Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 13 de agosto de 2002 Páx. 12.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se regula a concesión de subvencións ós concellos de Galicia para a normalización da lingua galega.

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais,

ten como obxectivos de normalización lingüística no ámbito da Administración local os mencionados nos artigos seguintes:

Artigo 1º: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega».

Artigo 2º.1: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega»; e no punto 2º.2: «Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

Por outra banda, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nos seus puntos 1 e 3 do artigo 7 dispón, respectivamente: «O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega».

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Co fin de acadar estes obxectivos a Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudios dedicado ós funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais galegas, do que forman parte os cursos básico, medio e superior, obténdose, ó remate destes, o título de traductor oficial de linguaxe administrativa galega, título que habilita, ós que o obteñan, para encargarse da traducción da documentación á que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño.

Os funcionarios que se formen nos devanditos cursos serán a base duns gabinetes de traducción ó idioma galego que deberán estar implantados en tódolos municipios de Galicia co fin de cumpri-los mandatos contidos nas leis 5/1988, do 21 de xuño, e 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Proseguindo coa liña, desta consellería, de cooperación coas corporacións locais e coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca axudas destinadas a sufraga-los

custos de contratación de persoal polos concellos, para a realización das funcións de traducción ó galego dos documentos ós que se refire o artigo 1º da Lei 5/1988, do 21 de xuño, así como a subvención de campañas de normalización lingüística.

Artigo 2º

As axudas ás que se refire o artigo anterior faranse efectivas, no seu día, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.460.1, programa 353.E, dos vixentes orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, ata un máximo de douscentos vinteoito mil trescentos oitenta e cinco euros (228.385 A).

Artigo 3º

Os concellos poderán solicita-los axudas desta orde, utilizando o modelo que figura como anexo I dela, para as modalidades que a continuación se relacionan:

1. Mantemento dos servicios municipais de normalización lingüística xa existentes.

2. Creación de novos servicios municipais de normalización lingüística.

3. Organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello.

Tódalas actividades subvencionadas deberán rematar antes do 31 de decembro de 2002.

Artigo 4º

Os servicios municipais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugúes); mestre co diploma de especialista en lingua galega ou co diploma do curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega.

Artigo 5º

Os gabinetes municipais de normalización lingüística deberán cumpri-las seguintes misións:

a) Velar porque sexa aplicada a Lei de normalización lingüística de Galicia, no ámbito de actuación do concello correspondente, así como a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. As accións máis importantes serán: confección en galego das actas, edictos, convocatorias de sesións, ordes do día, dictames das comisións informativas, mocións e traduccións de tódolos impresos oficiais en lingua galega.

b) Ofrecerlle ó público asesoramento lingüístico para a corrección de textos galegos e para a súa traducción, se fose posible.

c) Impulsa-la normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.

Artigo 6º

1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º

1. Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación.

a) Memoria descritiva da modalidade para a que se solicita a subvención, na que consten tódolos datos referidos a ela; indicando, no caso de gabinetes, se estaba en funcionamento e desde que data, así como o seu ámbito de actuación do mesmo.

b) Orzamento de gastos, total e desagregado por capítulos, para a realización da actividade para a que se solicita a axuda.

c) Transcrición certificada do acordo municipal, en pleno ou comisión de goberno, da solicitude de subvención.

d) Nome e titulación, cando proceda, do/os especialista/s en lingua galega que a corporación local vaia contratar para o servicio de normalización lingüística.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia ) (anexo II desta orde).

2. Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase ó seu contido ou á súa vixencia, non será necesario presentalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise esta emenda, as peticións serán arquivadas de conformidade co disposto na devandita Lei 30/1992 trala súa modificación pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local, e o director xeral elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá no prazo máximo dun mes.

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

* Que a subvención se destine a manter servicios de normalización lingüística xa creados, favorecendo aqueles que leven máis tempo en funcionamento (máximo de 35 puntos).

* Que a subvención se destine á creación de novos servicios de normalización lingüística (máximo de 25 puntos).

* Que o servicio de normalización preste apoio a entidades distintas do propio concello (máximo de 15 puntos).

* Realización de campañas, con especial incidencia naquelas que supoñan a difusión dos valores culturais propios do concello (máximo de 25 puntos).

Artigo 9º

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la concesión da subvención.

Artigo 11º

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir á Dirección Xeral de Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e

Relacións Laborais), antes do día 30 de novembro de 2002, os seguintes xustificantes dos gastos realizados:

1) No caso de que a subvención se concedese para o mantemento dos servicios de normalización lingüística xa existentes ou para a creación de novos servicios municipais de normalización lingüística:

a) Copia compulsada do contrato vixente que o concello formalice co/os especialista/as.

b) Certificación expedida polo interventor ou secretario xeral do concello, do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de seguridade social, ou de se-lo caso, certificación de ter contraído o gasto no que figure o importe exacto do custo da contratación, período de contratación, así como de que se realizou a actividade ou de que se está a realizar e que remata antes de final de ano.

c) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia) (anexo II desta orde).

2) No caso de que a subvención se concedese para a organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello:

a) Facturas orixinais do gasto realizado ou copias compulsadas, ou de se-lo caso, certificación de ter contraído o gasto no que figure o importe exacto do custo da campaña así como de que se realizou a actividade ou de que se está a realizar e que remata antes de final de ano.

b) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo da aprobación das devanditas facturas.

c) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia) (anexo II desta orde).

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal

de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar a outras entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro da presente orde.

5. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase entender que o concello renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 12º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, aplicarase o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais