Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de xullo de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Hilton Álvarez-Médico.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Hilton Álvarez-Médico, con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Hilton Álvarez Vázquez en calidade de presidente da fundación, en escrito de vintetrés de maio de 2002 formulou solicitude de clasificación a efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 25 de marzo de 2002, ante o notario José Antonio Somoza Sánchez, co número seiscentos sesenta do seu protocolo por Hilton Álva

rez Vázquez, Teresa Álvarez Lorenzo e Cristina Álvarez Álvarez; interveñen no seu propio nome e dereito facéndoo ademais Hilton Álvarez Vázquez como mandatario verbal do seu fillo Pablo Álvarez Álvarez.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é prestar axuda médica ós nenos necesitados da Amazonia brasileira, especialmente intentando mitigar no posible a malaria e a sida.

4. O padroado da fundación estará integrado por Hilton Álvarez Vázquez como presidente, Pablo Álvarez Álvarez como vicepresidente, Teresa Álvarez Lorenzo como secretaria e Cristina Álvarez Álvarez como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relaciones Institucionales e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Hilton Álvarez-Médico, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de xuño de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Hilton Álvarez-Médico adscribíndoa á Consellería de

Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública