Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 11 de xullo de 2002 Páx. 10.779

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de xuño de 2002, conxunta da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Sanidade, pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de investigación en establecimentos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten atribuídas entre outras competencias a elaboración e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador. Pola súa parte, a Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde, ten encomendado, entre as súas funcións o fomento e desenvolvemento de estudios e investigacións científicas na área da saúde. En consecuencia, e co fin de potencia-la investigación no ámbito sanitario e como complemento cara á futura incorporación ó Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica dun programa de investigación en ciencias da saúde, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Sanidade, a través da División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de

Saúde, acordan realizar unha convocatoria conxunta de axudas para a execución de proxectos de investigación.

Con este fin, cómpre establece-las bases para a concesión destas axudas axustándose ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade mediante o procedemento correspondente. Estas bases reunirán os requisitos esixidos conforme o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por todo isto, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas para a realización de traballos de investigación en Galicia dentro dos centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.

1. A duración dos proxectos ós que se refire a presente orde será dun ano a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se conceden as axudas correspondentes e estes deberán finalizarse, polo tanto, no ano 2003.

2. Poderán acollerse ós beneficios desta convocatoria os grupos de investigación ou persoas con acreditada capacidade investigadora que pertenzan a centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas serán incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo traballo. Non se subvencionarán traballos xa finalizados con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.

4. Só poderán aparecer como investigadores principais os profesionais do sector sanitario público que teñan un posto de traballo dependente da Consellería de Sanidade ou do Sergas, que realicen labores clínico-asistenciais e/ou de investigación nos centros asistenciais.

5. Os facultativos que estean en período de formación sanitaria de posgrao non poderán figurar como investigadores principais, aínda que si poderán formar parte do equipo investigador.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes das axudas dirixiranse á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á División de Asistencia Sanitaria do Sergas conforme o modelo do que a carátula externa se recolle no anexo I-está dispoñible completo na Internet nos enderezos seguintes:

http://www.sxid.org,http://www.cesga.es/sxid ou http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm,

e poderán presentaranse nos rexistros da Consellería de Sanidade, nos rexistros das delegacións provinciais desta ou nas direccións provinciais do Sergas, así como no rexistro da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) Currículum vitae do investigador principal e, se é o caso, dos restantes membros do equipo, coa correspondente xustificación orixinal ou copia compulsada dos méritos alegados. Utilizarase o modelo oficial de currículum vitae da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, dispoñible na Internet nos enderezos indicados no parágrafo primeiro, ou ben na División de Asistencia Sanitaria.

b) CIF do organismo ó que pertence o investigador principal do proxecto.

c) Tres copias da memoria explicativa do proxecto, coa seguinte estructura: introducción e xustificación do traballo, obxectivos, material e métodos, resultados esperados e interese da súa aplicación, plan de difusión e divulgación destes, datas de inicio e finalización.

d) Memoria económica segundo o modelo, dispoñible na Internet nos enderezos indicados no parágrafo primeiro.

e) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas ou entes públicos, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo dispoñible na Internet nos enderezos indicados no parágrafo primeiro.

f) Certificación do enderezo ou xerencia do centro de traballo acreditando o posto que desenvolve o solicitante.

g) Certificación do enderezo ou xerencia do centro de traballo acreditando o coñecemento e aprobación do proxecto, así como o compromiso de facilitación por parte do centro da infraestructura necesaria para a súa realización.

3. O prazo de presentación de instancias será dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

4. Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días, complete ou emende as deficiencias observadas, coa indicación de que, se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada mediante a Lei 4/1999.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e materias preferentes.

a) Criterios de valoración:

-Informe elaborado polos expertos na avaliación externa.

-Interese e oportunidade do tema.

-Experiencia previa na liña de investigación que se vai desenvolver.

-Calidade metodolóxica do proxecto.

-Consecución dos obxectivos en proxectos financiados en convocatorias anteriores. Publicación e difusión dos resultados obtidos. Plan de difusión e divulgación dos resultados do proxecto actual.

-Aspecto ético do proxecto.

-Adecuación da metodoloxía do proxecto ós seus obxectivos.

-Interdisciplinariedade na composición do grupo e/ou colaboración entre distintos organismos e institucións.

b) Materias preferentes:

-Investigación clínica, epidemiolóxica ou proxectos que integren investigación clínica básica e de desenvolvemento tecnolóxico.

