Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 14 de agosto de 2002 Páx. 12.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2002 pola que se convoca un curso sobre ingresos das corporacións locais e xestión da tesourería.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 2002, e ó amparo do convenio subscrito con data do 15 de xaneiro de 2002 para a creación do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre ingresos das corporacións locais e xestión da tesourería que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Proporcionarlles ós asistentes un perfeccionamento dos seus coñecementos en materia de financiamento das corporacions locais.

Analiza-la problemática actual sobre os ingresos das corporacións locais e as perpectivas de reforma.

Análise da xestión da tesourería e os instrumentos que ofertan os actuais mercados financeiros.

Estudio da recadación de tributos e outros ingresos das entidades locais, con especial atención ó procedemento de constrinximento.

Segunda.-Destinatarios.

Tesoureiros-interventores e secretarios-interventores de Administración local, así como técnicos de corporacións locais pertencentes ós grupos A e B que presten servicios nos departamentos de xestión, inspección ou recadación das corporacións locais.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 60 horas.

2. Lugar: EGAP.

3. Datas: 1, 4, 8, 10, 15, 17, 22, 25, 29 e 31 de outubro; 5, 7, 12, 14, 19, 21, 26 e 29 de novembro; 3 e 5 de decembro de 2002.

4. Horarios: de 17 a 20 horas.

5. Prazas: 40.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado, deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 10 de setembro de 2002.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con reguralidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e correción de erros, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administración Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,70 puntos.

Novena.-Contido.

Panorama xeral sobre o financiamento das facendas locais: marco normativo. Perspectivas de futuro e análise comparada cos países da UE. A potestade tributaria derivada das entidades locais: disposicións comúns ós ingresos tributarios. A xestión tributaria local. Revisión dos actos de natureza tributaria. A inspección dos tributos locais: competencia e funcións. O procedemento de inspección tributaria. As infraccións e sancións tributarias. As ordenanzas fiscais: contido. Procedemento de aprobación, modificación e derrogación. As ordenanzas de prezos públicos. As ordenanzas reguladoras de multas e sancións. As taxas: concepto e evolución. Taxas por prestación de servicios ou realización de actividades. Sistemas de cuantificación e estudios de custos. As taxas por aproveitamento especial ou privativo do dominio público. As contribucións especiais. Os prezos públicos. Os ingresos de multas e sancións. O imposto sobre bens inmobles: feito

impoñible e exencións. Suxeito pasivo. Base impoñible e liquidable: a determinación do valor catastral. A xestión catastral. A xestión tributaria. O imposto sobre actividades económicas: feito impoñible, non suxeición e exencións. Suxeito pasivo. A determinación das cotas tributarias: tarifas e elementos tributarios. Xestión censual e xestión tributaria. Inspección tributaria. As perpectivas de futuro. O imposto sobre vehículos de tracción mecánica: natureza e feito impoñible. Exencións e bonificacións. Cotas tributarias. A xestión tributaria. Os impostos municipais potestativos: o imposto sobre contruccións, instalacións e obras. Feito impoñible, exencións e supostos de non suxeición. O suxeito pasivo. Base impoñible e cota tributaria. A xestión tributaria. O imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana: feito impoñible e non suxeición. Exencións. Suxeito pasivo. Base impoñible e cota tributaria. A xestión tributaria. A participación nos tributos do Estado.

Criterios de repartición. Cálculo do esforzo fiscal. A participación nos ingresos da Comunidade Autónoma: o fondo de cooperación local. As subvencións. Os ingresos de dereito privado. Os ingresos derivados da actividade urbanística dos concellos. As cotas de urbanización. A obtención de terreos dotacionais. Os aproveitamentos urbanísticos e a substitución polo seu equivalente en metálico. Os ingresos derivados de convenios urbanísticos. As aplicacións informáticas para a xestión de ingresos das corporacións locais. A creación de ficheiros de contribuíntes. A relación da xestión de ingresos coa contabilidade. A tesourería das entidades locais: concepto e funcións. A organización da tesourería: a creación dunha unidade de ordenación de pagamentos. O pagamento das obrigas e a súa problemática. O plan de disposición de fondos. Formas de pagamento. O endoso. Os pagamentos a xustificar. Os anticipos de caixa fixa. As relacións da tesourería co acredor. O cobro dos dereitos e a súa xestión.

O cobro por caixa e a través de entidades financeiras colaboradoras. O cobro por axentes recadadores. As relacións da tesourería co debedor. Procedemento de constrinximento (I): concepto. A concorrencia de procedementos. A providencia de constrinximento. Recursos contra a providencia. Caso práctico sobre recursos contra providencia de constrinximento. O procedemento de constrinximento (II): a providencia de embargo. A obtención de información para o embargo. O embargo de bens e dereitos. O alleamento dos bens embargados. A declaración de insolvencia do debedor. A xestión de pasivos financeiros: operacións de préstamo e crédito. As operacións de tesourería. A xestión dos excedentos temporais de tesourería. Os instrumentos financeiros para a colocación de activos. Os mercados financeiros.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública