Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Construcciones Navales P. Freire, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Construcciones Navales P. Freire, S.A., con nº de código 3600412 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-6-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 24-5-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de xuño de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Construcciones Navales

P. Freire, S.A.

Anos 2002-2003

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O ámbito deste convenio será o da empresa Construcciones Navales P. Freire, S.A. e afectará as súas factorías de Vigo e por extensión a calquera lugar onde o persoal da empresa, suxeito á ordenanza laboral para a industria siderometalúrxica, realice os seus servicios a esta.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio será de aplicación á totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro, suxeito á lexislación laboral, que preste os seus ser vicios durante a súa vixencia e coa exclusión do persoal a que fan referencia os artigos 2.1º a), e 1.3º c), do R.D. 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

As normas estipuladas no presente convenio terán vixencia desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2003.

Artigo 4º.-Prórroga.

O convenio considerarase denunciado automaticamente tres (3) meses antes do seu vencemento.

Unha vez concluída a duración pactada, manterase en vigor todo o contido normativo do convenio, mentres non se logre un novo acordo.

Artigo 5º.-Compensación e absorción de melloras, aplicación do convenio.

Compensación de melloras.

As condicións pactadas compensan e substitúen na súa totalidade as que anteriormente rexeron por imperativos legais, xurisprudenciais, contenciosos ou administrativos, convenios sindicais, pactos de calquera clase, contrato individual, usos e costumes comarcais, rexionais ou da propia industria ou por calquera outra causa.

Aplicación do convenio.

Tódalas dúbidas e diferencias que poidan xurdir durante o período de duración do convenio, en canto á interpretación e aplicación del, serán canalizadas a través da dirección e do comité de empresa, mediante unha comisión paritaria, e no seu seo serán estudiadas e propostas as solucións e decisións que cada caso ou situación requiran; todo iso sen prexuízo da facultade de cada unha das partes de requiriren a intervención da autoridade laboral competente e as accións que a lei outorga para acudir á vía xurisdiccional e administrativa.

A comisión paritaria estará composta por tres vocais nomeados pola dirección e outros tres en representación dos traballadores designados polo comité de empresa, de entre os que formasen parte da comisión negociadora; así como os seus respectivos suplentes de cada representación.

As partes, unha vez convocadas, reuniranse obrigatoriamente no prazo de tres días e os acordos ou resolucións adoptados por maioría de ámbalas representacións terán carácter vinculante para elas.

Elaborarase un manual interno de procedemento e outras competencias desa comisión.

Capítulo II

II.1. Condicións de traballo.

Artigo 6º.-Organización.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa.

Os métodos, normas e procedementos de traballo que se estimen como máis adecuados serán establecidos polos departamentos técnicos competentes en cada caso e dados a coñecer ó comité de empresa antes da súa aplicación, sempre que entrañen cambios substanciais sobre os procedementos, normas ou métodos establecidos.

En caso de discrepancia do comité de empresa, debidamente formulada, actuarase de acordo co exposto na ordenanza laboral.

Artigo 7º.-Prioridade do cadro de persoal.

Todo posto de traballo sen cubrir, ben por vacante ou por nova creación, será ocupado con preferencia polo persoal do cadro, clasificado nas escalas inferiores, sempre que reúnan as condicións esixidas no novo posto de traballo.

Inspirándose no dito anteriormente, a empresa tratará de beneficiar co traslado de posto de traballo a outras escalas de grao máis alto, na medida que lle sexa factible, a aqueles productores que teñan unha categoría profesional superior á esixida polo propio posto de traballo que ocupa no momento de efectua-la clasificación.

Artigo 8º.-Mando sobre o cadro de persoal.

Ningunha persoa allea ó cadro de persoal da empresa poderá exercer mando directo sobre o persoal desta.

II.2. Rendemento no traballo.

Artigo 9º.-Sistema de medida.

O sistema de medida de traballo aceptado pola empresa é o sistema Bedaux, sendo o punto Beadux a unidade de medida.

Punto é a cantidade de traballo útil realizado por un operario capacitado e adaptado ó posto, cando traballa nunha tarefa industrial durante un minuto de tempo á actividade mínima normal coa calidade esixida, incluíndo o coeficente de descanso.

