Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.648

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xullo de 2002 pola que se regulan as probas extraordinarias establecidas polo Real decreto 409/2002, do 3 de maio, para a obtención dos títulos das ensinanzas de música e dos certificados de finalización de estudios de danza correspondentes ós plans de estudios anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

O Real decreto 1112/1999, do 25 de xuño, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establece que a posibilidade de continuar estudios de grao medio conforme o Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, será efectiva ata o final do ano académico 2000-2001.

Así mesmo, ese real decreto dispón que a posibilidade de continuar estudios de grao superior conforme o Decreto 2618/1966, será efectiva ata o final do ano académico 2001-2002, agás no caso das especialidades de Dirección de Orquestra, Dirección de Coro, Musicoloxía, Música Sacra e Pedagoxía Musical, para as que o prazo establecido será ata o final do curso 2002-2003.

Por outra parte, o artigo 33 do mencionado Real decreto 986/1991, determina que nos dous anos seguintes ás datas de extinción do anterior plan de estudios se convocarán probas extraordinarias para a obtención do diploma elemental e os títulos de profesor e profesor superior das diferentes especialidades de música, nas condicións que oportunamente se establezan, para o alumnado afectado pola extinción dos plans de estudios regulados polo Decreto 2618/1966.

Polo que atinxe ás ensinanzas de danza, o artigo 40 do Real decreto 986/1991 establece que no ano académico 2000-2001 deixarán de impartirse as ensinanzas de danza anteriores á nova ordenación do sistema educativo, e que nos dous anos seguintes a esa data de extinción, se convocarán probas extraordinarias para a conclusión dos estudios iniciados consonte o dito plan.

Como consecuencia, o Real decreto 409/2002, do 3 de maio (BOE do 28 de maio), vén de establece-las probas extraordinarias de música e danza anteriormente citadas, outorgando na súa disposición final segunda competencias ás comunidades autónomas para dicta-las instruccións que sexan necesarias para a aplicación do disposto nese real decreto.

A presente orde ten por finalidade regular na Comunidade Autónoma de Galicia as citadas probas extraordinarias das ensinanzas de música e danza anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

En virtude da citada disposición adicional segunda do Real decreto 409/2002,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular na Comunidade Autónoma de Galicia as probas extraordinarias establecidas polo Real decreto 409/2002, do 3 de maio, para a obtención dos títulos de profesor e profesor superior das diferentes especialidades de música dos estudios regulados polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, así como dos certificados de finalización de estudios de danza correspondentes ós plans de estudios anteriores á Lei orgánica 1/1990.

Artigo 2º.-Convocatorias

1. As probas extraordinarias para a obtención do título de profesor de música terán lugar nas seguintes convocatorias: setembro de 2002, decembro de 2002, xuño de 2003 e setembro de 2003.

2. As probas extraordinarias para a obtención do título de profesor superior de música terán lugar nas seguintes convocatorias: xuño de 2003, setembro de 2003, xuño de 2004 e setembro de 2004.

3. As probas extraordinarias para a obtención do certificado de finalización de estudios de danza celebraranse nas seguintes convocatorias: setembro de 2002, decembro de 2002, xuño de 2003 e setembro de 2003.

Artigo 3º.-Lugares e datas de realización das probas

1. En virtude do establecido no artigo 3.2. do Real decreto 409/2002, as probas extraordinarias das ensinanzas de música realizaranse nos conservatorios de música de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. As probas extraordinarias das ensinanzas de danza realizaranse no Conservatorio de Danza da Deputación Provincial da Coruña.

2. Os conservatorios de música de titularidade municipal e os centros autorizados de música quedan adscritos, unicamente para os efectos da presente orde, ós conservatorios de música dependentes da

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo se relacionan no anexo I a esta orde.

Así mesmo, os centros autorizados de danza quedan adscritos, unicamente para os efectos da presente orde, ó Conservatorio de Danza da Deputación Provincial da Coruña.

3. A determinación das datas de realización das probas corresponderá a cada un dos centros nos que se realicen, axustándose, en todo caso, ás convocatorias establecidas no artigo anterior.

Esas datas deberanse comunicar para os centros adscritos para os efectos desta orde, cunha antelación mínima de dous meses, agás no caso da convocatoria de setembro de 2002, que se comunicará quince días antes da súa celebración. Igualmente, e coa mesma antelación, as datas deberán comunicarse ás delegacións provinciais implicadas.

En calquera caso, tódolos centros daranlle a máxima difusión posible ás datas anteriores.

Artigo 4º.-Requisitos dos participantes

1. Poderán concorrer ás probas extraordinarias dos estudios de música os aspirantes que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter iniciada a correspondente especialidade no grao medio do plan de estudios de 1966 sen concluíla no ano académico 2000-2001 e non terse incorporado ó plan de estudios da nova ordenación do sistema educativo.

b) Ter iniciada a correspondente especialidade no grao superior do plan de estudios de 1966 sen concluíla no ano académico 2001-2002 e non terse incorporado ó plan de estudios da nova ordenación do sistema educativo.

2. Poderán concorrer ás probas extraordinarias dos estudios de danza os aspirantes que tendo iniciada a correspondente especialidade do antigo plan de estudios non a concluísen no ano académico 2000-2001 e non se incorporasen ó plan de estudios da nova ordenación do sistema educativo.

Artigo 5º.-Matrícula

1. Os aspirantes deberán presenta-la correspondente solicitude de matrícula, segundo o impreso recollido no anexo II desta orde, en cada unha das convocatorias na que desexen participar e no centro onde se atope o seu expediente académico.

2. O prazo de matrícula en cada convocatoria, que se estenderá durante quince días naturais, pecharase un mes antes da realización das probas. No caso da convocatoria de setembro de 2002, ese prazo abrirase o día 1 de setembro e pecharase unha semana antes da realización das probas.

3. Os centros adscritos segundo o disposto polo artigo 3 desta orde remitirán as solicitudes, trala comprobación dos datos académicos de cada aspirante, ó conservatorio onde se realicen as probas, xunto cunha certificación académica na que constarán as materias das que o alumno solicita ser avaliado.

Cando un centro non teña aspirantes para a realización dunha proba extraordinaria, comunicará igualmente esta circunstancia.

Artigo 6º.-Tribunais

1. Constituiranse tribunais para cada unha das materias obxecto das probas extraordinarias. Correspóndelles ás delegacións provinciais o nomeamento dos membros titulares e suplentes. A súa composición farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realicen as probas e nas delegacións provinciais correspondentes.

2. Segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 409/2002, cada tribunal estará composto por tres membros:

a) Un presidente, que pertencerá, preferentemente, ó corpo de catedráticos ou de profesores de música e artes escénicas, na especialidade correspondente.

b) Dous vocais, que pertencerán, preferentemente, ó corpo de catedráticos ou, se é o caso, ó corpo de profesores de música e artes escénicas, na especialidade correspondente.

3. Coa finalidade de contar coa información necesaria para proceder ó nomeamento dos tribunais, unha vez rematado o proceso de matrícula establecido no artigo anterior, os conservatorios onde se realicen as probas remitirán á delegación provincial correspondente o número de aspirantes en cada materia.

Artigo 7º.-Contido das probas

Os aspirantes que se presenten ás probas extraordinarias deberán supera-lo nivel esixido no programa de cada materia no último curso de vixencia dos estudios. Para tal fin, os centros de orixe remitirán, coa suficiente antelación, ós conservatorios onde se realicen as probas, as correspondentes programacións autorizadas.

En consecuencia, os contidos obxecto de exame axustaranse ás programacións correspondentes ó centro de orixe de cada candidato.

Artigo 8º.-Cualificación das probas

1. Segundo o disposto no artigo 9 do Real decreto 409/2002, as probas correspondentes ás materias de ensinanzas de música e danza cualificaranse de 0 a 10 puntos, sendo preciso para a súa superación obter unha cualificación igual ou superior a cinco.

2. Cada tribunal fará consta-los resultados obtidos polos alumnos mediante a formalización, no prazo máximo de cinco días trala realización de cada proba, da acta correspondente, asinada por tódolos seus membros e na que se consignará a convocatoria á que se refire.

3. O centro no que se realice a proba extraordinaria expedirá, finalizada esta, unha certificación individualizada na que figurarán as materias e cualificacións obtidas polo alumno, que será remitida ó centro de orixe para que se xunte ó seu expediente académico. A citada certificación deberá conter alomenos, a seguinte información: data da convocatoria; título ou certificación, especificando a especialidade, ó que se presentou o alumno; e relación de materias e cualificacións obtidas.

4. As reclamacións das cualificacións obtidas axustaranse ó establecido no artigo 10 da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto).

Para estes efectos, a secretaría de cada conservatorio publicará as cualificacións no seu taboleiro

de anuncios ó día seguinte da formalización da acta correspondente.

Artigo 9º.-Expedición de títulos

Os centros de orixe tramitarán as solicitudes de expedición de títulos, logo de comprobación de que os aspirantes reúnen tódolos requisitos necesarios para a súa obtención.

Así mesmo, no caso das ensinanzas de danza corresponderá ós centros de orixe a expedición das certificacións acreditativas de ter completados os estudios da especialidade.

Disposición adicional

Primeira.-O alumnado que, despois de participar na cuarta convocatoria das probas extraordinarias reguladas pola presente orde, non as supere e desexe incorporarse ós estudios regulados pola Lei orgánica 1/1990, deberán realiza-la correspondente proba de acceso.

Para tal fin, no mes de outubro, cada conservatorio, de existir prazas vacantes na correspondente especialidade, realizará unha convocatoria extraordinaria da proba de acceso, á que unicamente poderá concorre-lo alumnado que se atope na situación antes sinalada. O período para a inscrición e realización desta proba de acceso establecerase en correspondencia co remate das probas extraordinarias reguladas pola presente orde.

Segunda.-No caso de que, trala publicación desta orde, entre en funcionamento algún outro centro público dependente desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderanse establece-las oportunas modificacións das adscricións ás que se fai referencia no artigo 3º, que deberán ser comunicadas ós centros afectados para a súa difusión entre os interesados.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa e de Persoal para dicta-las disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Centros adscritos para as probas de Música

* Conservatorio Superior de Música da Coruña:

-Conservatorio Profesional de Música de Arzúa.-Conservatorio Profesional de Música de Carballo.-Conservatorio Profesional de Música de Culleredo.-Conservatorio Profesional de Música de Melide.-Conservatorio Profesional de Música de Federico Paz Carbajal de Noia.-Conservatorio Profesional de Música de Ribeira.-Centro Autorizado de Música Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela.

-Centro Autorizado de Música Elemental Hodiguitria de Santiago de Compostela.-Centro Autorizado de Música Profesional Obradoiro da Coruña.

* Conservatorio Profesional de Música de Ferrol:

-Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez.

* Conservatorio Profesional de Música de Lugo:

-Conservatorio Profesional de Música de Monforte de Lemos.-Conservatorio Profesional de Música de Vilalba.-Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.-Centro Autorizado de Música Profesional Harmonía de Lugo.-Centro Autorizado de Música Profesional Cantiga de Sarria.

* Conservatorio Profesional de Música de Ourense:

-Conservatorio Profesional de Música do Barco de Valdeorras.-Conservatorio Profesional de Música do Carballiño.-Conservatorio Profesional de Música de Ribadavia.-Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia.

-Centro Autorizado de Música Profesional Acordes de Ourense.-Centro Autorizado de Música Profesional Karl Nielsen de Ourense.

* Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra:

-Conservatorio Profesional de Música da Estrada.-Conservatorio Profesional de Música de Lalín.-Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.-Centro Autorizado de Música Profesional Mayeusis de Pontevedra.-Centro Autorizado de Música Profesional Martín Millán de Vilagarcía de Arousa.

* Conservatorio Profesional de Música de Vigo:

-Conservatorio Profesional de Música de Cangas.-Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas.-Conservatorio Profesional de Música de Redondela.-Conservatorio Profesional de Música de Tui.-Centro Autorizado de Música Profesional Coppelia de Vigo.-Centro Autorizado de Música Profesional Mayeusis de Vigo.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL