Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 08 de agosto de 2002 Páx. 12.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se complementan e amplían os programas de axudas asistenciais 1 e 2 da Orde do 29 de xaneiro de 2002.

Ó inicio do presente exercicio aprobouse a orde da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, do 29 de xaneiro de 2002, pola que se establecen e regulan programas de actuacións, axudas e subvencións a favor dos galegos residentes no exterior.

Con carácter ordinario forman parte desa convocatoria, de carácter anual, programas de axudas asistenciais, tanto axudas para entidades galegas que prestan servicios sanitarios e/ou asistenciais ós seus asociados galegos, como axudas económicas individuais para atención de casos de infortunio familiar, situacións de incapacidade para o traballo ou apoio ás situacións de necesidade que poden afectar ós galegos residentes no exterior.

A situación xeral da nosa colectividade está sometida, na actualidade, ás profundas crises que están a atravesar algúns dos países de Iberoamérica con maior presencia de emigrantes galegos.

A inquietude e sensibilidade da comunidade galega manifestouse na aprobación dos créditos habilitados para estes fins na Lei 2/2002, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como no interese manifestado polas deputacións provinciais de Galicia en colaborar e coordinar, coa Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, programas que contribúan a mellora-la situación dos seus veciños que residen fóra de Galicia e, en especial, daqueles que sofren dificultades acusadas en determinados países de Iberoamérica; particularmente en Arxentina.

Deste xeito, a Xunta de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra, na súa función de apoio ós municipios correspondentes, procederán a sumar esforzos financeiros e coordinar políticas atendendo ós principios de eficacia e eficiencia dos recursos destinados ó apoio social dos emigrantes, polo que os créditos reservados na aplicación orzamentaria 17.01.213.A.480.0 da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior poderán verse incrementados coas achegas das citadas deputacións provinciais para o mesmo fin.

Artigo 1º.-Obxecto e características.

1. A finalidade deste programa é a concesión de prestacións económicas directas, individuais, extraordinarias e non periódicas, de carácter social, dirixidas ós galegos residentes no estranxeiro que, estando en idade de xubilación por ancianidade, se atopen en situación de precariedade económica, especialmente aquelas persoas en situación de necesidade pertencentes a colectividades galegas de países inmersos en profundas crises económicas. Están destinadas a cubri-las necesidades básicas de sub

sistencia como manutención, aloxamento e atención socio-sanitaria.

2. Estas axudas destinaranse preferentemente ós residentes nos países iberoamericanos, debido á súa situación actual e á da nosa comunidade alí residente, aínda que puideran ser atendidos outros casos de especial e de grave necesidade, sen distinción en canto ó lugar de residencia, sempre que esta sexa no estranxeiro.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poden ser solicitantes destas axudas tódolos emigrantes naturais de Galicia que, residindo nos seus domicilios privados, non teñan ingresos superiores a 258,68 euros mensuais ou 3.621,52 euros anuais equivalentes ó importe da pensión non contributiva vixente en España no momento da publicación desta orde.

Os solicitantes terán que cumpri-los seguintes requisitos:

a) Seren naturais de Galicia.

b) Teren o seu lugar de residencia nos países iberoamericanos ou, nos casos de especial gravidade, en calquera lugar no estranxeiro.

c) Careceren de bens e ingresos que permitan o nivel mínimo de subsistencia, computándose todo tipo de rendas incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante a esta, sempre que non cubran as súas necesidades básicas.

d) Non ser beneficiario este ano de ningunha outra axuda asistencial individual por parte da Xunta de Galicia.

Ademais, en cada caso, terán que cumprir algúns dos seguintes requisitos:

1. Axudas en casos excepcionais para emigrantes galegos que na actualidade non poden acceder a pensións asistenciais por ancianidade por estar pendentes do trámite de recuperación da nacionalidade española.

e) Seren maiores de sesenta e cinco anos de idade.

2. Axudas para facilita-lo acceso á asistencia sanitaria e completa-las prestacións farmacéuticas a colectivos considerados como necesitados de especial protección.

f) Encontrarse nunha situación de invalidez ou enfermidade crónica ou grave, carecendo de cobertura real de asistencia médica e farmacéutica.

g) Ser maior de setenta anos de idade.

3. Axudas para emigrantes de idade avanzada con pensións asistenciais para facilitárlle-lo acceso a coidados de terceiros, asistencia domiciliaria e atención no fogar mediante a correspondente contraprestación económica.

h) Seren beneficiarios dunha pensión asistencial por ancianidade.

i) Seren maiores de setenta e cinco anos de idade.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

A contía ordinaria da axuda será por un importe total de trescentos euros pero podería ser modificada

en función da gravidade xustificada da situación, do número de solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4º.-Natureza das axudas.

As axudas teñen carácter persoal e intransferible, non podendo presentarse máis dunha solicitude por interesado.

As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do presente exercicio, previstas para esta finalidade.

Artigo 5º.-Documentación.

1. Tódolos solicitandes deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude segundo modelo normalizado do anexo I da presente orde.

b) Documentos no que consten os ingresos do solicitante e de tódolos membros da unidade familiar que convivan con el:

-Último recibo da xubilación ou pensión que perciba, incluso, as que proveñan doutro país.

-Último recibo do salario que perciba.

-No caso de traballadores por conta allea ou que realicen traballos esporádicos: declaración xurada de puño e letra na que se indique a orixe dos ingresos e a media anual recibida o ano anterior.

-Imposto inmobiliario ou contribución urbana se o solicitante ou algún membro da súa familia é propietario da vivenda na que residen. Noutro caso, recibo do aluguer.

c) Pasaporte español (páxinas 6 e 32) do solicitante ou, no caso do artigo 2.1º, fotocopia da Cédula de Identificación (C.I.) na que consten os seus datos persoais.

d) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda e posibiliten cuantificación económica do estado de necesidade.

2. Ademais para cada caso concreto deberán completa-la documentación achegando:

-Para os casos previstos no punto 1 do artigo 2º:

e) Documento xustificativo de estar en trámite de recuperación da nacionalidade española.

-Para os casos previstos no punto 2 do artigo 2º:

f) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo I, realizado polos servicios médicos dunha sociedade galega ou española que preste servicios na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola sociedade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde pública oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas.

g) Informe social do centro galego correspondente á zona de residencia do interesado elaborado nos últimos dez meses.

-Para os casos previstos no punto 3 do artigo 2º:

h) Documentación que probe que na actualidade é beneficiario dunha pensión asistencial por ancianidade recoñecida pola Administración do Estado.

i) Xustificación do grao de dependencia de terceiras persoas para o desenvolvemento da súa vida diaria.

Artigo 6º.-Prazo e lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, nas entidades galegas dos países de destino da convocatoria que teñan recoñecida a galeguidade ou que estean consideradas como colaboradoras, finalizando o prazo de presentación de solicitudes o día 30 de setembro de 2002.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. As entidades galegas receptoras da documentación realizarán unha revisión técnica das solicitudes e, unha vez comprobado que está completa e correcta, enviarana, para unha maior simplificación do trámite e eficacia, ó día seguinte do remate do prazo, ós centros coordinadores seguintes:

-En Arxentina:

Oficina Delegada da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior no Centro Gallego de Buenos Aires.

-En Brasil:

Peña Galega da Casa de España do Río de Janeiro/Hospital de Beneficencia.

Real Sociedad Española de Beneficiencia de Salvador-Bahía.

-En Cuba:

Oficina administradora de comunidades galegas, Centro Gallego de La Habana.

Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana.

Federación de Sociedades Galegas en Cuba.

-En Uruguai:

Casa de Galicia de Montevideo.

Unión de Sociedades Gallegas de Montevideo.

-En Venezuela:

Hermandad Gallega de Caracas.

2. Os centros coordinadores, designados no punto anterior, efectuarán unha segunda revisión, realizando o exame técnico das solicitudes e informarán periodicamente, en todo caso, os días 1 de setembro e 1 de outubro, á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior do número de solicitudes correctas recibidas de cada un dos centros correspondentes á súa área xeográfica.

3. En cada un destes países a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior poderá constituír unha comisión, para a que nomeará un representante

na persoa dun funcionario e na que estarán representados, así mesmo, os centros receptores das solicitudes en función do número de solicitudes presentadas e do seu peso específico dentro da colectividade galega. Así mesmo poderá asistir un representante do consello de residentes correspondente á demarcación na que teña lugar a comisión, preferentemente galego, por razóns de coñecemento e integración na comunidade galega asentada nese país e, polos mesmos motivos, preferiblemente pertencente e representante dalgún dos centros constituíntes da comisión.

4. Os galegos residentes naqueles países de Iberoamérica non citados no punto 1 do artigo 7 poderán remiti-las súas solicitudes á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior (Os Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela. A Coruña).

5. De constituírse, a comisión avaliadora reunirase dentro do prazo de 30 días contados a partir do día seguinte ó remate do prazo de presentación de instancias, e levantará acta da relación provisional de persoas seleccionadas, que se expoñerá ó público nos taboleiros de anuncios dos centros durante sete días naturais. Durante este período os interesados poderán presenta-las correspondentes reclamacións e o centro coordinador poderá pedirlles ós preseleccionados canta documentación coide oportuna para comproba-la veracidade dos datos citados nas solicitudes. No oitavo día natural, o centro coordinador elevará informe e, se é o caso, a proposta de modificacións xunto coa oportuna documentación xustificativa e informe do centro no que foi presentada a correspondente solicitude, a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior que, despois dos trámites legais oportunos, comunicará a resolución aprobatoria ós interesados e ós centros coordinadores, que se expoñerá publicamente nos

taboleiros de anuncios.

6. De non constituírse a dita comisión, os centros coordinadores deberán remitir á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de 5 días a partir do remate do prazo de presentación.

7. A selección dos beneficiarios efectuarase segundo o crédito dispoñible, adxudicándose as axudas conforme ós criterios e a gradación destes que a continuación se sinala:

a) No caso do artigo 2.1:

1. Estado de necesidade: baixa, media ou alta.

2. Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

b) No caso do artigo 2.2:

1. Enfermidade con medicación de custo: medio, alto e moi alto.

2. Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

3. Idade do solicitante: avanzada, moi avanzada ou extremadamente avanzada.

c) No caso do artigo 2.3:

1. Idade do solicitante: avanzada, moi avanzada ou extremadamente avanzada.

2. Grao de dependencia: baixa, media ou alta.

Artigo 8º.-Seguimento.

1. A solicitude de axuda supón o compromiso de aceptar que a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegura-lo cumprimento do contido das normas e as condicións da axuda.

A falsidade dos datos e documentos achegados implicará a denegación ou, se é o caso, a devolución da axuda na súa totalidade e sen prexuízo das responsabilidades que puideran derivarse do dito acto.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior as axudas asistenciais solicitadas e, se ó o caso, concedidas, por calquera institución pública ou privada, así como as posibles alteracións das circunstancias persoais, podendo a dita consellería, se así o considera, anula-la subvención e dispoñer do citado crédito para conceder axudas ós solicitantes con peticións inicialmente desestimadas.

Artigo 9º.-Pagamento.

A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior arbitrará o método de pagamento ós beneficiarios, de forma directa mediante cheque bancario.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior poderá, mediante resolución, para simplificar e axiliza-la selección dos beneficiarios, nomear unha comisión avaliadora constituída de acordo co disposto no artigo 7 desta orde.

A devandita comisión reunirase naqueles países onde se presentaron un maior número de solicitudes, levantando acta dos seus acordos, que terá valor de proposta de selección.

Segunda.-Facúltase á Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, sempre que a natureza e tramitación orzamentaria o permitan, para amplia-los prazos sinalados na presente orde mediante resolución, coas limitacións que se derivan do artigo 49 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992, do 26 de novembro).

Terceira.-As axudas precisas para a realización deste programa concederanse con cargo á partida 17.02.213-A.480.0 (Transferencias correntes. A familias e institucións sen fin de lucro. Subvencións dedicadas ó cumprimento da Lei 4/1983), do orzamento da Comunidade Autónoma para o 2002, por un importe de 900.000 euros. O citado importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que poidan producirse na devandita aplicación ou ben por xeracións de crédito orixinadas por achegas das deputacións provinciais de Galicia, que teñan por finalidade a atención

socio-sanitaria de galegos residentes en Iberoamérica.

A concesión das axudas estará sempre condicionada ó límite de crédito previsto na aplicación correspondente.

Cuarta.-Dada a especificidade do programa e para unha maior operatividade e eficacia, delégase no director xeral de Emigración da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior a resolución da concesión ou denegación das axudas que se convocan pola presente orde. Se no prazo de seis meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas. A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser obxecto de impugnación polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, contra as resolucións expresas ou presuntas que poñan fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente

notificación, no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que estar ó Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e á Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002 (Lei 2/2002, do 29 de abril).

Segunda.-Autorízase á Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior para dicta-las resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento da presente orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA