Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 14 de agosto de 2002 Páx. 12.403

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se publican os acordos adoptados pola Comisión de Seguimento do pacto no ámbito das urxencias extrahospitalarias.

Con base no pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CC.OO, CESM, CIG, CSI-CSIF, SATSE e UGT, polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde, a Comisión de Seguimento do citado compromiso, segundo o disposto na norma xeral 6 do pacto, acorda facer públicos os seguintes acordos sobre desenvolvemento das condicións de traballo dos profesionais no ámbito das urxencias extrahospitalarias adoptados na reunión da comisión de data do 5 de xullo de 2002.

Tralo proceso negociador levado a cabo nas diversas reunións da Comisión de Seguimento chégase ós seguintes acordos:

1º Reducción de cargas horarias.

De conformidade co previsto no punto 5.8 do pacto cómpre precisa-lo número de horas de atención continuada obrigatorias, para os efectos de progresar na reducción de devanditas cargas asistencias establecidas naquel punto en función das dispoñibilidades organizativas e asistenciais concorrentes.

Para tal efecto, para o presente ano 2002 establéncese como cargas asistencias obrigatorias máximas o número de 360 horas anuais de atención continuada como límite máximo.

Sen prexuízo do devandito límite máximo, sempre que os dispositivos de atención urxente extrahospitalaria dispoñan de profesionais suficientes subsceptibles de se vincularen para cubri-la atención continuada nos ámbitos correspondentes, progresarase na reducción ata achegala ás 320 horas anuais. As dispoñibilidades de persoal e a conseguinte progresión na reducción nos diferentes dispositivos de atención urxente extrahospitalaria, serán obxecto de cuantificación e seguimento no seo do grupo de traballo a que fai referencia o punto 2º deste acordo.

2º Constitución do grupo de traballo.

No seo da Comisión de Seguimento constituirase, de xeito inmediato, un grupo de traballo para a análise dos aspectos do actual sistema de cobertura das urxencias extrahospitalarias de Galicia e do desenvolvemento do punto 5.7 g) do pacto, e sinaladamente da redistribución de cargas horarias entre os profesionais que se vinculan para o desenvolvemento desta asistencia, para os efectos da optimización tanto das súas condicións de traballo coma da mellora da calidade do servicio ós cidadáns.

Así mesmo, no seo do citado grupo tratarase de chegar a acordos que permitan unha maior optimización dos recursos en función das cargas horarias.

3º Reducción maiores de 55 anos.

A Administración sanitaria presentará unha proposta para implantación inmediata dun procedemento de exención de quendas obrigatorias de atención continuada para os profesionais maiores de 55 anos nos termos previstos no punto segundo da disposición 5.3 do pacto.

4º Modelo organizativo.

A experiencia acumulada no funcionamento dos dispositivos de urxencias extrahospitalarias na súa conformación prestacional que se deriva do pacto, unido ó carácter transitorio que para este sistema se deriva dos termos do propio acordo fan conveniente iniciar un proceso de diálogo orientado á definición do modelo prestacional definitivo para este sector da asistencia sanitaria á poboación galega.

A Administración sanitaria comprométese a promover este proceso de diálogo e negociación coas organizacións sindicais no seo da Comisión de Seguimento do pacto, cara á definición dun modelo organizativo para a atención ás urxencias extrahospitalarias non baseado na realización de quendas de atención continuada ou na contratación de reforzos, ponderando entre outros os criterios de estructuralidade no emprego e oportunidade temporal, e co obxectivo de que poida ter efectividade no contorno entre o segundo e cuarto trimestre do vindeiro ano 2003, en coherencia coas previsións de resolución dos procesos de persoal afectantes ás estructuras sanitarias públicas de Galicia.

No relativo ós profesionais non sanitarios desenvolveranse as liñas de actuación establecidas no punto 5.6 do pacto.

5º Publicidade dos acordos.

Para garanti-la debida publicidade acórdase a publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos anteriores.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos