordinan as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. As súas funcións comprenden a elaboración da política de organización, os plans xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido, a política adoptada; o establecemento e

mantemento de estructuras productivas e de apoio, e o desenvolvemento da política empresarial, financeira ou comercial.

Toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan altos postos de dirección ou execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, establecementos, etc. en que se estructura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

-Grupo profesional 1.

Criterios xerais: tarefas que se executan segundo instruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica e ocasionalmente dun período de adaptación.

Grupo profesional 2.

Criterios xerais: traballos de execución autónoma que esixan, usualmente, iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando, baixo supervisión, a responsabilidade deles e podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Grupo profesional 3.

Criterios xerais: funcións que supoñen a responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas de persoal pertencente ó grupo profesional O ou da propia dirección, segundo o tamaño da empresa, ás que deben dar conta da súa xestión. Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade e incluso a participación na definición dos obxectivos concretos que hai que alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Capítulo III

Ingresos, ascensos e traslados

Artigo 12º.-Ingresos.

O ingreso do persoal nas empresas realizarase de acordo coas disposicións vixentes en materia de emprego, na data do asinamento deste convenio.

Artigo 13º.-Período de proba.

O ingreso na empresa considerarase provisional ata que non se teña cumprido o período de proba que para cada grupo profesional queda especificado a continuación :

-Grupo profesional 0: seis meses.

-Grupo profesional 1: un mes.

-Grupo profesional 2: tres meses.

-Grupo profesional 3: seis meses.

Neste tempo de proba é de aplicación tanto a todo o persoal contratado coma fixo, mesmo cando non se estableza contrato por escrito. Nos demais casos

aplicarase o pactado entre as partes, sen que en ningún momento poidan ampliarse estes períodos. Durante o período de proba, tanto o traballador coma a empresa poderán rescindir unilateralmente o contrato de traballo sen aviso previo nin indemnización de ningunha clase. Unha vez concluído este, o contrato producirá plenos efectos.

A situación de incapacidade temporal que afectase o traballador durante o período de proba, interromperá o seu cómputo, restablecéndose a partir da data de reincorporación efectiva ó traballo.

Artigo 14º.-Ascensos.

A provisión de vacantes para os postos de dirección ou que impliquen mando serán de libre designación polo empresario. Non obstante, poderá convocar concurso entre os traballadores do grupo.

Para o resto dos traballadores, as empresas establecerán sistemas que, entre outras, poden ter en conta as seguintes circunstancias: supera-las probas que se propoñan para o efecto de modo satisfactorio, titulación, coñecemento do posto de traballo, antigüidade.

Artigo 15º.-Mobilidade xeográfica.

O traslado de traballadores que non fosen contratados especificamente para prestaren os seus servicios en empresas con centros de traballo móbiles ou itinerantes a un centro de traballo distinto da mesma empresa que esixa cambios de residencia, requirirá da existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen, ou ben contratacións referidas á actividade empresarial.

Entenderase que concorren as causas ás que se refire este artigo cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellora-la situación da empresa a través dunha máis axeitada organización dos seus recursos que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás esixencias da demanda.

A decisión de traslado deberá notificarse ó traballador, así como ós seus representantes legais, cunha antelación mínima de 30 días á data da súa efectividade. Notificada a decisión de traslado, o traballador terá dereito a optar entre o traslado, percibindo unha compensación por gastos, ou a extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 20 días de salario por ano de servicio cun máximo de 12 mensualidades.

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a empresa poderá efectuar desprazamentos temporais dos seus traballadores que esixan que estes residan en poboación distinta da do seu domicilio habitual, aboando, ademais dos salarios, os gastos da viaxe e as axudas de custo.

En tódalas cuestións non reguladas neste artigo, observarase o disposto no artigo 40 do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballos a domicilio.

Cando, dentro da xornada laboral e por circunstancias extraordinarias, sexa necesaria a realización dun traballo fóra do domicilio social da empresa, o traballador deberá levalo a cabo; os gastos de desprazamento serán por conta da dita empresa. Cando esta necesidade se produza fóra da xornada legal establecida, a súa realización será pactada por ámbalas dúas partes.

Capítulo IV

Xornadas e horas extraordinarias

Artigo 17º.-Xornada.

A xornada máxima para todo o persoal afectado por este convenio será de 40 horas semanais, de termo medio en cómputo anual. A xornada máxima anual será a que resulte de multiplica-lo total dos días laborables anuais pola xornada diaria. O horario de entrada ó traballo pola mañá non será antes das 9 horas e de saída pola tarde non o será despois das 20.30 horas.

O traballador permanecerá no establecemento e atenderá aqueles clientes que entrasen antes da hora de peche, sen que esta obriga poida supera-los 45 minutos, compensándose este tempo traballado por tempo de descanso.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

A realización de horas extraordinarias, tanto estructurais coma non estructurais, queda sometida á normativa vixente. No suposto de que se leven a cabo horas extraordinarias, compensaranse con tempo equivalente de descanso retribuído, salvo pacto en contrario.

Artigo 19º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio terá dereito a gozar de 30 días naturais ó ano, dos cales desfrutará, como mínimo, de quince días ininterrompidamente, se o desexase o traballador/a na época na que acorden as partes, sendo sempre retribuídas. O traballador/a que non leve un ano na empresa desfrutaraas proporcionalmente ó tempo traballado.

Cando na empresa se produza peche por vacacións, o seu desfrute por parte dos traballadores será nas ditas datas de peche vacacional.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan, alomenos, dous meses antes do comezo do seu aproveitamento. As empresas primarán a todos/as aqueles/as empregados que desfruten as súas vacacións no período non incluído entre o 1 de xuño e o 1 de setembro.

Capítulo V

Licencias e excedencias

Artigo 20º.-Licencias.

O traballador/a, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

-15 días naturais en caso de matrimonio.

-2 días no caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao. Cando por estas causas o traballador/a necesite facer algún desprazamento, estes prazos poderanse ampliar ata 4 días.

-1 día por traslado do domicilio habitual.

-Polo tempo indispensable polo cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal e convencional un período determinado, establécese o que esta dispoña, en canto á súa duración e á súa compensación económica.

-Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación para o parto que deban levarse a cabo na xornada de traballo.

-Por lactación dun fillo menor de nove meses, as traballadoras terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción de xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado pola nai ou polo pai se ámbolos dous traballan.

Artigo 21º.-Excedencias.

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas.

As voluntarias: poderán solicitar excedencia voluntaria os traballadores/as cunha antigüidade dun ano. Son condicións indispensables para a súa concesión as seguintes:

-Solicitude escrita, con expresión dos motivos.

-Compromiso formal de que durante o tempo de excedencia o traballador/a non se vai dedicar á mesma actividade da empresa que lla concedeu, nin por conta propia, nin por conta allea; tal incumprimento será a causa da extinción da relación laboral, con perda do dereito obtido.

O tempo de excedencia non poderá ser inferior a dous anos nin superior a cinco. O traballador/a excedente conserva o dereito preferente ó reingreso nas vacantes dela ou similar categoría que se producise na empresa; para tal efecto, deberá solicitala dentro do período comprendido dentro do mes seguinte ó cesamento. Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador/a deberá cubrir un novo período de, polo menos, catro anos de servicio efectivo na empresa.

As peticións de excedencia resolveranse dentro dos quince días seguintes ó da súa presentación e serán atendidas dentro das necesidades do servicio.

As mesmas normas, en canto a requisito de petición, son de aplicación á excedencia solicitada polos traballadores/as por un período non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, contado desde a data do nacemento deste.

As forzosas: darán dereito á conservación do posto e ó cómputo de antigüidade da súa vixencia, e concederáselle o traballador/a en quen concorran as seguintes circunstancias:

-Nomeamento para cargo público que teña que realizarse por decreto ou elección.

-Exercicio de cargo electivo nas centrais sindicais, na Seguridade Social ou organismos da Administración que, pola súa importancia, fagan imposible a asistencia ó traballo.

-Servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria legalmente establecida, ou a similar voluntaria para anticipa-lo seu cumprimento polo tempo mínimo de duración deste e dous meses máis contados desde a data de licenciamento.

Nos supostos de suspensión por exercicio de cargo público representativo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, o traballador/a deberá incorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no servicio, cargo ou función.

A reincorporación do traballador/a fixo/a procedente dunha excedencia determinará o cesamento automático do interino que fose contratado para substituílo, pero este deberá ser avisado, polo menos, con quince días de antelación, e gozará de preferencia para o ingreso na empresa.

Capítulo VI

Réxime económico

Artigo 22º.-Salarios.

O salario dos traballadores afectados por este convenio para o ano 2002 será o establecido nas táboas salariais que figuran como anexo. Nos anos 2003 e 2004 o incremento salarial virá determinado polo IPC previsto polo Goberno máis un punto.

Artigo 23º.-Antigüidade.

Este convenio colectivo non inclúe, dentro da súa estructura salarial, o complemento de antigüidade, desaparecido da regulación desde o 31 de decembro de 1998. Polo tanto, a configuración do complemento de antigüidade queda establecida do modo seguinte:

1. Os traballadores contratados a partir do 1 de xaneiro de 1999 non xeran aumentos periódicos polo concepto de antigüidade. Tampouco xeran incrementos periódicos por antigüidade aqueles que, aínda que fosen contratados nun momento anterior, non a tivesen adquirido o 1 de xaneiro de 1999.

2. Aqueles traballadores que o 31 de decembro de 1998 viñesen cobrando algunha cantidade en concepto de antigüidade, conservarana conxelada para anos sucesivos, como complemento de antigüidade inamobible (CAI), sen que esta cantidade poida sufrir incrementos en anos seguintes.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio percibirá un complemento de trans

porte de 360,61 euros anuais, distribuídos nos once meses de traballo efectivo.

Artigo 25º.-Gratificacións extraordinarias.

Percibiranse dúas gratificacións extraordinarias ó ano, consistentes en dúas mensualidades de salarios consignadas no anexo, que se satisfarán na primeira quincena do mes de xullo, e na segunda do mes de decembro, pero antes do día 22. As pagas extraordinarias poderanse ratear mensualmente no caso de acordo entre empresa e traballador.

Capítulo VII

Faltas e sancións

Artigo 26º.-Faltas.

As accións ou omisións punibles nas que incorran os traballadores/as comprendidos neste convenio clasificaranse, segundo a súa índole nas circunstancias que nelas concorran, en leves, graves e moi graves.

Artigo 27º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves:

1. Os descoidos, deficiencias ou demora na execución de calquera servicio, sempre que non se produza reclamación do cliente.

2. Tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un mes, inferiores no seu conxunto a trinta minutos e sempre que destes atrasos non se deriven prexuízos graves para o servicio.

3. Non cursar no tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

4. Os pequenos descoidos na conservación do material.

5. Non lle comunicar á empresa os cambios de domicilio.

6. As discusións cos compañeiros/as de traballo, sempre que non sexan en presencia do público nin durante a prestación dun servicio.

7. Faltas ó traballo sen a debida autorización nin causa xustificada, sempre que non sexa en venres, sábado, véspera de festa ou posterior a esta.

8. Non comunicar coa puntualidade debida as variacións de situación para os efectos da Seguridade Social, que deban ser postas en coñecemento das empresas. A falta maliciosa destes actos reputarase como grave.

Artigo 28º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves:

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, non xustificadas e cometidas no período dun mes.

2. Faltar dous días ó traballo sen causa xustificada ou nun dos días sinalados no número 7 do artigo anterior.

3. Abandona-lo traballo sen permiso do empresario, aínda que sexa por tempo breve.

4. A falta de aseo e limpeza esixida pola empresa do establecemento.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós superiores que non implique gran quebranto no traballo.

7. A neglixencia ou descoido no servicio que produza reclamación xustificada do cliente.

8. Descoido importante na conservación do material ou artigos do establecemento.

9. A falta de respecto ou consideración ó público.

10. Discusións cos compañeiros/as diante do público.

11. A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, mediando amoestación.

Artigo 29º.-Faltas moi graves.

Serán así consideradas as seguintes:

1. Máis de 10 faltas de asistencia ó traballo inxustificadas, nun período de 6 meses ou 20 nun período dun ano.

2. A embriaguez ou drogadicción durante o servicio ou fóra del, sempre que, neste último caso, fose habitual.

3. A falta de aseo e limpeza que produza reiteradas queixas dos clientes.

4. O traballo por conta propia ou para outra empresa, sen autorización escrita daquela á que pertence.

5. O roubo, furto ou malversación.

6. Os malos tratos verbais ou de obra, abuso de autoridade, a falta de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares, así coma ós compañeiros, subordinados e clientes.

7. O pronunciamento de palabras obscenas, soeces ou blasfemias, en circunstancias habituais.

8. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.

9. As rifas ou pendencias cos compañeiros/as ou clientes.

10. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se produzan nun período de 6 meses.

Artigo 30º.-Sancións.

As sancións máximas que se poderán impoñer ós que incorran nalgunha das faltas anteriormente numeradas ou similares, posto que a relación anterior ten carácter indicativo, son as seguintes:

1. Por faltas leves, amoestación verbal ou por escrito.

2. Por faltas graves, suspensión de emprego e soldo de 3 ata 15 días.

3. Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo de 16 a 30 días; despedimento coa perda de tódolos dereitos na empresa.

Artigo 31º

Correspóndelle á dirección da empresa a facultade sancionadora, que deberá comunicarlle ó traballador/a por escrito a súa decisión, indicando as faltas cometidas e as datas da súa comisión.

Nos casos de despedimento seguirase o mesmo trámite, pero dándolle a posibilidade ó traballador/a de explicar por escrito as súas razóns no prazo de 24 horas; de ser estas convincentes, o empresario deberá reconsidera-la súa decisión, tamén por escrito.

Artigo 32º.-Prescrición das faltas.

1. As faltas leves, ós 10 días.

2. As faltas graves, ós 20 días.

3. As faltas moi graves, ós 60 días.

Para o efecto de cómputo do prazo, entenderanse os días como hábiles.

Capítulo VIII

Disposicións varias

Artigo 33º.-Complemento: incapacidade temporal.

Nos supostos de accidentes de traballo e enfermidade profesional, o traballador percibirá por conta da empresa ata o 100% do salario real desde o primeiro día.

Artigo 34º.-Ferramentas de traballo.

O aprovisionamento das ferramentas de traballo, é dicir, as navallas, tesoiras, cepillos, peites e, en xeral, tódalas ferramentas manuais, farase segundo os usos e costumes de cada empresa.

Artigo 35º.-Uniformes, vestiarios e aparencia externa do persoal.

Uniforme: no caso de impoñe-la empresa uniforme, este será por conta dela, e o traballador/a usarao limpo; será pola súa conta esta limpeza. No caso de que o traballador cese na empresa, estará obrigado a devolve-lo uniforme.

Vestiarios: a empresa comprométese a facilitar un cuarto apropiado ás necesidades do persoal.

Aparencia externa do persoal: todo o persoal terá que presentarse ó traballo perfectamente peiteado e maquillado, de xeito que poida, con aspecto digno e presentable, poñerse de inmediato a atende-la clientela.

As condicións especiais na materia negociaranse no seo de cada empresa. En cada centro de traballo, por acordo entre a dirección e os traballadores, establecerase un día á semana, fóra das horas de traballo, para o arranxo persoal dos traballadores.

Artigo 36º

Tendo en conta a necesidade de reciclaxe profesional dos traballadores do sector, a empresa, can

do así o considere oportuno, poderá asumi-lo custo inherente á dita formación. Neste suposto o traballador beneficiario adquire o compromiso de permanecer na empresa por un período de dous (2) anos, que se computará a partir da data de finalización do curso formativo. En caso contrario, o traballador deberá aboa-la parte proporcional do tempo pendente ata chegar ós dous (2) anos en relación co custo da formación recibida.

Artículo 37º

Os representantes dos traballadores/as, membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán a garantía das súas actuacións no contido do artigo 68 do vixente Estatuto dos traballadores, e que se dá aquí por reproducido. As súas consecuencias serán as determinadas no anterior artigo 64 do mesmo texto legal, salvo que por disposición legal se modifique; neste caso, aplicarase a dita disposición.

Naquelas empresas nas que existan comités de delegados de persoal, serán estes os órganos base da representación dos traballadores/as.

Os vocais do comité e os delegados de persoal, se é o caso, coñecerán previamente as causas dos despedimentos, así como as solicitudes do expediente de crise, salvo que por disposición legal se modifique; neste caso, aplicarase tal disposición.

Artigo 38º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión paritaria do convenio, como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe. A dita comisión estará composta por catro membros de cada parte. Pola parte social, os seus representantes determinaranse en función da representatividade de cada un deles no sector. Pola parte empresarial haberá un representante por cada provincia da Comunidade Autónoma, fixándose como domicilio da parte empresarial na praza das Damas nº 1, 32005 Ourense; e pola parte sindical, rúa Hernán Cortés 26, Vigo; rúa Xeneral Pardiñas 26-1º, Santiago de Compostela.

Cando unha parte lle solicite á outra a convocatoria motivada da comisión paritaria, deberá facer consta-los asuntos que se van tratar e, se é o caso, as súas demandas concretas, compromenténdose as partes a comparecer, salvo causa xustificada que llelo impida.

Artigo 39º.-Cláusula de submisión ó AGA.

Por mor da importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

Artigo 40º.-Dereito supletorio.

Para todo o non disposto neste convenio, as partes sométense ó disposto no Real decreto lexislati

vo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, que as partes acordan manter como lexislación subsidiaria para todo o non previsto no convenio colectivo xeral de traballo para perruquerías, institutos de beleza, ximnasios e similares.

Artigo 41º.-Cláusula de desvinculación.

Os compromisos en materia salarial contidos neste convenio non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos en termos reais dos resultados dos dous últimos exercicios, correspondendo, no dito suposto, o mantemento do mesmo nivel retributivo do último convenio. Considerarase xustificación suficiente a achega da documentación presentada polas empresas perante os organismos oficiais (Ministerio de Facenda e Rexistro Mercantil). Os representantes legais dos traballadores están obrigados a tratar e manter coa maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso por mor do anteriormente establecido.

ANEXO

Segundo o disposto no artigo 22º deste convenio, os salarios dos traballadores do sector quedan fixados nas contías establecidas na táboa anexa:

Grupo profesionalSalario base

* Grupo profesional I
Recepcionista

Telefonista

Ordenanza

506 euros

* Grupo profesional II
Oficial de 2ª e oficial administrativo

Oficial de 3ª

Axudante

Masaxista

Manicura, pedicura, depilación

Esteticista

Caixeira

Vendedores

510 euros

* Grupo profesional III
Oficial de 1ª

Encargada de salón

533 euros