Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 12 de agosto de 2002 Páx. 12.272

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 258/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do Servicio contra Incendios e Salvamento.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e extinción de incendios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada deste en todo o territorio galego. Así, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestiona-los distintos parques comarcais é a través dun único consorcio que centralice e coordine as actuacións dos distintos parques que formarán parte del, permitindo un aforro nos recursos que se van utilizar na prestación dos servicios que se van executar. Polo tanto considerouse a fórmula do consorcio como

a organización idónea para facilita-la posta en marcha dos distintos parques comarcais contra incendios e de salvamento da provincia da Coruña, onde se integrarán os distintos parques que se constitúan e equipen ó abeiro dos estatutos que rexerán este consorcio.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de xullo de dous mil un acordou participar no Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do Servicio contra Incendios e Salvamento, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración e aprobación dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do trinta de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-los estatutos do consorcio provincial da Coruña para a prestación do Servicio contra Incendios e Salvamento, sendo o seu texto o que se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Estatutos do Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do Servicio contra Incendios e Salvamento.

As administracións públicas teñen encomendada a prestación dunha serie de servicios ós seus cidadáns. Para mellora-la calidade destes servicios é necesario o establecemento de novas formas asociativas das administracións afectadas que fagan posible a aplicación dos principios de economía e eficacia.

Neste senso a Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre as materias de prevención e extinción de incendios e de protección civil. Unha organización axeitada permitirá unha resposta eficaz ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida e bens das persoas, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles.

O Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que se fixa a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, encoméndalle a planificación e coordinación dos plans e programas dos servicios contraincendios e salvamento local á Dirección Xeral de Administración Local, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, no relativo á función operativa de Protección Civil, así como das atribuídas por lei ás administracións locais.

De acordo co disposto no artigo 26.c da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, corresponde ós municipios, por si ou asociados, a prestación, entre outros, dos servicios seguintes: «nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, servicios de protección civil, prevención e extinción de incendios».

As deputacións provinciais teñen atribuída pola súa parte a competencia de cooperación e asistencia ós concellos, garantindo a prestación integral e adecuada dos servicios que estes teñen encomendados pola lei.

A Deputación Provincial da Coruña, en virtude das competencias que lle son propias e ó abeiro do disposto no artigo 30.6º d) e h) do R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, xestionou varias actuacións en materia de colaboración cos concellos en materia de extinción e prevención de incendios.

A Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local establece no seu artigo 87 que: «As entidades locais poden constituír consorcios con outras administracións públicas para fins de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público, concorrentes coas administracións públicas».

A Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, establece a consideración das provincias como entidades locais territoriais. De acordo co artigo 149, as entidades locais galegas poderán, con carácter voluntario, constituír consorcios locais entre si, ou con outras administracións públicas para fins de interese común.

Doutra banda, tamén se debe ter en conta a Decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único (112) para as chamadas de urxencia, e o acordo do Goberno da Xunta de Galicia, de setembro de 1997, para a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112. Neste número deberán quedar integrados os servicios contra incendios e salvamento dos centros asociados, entre eles.

De acordo coas consideracións precedentes, as administracións participantes xustifican a concepción e a adopción da fórmula do consorcio como a organización idónea para facilita-la súa coordi

nación e leal cooperación e, en consecuencia, deciden constituí-lo consorcio que se rexerá polos presentes estatutos:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades consorciadas.

Ó abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 149 e seguintes, así como na demais lexislación vixente, constitúese o Consorcio Provincial da Coruña, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial.

Artigo 2º.-Constitución do consorcio.

-Para a constitución do consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e dos concellos que o integren, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co seu texto íntegro.

-Unha vez publicados os estatutos, convocaranse a tódolos representantes das entidades que o integran co fin de elixi-los órganos rectores e inicia-lo seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter.

