Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xullo de 2002 pola que se procede a executa-la sentencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Vigo (Pontevedra) dictada no procedemento abreviado 110/2001, seguido por instancia de Mª Pilar Correa y Fernández de Betoño.

Mediante o Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, estableceuse o procedemento para a liquidación e extinción das cámaras da propiedade urbana de Gali

cia e do seu Consello Xeral (DOG nº 42, do 2 de marzo), de acordo co dito decreto, foi realizada pola comisión para a integración do persoal das cámaras da propiedade urbana de Galicia unha proposta de persoal con dereito á súa integración como persoal laboral fixo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que foi remitida á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública, co fin de dar cumprimento ó artigo 10 do devandito Decreto 46/1996, do 11 de febreiro, dictou a Orde do 9 de novembro de 2000, pola que se regula a integración do persoal procedente das cámaras da propiedade urbana de Galicia (DOG do 16 de novembro).

Na súa virtude Mª Pilar Correa y Fernández de Betoño quedou integrada na categoría 1 do grupo IV do III convenio colectivo único da Xunta de Galicia con efectos do 1 de decembro de 2002 no posto base grupo D co código SA.C99.10.000.36560.294.

Non estando de acordo coa súa integración no grupo D, Mª Pilar Correa y Fernández de Betoño interpuxo recurso perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Vigo (Pontevedra), que con data 26 de xuño de 2001 dictou sentencia estimatoria no procedemento abreviado 110/2001, pronunciándose nos seguintes termos:

«Resolvo que debo estimar e estimo o recurso contecioso-administrativo interposto por Mª Pilar Correa y Fernández de Betoña contra a resolución referida no fundamento primeiro, e en consecuencia, debo revogar e revogo a dita resolución e declaro o dereito da actora a ser incluída no grupo III do III convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, e sen facer especial pronunciamento de custas».

A Sala do Contenciso-Administrativo do Tribunal Superior de Xutiza de Galicia, con data 27 de marzo de 2002, desestima o recurso de apelación interposto pola Xunta de Galicia contra a devandita sentencia.

Realizados os trámites conducentes á execución da sentencia firme dictada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Vigo, e tendo en conta que actualmente non hai postos vacantes da categoría 62 do grupo III do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, ofértase a vacante do corpo administrativo da Xunta de Galicia, de posto base do grupo C (nivel 14) que había na provincia de Pontevedra co código SA.S99.10.000.36560.015 na Dirección Provincial do Sergas de Pontevedra en Vigo.

Polo tanto, en virtude do exposto

DISPOÑO:

Primeiro.-Integrar a Mª Pilar Correa y Fernández de Betoño como persoal laboral na categoría 62 do grupo III do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, nas condicións

previstas no Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, publicado no DOG do 2 de marzo, e na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 2000, publicada no DOG do 16 de novembro.

Segundo.-Adxudicar a Mª Pilar Correa y Fernández de Betoño o posto base do grupo C (nivel C) co código de posto SA.S99.10.000.36560.015 pertencente á Dirección Provincial do Sergas de Pontevedra en Lugo.

Terceiro.-A interesada disporá, para tomar posesión, dun prazo de tres días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, con carácter potestativo, o recurso de reposición perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, da presente orde ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública