A transformación e comercialización dos productos agroalimentarios ten cada día maior importancia no conxunto da economía agraria en xeral e da galega en particular.
Por outra banda, as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ó consumo de productos transformados diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Ademais, son cada vez maiores as esixencias do mercado en canto á normalización, presentación comercial e calidade dos productos.
Dentro deste contexto hai que enmarca-las actuacións que nos últimos anos vén desenvolvendo a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no fomento dos productos agrarios e agroalimentarios galegos e moi especialmente daqueles productos que contan con algún distintivo de calidade, como as denominacións de orixe e específicas, as indicacións xeográficas protexidas ou os productos procedentes da agricultura ecolóxica.
Dentro desta liña de actuacións, esta orde establece as axudas que se outorgarán durante o ano 2002 ós consellos reguladores dos distintos productos con indicativo de calidade e ás asociacións sen fins de lucro, para investimentos encamiñados á promoción, á comercialización e á mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.
Estas axudas redundan de xeito indirecto nos productores e nas industrias agroalimentarias galegas, en xeral de pequeno e mediano tamaño e con dificultades de acceso ós mercados, especialmente ós de fóra de Galicia, xa que favorecen a transformación na comunidade autónoma de productos diferenciados e con elevado valor engadido, baseándose en materias primas de excelente e contrastada calidade.
Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e
do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ós investimentos para a promoción, comercialización e mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos realizados durante o ano 2002.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) Os consellos reguladores dos productos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade.
b) As asociacións de productores e/ou de empresas agrarias e agroalimentarias (en diante asociacións sectoriais) que teñan entre os seus obxectivos a promoción, a mellora das condicións de comercialización e/ou a mellora da calidade dalgún producto agrario ou agroalimentario galego.
c) Calquera asociación sen fins de lucro, naquelas actividades relativas á organización de ferias e certames comerciais contempladas na alínea b do artigo 3º.
Artigo 3º.-Actividades subvencionables e contía das axudas.
Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:
a) Promoción.
As accións subvencionables serán actuacións de promoción xenéricas que, en todo caso, se axustarán ós requisitos e limitacións recollidos nas directrices sobre axudas estatais para a publicidade de productos agrarios incluídos no anexo I do Tratado CEE e de determinados productos non incluídos nel (DOCE C252, do 12 de setembro de 2001).
Para as campañas publicitarias en medios de comunicación establécese unha porcentaxe máxima do 50% do investimento subvencionable, consonte ó disposto na normativa comunitaria antes citada. Como requisito previo á súa difusión, as campañas publicitarias deberán ser supervisadas e aprobadas por esta consellería.
No caso doutras accións promocionais distintas das campañas publicitarias tales como presentacións públicas, degustacións, catas comentadas, etc., a axuda poderá acada-lo 75% do investimento subvencionable.
Nas actuacións realizadas, os productos elaborados polas empresas inscritas ou asociadas empregados nas campañas de promoción, poderán ser considerados como parte da porcentaxe de achega ó investimento correspondente ó solicitante, valorándose a prezos de orixe.
b) Feiras e certames comerciais.
Poderá subvencionarse a participación en feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario.
Cando un beneficiario pretenda solicitar unha axuda para asistir a distintos eventos, poderá acumular
nun só expediente todos aqueles que se produzan no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou extrapeninsular), pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou certames comerciais ós que se refira o expediente.
Serán tamén subvencionables a organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario, con exclusión das relativas a concursos, exposicións e feiras de gando, sempre que estean promovidas por consellos reguladores, asociacións sectoriais ou outras asociacións sen fins de lucro.
As axudas serán subvencións cos límites que se determinan de seguido:
Asistencia: no territorio peninsular (incluído Portugal), ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada asistencia.
Nos demais casos, ata un 60% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada certame.
Neste punto terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de stand (aluguer, decoración, etc.), traslado de productos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do stand ou, se é o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dous persoas por entidade solicitante, sendo, neste último caso, a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios do grupo 2º da comunidade autónoma.
Organización: ata un 50% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 18.000 A no caso de consellos reguladores ou de asociacións sectoriais e un máximo de 6.000 A para o caso doutras asociacións sen fin de lucro.
c) Estudios, xornadas técnicas, seminarios e congresos.
Serán subvencionables os estudios de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como os que teñan por obxecto a mellora da calidade ou dos procesos de comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudios de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.
Subvencionaranse tamén a organización e realización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan como obxectivo a mellora da calidade ou da comercialización dos productos agrarios ou agroalimentarios galegos.
Con carácter xeral, as axudas poderán chegar ata o 70% dos investimentos subvencionables. No caso de estudios destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade, poderán acada-lo 100% dos gastos subvencionables.
d) Programas
Serán subvencionables aqueles programas que teñan como obxectivo a mellora da calidade e o fomento da normalización, tipificación e control da
calidade dos productos certificados polo consello regulador.
A axuda poderá chegar ata o 100% do gasto subvencionable respectándose, en todo caso, as limitacións que neste respecto se recollen nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000).
Artigo 4º.-Criterios de valoración.
Nas resolucións das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:
-Incidencia potencial da actuación na mellora da calidade dos productos e na súa comercialización.
-Importancia da actuación para o desenvolvemento da actividade do consello regulador ou da asociación.
-Relación custo/beneficio da actuación.
-Axuste das actuacións ás demandas do mercado.
Artigo 5º.-Limitacións de carácter xeral.
En todo caso a contía das axudas contempladas no artigo 3º axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral vixente e, en particular, ó contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante que, entre outras limitacións, establece que a concesión de axudas terá carácter decrecente no caso das outorgadas para os gastos dos controis efectuados co fin de garanti-la autenticidade dos productos certificados polas denominacións de calidade, ata a súa desaparición ó sétimo ano da súa aplicación; e que a contía máxima da axuda que se deberá percibir polas actuacións recollidas nas súas seccións 13 (axudas destinadas á producción e comercialización de productos agrícolas de calidade) e 14 (apoio técnico ó sector agrario, no que se inclúe a organización e participación nas feiras), non poderá superar, para cada unha das seccións, a cantidade de 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres
anos ou, tratándose de pequenas e medianas empresas, non poderá excede-lo 50% dos gastos subvencionables, segundo cál sexa a cifra máis favorable.
Artigo 6º.-Tramitación de solicitudes.
1. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servicios centrais e nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:
a)Solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, segundo o modelo do anexo I que vai con esta orde. Deberase presentar unha instancia por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción contemplada no artigo 3º, alínea b, para a participación en feiras e certames comerciais.
b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.
A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria poderá solicitar calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.
2. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 4º.
3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación desta orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.
Artigo 7º.-Tramitación do pagamento das axudas.
1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en San Caetano-Santiago de Compostela, a seguinte documentación:
a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.
b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.
c) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á seguridade social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa administración pública da comunidade autónoma.
Para acreditar estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para solicita-la expedición do certificado xustificativo correspondente, ou ben por autorizar á Xunta de Galicia para que o solicite por vía informática. Neste último caso deberá cubri-la autorización que figura como anexo III da presente orde e entregala co resto da documentación no momento de cubri-la solicitude de axuda.
d) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nos anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:
d.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, spots, etc.)
d.2) No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria na que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.
d.3) No caso de estudios: unha copia destes.
d.4) No caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do seu desenvolvemento e dos resultados obtidos.
e) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.
2. De acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse efectuar pagamentos parciais a medida que o bene
ficiario xustifique os investimentos realizados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que lle foi concedida.
3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.
4. No caso de pagamentos parciais, cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros, e no de anticipos que superen o devandito importe, será preciso que o beneficiario presente as garantías establecidas no artigo 17 do citado Decreto 287/2000.
Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días desde a data de entrada en vigor desta orde.
Artigo 9º.-Seguimento e control.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.
3. Calquera modificación que afecte substancialmente á realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria. No caso de reducción da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos contemplados no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.
4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.
Artigo 10º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.
1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento do seu pagamento,
no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos contemplados no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e actuación administrativa.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.
Artigo 11º.-Compatibilidade.
As axudas concedidas a través desta orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28/02, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante.
Artigo 12º.-Réxime de recursos.
A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses dende que se entenda desestimada por silencio administrativo.
Disposición adicional
Única.-O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para o ano 2002, nas aplicacións orzamentarias 09.04.714A.770.0, 09.04.615A.770.1 e 09.04.714A.780.0, dotadas inicialmente con 1.783.290, 300.000 e 150.253 A, respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2002.
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Política Agroalimentaria
e Desenvolvemento Rural