Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 02 de agosto de 2002 Páx. 11.949

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 249/2002, do 18 de xullo, polo que se modifica o Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller.

Por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, creouse o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, como organismo autónomo, de carácter administrativo con categoría de dirección xeral. O organismo autónomo adscríbese á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Coa aprobación do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, refúndese a normativa xa existente en materia de muller referida á estructura orgánica e funcional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

A necesidade de reforza-la estructura orgánica do organismo autónomo distribuíndo as funcións dun xeito máis racional para así conferi-la máxima eficacia no seu exercicio, determina a modificación da antedita disposición. Así, na Secretaría do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, órgano técnico e xestor co nivel de subdirección, que depende da dirección do organismo, créase unha nova unidade con nivel de servicio, distribuíndose as funcións que viña asumindo unha soa unidade administrativa. Por outra banda estructúranse os servicios periféricos a través das delegacións provinciais que dependerán directamente da dirección do organismo.

Por todo o exposto é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádese un novo punto 4 ó artigo 1º sobre a estructura do organismo autónomo que quedará redactado como segue, pasando o actual punto 4 do citado artigo a numerarse como 5:

«4. As delegacións provinciais.»

Artigo 2º

Engádese un novo punto 3 ó artigo 18º sobre a estructura da dirección do organismo que quedará redactado como segue:

«3. Dependen da dirección do servicio as delegacións provinciais. Os delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son os delegados provinciais

do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Correspóndelles as funcións do organismo no ámbito provincial».

Artigo 3º

Modifícase o punto 2 do artigo 20º sobre a estructura da secretaría do organismo que quedará redactado como segue:

«2. Adscritos á secretaría atópanse o Servicio de Cooperación e o Servicio de Estudios e Programas».

Artigo 4º

Modifícase o artigo 21º sobre funcións da secretaría que quedará redactado como segue:

«Artigo 21º.-Funcións.

1. Correspóndelle á secretaría:

1) O seguimento da lexislación vixente nos aspectos que poidan afecta-lo principio de igualdade entre o home e a muller, e a emisión de informe previo sobre as disposicións de carácter xeral sobre o tema.

2) Propo-la adopción das medidas necesarias para que se esixa o cumprimento da lexislación laboral no relativo ás competencias propias do organismo.

3) Propo-las medidas tendentes para a efectiva coordinación das actuacións e programas dos diversos órganos ou entes da Administración autonómica.

4) Propor e, de ser-lo caso, levar a cabo as medidas necesarias para velar polo cumprimento dos tratados e convenios internacionais dentro do ámbito de actuación do organismo, segundo as competencias estatutariamente asumidas.

5) Propo-la adopción das medidas que legalmente se consideren convenientes en casos de violacións, acosos sexuais ou calquera suposto concreto de discriminación por razón de sexo.

6) Calquera outra que lle sexa delegada ou encomendada pola dirección do organismo.

2. Correspóndelle ó Servicio de Cooperación:

1) Elabora-las propostas dos textos normativos relativos á consecución dos obxectivos do organismo.

2) Desenvolve-las accións de cooperación coas entidades con obxectivos afíns ós propios do organismo, así como, de acordo coas disposicións legais, con outras comunidades autónomas e, en xeral, con outras administracións públicas.

3) Elaborar e executa-los plans de actuación de fomento do emprego e formación profesional das mulleres así como incentiva-la súa participación en tódolos ámbitos sociais.

4) A tramitación de tódalas convocatorias de axudas e subvencións para a prestación de servicios dirixidos á muller.

5) Calquera outra que lle encomende a secretaría do servicio.

3. Correspóndelle ó Servicio de Estudios e Programas:

1) Fomento de investigacións e estudios sobre a realidade da muller galega.

2) Elaborar e pór en práctica os plans e programas de actuación para a consecución dos obxectivos do organismo; así como velar pola efectiva coordinación das accións que para o efecto leven a cabo os entes locais.

3) Controla-la xestión dos equipamentos e a prestación dos servicios necesarios para o cumprimento dos seus obxectivos.

4) A organización e promoción de xornadas, cursos e campañas de concienciación e sensibilización sobre temas relacionados coa muller.

5) A preparación dos contratos administrativos e convenios sobre a prestación de servicios dirixidos á muller por entidades que traballen neste eido.

6) A compilación de información e documentación así como a edición e difusión de publicacións relativas á muller, elaborando e mantendo actualizado un banco de datos que poida servir de apoio ó desenvolvemento das actividades propias do organismo.

7) Calquera outra que lle encomende á secretaría do organismo».

Artigo 5º

Modifícase o punto 3 do artigo 33º sobre a composición da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista no punto referente ó vocal representante do organismo autónomo, quedando redactado como segue:

«- Un/unha representante do Servicio de Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designado/a pola directora xeral del».

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude