Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 02 de agosto de 2002 Páx. 11.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 19 de xullo de 2002 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á modernización dos buques pesqueiros dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos.

O Regulamento (CE) nº 2561/2001 do Consello, do 17 de decembro de 2001, (DOCE do 28 de decembro), polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos establece excepcións a determinadas disposicións do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), con base a un esforzo financeiro adicional para o establecemento dunha medida específica da comunidade orientada á reestructuración da flota e á prexubilación ou á reciclaxe dos seus tripulantes, obrigados a interrompe-las súas actividades pesqueiras ó expira-lo acordo de pesca entre a Comunidade Económica Europea e o Reino de Marrocos.

Sen embargo, a medida específica axústase ós principios xerais da política estructural no sector pesqueiro, evitando distorsións coa execución do programa operativo IFOP vixente para o período

2000-2006 e acomodando a xestión ás disposicións previstas para os fondos estructurais.

A medida específica, polas súas propias características, ten unha duración limitada, finalizando o prazo de concesión de axudas con base nesta o 30 de xuño de 2003.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Para tal obxecto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións e regúlase o procedemento de concesión de axudas á modernización dos buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan as condicións que máis adiante se sinalarán, afectados pola non renovación do acordo de pesca con Marrocos.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de contribuír á actualización da flota afectada pola extinción en 1999 do acordo de pesca con Marrocos e, facilita-la substitución das artes de pesca e demais investimentos subvencionables necesarios para a reconversión definitiva dos buques cara a outras actividades de pesca, mediante a incentivación da introducción das ditas modificacións.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 9 e demais disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións coa finalidade estructural no sector da pesca, e sonlle de aplicación as disposicións contidas no Regulamento (CE) nº 2561/2001 do Consello, do 17 de decembro de 2001, polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos, así como na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo á aplicación orzamentaria do exercicio do ano 2002 número 12.03.723A.770.0 e cun importe máximo de 2.664.202,20 euros.

As convocatorias, no exercicio 2002, serán máis dunha e rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde.

Os remanentes dunha convocatoria acumularanse á seguinte.

As axudas financiaranse con cargo a fondos da Unión Europea e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios de buques pesqueiros, ós que se lle con

cederan indemnizacións, durante os anos 2000 e 2001, por unha duración mínima acumulable de seis meses de paralización temporal de actividade, debido á non renovación do acordo de pesca con Marrocos e que modernicen os seus barcos introducindo modificacións en aspectos subvencionables, e en particular, a substitución das artes de pesca e as obras necesarias para a reconversión definitiva da embarcación cara a outras actividades extractivas, non subvencionándose as reparacións, reposicións e material usado.

A acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no primeiro inciso do parágrafo anterior farase con base na lista de buques que a este obxecto debe remiti-la Administración xeral do Estado á Comisión Europea, con base no artigo 1.2º do Regulamento de aplicación.

Esta medida non é acumulable con outras primas ou axudas públicas que teñan a mesma finalidade.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición do pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Os beneficiarios, e se é o caso, administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes destas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orza

mentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

O importe do investimento subvencionable será o menor destas tres cantidades: a do custo total previsto polo interesado para a obra ou obras subvencionables; a do resultado de aplica-lo baremo previsto no cadro I do anexo IV do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, incrementado nun 30%, e que se transcribe como anexo I desta orde; a que se obtén ó valora-las obras que se van subvencionar con criterios técnico-económicos obxectivos e homoxéneos, para o que se poderán pedi-los correspondentes informes.

A axuda será unha porcentaxe, nunca superior ó corenta por cento, do investimento subvencionable.

Manterase a axuda pero minorarase, na fase de pagamento, se o investimento material realizado e/ou pagado é, por causa xustificada, dunha entidade e/ou contía inferior á que se considerou elixible, e na mesma proporción.

A axuda non se modificará aínda que as obras efectivamente realizadas sexan superiores ou dun custo maior que os tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles que mellor a cumpren.

Priorizaranse os expedientes en función inversa da idade do buque que se vai modernizar, desde os máis novos de calquera idade ata os máis antigos.

Os buques achegados como baixa, ou que teñan solicitada prima por paralización definitiva ou constitución de sociedade mixta, no poderán ser subvencionados para a súa modernización.

Artigo 10º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Para participar na selección deberase dispoñer da correspondente autorización en vigor e de data anterior ó inicio do prazo de presentación de solicitudes, no caso de que esta sexa necesaria.

Para o cobramento da axuda, se é o caso, é inmodificable a titularidade do barco, salvo caso de sucesión por causa de morte.

A) A solicitude formularase no impreso normalizado que se une como anexo II e con tres copias

deste, se é o caso, de ser necesaria, farase consta-la data da autorización das obras.

Á solicitude achegarase tamén, por cuadriplicado exemplar:

a) Copia cotexada do DNI do propietario do barco.

b) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

c) Declaración do anexo III, referida ó momento da solicitude.

d) Formulario do anexo IV debidamente formalizado no que conste a denominación ou descrición sintética da obra ou obras concretas que se van realizar, dentro dos correspondentes puntos de investimentos subvencionables, con indicación do custo máximo previsto, sen IVE, e para cada unha delas se son varias.

Este custo non se modificará á alza, en ningún caso, nunha eventual resolución da axuda.

e) Orzamento do investimento que se vai realizar.

f) Explicación concreta da obra que se vai realizar, tan completo como sexa necesario para a comprensión na súa integridade desta, cun proxecto técnico -dotado dos plans necesarios antes e despois das obras- se a natureza destas o esixe.

g) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o solicitante, para os efectos de pagamento, e na que se faga conta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

B) Se o barco pertence a unha pluralidade xurídica.

1. Substituirase o documento indicado no punto A.a) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e unirase a copia cotexada do DNI do representante.

2. Certificación rexistral na que figuren a constitución desta e os estatutos vixentes, así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

C) Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. A copia cotexada do DNI achegarase de cada un dos propietarios da embarcación.

3. Da conta bancaria deberán ser titulares todos eles.

As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en cualquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó

da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 12º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos e se refiran a obras subvencionables, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, sen prexuízo dunha maior difusión a través das organizacións do sector, a partir do cuadraxésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13º.-Fase de concesión das axudas.

Os solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente e teñan acreditado o cumprimento de tódolos requisitos, concederáselle-la axuda.

Artigo 14º.-Certificacións de non inicio e fin de obra.

Antes do inicio das obras será realizada acta polos servicios periféricos da consellería, logo de petición con antelación suficiente do interesado.

A acreditación da realización das obras requirirá acta, realizada na forma prevista no parágrafo anterior.

Artigo 15º.-Realización das obras.

As obras deben realizarse nos seis meses seguintes á notificación da resolución de concesión de axudas.

Artigo 16º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución corresponde ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 17º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que se debe notifica-la resolución será de catro meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas axudas queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes

ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte á notificación da resolución.

Artigo 19º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 21º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que as obras obxecto da axuda estean realizadas de conformidade e integramente terminadas.

b) Que estes investimentos estean pagados.

c) Que os beneficiarios se atopen ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Que os barcos achegados como baixa, se é o caso, foran retirados da actividade pesqueira.

e) Que, se é o caso, foran inscritas no Censo da Flota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma as modificacións das características e das medidas do buque.

Artigo 22º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez terminadas obras, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Facturas orixinais do investimento realizado, que poderán ser devoltas por petición do interesado, unha vez tomada razón da súa utilización para os pagamentos con fondos da Unión Europea.

b) Certificación do acredor de que as ditas facturas foron efectivamente pagadas.

c) Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados, correspondentes ás ditas facturas.

d) Declaración do anexo III desta orde, referida ó momento da solicitude de pagamento.

e) Certificacións acreditativas de que o beneficiario se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificación da Capitanía Marítima correspondente acreditativa de que as baixas achegadas, se se precisaron delas, foron retiradas da actividade pesqueira mediante a entrega da patente de navegación e do rol, e de que se iniciou o expediente de despezamento.

Se o procedemento de retirada da actividade pesqueira é distinto do despezamento, acreditarase suficientemente este feito.

Disposiciones derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

BAREMO

Categoría de buque por

clase de tonelaxe (GT)

Euros

0 ' 10

10 ' 25

25 ' 100

100 ' 300

300 ' 500

500 ou máis

11.000/GT + 2.000

5.000/GT + 62.000

4.200/GT + 82.000

2.700/GT + 232.000

2.200/GT + 382.000

1.200/GT + 882.000

Modernización de buques pesqueiros, incluído, se é o caso, o custo de volver a medi-la tonelaxe de conformidade co convenio de 1969 de arqueo de buques: baremo indicado.

Nivel de participación financeira:

Os límites da participación financeira comunitaria (A), do conxunto das participacións financeiras públicas (nacionais, rexionais ou doutro tipo) do Estado membro correspondente (B) e da participación financeira dos beneficiarios privados (C), axustaranse ós requisitos seguintes, expresados en porcentaxe dos gastos subvencionables:

A n 35% B o 5% C o 60%