-Avaliación de procedementos diagnósticos e terapéuticos.

-Avaliación ou mellora da calidade asistencial e xestión da calidade.

-Prevención de riscos laborais.

-Investigación en enfermidades raras e pouco frecuentes.

-Investigación en atención primaria.

-Investigación en enfermería.

-Funcionamento do sistema sanitario.

-As que se refiran a temas de investigación considerados no Plan Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e no Plan de Saúde de Galicia.

-As que se refiran ás necesidades de saúde específicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Avaliación e selección.

1. Tódalas solicitudes admitidas serán obxecto de avaliación por expertos externos que emitirán informe previo á proposta de resolución.

2. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión de valoración que estará formada por cinco persoas, das cales tres serán designadas polo Sergas; unha actúa como presidente e outra como secretario, outras dúas pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión, á vista dos informes emitidos polos expertos externos e da adecuación ós criterios da convocatoria dictará proposta de resolución elevándoa ós órganos competentes para a súa resolución.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A resolución das solicitudes efectuarase mediante orde conxunta do director xeral de Asistencia Sanitaria e do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, por delegación dos conselleiros da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Sanidade, de acordo co disposto no artigo 72.4º e do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, debendo consta-la antedita delegación de forma expresa na resolución.

2. O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

3. A resolución mediante orde conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Recursos.

1. A orde pola que se resolven as axudas porá fin á vía administrativa e contra ela os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ou ante conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou no prazo de tres meses desde que se entendan desestimadas as solicitudes por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Así mesmo, esta orde poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución

no Diario Oficial de Galicia ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, en virtude do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Cada beneficiario deberá realizar un acto expreso de aceptación da axuda e das súas condicións, dirixido á División de Asistencia Sanitaria do Sergas (Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n. 15703 Santiago de Compostela) ou á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (rúa dos Feáns, 7, local C. 15706 Santiago de Compostela), no prazo máximo de 10 días naturais contados a partir do seguinte á publicación da resolución das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido ese prazo sen efectua-la aceptación, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación dos fondos recibidos.

1. Antes do 15 de novembro de 2002 os beneficiarios deberán remitirlle á División de Asistencia Sanitaria ou á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento unha memoria do labor desenvolvido ata esa data.

2. Así mesmo, ó remate do proxecto, enviarán memoria completa da investigación desenvolvida indicando os seguintes puntos: introducción, xustificación e obxectivos, material e métodos, resultados obtidos, discusión, posibilidades de divulgación/difusión e conclusións.

Artigo 11º.-Finalización dos traballos.

1. Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, pero no momento de facelos públicos deberán facer referencia explícita da axuda recibida da Xunta de Galicia. Enviarase un exemplar das publicacións correspondentes, no caso de habelas, á División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

2. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de emprega-los resultados destes traballos para a realización dos seus propios estudios e planificacións.

Artigo 12º.-Orzamento.

1. O orzamento global previsto é de cento cincuenta mil euros (150.000 A) achegados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2002 e 2003 con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.06.432A.740.0 e 04.06.432A.781.0 de acordo coa seguinte distribución:

Partidas orzamentariasAno 2002 (en euros)Ano 2003 (en euros)

04.06.432A.740.078.000 A57.000 A

04.06.432A.781.012.000 A 3.000 A

Non obstante, as cantidades anteriores poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos ou a posible ampliación do crédito correspondente por achegas do Servicio Galego de Saúde.

2. O importe máximo de cada axuda non superará os doce mil euros (12.000 A).

Artigo 13º.-Prazo e forma do pagamento.

1. O pagamento das axudas efectuarase despois de que o organismo correspondente expida certificación xustificativa da realización do gasto correspondente á anualidade de que se trate. Así mesmo, previamente ó pagamento do ano 2003, deberase presentar declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As axudas aboaranse mediante transferencia ó organismo ó que pertenza o investigador principal do proxecto.

Artigo 14º.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Consello de Tribunal de Contas, así como á obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes últimos.

Artigo 15º.-Interpretación e revogación.

1. O director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas e o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverán tódalas incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

2. O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria, dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2002.

Jaime Pita VarelaJosé Mª Hernández Cochón

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Sanidade

Relacións Institucionais e

Administración Pública