Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2002 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xullo de 2002, polo que se modifica a relación de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública da Consellería de Sanidade.

O Decreto 293/1998, do 26 de outubro (DOG nº 215, do 5 de novembro) procedeu á execución da sentencia 85/1998, do 4 de febreiro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se anulaba e deixaba sen efecto a modificación da relación de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública aprobada pola Orde do 6 de xuño de 1994.

O DOG nº 33, do 15 de febreiro de 2001, publicou unha resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se aprobou a relación de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Posteriormente, o Decreto 306/2001, do 15 de decembro (DOG nº 242, do 17 de decembro) establece a nova estructura orgánica da Xunta de Galicia e recolle, separadamente a Consellería de Sanidade e a Consellería de Asuntos Sociais.

Así mesmo, o Decreto 44/2002, do 8 de febreiro (DOG nº 37, do 20 de febreiro) establece a estructura orgánica dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Por outra banda, as novas circunstancias experimentadas no sector alimentario e da saúde pública levan consigo a obriga de asumir novas funcións e maiores cargas de traballo por parte dos servicios veterinarios dependentes da Consellería de Sanidade, e a necesidade de adaptación ós maiores requirimentos que a calidade do servicio esixe.

De acordo co reflectido nos parágrafos anteriores, e co fin de adecua-lo cadro de persoal dos servicios veterinarios oficiais dependentes da Consellería de Sanidade ás súas necesidades reais de funcionamento recollidas no pacto subscrito con data do 15 de novembro de 2001 entre a Administración e os representantes deste colectivo, faise necesario modifica-la vixente relación de postos de traballo da citada consellería.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, oídas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e a comisión de persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil dous, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aproba-la modificación da relación de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública da Consellería de Sanidade nos termos que se sinalan no anexo a este acordo.

Segundo.-Ordena-la publicación da dita modificación no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte a ela.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de xullo de dous mil dous, relativo á modificación da relación de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública da Consellería de Sanidade, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2002

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública