Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 18 de xullo de 2002 pola que se establecen as bases e réxime xurídico das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e se convocan para o ano 2002.

O elevado grao de mecanización das explotacións agropecuarias galegas leva consigo un volume de gastos que na actualidade é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns contornos socioeconómicos cada vez máis axustados e esixentes.

Tendo en conta a estructura e a dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición da maquinaria e as quendas de traballo para a súa amortización, proponse como unha solución para reducir custos, sen detrimento da productividade, o uso en común dos apeiros, máquinas e equipos por parte de varios agricultores baixo un réxime de carácter asociativo e colectivo.

As cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas agrarias que prestan o servicio de maquinaria agrícola ós seus socios, así como as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as sociedades agrarias de transformación de carácter comunitario que adquiran maquinaria agrícola para o seu uso asociativo e colectivo, pódense axustar ós obxectivos que se pretenden coa presente orde de axudas.

Tamén é necesario fomenta-la incorporación de modernas técnicas de producción e de racionalización do uso dos medios, así como de novas tecnoloxías, que permitan o aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo dos agricultores.

En consecuencia, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considera de interese fomenta-la constitución e funcionamento das CUMA, a utilización baixo fórmulas asociativas da maquinaria agrícola e a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios, co fin de lograr unha correcta racionalización do parque de maquinaria agropecuaria dispoñible, mellora-los servicios e aforrar custos nas explotacións agropecuarias galegas.

Por outra parte, estas actuacións enmárcanse dentro do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, cofinanciado pola Unión Europea, e que recolle boa parte das iniciativas para desenvolver nos vindeiros anos.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente normativa ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e para o período 2002-2006, o procedemento de xestión

das axudas para fomenta-lo asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola, así como convoca-las correspondentes ó ano 2002.

Artigo 2º.-Liñas de actuación.

As axudas contempladas nesta normativa estructúranse en dous tipos de actuacións:

1. Axudas ás cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA).

2. Axudas ás entidades asociativas agrarias que realicen investimentos en maquinaria agrícola para uso colectivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller, respectivamente, ás axudas reguladas nesta orde:

1. As cooperativas que teñen como obxecto social exclusivo a adquisición e a utilización de maquinaria agrícola en común, tamén popularmente coñecidas como cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), sempre que teñan o seu domicilio social e os seus socios en Galicia.

2. As cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as sociedades agrarias de transformación (SAT), que adquiran maquinaria de carácter agropecuario para o seu uso asociativo e colectivo, sempre que teñan o seu domicilio social e os seus socios en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos comúns.

1. Para que sexan subvencionables, é fundamental que os programas de investimento das CUMA e das demais entidades asociativas agrarias citadas anteriormente estean suficientemente xustificados e avalados pola memoria técnica e polo estudio de viabilidade correspondentes.

2. Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

Excepcionalmente, para favorece-la súa amortización, poderase comparti-la maquinaria entre varias entidades ou prestar servicios a terceiros, sempre que non superen o 30% das horas totais traballadas pola máquina ou equipo afectado.

3. As entidades beneficiarias non poden vende-la maquinaria subvencionada da súa propiedade e demais bens relacionados con esta antes de 5 anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

Tampouco poden vender, doar nin cederlle en uso a maquinaria a ningún dos seus socios, nin ós seus familiares directos.

4. Tanto as CUMA como as demais entidades asociativas agrarias beneficiarias están obrigadas a levar ó día un libro de rexistro da maquinaria da súa propiedade coa que prestan os servicios cooperativizados, así como un programa de control e xestión da maquinaria que lles permita analizar e establece-los seus custos.

5. Para que sexan subvencionables, a maquinaria e os equipos que se adquiran deberán estar homologados polo organismo correspondente para efectos da súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como para a súa matriculación, cando sexa necesaria.

6. En ningún caso se subvencionará a adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables. Tampouco se apoiarán investimentos en maquinaria ou equipos relacionados coa transformación e comercialización de productos agrarios.

7. No caso dos almacéns, é imprescindible dispoñer da licencia de obras e só se subvencionarán aqueles que se destinen exclusivamente para a maquinaria agrícola.

8. No caso da renovación do parque de tractores, substituiranse por modelos que incorporen novas tecnoloxías aqueles tractores que estean inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola con anterioridade ó ano 1992 inclusive e que non cambiasen de titular nos últimos 2 anos.

Ademais, a entidade solicitante deberá xustifica-lo achatarramento dos tractores antigos, mediante un certificado de baixa definitiva expedido polo devandito rexistro onde estea inscrito o tractor e no que se faga consta-la data de primeira inscrición, o número de bastidor e a potencia en CV.

Artigo 5º.-Requisitos específicos para as CUMA.

1. As CUMA deberán ter en xeral un mínimo de 8 socios titulares de explotación e un máximo de 15, se ben excepcionalmente se poderá admitir un número diferente de socios por razóns do seu interese social, da súa particular localización e subsector agrario ou da súa dimensión suficiente.

2. Para que unha CUMA sexa subvencionable, alomenos un 75% dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais.

3. Os socios deberán permanecer na CUMA un mínimo de 5 anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos estatutos.

O socio que cause baixa está obrigado a cumpri-los compromisos acordados pola CUMA, quen a súa vez deberá cubri-las baixas no prazo máximo de 6 meses.

4. As CUMA deberán establece-las medidas de carácter económico e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garanti-la súa continuidade, así como os compromisos económicos de cada socio coa entidade para salvagarda-lo seu futuro, sobre todo cando a baixa de socios poida significar un quebranto patrimonial que poña en perigo a súa viabilidade.

5. Os socios da CUMA están obrigados a utilizar plenamente nas súas explotacións as máquinas, equipos, apeiros e servicios técnicos obxecto da CUMA.

6. Non se subvencionarán os investimentos da CUMA cando leven consigo duplicidade co tipo de maquinaria que teñen os seus socios nas súas explotacións, salvo casos puntuais xustificados detalladamente.

Artigo 6º.-Requisitos específicos para as cooperativas e SAT.

1. As cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de carácter comunitario deberán presta-lo servicio de maquinaria a un mínimo de 8 agricultores socios delas.

2. Para que unha entidade asociativa agraria sexa subvencionable, debe prestarlle o servicio de maqui

naria polo menos a un 50% de socios que sexan agricultores profesionais.

3. As entidades asociativas solicitantes débense comprometer a mante-lo servicio de maquinaria durante un período mínimo de 5 anos, salvo razóns xustificadas alleas ó seu interese particular.

4. As entidades asociativas deberán establece-las medidas de carácter económico e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garanti-la continuidade do servicio de maquinaria e salvagarda-la súa viabilidade económica e funcional.

Artigo 7º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Adquisición de maquinaria agrícola por primeira vez.

A subvención poderá chegar ata un máximo de 100.000 euros por entidade beneficiaria, salvo que o interese e a excepcionalidade do proxecto aconsellen superar este límite.

No caso das CUMA, a axuda non poderá supera-lo 40% do investimento realizado.

Para as demais entidades asociativas beneficiarias (cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT de carácter comunitario), a axuda non poderá ser superior ó 30% do investimento.

2. Adquisición de maquinaria agrícola para reposición doutra xa existente.

A subvención poderá chegar ata un máximo de 40.000 euros por entidade beneficiaria.

No caso das CUMA, a axuda non poderá supera-lo 20% do investimento realizado. Para as demais entidades asociativas non poderá ser superior ó 15%.

3. Construcción de almacéns para maquinaria e equipamento destes.

A subvención poderá chegar ata un máximo de 40.000 euros por entidade beneficiaria.

No caso das CUMA, a axuda non poderá supera-lo 40% do investimento realizado. Para as demais entidades asociativas non poderá ser superior ó 30%.

A consellería poderá establecer uns módulos constructivos máximos de referencia para determina-lo investimento auxiliable e a subvención que lle corresponde a cada entidade beneficiaria.

4. Terá preferencia a primeira adquisición de maquinaria, equipos e apeiros, sobre todo cando corresponda ás tipoloxías sinaladas a continuación:

a) Maquinaria de sementeira, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes.

b) Adquisición de cisternas e batedores de xurro, separadores de esterco sólido/líquido, aplicadores-enterradores de esterco e inxectores para a fermentación do xurro.

c) Maquinaria e equipos que representen unha innovación tecnolóxica: adquisición de maquinaria para a recolección da pataca e cultivos hortofructícolas, maquinaria para a aplicación de productos fitosanitarios e calquera outra máquina ou equipo que represente unha innovación tecnolóxica.

5. No caso da renovación do parque de tractores, poderase subvenciona-la adquisición de tractores

que incorporen novas tecnoloxías para mellora-los actuais sistemas productivos, o aforro enerxético, a conservación do medio natural e as condicións de traballo.

O importe da subvención directa establecerase a razón de 60,10 euros por CV de potencia de inscrición do tractor que se vaia achatarrar, tanto no caso das CUMA como das demais entidades asociativas beneficiarias.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se van aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios.

1. A súa viabilidade técnica, económica e financeira, así como a importancia e o interese social para a zona de localización e o seu carácter innovador e de respeto ó medio. Valoraranse especialmente as medidas de salvagarda establecidas para garanti-la continuidade e o futuro económico das CUMA e das demais entidades asociativas solicitantes, incluído o seu capital social.

2. A correlación existente entre o programa de investimentos e a dimensión e actividade desenvolvida pola entidade e polos seus socios.

3. O número de agricultores beneficiarios, que en todo caso debe ser acorde coa capacidade de traballo da maquinaria adquirida, co programa de amortizacion desta e co marco xeográfico e sector agrario onde se encadran as súas explotacións.

4. O investimento por socio que recibe o servicio.

5. O número de agricultores profesionais e de agricultores mozos que pertenzan á entidade.

6. A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

7. A presentación dun programa global de renovación da maquinaria agrícola como consecuencia da recollida da maquinaria vella.

Artigo 9º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se achega.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla no artigo 10º desta orde.

3. No caso das CUMA e demais entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

4. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Condición previa.

Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda.

Artigo 11º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. No caso de novas entidades, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Se se encontra en fase de constitución, composición da comisión promotora. Neste caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade.

3. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-los investimentos para os que se vai pedi-la subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

4. Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo anexo V, totalmente cuberto.

5. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

6. Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

7. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

8. Copia compulsada do acordo asembleario ou notarial que recolla a relación de medidas previstas para salvagarda-la viabilidade económica e funcional da entidade e/ou do servicio prestado ós socios, así como as normas internas de funcionamento e os compromisos económicos de cada socio coa entidade.

9. Memoria técnica xustificativa e estudio de viabilidade elaborado por técnico cualificado, que inclúan como mínimo os seguintes puntos:

-Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, análise das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipos existentes, instalacións dispoñibles, etc.

-Relación nominal dos socios ou dos agricultores ós que se lles vai presta-lo servicio, cos seus efectivos productivos e capital social, se é o caso.

-Investimentos que se van realizar: xustificación da súa necesidade, descrición técnica, orzamento desagregado, prazos de execución, financiamento previsto, análise económico da súa viabilidade, etc.

10. Facturas pro forma dos investimentos que se van realizar.

11. Certificación bancaria do número de conta no que se solicita o ingreso da subvención.

12. As CUMA e demais entidades asociativas que xa solicitaran axudas para maquinaria agrícola en exercicios anteriores, deberán presentar copia compulsada do libro de rexistro da maquinaria coa que prestan os servicios, así como do programa de control e xestión da maquinaria correspondente ó ano 2001.

13. No caso de construccións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, deberase acompaña-la solicitude de licencia de obra.

14. No caso da adquisición de tractores por renovación, presentarase copia compulsada da inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola dos tractores antigos que se van achatarrar como consecuencia do programa de renovación.

15. Compromiso da entidade asociativa en conforme a maquinaria subvencionada só se utilizará nas explotacións que cumpran as normas mínimas comunitarias de medio natural, hixiene e benestar animal.

16. Certificación en conforme a entidade asociativa beneficiaria cumpre os requisitos establecidos nesta orde, sobre os seguintes aspectos:

-Compromiso de non vende-la maquinaria antes da súa amortización.

-Compromiso de non vender, doar, nin ceder en uso a maquinaria a ningún dos seus socios nin ós familiares directos deles.

-Compromiso de que a maquinaria é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións, coa salvidade prevista no artigo 4º desta orde.

-Compromiso de levar ó día un libro de rexistro da maquinaria e un programa de control e xestión desta.

17. No caso das cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT de carácter comunitario, presentarase certificación da entidade comprometéndose a mante-lo servicio de maquinaria durante un mínimo de 5 anos, así como en conforme os socios son agricultores profesionais polo menos na porcentaxe mínima establecida nesta orde.

18. No caso das CUMA, presentarase:

-Compromiso de permanencia dos socios durante polo menos 5 anos.

-Compromiso de cubri-las baixas de socios no prazo máximo de 6 meses.

-Compromiso de que os socios van usar plenamente a maquinaria da CUMA nas súas explotacións.

-Declaración xurada individualizada da maquinaria que ten cada un dos socios na súa explotación, e certificación en conforme non existe duplicidade

co tipo de maquinaria que ten a CUMA ou que pretende adquirir ó abeiro desta orde de axudas, comprometéndose, de se-lo caso, a vender aquelas máquinas e equipos que estean duplicados.

-Acreditación en conforme son agricultores profesionais (fotocopia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario), ou certificación de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

Artigo 12º.-Tramitación e resolución.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as peticións presentadas en función dos criterios de prioridade sinalados nesta orde e das dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de seis meses entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 13º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos conceptos procedente das administracións públicas.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ós investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde, deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha á entidade beneficiaria.

2. Para efectua-lo pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. As facturas deberán trae-lo IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

e) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais. Esta certificación pode solicitala directamente a entidade asociativa á Axencia Estatal da Administración Tributaria, ou ben autoriza-la Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática, cubrindo a autorización que figura como anexo VII á presente orde, que deberá entregar co resto da documentación no momento de presenta-la solicitude de axuda.

f) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins contemplados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente ou representante legal da entidade solicitante.

g) Copia compulsada da inscrición de tódalas máquinas, apeiros e equipos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como da súa documentación técnica e matriculación cando corresponda.

h) No caso de reposición ou renovación, copia compulsada do certificado de baixa definitiva do tractor e demais maquinaria achatarrada, expedido polo Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola onde consten inscritos.

i) No caso de construccións, licencia definitiva de obras.

j) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. A documentación xustificativa dos investimentos presentarase preferentemente no Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, edificios administrativos de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Artigo 15º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de reducción dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá realiza-las comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Inter

vención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e subvencións.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as entidades beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais.

Primeira.-Prazo de presentación.

Para o ano 2002, o prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.612-A.770.0, por un importe de 200.000 euros; 09.04.612-A.770.1, por un importe de 947.799 euros; e 09.04.615-A. 770.0, por un importe de 300.000 euros; dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, así como con outros remanentes que puideran existir nas mesmas aplicacións.

As devanditas aplicacións orzamentarias poderán ser incrementadas con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 7 de setembro de 2001, pola que se establecían axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 179, de data do 14 de setembro de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO