Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.827

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 229/2002, do 4 de xullo, polo que se regula o rexistro de convenios que celebre a Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público dependentes dela con outras administracións ou outros entes de dereito público.

A Xunta de Galicia, a través dos seus órganos competentes, pode celebrar convenios de colaboración, coordinación, execución ou asimilables con outras administracións e entidades públicas, no ámbito das súas respectivas competencias.

O Decreto 73/2002, do 14 de marzo (DOG nº 54, do 15 de marzo de 2002), polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública atribúelle á Dirección Xeral de Relacións Institucionais a competencia para xestiona-lo rexistro dos convenios, tanto dos acordados polo Consello da Xunta de Galicia como dos que outorguen as consellerías, organismos autónomos e os entes de dereito público da Administración autonómica.

Por conseguinte, cómpre regula-lo funcionamento deste rexistro, que operará como un rexistro centralizado dos convenios da Xunta de Galicia, para defini-las súas actividades e delimita-las súas competencias.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa sesión do día catro de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Rexistro Centralizado de Convenios da Xunta de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, constitúese como un arquivo público no que figurarán os convenios que a Administración autonómica, os seus organismos autónomos e entes de dereito público asinen con outras administracións ou outras entidades de dereito público.

Artigo 2º

É preceptiva a inscrición no Rexistro de tódolos convenios que polas súas condicións temporais, de financiamento ou establecidas no ordenamento xurídico, teñan que ser previamente autorizados polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

É potestativa a inscrición no rexistro dos demais convenios que a Administración autonómica, organismos autónomos e os entes de dereito público dependentes dela asinen no ámbito das súas competencias.

Artigo 4º

A Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

remitirá á Dirección Xeral de Relacións Institucionais as certificacións das autorizacións do Consello da Xunta para a celebración de convenios. Á vista das certificacións emitidas, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais solicitará das consellerías ós organismos autónomos e ós entes públicos asinantes un orixinal ou copia compulsada do texto dos convenios unha vez subscritos, unidades que así mesmo estarán obrigadas a enviarlle á mencionada dirección xeral a dita documentación para a súa constancia no Rexistro Centralizado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilítase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar, no exercicio das súas competencias, as disposicións que requira o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA