Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 02 de agosto de 2002 Páx. 11.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 251/2002, do 11 de xullo, polo que se aproba o escudo do Concello de Sobrado (A Coruña).

O Concello de Sobrado (A Coruña) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa súa correspondente proposta de representación gráfica da súa enseña, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe, de data do tres de xullo de dous mil dous, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aproba-lo escudo do Concello de Sobrado (A Coruña), que figura como anexo, organizado do seguinte xeito: De sinople (verde), un báculo de prata (blanco), con adornos de ouro (amarelo) e dúas espigas de ouro dispostas en aspa e acompañadas de dúas vieiras de prata; xefe de ouro cunha aguia de sabre (negro). Ó timbre, a coroa real pechada.

Santiago de Compostela, once de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais