Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 12 de agosto de 2002 Páx. 12.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Cuarzos Industriales, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo de Cuarzos Industriales, S.A. (código convenio 1500452), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-6-2002, complementado o 2-7-2002, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal, o día 10-5-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 9 de xullo de 2002.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

8º Convenio colectivo da empresa

Cuarzos Industriales, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo é o que regulará as relacións laborais entre a empresa Cuarzos Industriales, S.A. e os seus traballadores dos centros de traballo da mina Sonia, no Barqueiro, incluído o seu couto mineiro e a planta de Tordoia co seu couto mineiro.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio terá unha duración de tres anos, con efectos desde o día 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2004.

Artigo 3º.-Prelación de normas.

O articulado deste convenio colectivo respecta a Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores e normas que o desenvolven.

Este convenio aplicarase con prioridade ó Estatuto do mineiro do 21 de decembro de 1983.

Artigo 4º.-Denuncia e prórroga.

Este convenio considerarase prorrogado de ano en ano pola tácita, sen máis modificacións que as que resulten de actualiza-la táboa salarial pactada para o ano 2004, a non ser que algunha das dúas partes solicite a súa revisión.

Neste caso, a parte demandante manifestarao por escrito e remitiralla á representación legal da outra cunha antelación non inferior a dous meses á data da súa expiración.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións pactadas neste convenio compensarán e absorberán calqueras outras que existan á súa entrada en vigor, sexa cal for a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que se poidan establecer por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador, consideradas en cómputo anual, caso no que substituirán integramente ás deste convenio.

Artigo 6º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio ou que se pacten durante a súa vixencia a título persoal, sempre que, no seu conxunto e en cómputo anual, superen as establecidas neste convenio, debido á condición que ten de normas mínimas de relación tanto no que se refire ó social coma ó económico.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible para efectos da súa correcta aplicación práctica, con vinculación á totalidade e consideradas globalmente.

Artigo 8º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do convenio.

Esta comisión estará formada por un (1) membro designado polos traballadores e un (1) representante da empresa.

A comisión, sempre de conformidade coa lexislación vixente, entenderá das seguintes cuestións:

a) A interpretación do convenio.

b) A arbitraxe nas cuestións que as partes sometan á súa consideración.

c) As demais que se lle atribúen no convenio.

As accións individuais ante calquera organismo ou tribunal deben ir precedidas dunha actuación da dita comisión.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 9º.-Facultade organizativa.

A organización do traballo, respectando as normas e lexislación vixente, é facultade exclusiva da dirección da empresa; polo tanto, esta poderá adoptar libremente cantas medidas crea necesarias para alcanzar unha maior eficacia e rendemento.

A empresa adoptará un sistema de distribución do traballo que facilite a formación profesional e técnica dos traballadores, coa obriga por parte destes de completar e perfecciona-los ditos coñecementos fóra do horario laboral.

Capítulo III

Xornada laboral, vacacións e permisos

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo, de conformidade coa Lei 1/1995, do 24 de marzo.

As xornadas anuais máximas serán as seguintes:

AnoHoras

20021.768

20031.760

20041.752

Tales horas distribuiranse de tal xeito que permitan a total cobertura das quendas establecidas. Enténdese como xornada efectiva a realmente traballada, computándose o tempo de traballo de xeito que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador se encontre no seu posto de traballo e coa roupa de traballo posta.

Artigo 11º.-Tempo de bocadillo do persoal de quenda.

O persoal de quenda disporá de 20 minutos para toma-lo bocadillo, e considerarase tempo efectivo de traballo. Co fin de non prexudica-la producción este tempo desfrutarase de forma gradual.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará, durante a vixencia deste convenio, de 22 días laborables de vacacións ó ano, equivalentes a 30 días naturais.

O número de días naturais só se terá en conta para os efectos de cálculo da liquidación en caso de baixa definitiva na empresa.

Durante as vacacións percibirase o salario base, antigüidade, complemento de convenio e complemento de asistencia.

O persoal de novo ingreso desfrutará da parte proporcional ó tempo traballado durante o primeiro ano.

Para unha mellor distribución das vacacións realizarase durante o mes de xaneiro un plan de vacacións para o ano, tendo en conta as peticións do persoal en canto a datas de desfrute. O dito plan realizarase de conformidade cos seguintes criterios:

1. Cando non exista prexuízo para a organización dos traballos, procurarase que todo o persoal que o desexe poida desfrutar de quince días de vacacións durante o período de maio a setembro, ambos inclusive.

2. No caso de que dúas persoas coincidan no período de vacacións, tendo en conta a táboa de substitucións nos postos de traballo, establecerase unha rotación anual no dereito de elección, dentro dos cinco meses anteriormente indicados.

Artigo 13º.-Permisos retribuídos.

En todo o referente a permisos retribuídos observarase o disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Non obstante o anterior, acórdase que cada traballador poderá desfrutar de permiso, logo de petición e posterior xustificación, con dereito a remuneración nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) Nacemento de fillos: 5 días naturais.

c) Enfermidade grave, hospitalización, falecemento do cónxuxe, pais ou fillos: 5 días naturais.

d) Enfermidade grave, hospitalización, falecemento doutros parentes ata o 2º grao (pai, nai e avós do cónxuxe, por consanguinidade avós, irmáns e netos): 2 días naturais.

e) Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Artigo 14º.-Xubilación.

Tódolos traballadores desta empresa xubilaranse obrigatoriamente ós 65 anos teóricos, que se obteñen sumándolle á idade real do traballador os anos resultantes da aplicación dos coeficientes correctores da idade de xubilación. Todo isto de acordo cos baremos recoñecidos pola autoridade laboral para os diferentes postos de traballo desta empresa.

Os traballadores que desexen xubilarse entre os 60 e 64 nos de idade teórica, segundo o descrito no parágrafo anterior, terán dereito a percibi-los premios de xubilación que se establecen a seguir, sempre que o cesamento se produza por petición do traballador:

Con 60 anos de idade teórica: 180 días de salario base segundo o anexo I.

Con 61 anos de idade teórica: 150 días de salario base segundo o anexo I.

Con 62 anos de idade teórica: 120 días de salario base segundo o anexo I.

Con 63 anos de idade teórica: 90 días de salario base segundo o anexo I.

Con 64 anos de idade teórica: 30 días de salario base segundo o anexo I.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 15º.-Réxime de retribucións-incrementos anuais.

Tódolos conceptos retributivos aquí pactados, excepto a antigüidade, se incrementaran segundo o IPC previsto máis un 1,5% durante o ano 2002, sendo as táboas as indicadas nos anexos I e II.

Durante o ano 2003 o incremento para os mesmos conceptos será do IPC previsto máis o 1,5% e para o ano 2004 do IPC previsto máis o 1%.

Unha vez coñecido o IPC real establecido polo Instituto Nacional de Estatística de cada un dos anos e, se este fore superior, efectuarase unha revisión salarial equivalente á diferencia entre este e o IPC previsto polo Goberno para os mesmos anos. Tal incremento aboarase dunha soa vez e con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, servindo como base de cálculo para os anos seguintes.

Artigo 16º.-Salario base.

Devengarase por día natural e a súa contía mínima para cada categoría no ano 2002, figura no anexo I.

Artigo 17º.-Complemento de convenio.

Devengarase por día natural e a súa contía mínima para cada categoría no ano 2002, figura no anexo I.

Artigo 18º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Calcularase con base en 26 días pola contía que figura no anexo I. Para ter dereito a este complemento cómpre comparecer puntualmente ó traballo.

Cada falta de puntualidade levará consigo a perda do cincuenta por cento do complemento de asistencia e puntualidade de 10 días.

Cada falta de asistencia non xustificada levará consigo a perda do complemento de asistencia dese mes.

Artigo 19º.-Antigüidade.

O persoal de Cuarzos Industriales, S.A., durante a vixencia deste convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio na empresa, consistentes no aboamento de dous bienios ó 4% e quinquenios ó 7%, servindo como módulo para o cálculo da antigüidade o salario mínimo interprofesional vixente para cada un dos anos, e que para o ano 2002 é de 14,74 A/día ou 442,20 A/mes.

No anexo III figura a táboa correspondente ó ano 2002, en base mensual e diaria.

Artigo 20º.-Complemento por traballo a quendas.

O persoal que traballe a quendas percibirá un complemento de 2,65 A por día que traballe en réxime de quenda.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias.

A súa contía establécese, mentres estea en vigor este convenio, na seguinte forma: pagamento a tódolos traballadores de Cuarzos Industriales, S.A., dunha paga extraordinaria nos meses de marzo, xullo e decembro.

Estas pagas extraordinarias serán satisfeitas entre os días 15 e 20 dos meses de marzo, xullo e decembro, e consistirán en 30 días de salario base e antigüidade máis 26 días do complemento de asistencia. Ó persoal en situación de ILT consideraráselle ese tempo como de permanencia para efectos da percepción destas pagas.

O persoal ingresado ó longo do ano ou que cesase durante este percibirá estas gratificacións a pro rata en razón do tempo que traballase. Para efectos de cálculo considéranse devengadas a de marzo polo período xaneiro-decembro, a de xullo polo período xaneiro-xuño, e a de decembro polo período xullo-decembro.

Polo carácter do pagamento anticipado da paga de marzo, ó persoal que cese na empresa no transcurso do ano descontaráselle, proporcionalmente ó tempo que reste desde a súa baixa á fin do ano, na liquidación.

Artigo 22º.-Festividade de Santa Bárbara.

O persoal que por necesidades de producción, mantemento ou embarques traballe o día de Santa Bárbara, ademais do salario que lle corresponda, percibirá unha gratificación de 60,10 A.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Co fin de favorece-la creación de emprego, e de acordo co estipulado no artigo 9 do Real decreto 3255/1983, Estatuto do mineiro, ámbalas partes acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, que se realizarán obrigatoriamente por petición da empresa nos seguintes casos:

a) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos urxentes, así como no caso de risco grave de perda ou deterioración de materias primas. Nestes casos, de acordo co artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores, non se terán en conta para efectos da duración da xornada, nin para o cómputo das horas extraordinarias autorizadas.

b) Horas extraordinarias por períodos punta de producción, embarques de mineral, ausencias imprevistas, apertura e saneamento de frontes de explotación, cambios de quenda, pedidos non programados, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal.

A empresa informará mensualmente ó delegado dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando a súa causa e distribución.

A compensación económica realizarase polos importes sinalados na letra A do anexo II, para cada unha das categorías.

As horas extra nocturnas (das 22 ás 6 horas), as realizadas os sábados a partir das 14 horas, domingos e festivos, aboaranse de acordo coa letra B do anexo II.

A retribución das horas extras poderá ser substituída polo desfrute de tempo de descanso, a razón dunha hora e corenta e cinco minutos por cada hora extra traballada.

No suposto de que se realizase a substitución prevista no parágrafo anterior, as horas extraordinarias compensadas non se computarán para os efectos dos límites fixados pola lexislación vixente.

Artigo 24º.-Desprazamentos.

Para os casos de desprazamento dos traballadores por necesidades da empresa, establécese unha axuda de custos para desprazamento de 9,33 A por cada día que o traballador deba pasa-la noite fóra do seu domicilio. Esta axuda de custos é complementaria do aboamento por parte da empresa dos gastos de locomoción, aloxamento e comidas.

Cando a empresa teña que desprazar persoal, avisaráo con 48 horas de anticipación, sempre que isto sexa posible, e adiantarálle o diñeiro necesario para facer fronte ós gastos de estadía e viaxes.

O tempo investido nos desprazamentos considerarase tempo efectivo de traballo.

Artigo 25º.-Pagamento de haberes.

O pagamento dos salarios efectuarase mensualmente, como forma única por medio de transferencia bancaria, efectuada dentro dos cinco primeiros días do mes seguinte ó devengo.

Capítulo V

Outros dereitos profesionais

Artigo 26º.-Complemento de accidente de traballo ou enfermidade.

En caso de accidente de traballo, producido no posto de traballo, a empresa complementará a prestación de accidente ata alcanza-lo 100% do salario base, antigüidade, complemento de asistencia e complemento de convenio, sempre e cando o traballador, no momento do accidente, fixera uso das pezas de roupa e demais elementos de seguridade facilitados pola empresa.

Seguirase o mesmo criterio nos casos de baixa por enfermidade con tratamento hospitalario.

Nos casos de baixas por enfermidade común non hospitalaria, o complemento aboarase a partir do día 30 desde a baixa, logo da acreditación desta co pertinente parte médico da Seguridade Social, o cal deberá ser entregado na empresa, dentro das 24 horas seguintes á súa expedición.

En calquera dos casos, a indemnización complementaria deixarase de percibir unha vez que cese a situación de incapacidade laboral transitoria que a motiva.

Esta compensación só se fará efectiva, logo de recoñecemento e informe do médico da mutua, se a empresa así o require. A non presentación ó recoñecemento médico ou a oposición a ser examinado, implicarán a perda do dereito ó complemento.

Artigo 27º.-Seguro colectivo de accidentes.

Cuarzos Industriales, S.A. subscribirá unha póliza de seguros para os riscos de invalidez ou falecemento dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os accidentes in itinere, coas coberturas que se detallan a seguir para o traballador accidentado ou os seus herdeiros:

a) Por morte do traballador derivada de accidente ou enfermidade profesional, a indemnización ascende a 33.055,67 A.

b) Por incapacidade permanente absoluta, se o traballador cesa na empresa por este motivo, a indemnización ascende a 33.055,67 A.

c) Por incapacidade permanente total, a suma asegurada ascende a 33.055,67 A.

d) Garántese un capital de 1.893,19 A en concepto de gastos de sepelio.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato do seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, compensándose ata onde alcance.

Artigo 28º.-Medicina de empresa.

Será realizado obrigatoriamente un recoñecemento médico anual, como mínimo, a todo o persoal da empresa polos servicios médicos da mutualidade laboral correspondente.

Ademais, realizaráselles con carácter obrigatorio un recoñecemento médico a tódolos traballadores con anterioridade ó seu ingreso na empresa e voluntariamente cando o solicite o traballador.

De acordo co artigo 2 do Estatuto do mineiro, realizarase unha revisión médica ó extinguirse a relación laboral.

Artigo 29º.-Comité de saúde e seguridade.

Son membros natos deste comité o director facultativo da mina e o delegado de prevención, ademais doutros catro (4) membros, nomeados dous deles pola empresa, e dous polos traballadores.

Este comité reunirase polo menos tres (3) veces ó ano e as súas funcións, de acordo coa Lei de prevención de riscos laborais, concrétanse como segue:

a) Desenvolve-las actuacións necesarias para a formación dos traballadores en materia de seguridade e saúde e, en particular, promove-lo coñecemento por parte dos traballadores das normas de seguridade

da empresa, os riscos a que están sometidos nos postos de traballo e a súa avaliación, as medidas de protección individual necesarias, as medidas de prevención dos riscos, o grao de cualificación necesario para o desenvolvemento da súa actividade, a esixencia de controis médicos especiais e periódicos.

b) Promover e vixia-lo cumprimento das normas de seguridade.

c) Desenvolver, implantar e mellora-lo Plan de prevención de riscos laborais.

d) Renova-la avaliación inicial de riscos de acordo coas especificacións.

e) Realizar controis periódicos das condicións de traballo e da actividade dos traballadores.

f) Redacción dos informes de incidente industrial.

Artigo 30º.-Acción sindical e representación.

No referente a esta materia faise remisión expresa ó contido da lexislación en vigor: Estatuto dos traballadores, Estatuto do mineiro e lexislación concordante.

Os delegados de persoal exercerán ante a empresa a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo do persoal que representan e formulando reclamacións ante a empresa, a autoridade laboral ou as entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das normas relativas á saúde e seguridade no traballo e Seguridade Social.

Artigo 31º.-Roupa de traballo e equipos de protección.

A empresa ten a obriga de prove-los traballadores de roupa de traballo, equipos de protección e calzado de traballo necesarios e adecuados para as condicións do traballo que realizan, de acordo co especificado no manual de seguridade e na lexislación vixente.

Os traballadores teñen a obriga de utilizar esta roupa e equipos de protección dentro das instalacións e coutos mineiros da empresa.

Artigo 32º.-Réxime disciplinario.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia ou intención, en leve, grave e moi grave.

1. Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as accións ou omisións, tales como:

a) Ata tres faltas de puntualidade nun mes, na asistencia ó traballo, con atraso superior a quince minutos no horario de entrada.

b) Non cursar, no período oportuno, a baixa médica cando se falte ó traballo por este motivo.

c) Abandona-lo posto de traballo, mesmo por breve tempo, sen causa xustificada.

d) Faltar ó traballo un día ó mes, a non ser que se xustifique debidamente.

2. Faltas graves.

Terán consideración de faltas graves as accións ou omisións, tales como:

a) Máis de tres faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un período de trinta días.

b) Faltar dous días ó traballo, sen causa que o xustifique.

c) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

d) A desobediencia ós superiores en calquera materia relacionada co servicio propio na categoría e funcións que correspondan ó traballador.

e) A imprudencia en acto de servicio. Se implicase incumprimento das normas de seguridade e hixiene, risco de accidente para o traballador ou os seus compañeiros, ou perigo de avaría ou dano ás instalacións, podería cualificarse como moi grave.

f) Proporcionar información falsa á dirección ou ós superiores, en relación co servicio ou traballo por neglixencia.

g) A ocultación de feitos ou faltas que o traballador presenciase e que poidan causarlle prexuízos graves á empresa.

h) Non utiliza-los elementos de protección, seguridade e hixiene facilitados pola empresa.

i) A reincidencia en falta leve.

3. Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as accións ou omisións, tales como:

a) A fraude ou deslealdade nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa coma ós compañeiros.

b) Facer desaparecer ou causar desperfectos en materias primas, ferramentas, maquinaria ou instalacións e bens da empresa.

c) Malos tratos de palabra ou obra, abuso da autoridade exercido por quenes desempeñen funcións de mando, ou faltas de respecto e consideración ós superiores, compañeiros ou subordinados e ós seus familiares.

d) Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia.

e) O abandono do posto de traballo en postos de responsabilidade.

f) A diminución voluntaria continuada e demostrada no rendemento normal do seu labor.

g) A embriaguez e a drogodependencia, así como a distribución ou o consumo de drogas durante a xornada laboral.

h) A reiteración en falta grave.

4. Sancións disciplinarias.

As sancións que poderá impoñe-la dirección en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación verbal, amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo dun a quince días.

c) Por faltas moi graves:

Desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa días ata a rescisión do contrato de traballo.

La empresaEl comité de empresa

ANEXO I

8º Concenio colectivo da empresa

Cuarzos Industriales, S.A.

Táboa salarial. Ano 2002

CategoríaSalario base diario (A)Compl. asistencia diario (A)Compl. convenio diario (A)

Titulado superior32,976,0113,34

Titulado medio25,726,0110,76

Encargado22,896,016,33

Oficial 1ª A/1ª admón.21,936,014,23

Oficial 1ª/2ª admón.20,376,013,82

Oficial 2ª/Aux. admón.19,616,013,37

Oficial 3ª18,926,012,96

Peón especialista18,636,012,59

ANEXO II

Categoría

A

Hora extra normal

(A)

B

Hora extra nocturna e festivos (A)

Oficial 1ª A/1ª admón.8,4110,51

Oficial 1ª/2ª admón.8,2510,31

Oficial 2ª/Aux. admón.7,999,99

Oficial 3ª7,769,70

Peón especialista7,449,30

ANEXO III

2 anos4 anos9 anos14 anos19 anos24 anos31 anos

Porcentaxe4%8%15%22%29%36%43%

Base mensual17,69 A35,38 A66,33 A97,28 A128,24 A159,19 A190,15 A

Base diaria0,59 A1,18 A2,21 A3,24 A4,27 A5,31 A6,34 A

Salario mínimo interprofesional para o ano 2002: 442,20 A.