Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 02 de agosto de 2002 Páx. 11.950

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, estableceuse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, fixándose posteriormente polo Decreto 310/2001, do 17 de decembro, a estructura orgánica dos seus

departamentos. No artigo 11 da citada norma estableceuse a estructura orgánica básica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a cal se desenvolve agora a través do presente decreto.

A citada modificación orgánica e a necesidade de reforzar determinadas áreas, concretamente de familia, muller e xuventude, fai necesario acomodar, ata o nivel de xefatura de servicio, a estructura orgánica da consellería regulada polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificada polos decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xullo e 200/2001, do 27 de agosto, distribuíndo as funcións asignadas tanto no ámbito central como periférico dun modo máis racional para así conferi-la máxima eficacia no exercicio delas.

Na área de familia e no ámbito periférico, créase un novo servicio distribuíndose a competencia en materia de familia, infancia e menores que viña asumindo unha soa unidade administrativa, tendo en conta a incidencia da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal do menor.

Por outra banda, en virtude da entrada en vigor da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, revísanse as funcións que lle corresponden á Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Así mesmo, a nova estructura fai unha mellor delimitación das funcións da Dirección Xeral de Xuventude, das unidades con nivel de subdirección xeral e dos servicios e créase un novo Servicio de Xestión e Coordinación Administrativa con dependencia directa da dirección xeral.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, familia, infancia e menores, muller e xuventude, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

Artigo 2º

Un.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desempeñará as fun

cións da súa competencia a través dos seguintes órganos superiores:

I. O/A conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Familia.

IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

V. Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

VI. Dirección Xeral de Xuventude.

VII. As delegacións provincias.

Dous.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo con categoría de dirección xeral, adscríbese á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e rexerase en canto ós seus obxectivos, funcións, estructura e funcionamento polo previsto na Lei galega 3/1991, do 14 de xaneiro, da súa creación, e polo Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller e demais normas que a desenvolvan.

I. O/A conselleiro/a.

Artigo 3º

O/A conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, está investido/a das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

Un.-A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con tódalas unidades e servicios dependentes da consellería, a inspección dos servicios, centros e organismos dependentes ou adscritos a ela, sen prexuízo das competencias que se lle atribúan á Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, a coordinación das publicacións editadas pola consellería, así como as funcións relativas á xestión do programa estatístico anual da consellería considerada no Plan Galego de Estatística sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, a coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos competencia desta consellería, así como aquelas que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do/a titular do departamento.

Dous.-Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

Exercerá as funcións de xestión de persoal, organización do rexistro xeral e de entidades prestadoras de servicios sociais, asistencia técnico-xurídica,

réxime interno, así como a asistencia e asesoramento necesarios para a emisión dos informes relativos ó cumprimento dos requisitos técnicos dos centros competencia desta consellería, así como as funcións relativas á inspección de centros e servicios propios da consellería e outros de contido administrativo que lle atribúa o secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Persoal e Réxime Interno.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da consellería, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

-A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral da consellería.

-As propostas de adopción de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación da xestión de persoal.

-O mantemento e actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, custodia e o arquivo dos seus expedientes.

-A xestión dos plans de formación do persoal que presta os seus servicios no ámbito da consellería.

-A coordinación, xestión e difusión da información relativa a recursos humanos ós cidadáns.

-O estudio, a tramitación e formulación das propostas de resolución dos expedientes, reclamacións e recursos que se formulen en materias relativas ó persoal da consellería.

-A execución de sentencias en materia de persoal funcionario e laboral da consellería.

-A tramitación dos expedientes de incompatibilidade e disciplinarios referentes ó persoal da consellería.

-A xestión e tramitación da nómina de persoal adscrito ós servicios centrais da consellería.

-O cumprimento das obrigas da consellería en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos.

-A confección dos estudios previos á elaboración da proposta do anteproxecto dos orzamentos do capítulo I da consellería, e as propostas de modificacións de crédito.

-O estudio, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da consellería.

-Control do funcionamento do rexistro xeral da consellería, do arquivo e os restantes aspectos relacionados co réxime interior, así como o control da asistencia e puntualidade.

1.2. Servicio Técnico Xurídico.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-O estudio e tramitación de tódolos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos centros directivos da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería, cando non lles estean atribuídos a outros órganos daquela.

-O estudio, preparación e informe dos asuntos que, tralo paso pola Comisión de Secretarios Xerais, se eleven ó Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos desta.

-A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería.

-Levar a cabo as funcións que a consellería teña encomendadas sobre as fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado.

-A tramitación de expedientes sobre cuestións demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da consellería.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

1.3. Servicio Administrativo de Centros.

A este servicio corresponderanlle as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes de autorizacións administrativas de centros de servicios sociais competencia desta consellería.

-A asistencia, asesoramento, seguimento e control dos centros de servicios sociais competencia da consellería.

-Así mesmo, corresponderalle o Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais no ámbito competencial da consellería.

2. Subdirección Xeral de Contratación e Control Orzamentario.

Levará a cabo a confección do borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, a tramitación e xestión dos expedientes de contratación relativos a obras, servicios, subministracións e asistencias da consellería, así como os de cooperación e colaboración cos entes locais en materia de investimento, a elaboración do plan de necesidades de obras e equipamentos das distintas unidades e centros da consellería, así como a coordinación da súa execución e calquera outra de contido administrativo que lle atribúa o secretario xeral.

Para o desenvolvemento das distintas funcións e servicios contará coas seguintes unidades, co nivel orgánico de servicio:

2.1. Servicio de Xestión Económica e Control Orzamentario.

A este servicio corresponderalle a elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería, así como a execución, seguimento, coordinación e o seu control. Levará a cabo, igualmente, a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria, habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario da consellería.

2.2. Servicio de Contratación, Obras e Supervisión de Proxectos.

A este servicio corresponderalle a xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servicios públicos, subministracións, de consultoría e asistencia ou calquera outra figura contractual análoga, así como os convenios de cooperación e colaboración cos entes locais en materia de investimento. Corresponderalle, así mesmo, desenvolve-las funcións de supervisión dos proxectos e seguimento e dirección e control das obras.

Tres.-Integradas organicamente na secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, haberá as seguintes unidades administrativas:

3.l. Asesoría Xurídica.

3.2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Familia.

Artigo 5º

Un.-Correspóndelle a esta dirección xeral:

-A xestión da política autonómica en materia de acción social, nos sectores de familia, infancia e menores, minorías étnicas e inmigrantes, segundo o disposto na normativa vixente, agás cando estivese legal ou regulamentariamente reservada a outro órgano ou ente da Administración autonómica, e en concreto a xestión de política autonómica familiar en desenvolvemento do previsto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, a elaboración e seguimento dos plans integrais de apoio á familia, así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas dictadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica.

-O estudio da realidade social, a planificación e coordinación das entidades prestadoras de servicios sociais nos anteditos sectores así como a cooperación con elas e, en particular, coas entidades de iniciativa social.

-A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, e sen prexuízo das competencias atribuídas á secretaría xeral, corresponderalle coordina-la súa xestión, supervisando o seu funcionamento, e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o desenvolvemento da súa actividade.

Dous.-Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estructúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Familia.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servicios e centros dedicados á prestación de servicios sociais relativos á familia, infancia, minorías étnicas e inmigrantes, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Familia, Infancia e Programas Especiais.

A este servicio corresponderanlle as funcións relativas ó estudio, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos programas destinados á familia, infancia, minorías étnicas e inmigrantes, en especial os contidos no Plan Integral de Apoio á Familia; a elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega de familia, infancia e da adolescencia, e na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, nesta materia, así como a coordinación e seguimento das institucións.

2. Subdirección Xeral de Menores.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servicios e centros dedicados á prestación de servicios sociais dedicados ós menores en situación de risco ou desamparo, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada; así como tódalas funcións derivadas da aplicación e desenvolvemento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, para a execución das medidas xudiciais nesta Comunidade Autónoma.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.l. Servicio de Defensa do Menor.

A este servicio corresponderalle a implantación, desenvolvemento, seguimento e avaliación dos programas contidos no Plan Integral de Apoio á Familia, tanto no que atinxe á promoción e defensa dos dereitos da infancia, como nas actuacións de prevención ante situacións de risco ou de desprotección social que poidan afecta-los menores; a coordinación dos equipos provinciais do menor e as propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa

competencia, así como cantas outras lle correspondan no seu exercicio.

2.2. Servicio de Atención a Menores en Situación de Conflicto Social.

A este servicio corresponderanlle cantas actuacións procedan para a execución das medidas previstas na normativa vixente e acordadas polos xulgados de menores de Galicia ante a comisión de infraccións tipificadas como faltas ou delictos pola poboación menor de idade penal; a implantación, execución, seguimento e avaliación dos programas dirixidos a menores en conflicto social, tanto en medio aberto como en internamento, en aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 6º

Un.-Corresponderalle a esta dirección xeral o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo, sen prexuízo das competencias atribuídas ó Instituto Galego de Estatística. Así mesmo, exercerá as funcións de execución relativas ó cumprimento das obrigas de empresarios e traballadores e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ó emprego e desemprego.

Desenvolverá tamén as competencias que lle correspondan a esta consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou a acreditación parcial acumulable correspondente. Así mesmo, desenvolverá e aplicará as competencias da consellería para a execución do procedemento establecido para a avaliación e acreditación das competencias da poboación activa de Galicia.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Formación e Colocación estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Formación Ocupacional.

Levará a cabo as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de formación ocupacional, o mantemento do censo de centros colaboradores e a xestión administrativa dos programas de formación ocupacional, así como o seguimento da inserción laboral resultante delas.

Para o desenvolvemento das ditas funcións, contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Planificación de Formación Ocupacional.

A este servicio corresponderalle a xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación ocupacional, así como da inserción laboral resultante delas.

1.2. Servicio de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional.

Corresponderalle a este servicio a xestión administrativa dos programas de formación ocupacional, execución orzamentaria, seguimento contable e xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación ocupacional.

2. Subdirección Xeral de Colocación.

Asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo, e en concreto, as relativas a inserción e rexistro dos demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services).

Así mesmo, corresponderalle a xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego.

A Subdirección Xeral de Colocación estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1. Servicio de Xestión e Coordinación.

A este servicio corresponderalle a coordinación da actividade e o soporte técnico da rede de intermediación no mercado de traballo, seguimento dos convenios establecidos cos centros asociados, o control de calidade da actividade de inserción que desenvolverán, a avaliación da calidade das infraestructuras esixidas para a súa inclusión na rede de intermediación e atribución de funcionalidades ós ditos centros de acordo coa tipoloxía establecida.

2.2. Servicio de Administración Informática.

No ámbito das materias competencia da dirección xeral corresponderalle a administración dos sistemas de información, a supervisión dos soportes técnicos e mantemento das aplicacións, elaboración das estatísticas e informes de resultados da xestión, sen prexuízo das competencias atribuídas á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e ó Instituto Galego de Estatística.

2.3. Servicio de Orientación Laboral.

A este servicio corresponderalle a xestión dos programas de axuda á busca de emprego, de mellora de emprego ou de reciclaxe profesional, así como os relativos ó asesoramento e orientación profesional e laboral, análise e información do mercado de traballo, a súa evolución e a adecuación entre a oferta formativa e a demanda laboral.

3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

Desenvolverá as funcións de coordinación entre departamentos e o impulso dos traballos competencia do instituto, así como os aspectos legais para adapta-lo funcionamento do instituto á normativa vixente, as relacións cos axentes sociais e outros organismos

de interese para o seu funcionamento e a supervisión da súa promoción.

Así mesmo, elaborará e presentará ó Consello Galego de Formación Profesional as propostas de plans de actividades e cometidos do instituto.

Tamén deberá presentar perante o referido consello os informes e estudios que lle sexan requiridos ou que interesen para o correcto funcionamento do instituto.

A Subdirección Xeral das Cualificacións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

3.1. Servicio de Observatorio Ocupacional.

A este servicio corresponderanlle as seguintes funcións: a análise permanente das necesidades de cualificación dos distintos colectivos de xeito que sirva de marco de referencia para a elaboración e articulación das ofertas normativas dos tres subsistemas de formación profesional e para a súa actualización permanente. Realizará o seguimento da evolución das cualificacións a través do Observatorio Ocupacional, que ten encomendadas as funcións de recoller, analizar e proporcionar información sobre as estructuras ocupacionais e a súa evolución para adapta-las cualificacións profesionais ás necesidades do mercado de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. Servicio de Deseño e Acreditación das Cualificacións.

A este servicio corresponderalle a participación na confección do Repertorio Nacional das Cualificacións, así como na súa actualización permanente elaborando propostas para o catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudios realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para defini-los requisitos e características que deben reuni-las cualificacións profesionais para seren incorporadas ó Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

Regulará os métodos básicos que deben observarse na avaliación da competencia e o procedemento para a concesión de acreditacións polo organismo competente e determinará correspondencias e validacións dentro dos principios, bases e directrices fixados polo Instituto Nacional de Cualificacións.

Proporá métodos e instrumentos de acreditación da cualificación.

Realizará as tarefas necesarias para o establecemento dun marco de referencia da programación xeral de tódolos subsistemas de formación e apoiará a tarefa normativa e de regulamentación realizada polos órganos competentes da Comunidade Autónoma.

V. Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

Artigo 7º

Un.-Corresponderalle a esta dirección xeral o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego e da economía social, sen prexuízo das competencias da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, en materia de cooperativas e da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais con respecto o réxime xurídico das cooperativas. Así mesmo, levará a cabo a programación, seguimento, control e, se é o caso, a xestión das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral, corresponderalle coordina-la súa xestión, supervisando o seu funcionamento, e prestaralle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Fomento do Emprego estructurarase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Promoción da Economía Social e da Contratación.

Levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, avaliación e control dos programas de fomento do emprego correspondentes á incentivación da contratación por conta allea e o apoio ó autoemprego, ó emprego en entidades de economía social e nas iniciativas empresariais no ámbito local e rural, ós programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade, así como das accións correspondentes ó seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego e a elaboración das estatísticas correspondentes, sen prexuízo das competencias atribuídas ó Instituto Galego de Estatística.

1.1. Servicio de Programación e Xestión.

A este servicio corresponderalle a xestión dos programas e accións para o fomento da contratación por conta allea, a coordinación dos labores de difusión, formación e información correspondentes ós programas, e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

1.2. Servicio de Apoio a Emprendedores.

A este servicio corresponderalle a xestión dos programas e accións de apoio a emprendedores, á economía social e á iniciativa empresarial no ámbito local e rural, a coordinación dos labores de difusión, formación e información, asesoramento a emprendedores e empresas familiares e Pemes, e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas rela

tivas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2. Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

Levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, dos de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutros programas de cooperación competencia da dirección xeral. Exercerá, así mesmo, esas funcións en relación coas accións correspondentes ó seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

2.1. Servicio de Xestión de Escolas Obradoiro.

A este servicio corresponderalle a xestión técnica dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servicio de Programas de Cooperación.

A este servicio corresponderalle a xestión técnica dos programas de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutras accións e programas de cooperación que sexan da competencia da subdirección xeral, a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.3. Servicio de Administración e Xestión.

A este servicio corresponderalle a administración dos programas de xestión centralizada e, especialmente, dos experimentais que xurdan nos plans de emprego e que sexan da competencia da subdirección xeral, a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

VI. Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 8º

Un.-Corresponderalle a esta dirección xeral a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e especificamente o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social. En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral, corresponderalle coordina-la súa xestión, supervisando o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Así mesmo, corresponderalle o fomento das relacións e da cooperación con outras comunidades autónomas e intercambios co estranxeiro en materia de xuventude, fomento dos

programas de Turismo Xove e promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a xuventude.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude estructúrase do xeito seguinte:

1. Servicio de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servicio, con dependencia directa do/a director/a xeral de Xuventude, corresponderalle a execución, coordinación e tramitación do pago das axudas e subvencións para os programas e actividades xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude, a xestión da contratación administrativa para a realización de programas e actividades xuvenís, a coordinación e xestión do rexistro de instalacións xuvenís e calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Subdirección Xeral de Programas.

Levará a cabo as función de promoción, difusión e seguimento de programas, actividades e convenios dirixidos a fomenta-la colaboración coas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados con actividades dirixidas á xuventude, o seguimento na xestión do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Rede Galega, a promoción e desenvolvemento da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil en coordinación con centros de información do Estado español e das comunidades autónomas, a elaboración, publicación e difusión de enquisas, estudios e informes sobre a xuventude galega e a información, promoción e coordinación dos programas da Unión Europea dirixidos á xuventude.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servicio.

2.1. Servicio de Programas.

A este servicio correspóndenlle as funcións de desenvolvemento e seguimento dos distintos programas e servicios dedicados á formación, información, estudios e estatísticas en materia de xuventude, a promoción, difusión e seguimento dos programas e actividades dedicados á xuventude organizados polas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados, a información, promoción e coordinación dos programas europeos dedicados á xuventude e a tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servicio.

3. Subdirección Xeral de Promoción e Actividades.

Levará a cabo as funcións de promoción e seguimento do asociacionismo xuvenil, a organización e xestión dos programas de actividades culturais de lecer e tempo libre, a promoción e fomento dos programas de Turismo Xove, a coordinación, asistencia técnica, seguimento e avaliación dos programas de servicios e centros dedicados á xuventude, o fomento

e promoción de intercambios e mobilidade de xoves con outras comunidades autónomas e países estranxeiros, a promoción e difusión dos distintos carnés dirixidos á xuventude e o desenvolvemento das funcións propias da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

3.1. Servicio de Promoción de Actividades.

A este servicio corresponderanlle as funcións de desenvolvemento, coordinación, xestión e seguimento dos programas e servicios a favor da xuventude que lle correspondan á subdirección xeral, a participación na xestión e programación das actividades que se realizan en campamentos, albergues, casas e centros de xuventude, a promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros, a elaboración e control das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servicio e a promoción e xestión do carné xove e carné máis.

3.2. Servicio de Formación e Participación Xuvenil.

A este servicio corresponderanlle as funcións de fomento e seguimento de tódalas actividades relacionadas co asociacionismo xuvenil e a coordinación e xestión do censo de asociacións xuvenís, a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados pola subdirección xeral, a tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias deste servicio, a coordinación dos servicios prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís, a programación e ordenación de ensinanzas a través da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, a promoción e xestión dos carnés nacionais e internacionais para a xuventude e a coordinación das relacións co Consello da Xuventude de Galicia.

VII. As delegacións provinciais.

Artigo 9º

Un.-En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial da Consellería da Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co establecido no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se organiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos seus órganos territoriais.

Dous.-Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado que, reunindo os requisitos esixidos no Decreto 244/1990, do 18 de abril, asumirá as funcións e competencias que lle atribúe o Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e a demais normativa vixente. Dependerá orgánica e funcionalmente do conselleiro, sen prexuízo das directrices funcionais

que dicten os distintos centros directivos da consellería. Exercerá, así mesmo, as funcións e competencias como delegado provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 10º

Para o desenvolvemento das súas funcións, as delegacións provinciais contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio.

1. Secretaría da delegación.

Corresponderalle ó secretario provincial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, á elaboración de estatísticas e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado, a quen substituirá nas súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. Así mesmo, corresponderalle á coordinación e control do funcionamento de tódolos servicios e centros dependentes da delegación provincial, velando polo cumprimento das instruccións impartidas polo delegado.

2. Servicio de Administración e Contratación.

Corresponderalle a este servicio a elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da delegación, e a xestión dos créditos que se lle asignen, así como o desenvolvemento de tódalas actuacións inherentes á contratación administrativa cando o delegado provincial actúe como órgano de contratación.

3. Servicio de Familia e Infancia.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia en materia de familia e infancia no respectivo ámbito provincial.

4. Servicio de Menores.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia en materia de menores no respectivo ámbito provincial.

5. Servicio de Formación e Colocación.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Formación e Colocación no respectivo ámbito provincial.

6. Servicio de Fomento do Emprego.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Fomento do Emprego no respectivo ámbito provincial.

7. Servicio de Xuventude.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude no respectivo ámbito provincial.

Artigo 11º

Están adscritos á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes órganos colexiados:

-Comisión Interdepartamental de Xuventude.

-Observatorio Galego da Familia.

-Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento de Contratación Laboral.

-Comisión de Seguimento do Plan de Acción Xove 2000-2003.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e os decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xullo e 200/2001, do 27 de agosto, de modificación do anterior, así como tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das devanditas unidades, autorízase a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos, con carácter temporal, a postos de inferior nivel, se tratase de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida sen que, en ningún caso, supoña a adscrición, cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións

públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA