Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 10 de xullo de 2002 Páx. 10.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Ribeira.

Visto o expediente do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Ribeira (código convenio 1502342), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-5-2002, e complementado o 3-6-2002, subscrito en representación da parte económica pola Confraría de Pescadores de Ribeira, e da parte social pola delegada de persoal o día 22-4-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representaciones económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de xuño de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Ribeira

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo aplicarase a tódolos traballadores non funcionarios da entidade Confraría de Pescadores de Ribeira, independentemente da súa categoría profesional.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A vixencia será dun ano, contando desde o 1º de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2002. Durante a súa vixencia, non poderá ser afectado por ningún convenio de ámbito distinto.

Artigo 3º.-Denuncia e prórroga.

Chegado o final da súa vixencia, este convenio colectivo prorrogarase tacitamente ano por ano, a non ser que medie unha denuncia, coa antelación mínima dun mes, por calquera das partes.

Artigo 4º.-Retribucións salariais.

As retribucións salariais por categoría e mes son as que se especifican nas táboas salariais anexas.

Artigo 5º.-Complemento de antigüidade.

O complemento de antigüidade establécese en trienios retribuídos ó 7% sobre o salario base que corresponda a cada categoría profesional.

Fíxase no 21% a porcentaxe máxima que se vai percibir en concepto de antigüidade.

Aqueles traballadores que na actualidade perciban unha porcentaxe superior manteráselle-lo dereito como condición máis beneficiosa, pero non xerarán dereito a novos trienios.

Gratificacións extraordinarias.-Tódolos traballadores e traballadoras da empresa terán dereito a dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se chamarán de Nadal e verán.

Cada unha das gratificacións extraordinarias será igual a unha mensualidade de salario base máis o complemento persoal de antigüidade; aboaranse antes do 15 de xullo a do verán e 15 de decembro a do Nadal.

Os traballadores que cesen no transcurso do semestre recibirán a parte proporcional que corresponda en función dos días de permanencia dentro do semestre na empresa.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais e 1.800 horas de traballo efectivo anuais.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó máximo a realización de horas extraordinarias, mediante dúas medidas básicas:

a) Unha organización e racionalización adecuada do traballo.

b) A súa conversión, na medida do posible, en postos de traballo, xa for en xornada completa ou parcial.

Cando a súa realización sexa imprescindible aboaranse coas seguintes recargas:

-As realizadas de luns a venres, máximo 2 por día, aboaranse a razón de 5,71 euros/hora.

-As realizadas en sábados aboaranse cunha recarga do 85% sobre o valor da hora ordinaria de traballo.

-As realizadas en días festivos ou domingos aboaranse cunha recarga do 160% sobre o valor da hora ordinaria de traballo.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores e traballadoras gozarán dun período de 30 días naturais, retribuídas a salario real.

O patrón maior elaborará, de mutuo acordo co delegado sindical, un calendario de vacacións anual, antes do 31 de marzo de cada ano, que se expoñerá no taboleiro de anuncios.

Artigo 10º.-Complemento de perigosidade.

Establécese un complemento de perigosidade para os gardas xurados, consistente nun 14% sobre o salario base mensual, sempre que desenvolvan o seu labor en xornada nocturna.

Artigo 11º.-Complemento de frío.

Para os traballadores que presten servicio en cámaras frigoríficas e de conxelación, establécese un com

plemento consistente no 14% sobre o seu salario base.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores e traballadoras terán dereito a licencias retribuídas nos seguintes casos:

a) Casamento do traballador/a: 16 días naturais.

b) Nacemento de fillo/filla: 3 días.

c) Morte do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos e demais familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días. Se se precisase por tales causas facer un desprazamento, o total da licencia sería de 5 días naturais.

d) Para acudir ó médico con fillos ou fillas menores de idade polo tempo necesario e coa debida xustificación.

e) Acudir á consulta médica o interesado ou interesada, polo tempo imprescindible, sempre con xustificante médico.

Artigo 13º.-Percepcións en situación de incapacidade temporal.

Os traballadores e traballadoras en situación de incapacidade temporal motivada por enfermidade ou accidente laboral percibirán unha retribución igual ó 100% das percepcións ás que teña dereito en situación de activo. O dereito a percibi-lo complemento ata o 100% terá unha duración máxima de 3 meses. O límite de 3 meses empezará a contar a partir da entrada en vigor deste convenio colectivo.

A partir do cuarto mes as traballadoras e os traballadores terán dereito a percibi-lo 85% das prestacións que lles correspondan en activo.

Artigo 14º.-Seguridade e hixiene no traballo.

A empresa está obrigada a adoptar tódalas medidas de seguridade e hixiene no traballo que legalmente están establecidas.

Os traballadores e traballadoras gozarán dos seguintes dereitos:

Persoal administrativo que se despraza a realiza-los cobramentos na lonxa. Dereito a utiliza-lo coche da confraría para o seu desprazamento diario da confraría á lonxa, sempre que se transporten cartos.

Persoal que traballe ante pantallas de ordenador. Dereito a unha revisión médica anual, en especial co oculista.

Persoal da lonxa. Terá dereito a un uniforme consistente en chaqueta e pantalón co emblema Confraría de Pescadores de Ribeira e un distintivo co nome do poxador.

Persoal que traballe en cámaras de frío e conxelación. Terá dereito a que se lle facilite a roupa de abrigo e calzado, para mitigar no posible os efectos negativos das baixas temperaturas.

Comisión paritaria. A comisión paritaria será un órgano de preinterpretación, vixilancia e arbitraxe. Quedará constituída polo patrón maior en representación da empresa e mailo delegado sindical, en representación dos traballadores e traballadoras.

Táboa de salarios

Ano 2002

Categoría profesionalSal.

2002/ptas.

Sal.

2002/euros

Xefe de taller231.1621.389,31
Lonxeiro227.9801.370,18
Auxiliar lonxeiro138.745833,87
Oficial 1ª administrativo145.824876,42
Oficial 2ª administrativo130.363783,50
Auxiliar administrativo120.136722,03
Aspirante a auxiliar104.290626,80
Administrativo
Garda xurado167.9341.009,30
Lonxeiro a tempo parcial59.129355,37
Carreteiro frigorífico167.9341.009,30
Peón104.290626,80