O rendemento de cada titular dun posto de traballo mídese en puntos, sendo este concepto de puntos totalmente distinto ó de puntos de cualificación.

O rendemento mínimo normal, é o equivalente a 60 puntos Bedaux, por hora de traballo.

O rendemento óptimo normal, é o equivalente a 80 puntos Bedaux, por hora de traballo.

Cantidade de traballo. O rendemento mínimo normal esixible é o de 60 puntos por hora.

A diferencia entre os puntos obtidos e os asignados ou esixibles, será a base de cálculos do incentivo ou prima.

Artigo 10º.-Saturación de xornada.

A obriga de prestar servicio durante a xornada laboral completa, inclúe que se acepta por parte do persoal unha saturación total durante esta, incluso aceptando outros traballos, sempre que non sexan

vexatorios e estean de acordo coas condicións e capacidade do interesado, sendo informado previamente o comité de empresa. A obriga, nos casos de traballos controlados ou con incentivo, comprende o non producir paradas aínda que o rendemento medio se manteña por riba do normal.

Artigo 11º.-Productividade.

As partes asinantes deste convenio recoñecen a necesidade de conseguir unha continua mellora da productividade en tódolos estamentos, tanto directos como indirectos do proceso productivo, posto que constitúe o fundamento básico da competitividade tanto na orde nacional como no que a exportacións ós mercados internacionais se refire, e en consecuencia, o seu permanente incremento é unha condición esencial para a supervivencia e mellora da empresa. Dada a súa natureza dinámica, será o resultado de adecua-los medios da empresa, tanto ós seus intereses como á necesidade de desenvolvemento humano do persoal (reducción de esforzos, evitación de accidentes, desenvolvemento profesional e persoal, eliminación de tempos mortos en desprazamentos, etc.) aplicándoa a medida que os avances técnicos e humanos o vaian aconsellando.

Artigo 12º.-Primas á productividade.

A empresa reserva para si a facultade de elección e aplicación en cada caso da modalidade de incentivo que coide máis conveniente, así como as variacións das xa establecidas, se cree que con iso se pode mellora-las relacións laborais e humanas.

Estas modalidades adaptaranse ás normas dos principios xerais de organización centífica do traballo.

Sen prexuízo do preceptuado anteriormente, as modalidades de incentivo hoxe establecidas pola empresa, son as seguintes:

-Prima directa por rendemento individual.

-Prima directa por rendemento de equipo.

-Prima indirecta.

Artigo 13º.-Réxime de baixo rendemento.

Os rendementos individuais ou de equipo durante a xornada de traballo inferiores a 60 de actividade, por causas imputadas ó traballador, serán consideradas como falta e sancionadas consonte o cadro seguinte:

Repetición da falta dentro dun período de tres mesesActividades comprendidas entre 50 e 60 puntosActividades inferiores a 50 puntos

FaltaSanciónFaltaSanción

1º faltaLeveAmonestaciónGrave4 a 15 días

2º faltaLeve2 díasMoi grave16 a 60 días

3º faltaGrave4 a 15 díasMoi graveDespedimento

4º faltaMoi grave16 a 60 días

5º faltaMoi graveDespedimento

En caso de novos procesos productivos ou alteración substancial dos procesos actuais, e co obxecto de que tódolos operarios poidan adaptarse ó novo ritmo de traballo, derivado da posta a control destes, as sancións a que se alude no anterior cadro non entrarán en vigor ata pasado un mes da implantación do novo control.

Artigo 14º.-Interrupcións no traballo.

As paradas que se produzan rexeranse polo disposto na regulamentación siderometalúrxica.

Artigo 15º.-Comisión de productividade.

Para o seguimento e mellor control das primas á productividade, en caso de discrepancia entre o persoal e a empresa, recoñéceselle a facultade de estar asistidos dos técnicos da empresa que cada caso requira.

Estará constituída do seguinte modo:

Parte social:

Un representante de cada sección, elixido polo comité de empresa, pertenza ou non ó dito comité. Entre os compoñentes elixirase o secretario da parte social.

Parte económica:

Nomeará os representantes que estime pertinentes.

Esta comisión reunirase unha vez ó mes como mínimo, e sempre que algún caso, pola súa gravidade, o requira.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 16º.-Retribucións totais.

A retribución total en función do traballo realizado por un productor estará integrada por dous conceptos distintos: retribución fixa e retribución variable.

Artigo 17º.-Retribución fixa.

As retribucións fixas durante a vixencia deste convenio estarán formadas polo xornal ou soldo de convenio de acordo cos valores indicados nas táboas que figuran anexas ó presente texto.

Respecto ó ano 2003, actualizaranse de acordo cos incrementos pactados na acta final de acordo de convenio 2002-2003.

Os xornais ou soldos establecidos, que figuran nos citados anexos, substitúen toda retribución de carácter salarial ou extrasalarial que veña percibindo o persoal ata a entrada en vigor deste convenio.

Artigo 18º.-Retribucións variables.

Durante a vixencia deste convenio, as táboas de valores de punto-prima, para o persoal técnico non titulado de talleres e de producción, quedan establecidas segundo táboas anexas.

Para o persoal de mes sen prima directa de producción establécese o valor da prima indirecta de producción, segundo os anexos. Esta prima mensual incrementarase en proporción ás horas extras que cada empregado realice.

Esta prima quedará eliminada no momento en que se estableza un sistema de prima directa á productividade, de común acordo entre as partes.

Artigo 19º.-Axudas de custos e desprazamentos.

Durante o 1º ano de vixencia deste convenio, será de aplicación o seguinte cadro de axudas de custos e locomocións:

GrupoLocomociónAxuda de

custo:

euros/día

1. Peritos

Axudantes de enxeñeiro

Xefes de primeira

Asistente social

Primeira ou similar50,57

2. Delineantes de primeira

Oficial administrativo

primeira

Mestres

Delineantes de segunda

Xefe org. de segunda

Primeira ou similar46,48

3. Encargados

Xefe de equipo

Oficial primeira taller

Persoal de taller en xeral

Primeira ou similar45,80

O 2º ano revisaranse segundo o acordo da acta final de convenio 2002-2003.

Os desprazamentos cunha duración inferior a 24 horas, sempre que permitan a posibilidade de pasa-la noite no domicilio, devengarán o 50% do importe da axuda de custo.

Tódolos gastos derivados de defunción ou accidente ocorrido ó traballador durante os seus desprazamentos por razóns de servicio, serán por conta da empresa.

Artigo 20º.-Antigüidade.

O valor dos quinquenios actualizarase de acordo coas táboas.

O valor do quinquenio tomarase en unidades enteiras con dous decimais.

O período de aprendizaxe efectuado na empresa será computable para o efecto de cuantifica-la antigüidade do traballador.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias.

As dúas pagas extraordinarias e regulamentarias, previstas no artigo 31 do R.D. 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, serán aboadas conforme o salario de convenio, máis antigüidade, máis a media dos seis últimos meses do percibido en concepto de prima de producción, máis a paga de reducción do absentismo e do complemento de peligrosidade ou toxicidade na contía seguinte:

-Persoal obreiro e empregado: 30 días xullo; 30 días Nadal.

Ámbalas pagas serán efectivas da seguinte forma:

-A paga extraordinaria de xullo farase efectiva a primeira semana de xullo de cada ano.

-A paga extraordinaria de Nadal farase efectiva a primeira quincena do mes de decembro.

Pagas extraordinarias en incapacidade temporal:

As pagas extras non sufrirán ningún tipo de mingua ou desconto a causa dos días que o productor permanecese en situación de incapacidade temporal por

enfermidade ou accidente laboral durante os 6 meses precedentes ó seu devengo. Para atender esta contixencia, crearase un fondo específico, mediante o cal a empresa garanta o cumprimento deste acordo.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias aboaranse de acordo coas contías que se especifican nas táboas.

A empresa reducirá ó máximo a realización de horas extraordinarias, sen prexuízo de ofrece-lo máximo nivel de servicio informando mensualmente o comité de empresa, o número das que se realizasen e as súas causas.

As horas extraordinarias motivadas por causas de forza maior e as estructurais aquí recollidas ou que poidan pactarse, notificaránselle mensualmente á autoridade laboral conxuntamente por empresa e comité para os efectos de obte-la reducción de recargas de cotización.

Co fin de clarifica-lo concepto de horas extraordinarias estructurais, entenderanse como tales as necesarias para cubrir períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, mantemento ou traballos urxentes da natureza de determinadas actividades, probas, manobras de buques, botaduras e outros supostos similares.

Cando se traballe toda a noite, o persoal sairá ás 7.30 horas do día seguinte.

Artigo 23º.-Faltas de asistencia.

As retribucións consignadas nas táboas refírense a xornadas traballadas, domingos, vacacións e pagas extraordinarias. Por conseguinte, os días de non asistencia por falta non xustificada producirá a perda do salario ou soldo de convenio.

En caso de faltas de asistencia durante a semana ou mes motivada por folga e en relación co descanso semanal, só se terá dereito á percepción da parte proporcional correspondente.

A perda de retribución do descanso semanal, obterase aplicándolle o coeficiente do 40% ás horas non traballadas nese mes.

Artigo 24º.-Traballos penosos, tóxicos e perigosos.

Todo o persoal que realice funcións que, pola súa peculiaridade teñan a cualificación dos citados traballos, percibirá os complementos que se sinalan nas táboas.

O 2º ano revisaranse segundo o acordo do acta final de convenio 2002-2003.

Teranse en conta as situacións especiais recollidas en táboas complementarias a este convenio, para efectos da aplicación das porcentaxes correspondentes.

Artigo 25º.-Retribución das vacacións.

A retribución das vacacións estará formada polos conceptos indicados no artigo 70 da ordenanza de traballo para a industria siderometalúrxica; tendo en conta o salario de convenio, a antigüidade correspondente, máis a parte proporcional da media calculada nos tres últimos meses, correspondente ás primas de producción e ós traballos tóxicos, penosos e perigosos, máis a paga de reducción de absentismo. En incapacidade temporal, entenderase a media dos tres últimos meses traballados.

Artigo 26º.-Paga mensual por reducción de absentismo.

Establécese unha paga mensual para todo o persoal, na contía que reflicten as táboas e polo concepto do título.

Esta paga perderase total ou parcialmente, en casos de falta de puntualidade e asistencia, conforme o seguinte baremo:

-Unha ou máis faltas inxustificadas de asistencia no mes: perda da paga.

-Dúas faltas de puntualidade no mes: reducción do 10% da paga.

-Tres faltas de puntualidade no mes: reducción do 30% da paga.

-Máis de tres faltas de puntualidade: perda total da paga.

Considérase falta de puntualidade tanto, incorporarse tarde ó traballo como, abandonalo antes da hora de saída.

Terá dereito a esta paga, o persoal en situación de incapacidade temporal por accidente de traballo non imputable a este.

Artigo 27º.-Pagamento da nómina.

Para efectos de liquidación da nómina de fin de mes, as incidencias do persoal, pecharanse con dez días de antelación e farase efectiva o último día hábil de cada mes.

Capítulo IV

Réxime de traballo

Artigo 28º.-Xornada.

A xornada ordinaria de traballo de Construcciones Navales P. Freire, S.A. terá a consideración de continuada e será ata o 31 de decembro de 2001 a seguinte:

-De luns a venres, de 7 a 15 horas, cun descanso intermedio de 15 minutos computables como xornada de traballo. O descanso intermedio comezará e finalizará a toque de sirena e desfrutarase de 10.30 a 10.45 horas.

-Os sábados, durante a vixencia do presente convenio, non se traballará.

-O ano 2002 a xornada de traballo en cómputo anual será de mil setecentas trinta e seis horas (1.736 horas).

-O ano 2003 a xornada de traballo en cómputo anual será de mil setecentas trinta e seis horas (1.736 horas).

-As horas extras efectuaranse a partir das 16 horas, de luns a venres, e os sábados pactarase entre ámbalas partes o horario.

En cadro anexo ó presente convenio establécese a distribución do calendario laboral do ano 2002. O correspondente ó ano 2003 fixarase oportunamente, de acordo co establecido na acta final do convenio.

Artigo 29º.-Mobilidade.

O cambio de posto de traballo do persoal farase despois de informado o comité de empresa, segundo o artigo 25 da ordenanza de traballo vixente para a industria siderometalúrxica.

Cando esta mobilidade do persoal se efectúe por necesidades de servicio e/ou por conveniencia da empresa, estes traballadores terán un período de adaptación ó novo posto de traballo de tres meses, e durante este tempo aboaránselle-los haberes correspondentes á súa categoría, así como a prima media dos tres meses anteriores ó cambio.

Artigo 30º.-Vacacións e días ponte.

Durante o ano 2002, o persoal da empresa desfrutará de trinta días naturais de vacacións, do 15 de xullo ó 13 de agosto, ambos inclusive (unha soa quenda).

As vacacións do ano 2003 fixaranse oportunamente á elaboración do calendario laboral.

O persoal que ó inicio da data pactada para as vacacións, se encontrase en situación de IT derivada de accidente de traballo ou enfermidade común, poderá desfrutar dun período de vacacións de igual duración ó pactado no convenio, dentro do ano natural, e sempre que a súa alta laboral se produza antes do 30 de novembro do citado ano.

Días ponte:Días non laborables:

Ano 2002:

-7 de xaneiro24 e 31 de decembro

-25,26 e 27 de marzo.

-14 de agosto.

-26, 27 e 30 de decembro.

Ano 2003:

Fixaranse oportunamente á elaboración do calendario laboral.

No ano 2002 mantense a vixencia dun día (1) de carácter flotante; é dicir, cada traballador, logo de comunicación á empresa, poderá elixi-lo día que desexe non acudir ó traballo. No anexo redáctanse as normas de carácter interno precisas para a posta en práctica deste asunto e evita-la coincidencia de desfrute dun exceso de traballadores nun mesmo día.

En 2003 manterase vixente tamén un só día flotante.

Artigo 31º.-Permisos e licencias.

Logo de aviso ou solicitude segundo proceda dos traballadores afectados, concederanse licencias retribuídas pola circunstancias e tempo que a continuación se sinala:

-Enfermidade grave de esposa e fillos: 4 días laborables.

-Enfermidade grave de pais, pais políticos e avós: 3 días laborables.

-Enfermidade grave de fillos políticos, netos e irmáns: 2 días laborables.

-Enfermidade grave de irmáns póliticos, avós políticos e netos políticos: 2 días naturais ou 1 día laborable.

-Enlace matrimonial: 15 días naturais.

-Falecemento de cónxuxes, pais, pais políticos, fillos, netos, avós naturais e irmáns: 4 días laborables.

-Falecemento de irmáns políticos e fillos políticos: 2 días naturais ou 1 día laborable.

-Falecemento de tíos e tíos políticos: 2 días naturais.

-Falecemento de avós políticos e netos políticos: 2 días naturais ou 1 día laborable.

-Falecemento de sobriño consanguíneo e sobriños políticos: 1 día laborable.

-Matrimonio de fillos e irmáns: 1 día laborable.

-Parto de esposa: 3 días laborables.

-Para exames: os necesarios logo de aviso xustificado.

-Por cambio de domicilio actual: 1 día laborable.

En circunstancias especiais xustificadas, aboaráselles ós traballadores o tempo empregado en consultas de asistencia médica, acompañando á esposa ou fillos.

Se non se recibe aviso do feito causante antes de transcorrida a primeira hora da xornada laboral, este permiso computarase comezando a contar a partir do día inmediatamente seguinte.

Os días de licencia que se indican serán aboados conforme ós xornais e soldos do convenio máis a antigüidade que corresponda no seu caso e a paga mensual de absentismo.

Para o caso concreto de enlace matrimonial, poderase amplia-la duración da licencia retribuída, ata un máximo de outros 10 días non retribuídos, cando o traballador o solicite.

A empresa aplicará o Estatuto dos traballadores como norma subsidiaria naqueles supostos de licencias ou permisos non recollidos neste artigo.

Os días laborables de permisos ou licencias por causa de enfermidade grave, poderán desfrutarse, logo de petición do traballador, en días alternos mentres dure o feito causante.

En relación co parágrafo anterior, en caso de ingreso na UVI, o traballador, tamén logo de petición, poderá consumi-los días laborables en medias xornadas.

Artigo 32º.-Cesamentos.

O persoal que desexe cesar no servicio da empresa, deberá comunicalo aténdose ós prazos de aviso previo seguintes:

a) Persoal administrativo e técnico: 15 días.

b) Resto persoal: 8 días.

O incumprimento dos prazos de aviso previo darán lugar a detraer do importe da liquidación final do interesado as cantidades indebidamente aboadas pola empresa en concepto de cotas de Seguridade Social, todo iso sen prexuízo do establecido na lexislación laboral.

Artigo 33º.-Ferramentas.

A empresa dotará o persoal de ferramentas e útiles necesarios para o traballo, facendo responsable ó operario do bo uso e mantemento deles.

En concepto de gastos de ferramentas, ó persoal de carpintería, aboaráselle a cantidade de 88,07 (oitenta e oito con sete euros/ano, durante o ano de vixencia deste convenio e farase efectiva no mes

de decembro. No ano 2003 revisarase a cantidade segundo a acta final de acordo de convenio 2002-2003.

Artigo 34º.-Roupas de traballo.

A empresa entregaralle dúas fundas de traballo ó ano a todo o persoal obreiro que teña dereito por concesión da lei.

A data de entrega das fundas ó persoal obreiro será a primeira quincena de xaneiro e na primeira quincena de xullo.

Para o persoal da oficina de planificación e control de man de obra, distribuiranse batas de traballo de cor e forma adecuada. Esta entrega efectuarase anualmente na primeira quincena de xaneiro.

A empresa fará entrega de dúas toallas a todo o persoal de fábrica tal e como viña facendo. A entrega efectuarase na primeira quincena de xaneiro e na primeira quincena de xullo.

A empresa entregaralle ó persoal que estime a lei un par de botas de seguridade homologadas, ó ano. A entrega destas efectuarase na primeira quincena de novembro.

Disporase no almacén dun stock de pezas de roupa de traballo, para a súa entrega a título de préstamo e conseguinte devolución, cando sexan precisos, para traballos marcadamente sucios.

Capítulo V

Acción social

Artigo 35º.-Fondo de previsión social da empresa.

A empresa achegará a este fondo a cantidade de 4.025,01 (catro mil vintecinco con un) euros para operar durante o primeiro ano de vixencia deste convenio. No ano 2003, dotarase segundo o establecido na acta final de acordo de convenio 2002-2003.

A utilización e destino desta cantidade será controlada e administrada polo comité de empresa e aplicarase con preferencia a casos de infortunio do persoal da empresa.

No suposto de que a finais de ano non se consumise a cantidade asignada, o saldo existe non se perderá e se engadirá á dotación do ano seguinte.

Independentemente e para gastos, axudas de custo e desprazamentos do comité de empresa relacionados coa reestructuración do sector naval, a empresa achegará ata 2.991,92 (dous mil novecentos noventa e un con noventa e dous) euros, durante a vixencia do primeiro ano deste convenio. No ano 2003, dotarase segundo o establecido na acta final de acordo de convenio 2002-2003.

Artigo 36º.-Axudas sociais.

Todo productor que cause baixa na empresa por invalidez e que conte cunha antigüidade mínima de 15 anos, terá dereito a percibi-lo importe dunha mensualidade. Se a antigüidade na empresa é superior ós 25 anos, percibirá o importe de dúas mensualidades.

En caso de falecemento dun productor por accidente laboral, cunha antigüidade mínima na empresa de 10 anos, aboaráselles ós seus dereito habentes o importe dunha mensualidade e se a súa antigüidade

na empresa fose superior ós 25 anos, seralles aboado o importe de dúas mensualidades.

En caso de falecemento dun productor por enfermidade, contando cunha antigüidade mínima na empresa de 15 anos, aboaráselles ós seus dereito habentes o importe dunha mensualidade.

Créase unha póliza de seguro de vida, con aplicación a todo o persoal da empresa, pola cantidade de 12.020,24 (doce mil vinte con vintecatro) euros por asegurado. Esta póliza cubrirá o risco de falecemento do titular por morte natural ou accidente e o risco de invalidez total e/ou absoluta por causa de accidente de traballo ou enfermidade. No caso de falecemento ou declaración de invalidez por accidente de traballo ou enfermidade profesional, a cantidade asegurada incrementarase en 6.010,12 (seis mil dez con doce) euros.

Capítulo VI

Dereitos laborais e sindicais

Artigo 37º.-Dereitos laborais e sindicais.

A empresa recoñece as seccións sindicais das centrais, nos centros de traballo en que o seu nivel de representación supere o 10%, representados por un delegado sindical, pertencente á empresa, cos seguintes dereitos:

-Dispor dun número de horas retribuídas para utilizalas nas súas funcións que se fixan así:

* A cada membro do comité de empresa, elixido pola central sindical correspondente, asignaránselle cinco (5) horas máis ó mes por riba das que lle correspondan segundo o disposto no Estatuto dos traballadores ou convenio colectivo, e sen que en ningún caso poidan exceder estas horas adicionais de 40 ó mes para o conxunto dos representantes dunha mesma central.

* Estas horas adicionais e/ou as que correspondan a cada un destes representantes, poderán ser desfrutadas polo citado delegado sindical logo de acordo entre todos eles, que deberá ser posto en coñecemento da empresa.

* Logo de acordo coa empresa e nas condicións que se establezan, poderase pacta-la acumulación de horas sindicais entre membros do comité de empresa pertencentes a un mesmo sindicato.

-Disposición dun taboleiro de anuncios.

-Disposición dun local para reunións.

-Desconto en nómina da cota sindical, logo de petición expresa dos traballadores afiliados, de acordo coa normativa vixente.

-Reunión en locais da empresa e fóra de horas de traballo, cos traballadores afiliados, de acordo coa normativa vixente.

Todo iso sen prexuízo do mantemento doutras condicións iguais ou máis beneficiosas que poidan existir na actualidade.

Acórdase que ó finaliza-lo período de vixencia deste convenio (31-12-2003), a figura do delegado sindical se renegociará.

Capítulo VII

Varios

Artigo 38º.-Bilingüismo.

As notas e avisos que se publiquen nos taboleiros de anuncios poderán ser redactados en castelán ou en galego.

Artigo 39º.-Incapacidades.

Nos supostos de traballadores ós que se lles recoñeza unha situación de incapacidade total e que por iso poidan causar baixa na empresa, negociarase co comité unha indemnización complementaria á pensión que lle sexa recoñecida ou a ocupación dun posto de traballo adecuado á incapacidade.

En caso de non chegarse a un acordo, a empresa, que faga uso do seu dereito a non readmiti-lo traballador incapacitado, estará obrigada a aboarlle, como mínimo, unha cantidade igual a 20 días de salario por cada ano de antigüidade que teña recoñecido cun tope máximo dun ano de salario.

Esta cantidade será compensable con calquera outro beneficio que sobre os mínimos legais puidese ter establecida a empresa con anterioridade a este acordo.

Artigo 40º.-Incapacidade laboral transitoria.

Naqueles supostos de hospitalización por causa de accidente de traballo ou enfermidade común, ó traballador afectado recoñeceráselle o dereito a percibi-lo complemento económico necesario á prestación legal establecida, para alcanza-lo 100% do seu salario, durante os primeiros 45 días de duración do período de baixa IT.

Así mesmo, en defecto de prestación legalmente establecida, ó traballador aboaráselle o 75% da base reguladora desde o primeiro día de baixa por incapacidade temporal derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, aumentándose ó 80 % a partir do oitavo día.

Artigo 41º.-Partes asinantes do convenio.

O presente convenio foi negociado e aprobado en representación da parte social, polo comité de empresa; e en representación da empresa, pola dirección desta.

Normas de carácter interno reguladoras de desfrute do día de reducción de xornada de carácter flotante (anexo artigo 30º).

1. Poderase reservar coa antelación que se desexe no departamento de persoal, aínda que como mínimo de tres (3) días do desfrute e comunicándollo previamente ó seu mando.

2. Non poderán coincidir no mesmo día máis do 33% do persoal afecto a un determinado G.F.H., salvo en grupos de menos de seis (6) persoas, que poderá chegar a ser do 50%.

3. Atenderanse as solicitudes por rigorosa orde de entrada ata a saturación dun determinado día, polo alcance do tope anterior. Non obstante, chegada esta situación poderán permuta-lo seu desfrute os traballadores do mesmo G.F.H. se dan a súa conformidade por escrito.

4. Se un traballador renuncia ó desfrute dunha determinada xornada xa elixida, perde o seu dereito de prelación en caso que querer volver a desfrutar ese mesmo día.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE