Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, pola que se lle dá publicidade ó convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as entidades de certificación de producto, para o fomento do proceso de certificación do encaixe de bolillos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2002.

Con data do 18 de xuño de 2002 subscribiuse entre a Consellería de Industria e Comercio e unha entidade de certificación de producto un convenio aberto de colaboración para o fomento do proceso de certificación do encaixe de bolillos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2002.

Cumprida a tramitación regulamentaria procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2002.

José Manuel González González

Director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial

ANEXO

Convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e as entidades de certificación de producto, para o fomento do proceso de certificación do encaixe de bolillos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2002.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2002

Reunidos

Dunha parte:

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio, que en virtude do disposto no artigo 3 da orde da Consellería de Industria e Comercio do 9 de decembro de 1999, sobre delegación de competencias en materia de subscrición de convenios no secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio (DOG nº 243, do 20 de decembro), reclama neste acto para si o exercicio da competencia delegada pola dita orde.

Doutra parte:

Avelino Brito Marquina, con DNI 50805650-F, en calidade de director de Organización e Operacións da Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor), facultado para a sinatura do presente documento.

Expoñen:

I. Que a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria establece, no seu artigo 20, que a Administración do Estado, en colaboración coas comunidades autónomas, promoverá e potenciará a competitividade da industria española, e de acordo cos criterios dados pola Comisión para a Competitividade Industrial, fomentando en materia de calidade industrial diversas iniciativas, entre as que se encontran a coordinación e participación de tódolos sectores e intereses da actividade económica e social na normalización, así como na súa difusión, e na certificación de conformidade a normas.

II. Que a dita lei establece no seu artigo 19, co obxecto de ir impulsando a promoción da calidade industrial, os axentes que interveñen no ámbito da calidade, fundamentalmente nas áreas de normalización, certificación e acreditación, que veñen definidos no artigo 8 puntos, 8.5º, 8.6º e 8.11º da dita Lei.

III. Que o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade industrial, establece nos artigos do 20 ó 25 da sección I do seu capítulo III as condicións que definan as entidades de certificación.

IV. Que a Consellería de Industria e Comercio, en virtude do Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica desta, presenta as competencias para a panificación, coordinación, execución, seguimento e control en materia de normalización, certificación e calidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

V. Que, en Galicia, a actividade artesanal tivo e segue tendo una grande importancia no equilibrio económico, demográfico e social gracias á súa localización e á variedade das súas actividades. Actualmente, constitúe un sector cun amplo abano de actividades en tódolos terreos e para tódolos usos, o que propicia un papel fundamental nas zonas nas que se asentan.

VI. Que a Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, veu establece-lo marco legal de actuación do sector artesanal de Galicia, en virtude das competencias exclusivas atribuídas á Comunidade Autónoma polo artigo 27.17º do Estatuto de autonomía de Galicia. Constituíuse un órgano, a Comisión Galega de Artesanía, que actúa de enlace entre a Administración e os artesáns, e o Rexistro Xeral de Artesanía no que se inscriben as actividades, as persoas e os talleres que teñen recoñecida oficialmente a consideración artesanal.

VII. Que a Consellería de Industria e Comercio desde hai varios anos vén adoptando unha serie de medidas de apoio e estímulo encamiñadas a conservar, protexer e promove-lo sector artesanal galego. Entre estas medidas caben destaca-las relacionadas coa comercialización dos productos artesanais e, en concreto, coas que permiten ofrecer ó mercado productos artesanais de calidade acreditada ou garantida.

VIII. Que nesta liña as administracións autonómica e locais, en colaboración co sector do encaixe de bolillos, xunto co Consello Intertéxtil e técnicos da Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor) (entidade que foi designada para o desenvolvemento da normalización a nivel nacional pola orde do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de febreiro de 1986), constituíron un grupo de traballo que se engloba no Comité Técnico de Normalización AEN/CTN 40 de Industrias Téxtiles da Asociación Española de Normalización. O dito grupo de traballo elaborou a norma UNE 40605 EX: Encaixe de bolillos. Características xerais e métodos de ensaio que foi aprobada en xuño de 2000 segundo resolución da Dirección Xeral de Política Tecnolóxica.

IX. Que na dita norma UNE 40605 se especifican os requisitos xerais que debe reuni-lo encaixe de bolillos, así como os métodos de ensaio aplicables.

Tamén se recollen as definicións da actividade, os materiais e utensilios, as características do encaixe e os procedementos de elaboración dos diversos puntos.

X. Que na sociedade actual na que os consumidores demandan cada vez máis productos de calidade garantida e que transmitan confianza sobre os seus procedementos de elaboración, os productos que se certifican de acordo a normas específicas constitúen un elemento diferenciador que o consumidor está demandando.

XI. Que pola especificidade das características que deben cumprir este tipo de entidades, que podemos considerar como micro-Pemes de tipo artesanal dedicadas ó encaixe de bolillos, a Administración considera de interese xeral este tipo de actividade e trata de fomenta-la súa calidade acreditada.

En consecuencia, coa finalidade de fomenta-lo proceso de certificación do encaixe de bolillos de acordo coa norma citada no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ambas partes acordan subscribi-lo seguinte convenio de colaboración con suxeición ás seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto do presente convenio é regula-lo marco de actuación e as relacións entre a Consellería de Industria e Comercio e as entidades de certificación de producto que subscriban este, para o fomento do proceso de certificación do encaixe de bolillos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para iso establécese un sistema de incentivos económicos ás empresas que certifiquen o seu proceso de fabricación do encaixe de bolillos, que se traducen en axudas por parte da Consellería de Industria e Comercio, aplicables ós gastos nos que incorran os talleres artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (en diante talleres artesanais) os productos do cales certifican.

Segunda.-Entidades de certificación de producto.

Para efectos do presente convenio as entidades de certificación de producto deberán cumprir e acredita-los seguintes requisitos:

* Ser entidades acreditadas pola Entidade Nacional de Acreditación de acordo co estipulado no Real decreto 2200/1995, nos artigos 20 a 25 do capítulo III, sección I ou organismo internacional equivalente como organismos de avaliación da conformidade, que teñan establecidos comités técnicos nos que se establezan os requisitos que se van cumprir para logra-la conformidade dun determinado producto de acordo coas normas ou especificacións técnicas.

* Dispoñer dunha marca de conformidade para o encaixe de bolillos, producto que se vai certificar acorde coa norma UNE 40605 EX: Encaixe de bolillos. Características xerais e métodos de ensaio.

A entidade de certificación de producto asinante deste convenio aberto e as que posteriormente se adhiran a el de acordo co procedemento que se establece, terán a consideración de empresas colaboradoras, con suxeición ó establecido no capítulo VI do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Polo que respecta á solvencia económica, non se esixe a súa acreditación neste convenio, xa que a modalidade de colaboración que se establece non supón en ningún momento un anticipo de fondos ás entidades colaboradoras, senón un reintegro do importe das subvención anticipadas por estas.

Poderán adherirse ó presente convenio aberto tódalas entidades de certificación de producto que reúnan os requisitos anteriores e que soliciten a súa adhesión seguindo o procedemento que se establece na cláusula seguinte.

Terceira.-Procedemento de adhesión ó convenio.

Con independencia da entidade de certificación de producto asinante, con posterioridade á publicación do convenio no DOG, poderán adherirse a este aquelas entidades de certificación de producto que o soliciten e reúnan os requisitos esixidos no convenio, para os cales efectos deberán remitir á Consellería de Industria e Comercio a seguinte documentación:

-Compromiso de adhesión segundo o modelo do anexo I debidamente formalizado.

-Documento acreditativo do poder con que actúa o representante e fotocopia compulsada do seu DNI.

-NIF da entidade.

-Declaración expresa da entidade da súa capacidade para obrar e de non estar incursa en ningunha das circunstancias ás que se refire o artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

-Certificados de estaren ó día das súas obrigas coa Seguridade Social, Facenda da comunidade autónoma e coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

-Documentación que acredite dispoñer dunha marca de conformidade para o encaixe de bolillos acorde coa norma UNE 40605 EX: Encaixe de bolillos. Características xerais e métodos de ensaio.

As entidades de certificación de producto remitirán tamén un informe que recolla os datos de localización, enderezo completo da súa sede central e, se ó caso, delegación en Galicia, interlocutor nesta comunidade e capacidade técnica desta indicando acreditacións dispoñibles, medios humanos da delegación, a súa cualificación e tarifas vixentes para a certificación do encaixe de bolillos.

A dada límite para solicita-la adhesión ó convenio por parte das entidades de certificación de producto finalizará o 30 de setembro de 2002.

A Consellería de Industria e Comercio analizará a documentación presentada e notificará a cada unha das entidades de certificación de producto a adhesión ou non a este convenio, en función do cumprimento dos requisitos esixidos neste.

Cuarta.-Empresas beneficiarias.

Poderán beneficiarse das axudas ás que se refire este acordo os talleres artesanais, sempre que estean establecidos en Galicia, se encontren dados de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que se regula polo Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Quinta.-Procesos de certificación de producto subvencionables.

Serán obxecto de subvención por parte da Consellería de Industria e Comercio, ó amparo deste convenio, os procesos de certificación do encaixe de bolillos que, notificados adecuadamente polas entidades de certificación de producto, reciban a aprobación previa por parte da Consellería de Industria e Comercio.

As entidades de certificación de producto remitirán á Consellería de Industria e Comercio a solicitude de expediente previo á certificación de producto, de acordo co anexo II e a aceptación de condicións por parte dos talleres artesanais beneficiarios que se achega como anexo III. A consellería presentará a potestade para estimar ou desestima-la dita solicitude en función da adecuación ós obxectivos do acordo, así como a dispoñibilidade orzamentaria.

Sexta.-Investimento subvencionable.

Para os efectos deste acordo entenderanse como investimento subvencionable todos aqueles custos nos que incorran os talleres artesanais, beneficiarios deste convenio como consecuencia do proceso de certificación do encaixe de bolillos ó que fai referencia a cláusula quinta do presente convenio, excluíndo o IVE.

Sétima.-Contía das axudas.

Para os beneficiarios deste convenio, a axuda recibida suporá una reducción máxima do 40% do investimento subvencionable. A dita reducción aplicarase, no momento da emisión das facturas correspondentes a cada proceso de certificación.

A achega máxima por parte da Consellería de Industria e Comercio será de 3.000 A por taller artesanal que desexe acollerse ó estipulado no presente convenio.

Esta reducción de ata o 40% concretarase nunha axuda por parte da Consellería de Industria e Comercio, que se deducirá do importe total que vai factura-la entidade de certificación de producto ós talleres artesanais.

Oitava.-Obrigas da Consellería de Industria e Comercio.

A Consellería de Industria e Comercio achegará para o financiamento deste convenio a cantidade de 31.265 A, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.661-C.770.0 Fomento da Calidade e Deseño Industrial dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002.

Estas cantidades poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

Novena.-Obrigas das entidades de certificación de producto.

As entidades de certificación de producto realizarán campañas informativas tendentes a fomenta-lo proceso de certificación do encaixe de bolillos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun panel de información, divulgación e formación.

Para a execución das ditas actividades de divulgación e sensibilización, as entidades de certificación coordinarán o alcance das súas actuacións coa Consellería de Industria e Comercio, tanto no desenvolvemento dos seus contidos e temáticas que se van considerar como en relación ás datas de realización dos eventos de forma que a dita coordinación redunde nunha maior eficacia das actuacións.

As entidades de certificación de producto porán á disposición da Consellería de Industria e Comercio a información xerada en relación ós plans de divulgación e sensibilización coordinados con esta, para o seu tratamento como contidos informativos e a súa adecuada difusión de forma que complementen outra información xerada en materia de calidade e obteñan un maior efecto multiplicador. Esta información que se vai facilitar estará formada a título orientativo por:

-Contidos técnicos da actuación en soporte electrónico.

-Descritores das actuacións: programa, destinatarios, axentes participantes, lugar e datas de realización, distribución da convocatoria, etc.

As entidades de certificación de producto farán pública, ademais da información xerada ó amparo do presente convenio, as iniciativas propias relacionadas co proceso de certificación do encaixe de bolillos.

Así mesmo, cada entidade de certificación de producto remitirá previamente a sinatura do convenio ou no momento de solicitude de adhesión para aquelas que se adhiran con posterioridade, un escrito no que se comunica a designación dun interlocutor único para a resolución de cantas dúbidas xurdan

na tramitación das axudas, e que será o mesmo que presente a representación na comisión de seguimento.

As entidades de certificación de producto deberán comunicarlle á Consellería de Industria e Comercio, calquera variación que se produza nos datos anteriores, garantindo a confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios.

As entidades de certificación de producto someteranse ás actuacións de comprobación que esta consellería poida efectuar respecto da xestión destas axudas, e a ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Consello de Contas.

Ademais, colaborarán na restitución das subvenciones outorgadas nos que concorra causa de reintegro.

Décima.-Solicitude de admisión de expediente previo á certificación

As entidades de certificación de producto remitirán á Consellería de Industria e Comercio a solicitude de admisión de expediente previo ó proceso de certificación, segundo o modelo do anexo II.

Con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002 atenderanse de forma correlativa a súa presentación individual as solicitudes de axuda para os procesos de certificación do encaixe de bolillos que teñan entrada na Consellería de Industria e Comercio antes do 31 de outubro de 2002, e se xustifiquen convenientemente antes do 29 de novembro de 2002.

As axudas concederanse seguindo a orde de presentación de solicitudes ata o límite de crédito dispoñible, presentando a consellería a potestade para estimar ou desestima-la dita solicitude, en función da adecuación ós obxectivos do presente convenio, así como da dispoñibilidade orzamentaria.

No momento en que a Consellería de Industria e Comercio esgote a consignación orzamentaria establecida na cláusula oitava comunicarallo ás entidades de certificación de producto, non admitindo ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das axudas xa aprobadas.

Unha vez autorizada pola Consellería de Industria e Comercio unha axuda a un proceso de certificación do encaixe de bolillos e unha vez levada a cabo esta, as entidades de certificación de producto aplicarán na factura que van emitir ós talleres artesanais o desconto ofertado por estas como porcentaxe que subvenciona a Consellería de Industria e Comercio nas condicións estipuladas.

Décimo primeira.-Xustificación das axudas.

Para recupera-la cantidades subvencionadas, as entidades de certificación de producto presentarán ante a Consellería de Industria e Comercio resumos

trimestrais detallados segundo anexo IV, xunto á seguinte documentación:

* Copia de solicitude de autorización previa da axuda (anexo II).

* Aceptación de condicións de cada un dos talleres artesanais beneficiarios das subvencións (anexo III).

* Copia das facturas emitidas pola entidade de certificación de producto, coa desagregación detallado dos distintos conceptos facturados, así como da axuda concedida.

* Documentos xustificativos do pagamento, por parte do taller artesanal beneficiario.

* Copia do certificado correspondente ó proceso de certificación do encaixe de bolillos emitido pola entidade certificadora de producto.

* Copia do recibo de pagamento da última anualidade do imposto de actividades económicas (IAE) do taller artesanal beneficiario da subvención, ou alta no imposto para os de nova creación.

Décimo segunda.-Pagamento das axudas.

Para o pagamento das axudas aprobadas por parte da Consellería de Industria e Comercio, as entidades de certificación de producto deberán acreditar previamente que se encontran ó corrente do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social. Para iso deberán presentar:

* Certificado acreditativo de estar ó día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

* Certificado acreditativo de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e non ter pendente o pagamento de ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir debidamente asinada a autorización que se remite no anexo V para que este órgano poida solicita-la información por vía informática.

* Certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os pagamentos.

A data límite para presentar xustificacións será o 29 de novembro e os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio, poderán verificar nos talleres artesanais beneficiarios das axudas, que o proceso se levou a cabo segundo o establecido, emitindo o correspondente informe.

Comprobada a documentación achegada e verificado, se procede, que o proceso se levou a cabo segundo o establecido, a Consellería de Industria e Comercio realizará a proposta de pagamento para reintegra-las entidades de certificación de producto o importe das subvencións anticipadas por estas.

Estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración pública, organismo ou ente público, sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, salvo no caso de Pemes no que poderá alcanzarse ata o 55%.

Procederase ó reintegro das subvencións percibidas nos supostos establecidos no artigo 78.4º TRLRFO aprobado polo Decreto lexislativo de 1/1999, do 7 de outubro.

Décimo terceira.-Seguimento do convenio de colaboración.

Para o seguimento e control do convenio de colaboración constituirase unha comisión integrada polo director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, un representante da Subdirección Xeral de Apoio Sectorial e os interlocutores únicos designados por cada unha das entidades de certificación de producto asinantes do convenio ou adheridas a este.

Décimo cuarta.-Natureza administrativa.

Este convenio ten natureza administrativa e, en consecuencia, a Consellería de Industria e Comercio resolverá tódalas cuestións que xurdan no seu desenvolvemento, de acordo ás normas que regulan a materia de subvencións contidas no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de setembro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicándose os principios do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, para resolve-las dúbidas e lagoas que puidesen presentarse, conforme o que dispón esta lei no seu artigo 3 nos puntos 1.d) e 2.0.

Décimo quinta.-Causas de resolución.

Son causas de resolución do presente convenio de colaboración o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas cláusulas deste coa conseguinte anulación de tódolos expedientes en trámite.

Décimo sexta.-Vixencia.

Este convenio terá vixencia desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 29 de novembro de 2002.

E, en proba de conformidade cos termos do convenio, as partes comparecentes asinan e rubrican este no lugar e data indicados no encabezamento.

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio.

Avelino Brito Marquina, Asociación Española de Normalización y Certificación