Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2002 Páx. 12.512

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 01/567).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas que a seguir se detallan:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Enderezo social: avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: L.M.T. Berdillo-Sofán-Tarambollo-Aldemunde (tramo Sofán-Tarambollo).

Situación: Carballo.

Características técnicas: liñas eléctricas aéreas de media tensión a 15/20 kV, sobre apoios de formigón e con conductor LA-56 e LA-110:

-De 2.870 m de lonxitude, con conductor LA-110, coa orixe no tramo de liña entre C.T. Campo da Feira e C.T. Aldemunde-Río e final no apoio nº 1 do tramo Tarambollo-Aldemunde.

-De 96 m de lonxitude, con conductor LA-56, coa orixe no apoio nº 11 do tramo C.T. Campo da Feira e C.T. Aldemunde-Río e final no C.T. Xeixal.

-De 97 m de lonxitude, con conductor LA-56, coa orixe no apoio nº 12 do tramo C.T. Campo da Feira e C.T. Aldemunde-Río e final no C.T. Paradela. No termo municipal de Carballo.

O expediente someteuse ós trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto do 1 de decembro (BOE nº 310), sobre autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

A propietaria do predio nº 75, Dosinda Pallas Esmorís, manifesta que sobre o seu predio varia o trazada existente. Que non se xustifica esta modificación e que lle inutilizan complemetamente a leira. Que a L.M.T. lle parte a leira en dúas, en lugar de seguir o trazado recto xa existente. Solicita que, logo de estudio, se deixe sen efecto o trazado proxectado e se manteña o tendido existente sen gravar máis o predio nin causarlle máis prexuízos dos que xa no seu día tivo que soportar.

Unión Fenosa Distribución, S.A. manifesta que a instalación tentou aproveitar o trazado da liña existente e nos tramos onde non foi posible se dan as limitacións á constitución da servidume de paso (Decreto 1955/2000, do 1 de decembro), polo cal o trazado foi variado para afastalo dos núcleos de poboación. Dada a excesiva parcelación dos predios na zona, foi practicamente imposible segui-los límites dos predios. Un bo indicativo da idoneidade do trazado podería selo feito de que dos 99 afectados, se chegou a un acordo amigable con 86 propietarios, o que supón o 86,8%. Cita o Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, R.T.L.E.A.T. e en especial o artígo nº 4.

O propietario do predio nº 90, Agustín Varela Fieira e o propietario dos predios 86, 87 e 92, Antonio Ramilo Queijo, manifestan que non existe dificultade técnica ningunha para que a liña proxectada se faga utilizando e seguindo o mesmo trazado xa existente sobre poste de madeira. Que a finalidade é proxectar unha nova liña polo trazado parcialmente existente. Pódese observar nos planos que a liña pretendida non aproveita e se aparta do trazado antigo. Que ó seu entender o trazado novo responde a interese particular. Que ningún interese social nin utilidade pública pode predicarse da nova liña proxectada. Que a servidume de paso debe darse polo punto menos prexudicial. Que o trazado proxectado infrinxe a Lei 54/1997, o obxecto de garanti-la subministración eléctrica, a súa calidade e ó menos este farase sen esquence-la protección do ambiente. Que a instalación sexa subterránea. Que se infrinxe o artigo nº 56.3º da Lei 54/1997, xa citada. A liña pretendida é factible seguindo o

trazado xa existente e mesmo se podería variar por bens de uso público.

Unión Fenosa Distribución, S.A., en referencia ó trazado existente, manifesta que en ningún proxecto os trazados se fan dunha forma caprichosa nin en atención a ningún servilismo. Que o trazado existente sobre postes de madeira se aproveita parcialmente, pódese comprobar nos planos. Que nos tramos onde non se pode apreveita-lo trazado existente se dan as limitacións á constitución da servidume de paso recollidas no R.D. 1955/2000, do 1 de decembro, e que orixinan a imposibilidade de impoñer servidume de paso de liñas de alta tensión. Que non foi posible proxectar a traza siguindo lindeiros de predios debido á excesiva parcelación na zona. (Isto logrouse unicamente nos predios nº 89, 90, 91 e 92). Bo indicativo da idoniedade do trazado podería selo feito de que dos 99 afectados, chegouse a acordo amigable cos propietarios de 86. No relativo á protección do ambiente, este proxecto cumpre coa normativa que lle é de aplicación, sen que poida afirmarse que a instalación é perxudicial para

a saúde. Que, en caso de non chegarse a un acordo, poderá presentar no seu momento folla de aprecio valorando os prexuízos que estime que lle causa a instalación, a fin de que o Xurado Provincial de Expropiación determine o prezo xusto. Que no predio nº 90 o trazado se axusta á estrema.

Ademais que no predio nº 86, o apoio se proxecta a estrema entre parcela e o nº 85, que a superficie de afección do predio nº 87, se reduce en 40 m e que no predio nº 92 o trazado se axusta á súa estrema.

Vista a Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar, aproba-lo proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figurán no anteproxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime ó seu dereito.

A Coruña, 9 de xullo de 2002.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña