Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.867

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 246/2002, do 18 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Pesca.

O Decreto 427/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os órganos asesores e consultivos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, estableceu as canles institucionais que posibilitaron o exercicio dos dereitos de audiencia e información ós distintos sectores que traballan ou viven do mar.

O tempo transcorrido desde a creación do Consello Galego de Pesca e a propia evolución do sector nos últimos anos fan necesaria a revisión da súa composición e funcionamento, a fin de dotalos de mecanismos áxiles e dinámicos que fagan máis operativo o seu funcionamento.

Este decreto prevé como órganos que compoñen o Consello Galego de Pesca, o Pleno e as comisións sectoriais, desaparecendo respecto á anterior normativa a Comisión Permanente, dándoselle unha maior transcendencia ás comisións sectoriais.

As comisións sectoriais redúcense en número, obedecendo a dita reducción a unha adaptación á realidade dos distintos sectores, dando cabida nesta nova composición a sectores como o marisqueo a pé, a flote e a acuicultura como novos sectores claramente diferenciados, dada a importancia económica e social que estes acadaron.

Por último regúlase a composición das distintas comisións sectoriais e o seu funcionamento, prevendo tódalas peculiaridades destes órganos.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, oídas as organizacións representativas do sector e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Consello Galego de Pesca é un órgano colexiado, consultivo e asesor da Xunta de Galicia, nos asuntos de pesca, marisqueo e acuicultura con incidencia no sector galego e dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º

Para o exercicio das funcións encomendadas no presente decreto ó Consello Galego de Pesca, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos prestará o conxunto de medios persoais, técnicos, económicos e materiais necesarios.

Artigo 3º

As normas de réxime interior que regulen o funcionamento do Consello Galego de Pesca serán elaboradas por unha comisión composta por cinco membros, designada para o efecto entre os vocais do

Pleno, debendo aprobarse o mesmo na seguinte reunión á da constitución deste último, e publicándose no Diario Oficial de Galicia por resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 4º

Os órganos que compoñen o Consello Galego de Pesca son o Pleno e as comisións sectoriais.

Artigo 5º

1. Integran o Pleno os seguintes membros:

a) O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que será o presidente.

b) Un director xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, nomeado polo conselleiro, que actuará como vicepresidente.

c) Seis vocais en representación, respectivamente, das federacións provinciais de confrarías, dous vocais por cada unha delas.

d) Seis vocais en representación das organizacións sindicais máis representativas ou de maior representatividade da Comunidade Autónoma de Galicia, dous vocais por cada unha delas.

e) Dous vocais por cada comisión sectorial, que acrediten a súa representatividade no ámbito galego.

f) Seis vocais en representación do sector empresarial, dous para o sector extractivo, dous para a industria de transformación, un para a industria conserveira e un para o sector comercializador.

g) O secretario, que será nomeado polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos entre o persoal da consellería.

2. O presidente poderá designar, en función dos temas que hai que tratar e para cada sesión, dous expertos entre persoas de recoñecida competencia na materia, que non terán dereito a voto.

3. Os vocais serán designados por cada unha das federacións provinciais, organizacións sindicais, comisións sectoriais ou sector empresarial, debéndose notificar cunha antelación mínima de 48 horas ó secretario a identidade das persoas que asistirán a cada unha das xuntanzas. As súas funcións como vocais non serán remuneradas.

Cada vocal do consello poderá ter un suplente designado da mesma forma que o titular, e cos mesmos dereitos e obrigas. Os vocais e os suplentes poderán ser substituídos pola organización que os designou. A substitución da representación por outra persoa deberá comunicarse, para os efectos oportunos, á secretaría do consello. Non se admite delegación de voto noutros membros do consello.

Naqueles sectores onde non existan organizacións representativas, os seus vocais serán elixidos por aquelas empresas ou entes que agrupen un maior número de traballadores ou de facturación.

Artigo 6º

Son funcións do Pleno, entre outras, as seguintes:

a) Colaborar coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na elaboración da planificación pesqueira e na programación de estudios sobre distintas actividades.

b) Estudiar e propoñerlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, as reformas que considere necesarias na regulamentación pesqueira de carácter rexional ou nacional que poidan influír no ordeamento do sector pesqueiro de Galicia.

c) Analizar e propoñe-las regulamentacións que, en materia pesqueira, se consideren necesarias.

d) Realizar consultas a outros organismos e institucións.

e) Elaborar informes e dictames en tódolos casos nos que así o dispoña a maioría simple dos seus membros e ademais naqueloutros que así o solicite a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

f) Elaborar dictames sobre os anteproxectos de lei e proxectos de decretos lexislativos en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

Artigo 7º

O Pleno reunirase, con carácter ordinario, como mínimo dúas veces ó ano, e con carácter extraordinario cando o acorde o presidente ou o soliciten, alomenos un tercio dos seus membros.

Artigo 8º

Co fin de realiza-las funcións sinaladas no artigo 6º, en relación cos temas concretos e específicos que incidan na súa actividade específica, constitúense as seguintes comisións sectoriais:

a) De pesca de altura.

b) De pesca de grandes migradores.

c) De pesca en augas comunitarias.

d) De pesca en augas de África Occidental.

e) De pesca de arrastre litoral.

f) De pesca de cerco.

g) De pesca de artes fixas e artes menores en caladoiro nacional.

h) De acuicultura.

i) De marisqueo a pé.

j) De marisqueo a flote.

k) De industrias pesqueiras de transformación e comercialización.

l) De organizacións de productores.

m) De sociedades conxuntas.

n) De recursos específicos.

ñ) De política social e de seguridade.

Artigo 9º

As comisións sectoriais ás que se refire o artigo anterior estarán integradas polos seguintes membros:

a) O presidente, que será un director xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con competencia na materia e nomeado polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

b) Seis vocais en representación das organizacións sindicais máis representativas ou de maior repre

sentatividade, da Comunidade Autónoma de Galicia, dous vocais por cada unha delas.

c) Seis vocais en representación do sector ó que se refira a comisión.

d) Nas comisións de artes fixas, artes menores, cerco e marisqueo tamén figurarán tres vocais como representantes das federacións provinciais das confrarías, un vocal por cada unha delas.

Artigo 10º

As comisións sectoriais reuniranse, con carácter ordinario, como mínimo unha vez cada tres meses e cando así o acorde o presidente da comisión sectorial ou do Pleno, ou cando o solicite 1/3 dos membros da comisión sectorial.

Artigo 11º

Compétenlle ó presidente do Pleno e das comisións sectoriais as seguintes funcións:

a) Convoca-las xuntanzas dos seus respectivos órganos.

b) Fixa-la orde do día.

c) Dirixi-las deliberacións dos seus órganos.

d) Fixa-los prazos en que deberán emitirse, se é o caso, os informes requiridos.

e) Exerce-las demais funcións que lle correspondan a un presidente dun órgano colexiado consonte co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o vicepresidente substituirá o presidente no Pleno, con plenitude de facultades e deberes, e exercerá as funcións que lle delegue o presidente.

Artigo 12º

Compétenlle ó secretario do pleno e das comisións sectoriais as seguintes atribucións:

a) Custodia de toda a documentación do órgano.

b) Executa-las dilixencias que lle sexan encomendadas polos presidentes.

c) Prepara-los asuntos que teñan que ser tratados en cada reunión, segundo a orde do día.

d) Levanta-la acta de tódalas reunións.

e) Remiti-la convocatoria das reunións ós integrantes do pleno e das comisións, xunto coa documentación.

f) Exerce-las demais funcións que lle corresponden como secretario do órgano colexiado.

g) Remitir unha copia da acta ou ben informe, dos puntos tratados en cada sesión do Pleno ou das comisións sectoriais ós membros dos citados órganos.

Artigo 13º

a) As convocatorias das reunións ordinarias do Pleno e das comisións sectoriais remitiranse ós membros dos citados órganos cun mínimo de dez días de antelación. Non obstante, este prazo poderase reducir

no suposto de convocatorias extraordinarias. As actas e acordos de cada sesión seranlles igualmente remitidas ós membros do Pleno e das comisións sectoriais.

b) Para a válida constitución do consello, en primeira convocatoria, será precisa a asistencia da maioría absoluta dos seus membros. No caso de non producirse o quórum previsto, poderá constituírse en segunda convocatoria, sempre que estean presentes, alomenos, unha terceira parte dos seus membros. En ámbolos casos, para que o consello quede validamente constituído será precisa a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que regulamentariamente os substitúan.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 427/1993, do 17 de decembro, na súa regulación do Consello Galego de Pesca e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA