Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 16 de xullo de 2002 Páx. 11.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de xullo de 2002 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenos comerciantes individuais autónomos que abandonen a actividade comercial en desenvolvemento do Programa Cuadrienal de Modernización do Sector do Comercio polo Miúdo de Galicia.

Unha das debilidades do sector do comercio polo miúdo de Galicia constitúea sen dúbida a elevada idade media dos titulares de establecementos comerciais tradicionais, así como as dificultades que existen para a substitución xeracional, unido a unha crecente perda da capacidade competitiva de determinadas formas comerciais tradicionais.

Establécese a necesidade de acadar un axeitado nivel de equipamento comercial coa finalidade de acomoda-las estructuras comerciais ás esixencias sociais, finalidade que se conseguiría cun incremento do mercado inmobiliario favorecendo o cesamento da actividade comercial naqueles comercios sen viabilidade empresarial que asuman o compromiso de arrendar, traspasar, ceder ou vende-lo establecemento comercial, favorecendo a introducción de innovacións na oferta comercial.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria e Comercio, ten como obxectivo prioritario o establecemento das estratexias axeitadas para abordar esta problemática e en consecuencia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 13 de outubro do 2000, aprobou o Programa Cuadrienal de Modernización do Sector do Comercio polo Miúdo de Galicia, que prevé entre as súas medidas a consecución do rexuvenecemento do tecido empresarial mediante a aparición de novos comerciantes e actividades comerciais, así como o incremento no mercado inmobiliario da dispoñibilidade dos locais comerciais, situados moitos deles en centros urbanos, núcleos históricos e lugares estratéxicos desde o punto de vista económico e social para a vida das cidades galegas. Para iso o programa cuadrienal recolle a conveniencia de establecer unhas liñas de actuación mediante as cales se aproben axudas e

incentivos orientados á consecución destes obxectivos, de acordo co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión de axudas para o ano 2002, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomenta-la substitución xeracional dos empresarios individuais próximos a acada-la idade de xubilación na actividade comercial e o rexuvenecemento do tecido empresarial coa dispoñibilidade no mercado de novos locais comerciais. Estas accións englóbanse dentro das competencias da Consellería de Industria e Comercio a través do seu Programa Distribución, Loxística e Promoción Comercial, programa 753.A, para o que existe crédito axeitado e suficiente na súa aplicación orzamentaria 08.04.753.770.2, Plan de cesamento anticipado da actividade comercial.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas que se establecen nesta orde o comerciante polo miúdo que teña capacidade legal para exerce-lo comercio e se dedique a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de Comercio, dedicándose a algunha das actividades das que o seu obxecto exclusivo ou principal consista na realización de actos de comercio, nun ou varios establecementos comerciais, que cese definitivamente na devandita actividade do comercio polo miúdo. Quedan excluídas as solicitudes presentadas polos comerciantes polo miúdo que desenvolvan actividades incluídas nalgúns dos seguintes epígrafes do imposto de actividades económicas:

646. Comercio polo miúdo de labores de tabaco e artigos de fumador.

654.1. Farmacias.

654.1. Comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

654.3.Comercio polo miúdo de vehículos aéreos.

654.4. Comercio polo miúdo de vehículos fluviais e marítimos de vela, motor ou deportivos.

655. Comercio polo miúdo de combustibles, carburantes e lubricantes.

2. Con carácter accesorio, tamén poderá ser beneficiario das axudas o cónxuxe do empresario que cesa na actividade comercial, colaborador del no seu establecemento comercial e autónomo, que reúna os mesmos requisitos có titular do comercio, no momento da solicitude da axuda polo devandito titular.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os beneficiarios: titulares, e cónxuxes se é o caso, deberán achegar coa solicitude, segundo modelo nor

malizado do anexo I, a documentación establecida no anexo II e reuni-los seguintes requisitos:

3.1. Requisitos do titular.

3.1.1. Posuí-la condición de comerciante segundo a lexislación mercantil .

3.1.2. Ter exercido, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais, de forma continuada ou alternativa ininterrompidamente durante os últimos dez anos.

Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe tralo falecemento deste ou tralo abandono polo mesmo de toda actividade comercial antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entrámbolos dous sumen os dez anos esixidos.

3.1.3. Ter cumpridas as súas obrigas tributarias e en materia de Seguridade Social, non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia, e estar en posesión dos correspondentes permisos e licencias municipais expedidos polos concellos respectivos e, se é o caso, das autorizacións da Consellería de Industria e Comercio.

3.1.4. Ter cumpridos os sesenta anos de idade, sen ter cumpridos os sesenta e cinco anos no momento do cesamento. Non poderá outorgarse axuda ningunha a quen durante o ano na que a solicite cumpra os sesenta e cinco anos.

3.1.5. Estar dados de alta no Réxime de Traballadores Autónomos da Seguridade Social nos dez últimos años de forma ininterrompida, agás no suposto previsto no parágrafo segundo do punto 3.1.2, e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completa-lo período de carencia esixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ata chegar ós sesenta e cinco anos de idade.

3.1.6. Comprometerse a abandona-lo exercicio profesional da actividade comercial polo miúdo no seu nome, como autónomo, así como a ceder tódolos establecementos comerciais ou os locais de negocio nos que viña desenvolvendo a actividade comercial, coa obriga de devolve-las axudas obtidas e os correspondentes xuros de demora desde o seu pagamento, no caso de reiniciar calquera actividade comercial.

3.1.7. Entenderase que se cumpre o requisito de cesión coa presentación dos correspondentes contratos ou escrituras de doazón, venda, arrendamento ou rescisión, nos que figurará o compromiso do cesionario de abri-lo local no prazo máximo de seis meses, e que vai desenvolver unha actividade comercial polo miúdo, ou para o exercicio dunha actividade económica ou profesional que complemente a oferta existente na zona onde se asente, logo de informe positivo da Dirección Xeral de Comercio, ou no seu

defecto, certificado acreditativo expedido por un API (Axente da Propiedade Inmobiliaria) da posta á disposición para o mercado inmobiliario do devandito local de negocio ó valor de mercado y de darlle publicidade.

A cesión do establecemento comercial ou do local no que se viña exercendo a actividade será como mínimo de tres anos ou en todo caso polo tempo igual ó que reste, para que o beneficiario cedente cumpra os sesenta e cinco anos de idade.

3.2. Requisitos do cónxuxe.

3.2.1. Cumpri-los mesmos requisitos có titular no momento do cesamento.

3.2.2. Ter cumpridas as súas obrigas tributarias e en materia de Seguridade Social e non ter débedas pendentes por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

3.2.3. Ter cumpridos os sesenta anos de idade e non ter cumpridos os 65 anos no momento do cesamento.

3.2.4. Estar dados de alta no réxime de Traballadores Autónomos da Seguridade Social nos cinco últimos anos de xeito ininterrompido, e ter cotizado ó Sistema da Seguridade Social un período previo tal que lle permita completa-lo período de cotización esixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ata chegar ós sesenta e cinco anos de idade.

3.2.5. Comprometerse a abandona-la actividade comercial polo miúdo e a cesión do local se é o caso, como autónomo, coa obriga de devolve-las axudas obtidas e os correspondentes xuros de demora desde o seu pagamento no caso de reiniciar calquera actividade empresarial.

Artigo 4º.-Requisitos dos cesionarios.

Son requisitos que deberán reunir, alternativamente, os cesionarios, do establecemento comercial ou local de negocio, os seguintes:

a) Ser persoa física que non cumprise os 55 anos, nin os cumpra no ano no que se presenta a solicitude, con capacidade legal para exerce-lo comercio.

En ningún caso, un cónxuxe pode ser cesionario do outro cónxuxe que cesa na actividade comercial.

b) Ser una persoa xurídica. Neste caso non poderán ser titulares das súas accións ou participacións nin o empresario que cesa, beneficiario da axuda, nin o seu cónxuxe, nunha porcentaxe superior ó dez por cento, un só ou conxuntamente, nin tampouco das accións ou participacións, na mesma porcentaxe, das sociedades titulares de máis do vinte por cento do capital daquela.

Artigo 5º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A 770.2. Plan de cesamento anticipado da actividade comercial, cunha consignación orzamentaria para o exercicio 2002 de

800.000 euros e as plurianualidades que se xeren, logo de autorización do Consello da Xunta, e subordinadas ós créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Os cedentes percibirán ata acada-la xubilación definitiva e como máximo ata o día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade:

a) Un pagamento anual, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, das que o seu importe incluíndo as cotas correspondentes á Seguridade Social do beneficiario se fixa na cantidade de dez mil (10.000) euros ata cumpri-los sesenta e cinco anos como máximo, rateándose a correspondente ó último ano por meses completos, en función daquel no que se alcance aquela idade.

O primeiro ano percibirase o devandito pagamento na súa totalidade, sen rateo, en concepto de indemnización.

b) O cónxuxe do cedente que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3º.2, terá dereito a percibir un 50% do importe fixado para o titular. No caso de se produci-la xubilación do cedente, o seu cónxuxe conservará o dereito á axuda que viñese percibindo e durante o período de tempo que lle reste para causar dereito á súa prestación por xubilación.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As persoas que desexen obte-las axudas reguladas na presente orde deberán solicitalo por escrito, de conformidade co modelo que figura no anexo I da mesma, dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, que haberá de acompañarse dos documentos enumerados no anexo II, que acrediten o cumprimento dos requisitos necesarios para o outorgamento da axuda solicitada. En calquera caso cantos outros documentos e información adicional se considere oportuna, a xuízo da Dirección Xeral de Comercio, para unha correcta análise da solicitude.

2. Ademais dos documentos expresamente determinados no anexo II desta orde, os peticionarios das axudas poderán acompaña-la súa solicitude con cantos outros consideren que poden servir para xustificala.

3. O prazo de presentación das solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro do 2002.

Artigo 7º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúne os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte

á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, despois da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación.

Dado o carácter de concorrencia competitiva desta convocatoria, no caso de que o importe das axudas correspondentes ás solicitudes recibidas supere a dotación orzamentaria dispoñible, as resolucións estimatorias dictaranse de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) A maior idade dos comerciantes, titulares do establecemento que soliciten a axuda.

b) A menor idade do cesionario do establecemento comercial.

c) O menor numero de traballadores afectados polo cesamento da actividade comercial.

d) A actividade económica ou profesional que se desenvolverá no local, trala súa cesión, que complemente a oferta comercial existente.

Artigo 9º.-Xestión das axudas.

1. A tramitación dos procedementos de outorgamento das axudas realizarase pola Dirección Xeneral de Comercio, que formulará a proposta de resolución.

2. As axudas outorgaranse ou denegaranse mediante resolución dictada polo conselleiro de Industria e Comercio, que conterá como mínimo o nome, a avaliación e a motivación da mesma, a contía da axuda, se é o caso concedida, e os recursos que contra ela poidan interpoñerse.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses a contar desde a presentación da solicitude. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notífique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes tramitados ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que as dictou, ou que ten a competencia para iso, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Gali

cia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

3. Outorgada a axuda e previamente ó seu cobramento, o beneficiario deberá acredita-lo abandono da actividade comercial e o compromiso de cesión ( esixencia de traspaso), arrendamento, venda ou posta á disposición no mercado; achega-la documentación que se relaciona no anexo III desta orde antes do 15 de novembro desde a súa notificación, salvo que na resolución do outorgamento se sinale un prazo maior. No caso de no achega-la devandita documentación no prazo indicado quedará sen efecto a resolución de outorgamento.

4. Entre o día un e o quince de xaneiro de cada ano posterior ó da concesión da axuda, e ata o remate desta, o beneficiario deberá presenta-la documentación que se indique no anexo IV desta orde.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de conformidade co establecido no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Certificación e pagamento.

1. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9º.3 a Dirección Xeral de Comercio expedirá ós beneficiarios unha certificación na que constará o importe das axudas e os períodos ós que corresponde a súa percepción.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número designado polo beneficiario, para o que se unirá á documentación establecida no anexo III, certificación expedida pola entidade bancaria onde conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe de realiza-lo aboamento.

3. Sen prexuízo do subliñado no parágrafo anterior poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeción ó establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Situación do beneficiario respecto á Seguridade Social.

1. Durante o período de percepción das axudas reguladas na presente orde, os beneficiarios que

darán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubri-lo período mínimo de cotización de quince anos, debendo se-los propios beneficiarios os que fagan o pagamento das devanditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición se é o caso, do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no Réxime de Autónomos, se non se subscribe.

2. A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar dos beneficiarios o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.

3. Os solicitantes ou beneficiarios deberán comunicar, coa maior brevidade, toda variación, no referente á súa situación respecto á Seguridade Social, que se produza, e en todo caso nun prazo non superior ós dez días seguintes á recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.

Artigo 12º.-Réxime de incompatibilidades.

1. A percepción das axudas reguladas nesta orde será incompatible coa condición por parte do beneficiario da pensión de xubilación, en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de previsión que se financie en todo ou en parte con recursos públicos, ou de invalidez permanente no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, e dedúcense do importe das axudas as presentacións derivadas das situacións de maternidade e IT (incapacidade temporal), ou invalidez permanente en réximes compatibles, ou outras prestacións de carácter periódico da Seguridade Social. Esta deducción non afectará respecto das prestacións periódicas da Seguridade Social por fillo a cargo.

O beneficiario deberá comunicar á Dirección Xeral de Comercio calquera destas situacións nun prazo non superior ós dez días seguintes á recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias.

2. Tamén é incompatible esta axuda con calquera outra axuda concedida por outra administración pública, os seus organismos ou sociedades ou entes públicos, nacionais o internacionais co mesmo obxectivo.

Artigo 13º.-Incumprimento das condicións da axuda.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora desde o momento do pagamento da axuda, ademais, da perda da subvención para os exercicios que resten de vixencia dela, nos casos nos que o beneficiario a obteña sen reuni-las condicións requiridas para iso ou incumpra a finalidade para a que foi concedida ou condicións impostas con motivo da concesión. As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público.

2. Con independencia do establecido no punto 1, o incumprimento dos requisitos ou as condicións impostas co motivo da concesión polo empresario beneficiario dará lugar tamén á revogación ou modificación da axuda accesoria concedida ó seu cónxuxe.

3. Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 1 novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios máis os xuros de demora terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Industria e Comercio, así como pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización ou control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Réxime xurídico.

En todo o non previsto nesta orde rexerá o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime xinanceiro e orzamentario de Galicia e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

A execución, no presente ano 2002, dos compromisos de gasto, dará lugar á formalización dos correspondentes gastos plurianuais ó abeiro do disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado mediante Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase ó director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Consellerio de Industria e Comercio

ANEXO II

Documentación que deberá achegarse coa solicitude presentada polo titular e cónxuxe colaborador, se e o caso:

-Copias compulsadas do documento nacional de identidade e do número de identificación fiscal do solicitante/s.

-Copia compulsada do último recibo do Imposto de Actividades Económicas.

-Documento/s acreditativos de que se estivo de alta durante 10 anos ininterrompidos nalgún epígrafe do IAE. Se é o caso, deberá acreditarse a circunstancia prevista no segundo parágrafo do artigo 3.1.2.

-Copia compulsada das licencias municipais de actividade dos establecementos comerciais dos que é titular o solicitante ou certificado expedido polo Concello da autorización correspondente para o exercicio da actividade comercial.

-Certificacións acreditativas de estar ó corrente nas obrigas fiscais e da Seguridade Social e de no ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia, emitidos polos organismos competentes.

-Certificado ou informe laboral que acredite que se estivo de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social durante os últimos dez anos continuados; así como dos períodos realmente cotizados ós distintos réximes da Seguridade Social. No suposto previsto no segundo parágrafo do artigo 3.1.2, unicamente deberá achegarse certificado de cotización á Seguridade Social.

-Declaración xurada que conteña o compromiso do peticionario, para o caso de que se lle outorgue a axuda, de ceder tódolos establecementos comerciais dos que é titular e de causar baixa no IAE por todos eles.

-Documentación acreditativa de causar baixa no Réxime de Autónomos, ou copia do convenio subscrito coa Seguridade Social, segundo sexa o caso.

-Declaración xurada do solicitante/s, para o caso de que se lle outorgue a axuda, de non reiniciar nunca a actividade comercial.

-Declaración responsable do conxunto de tódalas solicitudes de axudas ou subvencións efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas, os seus organismos e sociedades e de calquera entidades pública ou privada, nacional ou internacional.

-Certificado de matrimonio, no caso de solicitude accesoria de axuda do cónxuxe colaborador.

-Documentación acreditativa do número de traballadores.

ANEXO III

Documentación que hai que achegar unha vez concedida a subvención para que poida efectuarse o pagamento:

1. Declaración responsable comprometéndose ó abandono definitivo da actividade do comercio polo miúdo en calidade de empresario.

2. Contrato de cesión, arrendamento, ou venda do establecemento comercial así como o DNI do cesionario ou ben, se é o caso, certificado API.

3. Baixa no imposto de actividades económicas.

4. Aceptación da axuda polo beneficiario.

5. Certificación expedida pola entidade bancaria onde conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

6. DNI do cesionario.

ANEXO IV

Documentación que deberá achegarse anualmente durante o tempo que dure a axuda:

Certificado ou informe da vida laboral acreditativo da súa situación na Seguridade Social expedido no mes inmediato anterior á súa presentación.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL