Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de xullo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º 7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados no programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta a estratexia europea para o emprego derivada do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, de acordo coas directrices anuais, articulouse un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego para incidir na inserción laboral dos colectivos con desvantaxes para acceder e permanecer no mercado de traballo e para impulsa-la estabilidade no emprego na Comunidade Autónoma.

En Galicia, nestes últimos anos, o emprego creceu nunha significativa porcentaxe, incrementouse o número de contratacións indefinidas e tamén se reduciu a taxa de temporalidade, pero aínda lonxe da media dos países do noso contorno.

Neste contexto, considerouse necesario reorienta-los incentivos á contratación indefinida para seguir avanzando en medidas de política activa que sirvan para apoiar e impulsar de forma máis decidida a estabilidade laboral dos cadros de persoal das empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

No novo marco de axudas para o ano 2002, refórzase a esixencia da estabilidade no emprego, tanto no programa específico de apoio á contratación con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral que se regula nunha orde propia, como no programa regulado nesta orde dirixido a fomenta-la estabilidade e a contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos.

Nesta perspectiva, as empresas para poderen acceder ós incentivos pola contratación indefinida de colectivos desfavorecidos, deberán acadar unha taxa de estabilidade mínima que se sitúa no 60%, ou aquela superior ou inferior establecida no convenio colectivo sectorial, e que non terá que supoñer un incremento respecto da existente con anterioridade.

Nesta orientación, e no marco da estratexia europea a favor da inclusión social e da xeración de emprego de calidade, articúlanse medidas de apoio á contratación por conta allea daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellora-la súa situación de emprego e corrixi-los desequilibrios do mercado laboral para evitar situacións de paro de longa duración e de ocupación inestable afastando a potencialidade de que xurdan novas situacións de risco ou desvantaxe social.

Sen esquece-lo horizonte da necesaria estabilidade, prevense incentivos á contratación temporal de colectivos desfavorecidos con maior risco de exclusión social, tales como perceptores do RISGA, mulleres procedentes de casas de acollida, inmigrantes e outros con características que poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

No eido da igualdade de oportunidades e como medidas de discriminación positiva, establécese un incremento lineal dos incentivos cando as contratacións se realizan con mulleres, prevéndose incrementos específicos pola reincorporación laboral logo dunha ausencia prolongada ou cando pasen a prestar servicios en profesións cunha escasa participación das mulleres.

Pola súa parte, tamén se prioriza a contratación de mozos desempregados sen experiencia laboral.

As axudas consideradas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2002) 1884 fin de 22.05.2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado de CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, 13-1-2001).

Esta orde ten por obxecto establece-las bases e a convocatoria para o ano 2002 do programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, e axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999,

do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o establecido na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do programa regulado nesta orde, entre outros, financiarase con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias: 14.04.241A.474.0 cun crédito de 1.500.000 euros, 14.04.241A.473.0 cun crédito de 14.046.855 euros, e 14.04.241B.475.1 cun crédito de 14.917.277 euros, e a 14.04.241B.475.0 cun crédito de 9.448.098 euros. As ditas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde que regula os programas de fomento do emprego en empresas de economía social, para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a

emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, a xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, coa finalidade de fomenta-la creación de postos de traballo e de favorece-la inclusión social mediante o apoio á inserción laboral das categorías de traballadores que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 26 de novembro, e nesta orde.

3. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.474.0, 14.04.241A.473.0, 14.04.241B.475.1 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións que reunindo os requisitos e condicións establecidos nela, se realicen no período comprendido entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002.

2. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas iniciais, sempre que se realicen con traballadores desempregados que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, pertencentes a algún dos colectivos desfavorecidos relacionados no artigo 3º desta orde.

Tamén poderán ser obxecto de axudas as contratacións temporais, sempre que teñan unha duración mínima de seis meses, e se realicen con desempregados pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º nº 1, letras d), e), f), g), h) e i).

3. Así mesmo, poderán ser obxecto dos incentivos previstos nesta orde, as transformacións en indefinidos de contratos de aprendizaxe, para a formación, en prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, calquera que sexa a data da súa celebración. Cando se trate de contratos de interinidade, en todo caso, a súa transformación en indefinidos só poderá ser obxecto de subvención cando se manteña o posto do traballador substituído, o que terá que acreditarse.

No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido será como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ámbalas dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos nos que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ó día seguinte ó do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

4. As ditas contratacións e transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

5. Cando se trate de contratacións a tempo parcial a contía dos incentivos previstos nesta orde serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

6. Para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

7. Para os efectos deste programa, terán a consideración de parados cun tempo de permanencia en desemprego igual ou superior a seis meses aqueles desempregados que leven en situación de desemprego, polo menos, seis meses. Considérase cumprido o requisito de permanencia en desemprego aínda no caso de que o traballador, nese período de seis meses, realizase unha actividade laboral por un período non superior a 30 días.

8. Para os efectos deste programa, terán a consideración de parados cun tempo de permanencia en desemprego igual ou superior a 12 meses, aqueles desempregados que leven inscritos como demandantes de emprego polo menos 12 meses. Non perderán a dita consideración aqueles que, nese período de tempo, realizasen unha actividade laboral por un período non superior a 60 días.

Artigo 3º.-Colectivos desfavorecidos.

1. Para os efectos desta orde terán a consideración de colectivos desfavorecidos con maiores desvantaxes para o acceso e permanencia no mercado de traballo, polo que se prima o obxectivo de inclusión e inserción laboral sobre o de creación neta de emprego, os seguintes:

a) Menores de 25 anos, cun tempo en desemprego igual ou superior a seis meses e titulados universitarios de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado.

b) Maiores de 45 anos que non teñan estudios de segundo ciclo de ensinanza secundaria ou dun nivel equivalente.

c) Desempregados de calquera idade, cun tempo en desemprego igual ou superior a doce meses.

d) Perceptores da renda de integración social de Galicia, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

e) Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

f) Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

g) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción e reinserción laboral.

h) Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade, baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

i) Inmigrantes e persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

2. Tamén se consideran como colectivos desfavorecidos polas dificultades que presentan no mercado de traballo e que precisan de accións específicas para mellora-la súa situación de emprego e evita-la aparición de desaxustes e novas desvantaxes, os seguintes:

a) Maiores de 25 anos, cun tempo de permanencia en desemprego igual ou superior a seis meses.

b) Maiores de 45 anos que teñan estudios de segundo ciclo de ensinanza secundaria ou dun nivel equivalente.

c) Mulleres desempregadas, que non pertenzan a ningún dos colectivos anteriores.

3. Os traballadores con contratos temporais de aprendizaxe, para a formación, en prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación ou de interinidade, para efectos desta orde, considéranse como categoría de traballadores que requiren unha acción específica para mante-la súa permanencia no mercado de traballo.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste programa as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea para prestar servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia de plans de incremento da estabilidade laboral dos seus cadros de persoal en Galicia, nos termos e de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 5º.-Requisitos.

Para poder acceder ós beneficios establecidos nesta orde, deberán cumprirse as seguintes condicións e requisitos:

a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no momento da contratación deberá ser igual ou superior ó 60%, ou a aquela superior ou

inferior establecida no convenio colectivo sectorial de aplicación.

Para os efectos do anterior entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

b) Como consecuencia da contratación indefinida ou transformación que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal non se terán en contas as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta, ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

c) Así mesmo, tódalas contratacións indefinidas iniciais, agás que se realicen con traballadores pertencentes a algún dos colectivos desfavorecidos relacionados no artigo 3º nº 1, deberán supoñer incremento neto do emprego total da empresa no ámbito territorial de Galicia. De modo que se supere a media aritmética da totalidade do cadro de persoal (fixo e temporal) nos doce meses anteriores á data de inicio da relación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Artigo 6º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestar servicios noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de Administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

c) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores que finalizasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

e) Contratacións realizadas con traballadores que nos tres meses anteriores á data de contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención, prestaran servicios na mesma empresa en virtude dun contrato temporal de duración igual ou superior a 6 meses consecutivos ou a 180 días con interrupción nun período de 12 meses, agás que se trate de contratos formativos ou de interinidade que non quedan incluídos nesta limitación.

Capítulo II

Axudas

Artigo 7º.-Incentivos á contratación indefinida inicial de colectivos desfavorecidos.

1. As contratacións indefinidas iniciais, a xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos discontinuos, realizadas con traballadores desempregados pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º nº 2 desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 1.800 euros, incrementándose a unha contía de ata 2.400 euros cando se realicen con mulleres nos supostos en que non estean consideradas como colectivo específico.

Os incentivos anteriores incrementaranse nunha contía de ata 1.800 euros, cando ademais da pertenza a un dos ditos colectivos concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do «Programa Labora: Xuventude con Experiencia», segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril).

b) Mulleres que se reincorporen á actividade laboral tras unha ausencia prolongada dun mínimo de tres anos.

c) Mulleres, cando se contraten para prestar servicios, en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de setembro de 1998.

2. As contratacións indefinidas iniciais, a xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos discontinuos, realizadas con traballadores desempregados pertencentes a algún dos colectivos desfavorecidos relacionados no artigo 3º nº 1, incentivaranse cunha contía de ata 2.400 euros, incrementándose

nunha contía de ata 3.000 euros se se realizan con mulleres.

Cando, ademais, concorran as circunstancias descritas nas letras a), b) e c), do segundo parágrafo do número 1 anterior, o incentivo será dunha contía de ata 3.600 euros se as contratacións se realizan con homes e de ata 4.200 euros cando se realicen con mulleres.

Artigo 8º.-Incentivos á contratación temporal de determinadas categorías de traballadores desfavorecidos.

As contratacións temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, sempre que teñan unha duración mínima de seis meses, realizadas con traballadores desempregados pertencentes ós colectivos relacionados nas letras d), e), f), g), h) e i) do número 1 do artigo 3º desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 1.800 euros, incrementándose nunha contía de ata 2.400 euros cando se realicen con mulleres.

Artigo 9º.-Incentivos á transformación en indefinidos dos contratos de aprendizaxe, para a formación, en prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

As transformacións en indefinidos dos contratos de aprendizaxe, para a formación, en prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, que reúnan os requisitos e condicións establecidos no artigo 2º desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 1.800 euros, incrementándose a unha contía de ata 2.400 euros cando as ditas transformacións afecten a mulleres.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 10º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalles:

1. Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás no suposto previsto no punto seguinte.

2. Ó director xeral de Fomento do Emprego nos supostos de solicitudes presentadas ó abeiro do programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos con orixe en pactos ou plans empresariais de expansión ou crecemento de emprego que recollan a contratación indefinida de 30 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato en indefinido.

As solicitudes de axudas polas contratacións ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2001 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 10 de setembro do ano 2002.

3. Con independencia dos prazos establecidos no número 2, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2002, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.

Artigo 12º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, xunto coa seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persona física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración da empresa na que se faga consta-lo número e provincia de localización dos centros de traballo da empresa en Galicia, así como a previsión do número de contratacións indefinidas polas que se solicita subvención ó abeiro desta orde (no modelo de solicitude).

3. Declaración do cadro de persoal de tódolos centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ó inicio da relación laboral do traballador contratado ou da transformación, así como da taxa de estabilidade no mes da contratación, con indicación do convenio colectivo sectorial de aplicación e data da súa publicación, e se é o caso, a taxa de estabilidade prevista (anexo III).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5º desta orde.

No suposto de plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores nos que se establezan referencias para o incremento do cadro de persoal, achegarase copia do pacto xunto coa solicitude, e con anterioridade ó pagamento da axuda a documentación acreditativa do dito incremento.

4. Relación nominal dos traballadores contratados polos que se solicita subvención, con indicación do colectivo e tipo de axuda que se solicita (anexo IV-A ou anexo IV-B ou anexo IV-C).

5. DNI dos traballadores contratados.

6. No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro, segundo os datos do informe de vida laboral na Tesourería Xeral de Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

Así como, documentos acreditativos das características que determinen a súa pertenza ó correspondente colectivo, e, se é o caso, da concorrencia das circunstancias previstas nas letras b) e c) do artigo 7º nº 1.

7. No caso de transformacións, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

8. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

9. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo VI).

10. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VII).

11. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 16º d) (anexo VIII).

Artigo 13º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán do interesado que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 14º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido

no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa de Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como a contratación de mulleres e de menores de 30 anos sen experiencia laboral anterior.

Artigo 16º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, agás que xunto coa solicitude se achegaran tódolos boletíns correspondentes ó período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal. Ou, se é o caso, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que conste o número de traballadores con contrato indefinido, o dos traballadores con contrato de interinidade e dos demais traballadores con contratos temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

b) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas.

c) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Documentación acreditativa de que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VIII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

e) Declaración complementaria da establecida no artigo 12º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (anexo V).

2. Non obstante o sinalado nos números anteriores, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos establecidos para cada un dos diferentes colectivos desfavorecidos previstos nesta orde, son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación puidese dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os que está prevista subvención, correspóndelle a opción ó solicitante.

2. As empresas que soliciten incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade, durante o período de execución do plan, non poderán beneficiarse das axudas ou subvencións previstas nesta orde para a contratación indefinida inicial ou por transformación de contratos temporais. Para o caso de que as ditas contratacións puidesen dar lugar á súa inclusión en máis dun dos programas de fomento da contratación, correspóndelle a opción ó solicitante.

3. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

4. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

5. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

1. Acreditar, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión de subvencións, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ó abeiro deste programa durante un período mínimo de 3 anos, cando se trate de contratacións indefinidas. Ou, polo período mínimo de 6 meses, de tratarse de contratacións temporais.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda de fomento da contratación.

Esta obriga manterase durante 3 anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención, e, se é temporal, durante a duración mínima inicial do contrato.

5. Mante-lo número de traballadores fixos do seu cadro de persoal, en cómputo anual, durante polo menos 3 anos que se contarán dende a data de realización da contratación indefinida.

6. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán mante-los postos de traballo durante un período mínimo de cinco anos.

7. As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados que fosen

obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha declaración da media de traballadores fixos e temporais en cómputo anual, así como o TC2 do mes de decembro do ano anterior. A dita obriga manterase durante os 3 anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención, se se trata de contratación indefinida. E, ata o ano seguinte da concesión da axuda, se se trata de contratación temporal.

Artigo 19º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 20º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir

en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Para o caso de que se soliciten os incentivos previstos nesta orde pola transformación en indefinido dun contrato en prácticas que fora obxecto de subvención ó abeiro dos programas de fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e a conversión se produza con anterioridade á súa duración mínima inicial de 12 meses, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ó período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

Quinta.-A comprobación da condición de beneficiario do «Programa Labora: Xuventude con Experiencia», será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.474.0, 14.04.241A.473.0, 14.04.241B.475.1 e 14.04.241B.475.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 fixado na exposición de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude