Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.865

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de xullo de 2002 pola que se adapta o disposto na Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, ó Decreto 233/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece na sección primeira do seu capítulo III os aspectos básicos da organización da ensinanza secundaria obrigatoria, e que son o fundamento do Real decreto 1007/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

O Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, regula o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi desenvolto pola Orde do 19 de xuño de 1996 (DOG do 11 de xullo), pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria.

A relación de materias optativas desta etapa, xunto co correspondente currículo, establécense nas ordes do 1 de febreiro de 1995 (DOG do 30 de marzo) e do 30 de abril de 1996 (DOG do 29 de maio). Así mesmo, a Orde do 25 de abril de 1994 (DOG do 18 de maio) regula os procedementos para a avaliación, promoción e titulación dos alumnos desta etapa educativa.

Como consecuencia da publicación do Real decreto 3473/2000, do 29 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 1007/1991, o Decreto 78/1993 vén de ser modificado polo Decreto 233/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xullo), o que fai necesario adapta-la citada Orde do 19 de xuño de 1996 ó disposto nesta última norma.

Tendo en conta o regulamentado nas disposicións precedentes, así como a experiencia acumulada nos anteriores períodos de implantación da educación secundaria obrigatoria, procede establecer novas medidas de ordenación educativa relativas á súa estructura, á asignación horaria das súas materias, así como todos aqueles aspectos que sexan necesarios para o tránsito adecuado do alumnado por esta etapa educativa.

Polo tanto, en consecuencia co anteriormente exposto e en aplicación da disposición derradeira primeira do Decreto 233/2002, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Horario semanal.

O horario semanal para cada un dos cursos da educación secundaria obrigatoria será de trinta e

dous períodos lectivos, segundo a distribución que figura no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Materias optativas.

Os centros proporán anualmente, antes do quince de maio, a relación de materias optativas que ofertarán ó alumnado en cada ciclo ou curso, de entre as incluídas no catálogo establecido para esta etapa ou a propia do centro que conte coa correspondente autorización previa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, correspondendo á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a aprobación destas propostas.

De non existir variación na relación de materias optativas, estas poderán impartirse en cursos sucesivos sen necesidade de nova aprobación.

Artigo 3º.-Organización no segundo ciclo da área de ciencias da natureza.

1. As ensinanzas da área de ciencias da natureza organizaranse tanto en terceiro como en cuarto curso en dúas materias diferentes, bioloxía e xeoloxía e física e química. A avaliación das aprendizaxes nestas materias realizarase de xeito independente.

2. No cuarto curso, para efectos de elección de áreas troncais, poderase optar por cursar só a área de ciencias da natureza se se escollen as dúas materias de bioloxía e xeoloxía e de física e química. se a opción recae nunha soa desas materias, deberase cursar ademais outra área de entre educación plástica e visual, música ou tecnoloxía.

Artigo 4º.-Organización no cuarto curso da área de ciencias sociais, xeografía e historia.

1. As ensinanzas da área de ciencias sociais, xeografía e historia organizarase en cuarto curso en dúas materias diferentes, xeografía e historia e ética e a avaliación das aprendizaxes nestas materias realizarase de xeito independente.

2. A materia de ética adscríbese ó departamento didáctico de filosofía, no caso de que este exista no centro.

Artigo 5º.-Rexistro das cualificacións das materias de bioloxía e xeoloxía, física e química, ética e xeografía e historia.

1. Os resultados da avaliación das materias de bioloxía e xeoloxía, física e química, ética e xeografía e historia expresaranse nos mesmos termos que se establecen para o resto das áreas e materias na Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria.

2. As cualificacións obtidas nas materias de bioloxía e xeoloxía e de física e química reflectiranse no expediente académico do alumno e no libro de escolaridade do ensino básico na páxina correspondente ó terceiro e cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro perten

cente á cualificación da área de ciencias da natureza, consignando no primeiro lugar a cualificación da materia de bioloxía e xeoloxía e no segundo lugar a da materia de física e química, que deberán estar separadas por un guión.

No caso de que no cuarto curso un alumno elixa unicamente unha das materias bioloxía e xeoloxía ou física e química, a cualificación correspondente reflectirase no seu expediente académico e no libro de escolaridade do ensino básico na páxina establecida para o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro pertencente á cualificación da área de ciencias da natureza consignando a materia cursada mediante as siglas (BG) no caso de bioloxía e xeoloxía ou (FQ) no caso de física e química.

3. As cualificacións obtidas nas materias de xeografía e historia e de ética reflectiranse no expediente académico do alumno e no libro de escolaridade de ensino básico na páxina correspondente ó cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro pertencente á cualificación da área de ciencias sociais, xeografía e historia, consignando no primeiro lugar a cualificación correspondente á xeografía e historia e no segundo lugar a de ética, que deberán estar separadas por un guión.

4. O rexistro das cualificacións das materias de bioloxía e xeoloxía, física e química, xeografía e historia e ética farase, se é o caso, na páxina 27 do libro de cualificacións do ensino básico, dedicada á acreditación da avaliación contida no dito libro.

Artigo 6º.-Programas de diversificación curricular.

1. Os programas de diversificación curricular incluirán tres áreas de coñecemento con tratamento globalizador dos contidos:

-Unha área de lingua estranxeira que tomará como referencia o currículo do idioma correspondente e que terá dous períodos lectivos semanais.

-Unha área do ámbito lingüístico e social que tomará como referencia o currículo das áreas seguintes: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e ciencias sociais, xeografía e historia en terceiro curso e as materias de xeografía e historia e ética en cuarto; e que terá dez períodos lectivos semanais.

-Unha área do ámbito científico que tomará como referencia o currículo da área de matemáticas e das materias de bioloxía e xeoloxía e de física e química, e que terá oito períodos lectivos semanais no terceiro curso e sete no cuarto.

Disposición adicional

As referencias á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que figuran no artigo 8 da Orde de 19 de xuño de 1996 deberanse entender relativas á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Disposición transitoria

O establecido nesta orde será de aplicación desde o ano académico 2002-2003 nos cursos primeiro e

terceiro da educación secundaria obrigatoria e desde o ano académico 2003-2004 nos cursos segundo e cuarto.

Co fin de dar continuidade ó disposto no artigo 6 da Orde do 19 de xuño de 1996, no ano académico 2002-2003 os centros respectarán a distribución horaria que para o 2º curso está recollida no seu proxecto curricular do ano 2001-2002.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogados o artigo 6, os puntos 11º e 12º do artigo 7, o punto 6º do artigo 11 e o anexo I da Orde do 19 de xuño de 1996.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 21 de outubro de 1996, pola que se dictan disposicións para a aplicación do Decreto 331/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica e amplía o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa e de Persoal para dictar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Horario

Área ou materia

Educación física2222

Relixión/actividades de estudio2221

Lingua estranxeira3333

Lingua galega e literatura4333

Lingua castelá e literatura3433

Ciencias sociais, xeografía e historia3333

Ética---1

Matemáticas4433

Ciencias da natureza32--

Bioloxía e xeoloxía (*)--23

Física e química (*)--23

Tecnoloxía (*)2323

Educación plástica e visual (*)3-23

Música (*)-323

1ª optativa2223

2ª optativa---3

Titoría1111

Total32323232

No cuarto curso o alumnado deberá escoller dúas áreas ou materias de entre as que figuran cun asterisco (*), segundo se establece no artigo 3º da presente orde, cun cómputo total de 6 períodos lectivos semanais.