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme a un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

1. O consorcio terá a súa sede no Pazo Provincial da Deputación no municipio da Coruña.

2. Por acordo do Pleno do consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou celebrarse reunións en lugar distinto ó do seu domicilio.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe obxecto do consorcio a prestación, por calquera das modalidades previstas na lexislación aplicable, do servicio contra incendios e salvamento.

Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servicios municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten a persoas, edificacións e instalacións.

Artigo 6º.-Ámbito.

1. O servicio que prestará o consorcio estenderase, coas especificidades en canto ámbito territorial que vaia fixando o Pleno do consorcio, á provincia da Coruña.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio, nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do consorcio.

En calquera caso efectuarase, se así procede, a correspondente liquidación de gastos orixinados pola prestación do servicio, que deberán ser aboados polos seus beneficiarios.

2. O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servicio 112-SOS-Galicia, de acordo co protocolo de actuación que se establecerá para o efecto.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

1. Sen prexuízo do establecido nos presentes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local, como na Lei de Administración local de Galicia, e demais normativa que, se é o caso, se dicte no seu desenvolvemento.

2. O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios, de acordo coa lexislación do réxime local, do réxime xurídico das administracións públicas e dos presentes estatutos.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e de xestión do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Vicepresidente.

-Consello consultivo.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno do consorcio, máximo órgano colexiado do mesmo, estará integrado por:

-Presidente da deputación ou deputado en quen delegue.

-Conselleiro con competencias en Administración local ou persoa en quen delegue.

-Dous deputados da deputación provincial designados polo presidente da deputación.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de Administración local.

-Con voz, pero sen voto, asistirán:

* O funcionario que desempeñe as funcións de secretario e interventor do consorcio.

* O xerente do consorcio.

* Por petición da maioría dos membros con voto do Pleno do consorcio, poderá convocarse con voz, pero sen voto e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, ós responsables técnicos e membros de administración ou de entidades públicas ou privadas que se estimen oportunas.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

O presidente do consorcio será elixido polo pleno do consorcio por maioría absoluta do número legal dos membros do consorcio. De igual xeito, será elixido o vicepresidente.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixera necesario. O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

O vicepresidente substituirá ó presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Consello Consultivo.

Para asesoramento e informe das materias que se determinen crearase un Consello Consultivo integrado do seguinte xeito:

-Presidente: presidente do consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

-Os alcaldes dos concellos onde se instalen os parques ou subparques que o consorcio acorde poñer en marcha.

-2 representantes da Xunta de Galicia designado polo conselleiro con competencias en materia de Administración local.

-2 representantes da deputación provincial designado polo seu presidente.

-6 alcaldes máis, en representación dos restantes concellos da provincia, que estean comprendidos nas zonas de influencia de cada un dos parques que se instalen.

Para este efectos, e no momento da posta en marcha de cada parque, o Pleno do consorcio determinará a área de actuación sobre a que despregará a súa cobertura, sen prexuízo de que, no exercicio das funcións de coordinación que corresponden ós órganos de goberno do consorcio, tódolos medios, tanto humanos como materiais, correspondentes a tódolos

parques poderán estende-lo seu raio de actuación, se fose necesario, a calquera punto da provincia da Coruña.

Artigo 12º.-Cesamento dos membros.

Os membros do Pleno e do Consello Consultivo, poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomease, ou pola perda da condición de membro da institución que representen.

Artigo 13º.-Atribucións do Pleno.

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

1. A organización do consorcio.

2. Iniciativa e aprobación da integración e separación de entidades no consorcio.

3. A aprobación das ordenanzas.

4. A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación provisional das contas; todo iso de acordo co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

5. Aprobación do programa anual de actividades.

6. Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

7. Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

8. Adquisicións de bens e dereitos, a transacción sobre estes, e a concesión de quita e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9. Control e fiscalización dos órganos de goberno.

10. A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos funcionarios, e o número e réxime do persoal eventual.

11. Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do consorcio que considere oportunos, a este respecto aplicarase o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

12. A administración do patrimonio.

13. A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

14. O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio no referente a competencia plenaria.

15. A concertación das operacións de crédito nas que a súa contía acumulada no exercicio económico exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios agás as de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora de facendas locais.

16. As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, e, en todo caso, os 6.010.121,04 A, así coma os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referida ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, e en todo caso, cando sexa maior á contía sinalada nesta letra.

17. A aprobación dos proxectos de obra e de servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estea previsto nos orzamentos.

18. Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e subministracións que sexan da súa competencia.

19. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así coma os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles, que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstas no orzamento.

-Cando estando previstas no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

20. Aquelas atribucións que deban corresponder ó Pleno por esixi-la súa aprobación unha maioría especial.

21. As demais que expresamente lle atribúan as leis.

Artigo 14º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

1. Dirixi-lo goberno e a administración do consorcio.

2. Representa-lo consorcio.

3. Convocar e presidi-las sesións do Pleno e calquera outro órgano do consorcio, e decidi-los empates co voto de calidade.

4. Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

5. Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo deste, dando conta ó pleno.

6. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo ós orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

7. Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servicios e obras nos que a súa titularidade e o seu exercicio corresponde ó consorcio.

8. Tódalas facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9. O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

10. Aproba-la oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno, aproba-las bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuí-las retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

11. Desempeña-la xefatura superior de todo o persoal, a acorda-lo seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servicio dos funcionarios do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ó Pleno na primeira sesión que celebre.

12. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegase noutro órgano, e, en caso de ausencia, en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

13. Presidi-las poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

14. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de tódalas súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

15. A aprobación dos proxectos de obras e de servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

16. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así coma o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicados nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico nos cales o seu alleamento non se encontre previsto no orzamento.

17. Ordena-la publicación e execución e facer cumpri-los acordos do consorcio.

18. O exercicio daquelas outras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

19. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

20. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable, ós presidentes de entidades locais, e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O presidente pode delega-lo exercicio das súas atribucións, agás a de convocar e presidi-las sesións do Pleno, concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servicio dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos puntos 1 e 12 do número anterior.

Artigo 15º.-Competencias do Consello Consultivo.

Corresponderalle ó Consello Consultivo a emisión de informe preceptivo con carácter previo á adopción polo Pleno do consorcio dos seguintes acordos:

a) Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

b) Proposta de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outros que se establezan coas administracións públicas ou entidades privadas.

Así mesmo, o Consello Consultivo servirá de comité asesor de protección civil a nivel comarcal e entidade de apoio ó presidente do consorcio, asumindo as funcións previstas no artigo 14 do Decreto 378/1998, do 4 de decembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil.

Así mesmo, poderá emitir dictame sobre calquera asunto sempre que sexa solicitado polo presidente do consorcio ou pola maioría absoluta dos membros do pleno.

As funcións de secretario do Consello Consultivo serán exercidas por quen exerza as funcións de secretario do consorcio, de acordo co previsto no artigo 17º.

Artigo 16º.-Xerente.

1. A Xerencia é o órgano ó que corresponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente. Terá a consideración de persoal eventual de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985, de bases de réxime local, e demais normativa da función pública.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir, xestiona-los servicios e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuacións e o programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó Pleno.

d) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións do Pleno.

e) Exerce-la dirección do persoal ó seu cargo, baixo a dependencia do presidente así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servicios.

f) Prepara-los expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servicio, así como os demais que se refiren ó funcionamento do consorcio.

g) Propoñer ó presidente do consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Propoñer e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 17º.-Funcións reservadas a funcionarios de Admón. local con habilitaclón de carácter nacional.

No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter nacional, que serán exercidas do seguinte xeito:

a) A través de funcionario ou funcionarios con habilitación nacional, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A través do servicio de asistencia da deputación, de acordo co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do Pleno, convocando ós compoñentes, por orde do seu presidente, e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumpri-los acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente ós órganos de goberno do consorcio.

d) Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 18º.-Reunións.

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez ó semestre.

2. Celebrarase sesión extraordinaria por petición do presidente cando o considere oportuno ou a petición dun tercio dos membros do Pleno.

3. O presidente poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se esixirá a antelación mínima de 5 días á que se refire o artigo 19.1º. Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, levantarase acto seguido a sesión, para estes efectos para o cómputo das maiorías aplicarase o disposto no artigo 20º.

4. O Consello Consultivo reunirase sempre que así o acorde o presidente do consorcio, ou ben o soliciten a maioría absoluta dos membros do Pleno do consorcio ou do Consello Consultivo.

Artigo 19º.-Convocatoria.

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros que nunca poderá ser inferior a tres. O presidente poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente polo menos un representante de cada unha das tres institucións consorciadas. Este quorum deberase manter durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou a daqueles que legalmente os substitúan.

Artigo 20º.-Acordos.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás nos casos nos que se esixe outra maioría. Os acordos adoptados obrigan a tódalas entidades integrantes do consorcio.

Artigo 21º.-Persoal.

1. O persoal ó servicio do consorcio estará integrado por:

a) Xerente.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, sen prexuízo de que se opte pola prestación do servicio baixo o réxime de xestión indirecta.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 17º, atenda ás funcións reservadas a funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional.

d) Calquera outro que se estableza, que en todo caso deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do consorcio; en todo caso o persoal previsto no punto c, realizará as funcións previstas no artigo 17º dos presentes estatutos.

Capítulo IV

Do réxime económico e financeiro

Artigo 22º.-Recursos do consorcio.

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio disporá do seu propio orzamento, que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes consorciados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O producto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 23º.-Contribucións ó consorcio.

As achegas dos entes consorciados para o sufragamento dos gastos ordinarios de funcionamento do parque, efectuaranse da maneira seguinte:

a) Fase de construcción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 40% do total do orzamento.

-Deputación Provincial da Coruña: 60% do total do orzamento.

b) Fase de funcionamento:

-Xunta de Galicia: 50% do total do orzamento.

-Deputación Provincial da Coruña: 50% do total do orzamento.

Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores ós previstos inicialmente no orzamento do consorcio, estos excesos serán dedicados, a criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minora-las achegas que lle corresponden ás partes consorciadas.

En todo caso, poderase acudir ós mecanismos previstos na lexislación vixente para obter, a satisfacción das achegas en caso de que, algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas polo presente artigo, e co fin todo isto de facer efectivas estas cantidades.

Artigo 24º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 23; a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada tres meses, na Tesourería do consorcio.

Artigo 25º.-Aprobación do orzamento.

O pleno aprobará o orzamento do consorcio e elevarao ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo V

Réxime xurídico

Artigo 26º.-Réxime interno.

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nos presentes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior que se supeditarán ó ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 27º.-Lexislación aplicable.

A tódalas actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como calquera outra normativa concordante.

Artigo 28º.-Modificacións, incorporacións e baixas e disolución.

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio, posibles incorporacións ou baixas ou paara a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento có establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ó consorcio.

Artigo 29º.-Informe anual.

O consorcio facilitará ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición adicional

O consorcio iniciará o seu funcionamento cos parques de Arteixo, Boiro, Carballo e Ordes.

Os parques de Arzúa, As Pontes, Betanzos, Cee, Santa Comba, e a subsede de Ribeira iranse incorporando de xeito gradual, de acordo co calendario que sexa acordado por ámbalas dúas administracións.

Disposición derradeira

Unha vez publicados no Diario Oficial de Galicia os presentes estatutos, o presidente da Comisión Xestora procederá no prazo máximo dun mes á convocatoria da sesión constitutiva do Pleno do Consorcio na que se procederá á elección do presidente e vicepresidentes do consorcio, do xeito establecido no artigo 10º dos estatutos, iniciándose o seu funcionamento.