Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 10 de xullo de 2002 Páx. 10.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, pola que se lle dá publicidade ó convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas avaliadoras da conformidade para o fomento da certificación dos sistemas de xestión da calidade no tecido empresarial galego.

Con data do 18 de xuño de 2002 subscribiuse entre a Consellería de Industria e Comercio e catro

empresas avaliadoras da conformidade un convenio aberto de colaboración para o fomento da certificación dos sistemas de xestión da calidade no tecido empresarial galego.

Cumprida a tramitación regulamentaria procede a publicación no Diario Oficial de Galicia de dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2002.

José Manuel González González

Director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial

ANEXO

CONVENIO ABERTO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO E AS EMPRESAS AVALIADORAS DA CONFORMIDADE PARA O FOMENTO DA CERTIFICACIÓN DOS SISTEMAS DE XESTIÓN DA CALIDADE NO TECIDO EMPRESARIAL GALEGO

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2002

REUNIDOS

Dunha parte:

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia en virtude das facultades que lle confire o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, feito público mediante Resolución do 8 de abril de 1999, da Consellería de Economía e Facenda (DOG do 30 de abril de 1991).

De outra parte:

Avelino Brito Marquina, con DNI 50805650F, en calidade de director de Organización e Operacións da Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor), facultado para a sinatura do presente documento.

Enrique Quejido Martín, con DNI 254263K, en calidade de director xeral de Bureau Veritas Quality International España, S.A. (BVQI), facultado para a sinatura do presente documento.

Luis Gutiérrez de Soto Gancedo, con DNI 1472750, en su calidade de director xerente de Det Norske Veritas España (DNV), facultado para a sinatura do presente documento.

José Antonio Reyero López con DNI 13976186Y, en calidade de director xeral de Lloyd`s Register Quality Assurance LTD. Operaciones España (LLOYD'S), facultado para a sinatura do presente documento.

EXPOÑEN:

1. A Lei 21/1992, do 16 de xulio, de industria establece, no seu artigo 20, que a Administración do Estado, en colaboración coas comunidades autónomas, promoverá e potenciará a competitividade da industria española, e de acordo cos criterios dados pola Comisión para a Competitividade Industrial, fomentando en materia de calidade industrial, diversas iniciativas, entre as que se atopan a coordinación e participación de tódolos sectores e intereses da actividade económica e social da normalización, así como na súa difusión, e na conformidade a normas.

2. A dita lei establece no seu artigo 19, co obxecto de ir impulsando a promoción da calidade industrial, os axentes que interveñen no ámbito da calidade, fundamentalmente nas áreas de normalización, certificación e acreditación, que veñen definidos no artigo 8 nos seus puntos, 8.5º, 8.6º e 8.11º da dita lei.

3. O Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade industrial establece no capítulo III a infraestructura acreditable para a calidade, dedicando a sección primeira a través dos seus artigos 20 e seguintes para a definición do marco operativo e de cumprimento das entidades de certificación e definindo a finalidade das ditas entidades no establecemento da conformidade, de carácter voluntario, dunha determinada empresa, producto, proceso, servicio ou persoa ós requisitos definidos en normas ou especificacións técnicas.

4. A Consellería de Industria e Comercio, en virtude do Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica desta, presenta as competencias para a planificación, coordinación, execución, seguimento e control en materia de normalización, certificación e calidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Por outra parte, a calidade en xeral e concretamente a implantación dun modelo de xestión da calidade baseado na familia de normas UNE-EN-ISO 9000 é unha ferramenta de primeira orde usada internacionalmente, tanto por organizacións productivas e de servicios, como elemento dinamizador dos procesos de mellora continua e da competitividade, facilitando os seguintes posicionamentos:

-Introducción, recoñecemento e diferenciación de productos e servicios. Posicionamento diferencial da organización fronte a outras que non dispoñen da certificación.

-Minimización tanto dos custos de producción e de prestación de servicios como da corrección de erros e defectos detectados, ben na fase de producción, ben na fase postproducción, a orixe da cal na mala xestión dos propios procesos productivos.

-Inmersión do persoal, a tódolos niveis, na execución dos obxectivos presentados nas súas empresas e organizacións, motivando a cada persoa de forma individualizada da importancia da súa contribución e papel na dita empresa ou organización.

-Xestión e organización da empresa ou organización co obxecto de que tódolos factores que afectan á calidade estean totalmente definidos e controlados eliminando así os posibles defectos que poidan xurdir nos productos, procesos ou servicios.

-Estudio das necesidades e expectativas dos clientes permitindo as empresas e as organizacións dispoñer dunha sistemática baseada na total sintonía entre os seus obxectivos e a obtención da satisfacción dos clientes.

6. Que, paralelamente, a Consellería de Industria e Comercio propugna a evolución dos obxectivos das empresas, entidades e organizacións en materia de calidade cara á mellora continua dos seus sistemas de xestión, impulsando para iso a implantación de modelos globais de competitividade baseados nos principios da excelencia como estratexia integral avanzada de seguimento e articulando actuacións

parciais ou puntuais a través dos seus modelos de mellora continua.

7. Que as organizacións galegas no foron alleas á evolución dos sistemas de xestión, detectándose en Galicia en 1991 as primeiras certificacións de sistemas de xestión da calidade baseados na norma UNE 66901 publicada en 1986, procesos precursores que deron traslado a unha asimilación posterior pola familia de normas ISO 9000, iniciando unha nova xestión a partir da súa data de publicación en outubro de 1994.

8. Neste proceso de desenvolvemento competitivo, Galicia vén experimentando unha progresiva sensibilización dos seus sectores cara á implantación de modelos de xestión avanzados reflectíndose este proceso no incremento do número de certificacións de sistemas de xestión da calidade, especialmente a partir de 1996 cando se observa un significativo cambio na tendencia e se rexistra un maior ritmo de crecemento no número de organizacións certificadas.

9. A Consellería de Industria e Comercio vén apoiando o desenvolvemento, e implantación de políticas de calidade nas empresas e organizacións galegas a través de diferentes liñas, programas e actuacións entre as que, nos últimos anos tivo unha especial relevancia o fomento da certificación dos sistemas de xestión da calidade entre as Pemes galegas, o que contribuíu á mellora da competitividade destas.

10. Así mesmo, desde o ano 2000, a Consellería de Industria e Comercio, a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, xunto coas empresas avaliadoras da conformidade veñen colaborando no mantemento da base de datos da certificación dando resposta e apoio de carácter xeral ás demandas dos distintos sectores socioeconómicos de Galicia e onde teñen un papel destacado as propias empresas, entidades e organizacións certificadas integrando con todo iso unha información veraz e actualizada que se posiciona como un referente pioneiro para a certificación de sistemas e productos, así como para a información sobre a súa situación e evolución de forma personalizada.

11. Analizada a información dispoñible na referida base de datos da certificación, obsérvanse desequilibrios sectoriais en canto ó desenvolvemento de sistemas de xestión da calidade, identificando sectores onde a certificación ten unha presencia destacada. Tamén se identifican sectores cunha situación moito menos marcada, onde se require unha presencia sostida no impulso da implantación de políticas de xestión da calidade. Finalmente, obsérvanse sectores emerxentes coma os servicios, onde ó longo dos últimos períodos se vén detectando unha importante actividade certificadora e onde as modificacións da norma ISO 9000:2000 poden achegar un impulso engadido á súa implantación.

12. Así mesmo, o tamaño da empresa influíu de forma decidida na actividade certificadora. A presencia das empresas de tamaño medio e grande nun contorno cada día máis global leva consigo unha maior sensibilización cara ós factores de competitividade e, tal como se indicou anteriormente, cara á implantación de sistemas de xestión da calidade. Sen embargo, tamén comeza a tomar conciencia destacada a necesidade dunha política de xestión da calidade nas empresas de menor tamaño, a cal deberá desenvolverse adaptándose ós requirimentos específicos de cada colectivo particular, proceso no que xogará un papel moi destacado tódalas actuacións específicas en materia de divulgación, sensibilización, información e formación dos principios, vantaxes, mecanismos e ferramentas da calidade, liñas de actuación entre as que deberán figurar de forma destacada as actuacións en materia de certificación.

Como consecuencia da estreita relación entre a certificación e a competitividade das Pemes, destaca o interese xeral para Galicia do fomento da certificación dos sistemas de xestión da calidade baseados na norma ISO 9000, polo que se establece o seguinte convenio de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e as entidades avaliadoras da conformidade.

CLÁUSULAS

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste convenio consiste en regula-las actuacións entre a Consellería de Industria e Comercio e as entidades avaliadoras da conformidade para o fomento da certificación dos sistemas de xestión da calidade no tecido empresarial galego, en especial nas Pemes, entidades e organizacións de Galicia.

Para acada-lo dito obxectivo arbítrase un sistema de incentivos económicos ás empresas, entidades e/ou organizacións avaliadas, así como o desenvolvemento dun plan de sensibilización, divulgación, información e formación por parte das entidades avaliadoras da conformidade en relación coas mellores prácticas en materia de certificación de sistemas así como de modelos avanzados de xestión.

Segunda.-Entidades avaliadoras da conformidade.

Para os efectos deste acordo, entenderase por entidades avaliadoras da conformidade (en adiante certificadoras), de acordo co R.D. 2200/95 aquelas organizacións debidamente acreditadas pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), ou organismo internacional equivalente, para a certificación de sistemas de xestión da calidade baseados na familia de normas UNE-ENISO 9000.

As certificadoras que asinan este convenio aberto e as que posteriormente se adhiran a el de acordo co procedemento que se establece, terán a consideración de empresas colaboradoras, con suxeición ó establecido no capítulo VI do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Polo que respecta á solvencia económica, non se esixe a súa acreditación neste convenio, xa que a modalidade de colaboración que se establece non supón en ningún momento un anticipo de fondos ás entidades colaboradoras, senón un reintegro do importe das axudas anticipadas por estas.

Poderán adherirse ó presente convenio aberto tódalas entidades certificadoras que reúnan os requisitos anteriores e que soliciten a súa adhesión seguindo o procedemento que se establece na cláusula seguinte.

Terceira.-Procedemento de adhesión ó convenio.

Con independencia das entidades certificadoras asinantes, con posterioridade á publicación do convenio no DOG, poderán adherirse a estes aquelas certificadoras que o soliciten e reúnan os requisitos esixidos no convenio, para os efectos das cales deberán remitir á Consellería de Industria e Comercio a seguinte documentación:

-Compromiso de adhesión segundo o modelo do anexo I debidamente formalizado.

-Documento acreditativo do poder con que actúa o representante e fotocopia compulsada do seu DNI.

-NIF da entidade.

-Declaración expresa da entidade da súa capacidade para obrar e de non estar incursa en ningunha das circunstancias ás que se refire o artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

-Certificados de estar ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, facenda da comunidade autónoma e coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

As certificadoras remitirán tamén un informe que recolla os datos de localización, enderezo completo da súa sede central e, se é o caso, delegación en Galicia, interlocutor nesta comunidade e capacidade técnica desta indicando acreditacións dispoñibles, medios humanos da delegación, a súa cualificación e tarifas vixentes para a certificación de sistemas de xestión da calidade.

A data límite para solicita-la adhesión ó convenio por parte das entidades certificadoras finalizará o 31 de marzo de 2003.

A Consellería de Industria e Comercio analizará a documentación presentada e notificará a cada unha das certificadoras a adhesión ou non a este convenio en función do cumprimento dos requisitos esixidos neste.

Cuarta.-Empresas beneficiarias.

Poderán beneficiarse das axudas ás que se refire este acordo as empresas, en especial as PEMES galegas, e as entidades e organizacións establecidas en Galicia cando o alcance da certificación comprenda en exclusiva os centros localizados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedan excluídos deste acordo aqueles centros, entidades ou organismos de carácter público.

Quinta.-Actuación subvencionada.

Serán obxecto de subvención ó amparo do presente acordo as certificacións de sistemas de xestión da calidade realizadas con base na familia de normas UNE-EN-ISO 9000 que, notificadas adecuadamente polas certificadoras, reciban a aprobación previa por parte da Consellería de Industria e Comercio.

As certificadoras remitirán á Consellería de Industria e Comercio a aceptación das condicións por parte do beneficiario e a solicitude previa, as cales se achegan como anexo II. A consellería prestará a potestade para estimar ou desestima-la dita solicitude en función da adecuación ós obxectivos do acordo, así como a dispoñibilidade orzamentaria.

Sexta.-Inversión subvencionable.

Para os efectos deste acordo entenderase como investimento subvencionado os custos nos que incorra a certificadora como consecuencia do proceso de certificación das actuacións descritas na cláusula quinta do presente acordo, excluído o IVE, sempre e cando a dita contía supere os 1.500 euros.

Terán a consideración de investimento subvencionado os custos de auditoría das certificadoras, así como os custos de concesión, tramitación, rexistro ou emisión dos certificados. Non se considerará investimento subvencionado os gastos correspondentes ós procesos de renovación de certificados.

Sétima.-Contía das axudas.

Para os beneficiarios deste acordo, a axuda recibida suporá unha reducción máxima do 40% do investimento subvencionable. A dita reducción aplicarase, no momento da emisión das facturas correspondentes a cada proceso de certificación.

A achega máxima por parte da Consellería de Industria e Comercio será de 3.000 A por empresa que se vaia certificar que desexe acollerse ó estipulado no presente convenio.

Esta reducción de ata o 40%, concretarase nunha axuda por parte da Consellería de Industria e Comercio, que se deducirá do importe total que vai facturar-la entidade de certificación ás empresas certificadas.

Oitava.-Obrigas da Consellería de Industria e Comercio.

A Consellería de Industria e Comercio destinará para o financiamento de este convenio, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.661C.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a cantidade de 263.200 euros para a anualidade de 2002 e 180.000 euros para a anualidade de 2003.

Estas cantidades poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Novena.-Obrigas das certificadoras.

As certificadoras participarán nas actuacións en materia de calidade e certificación a través do desenvolvemento dun plan de divulgación e sensibilización.

Para a execución das actividades de divulgación e sensibilización, as certificadoras coordinarán o alcance das súas actuacións coa Consellería de Industria e Comercio, tanto no desenvolvemento dos seus contidos e temáticas que se van considerar como en relación ás datas de celebración dos eventos de forma que a dita coordinación redunde nunha maior eficacia das actuacións para Galicia.

As certificadoras porán á disposición da Consellería de Industria e Comercio a información xerada en relación ós plans de divulgación e sensibilización coordinados con esta, para o seu tratamento como contidos informativos e a súa adecuada difusión de forma que complementen outra información xerada en materia de calidade e obteñan un maior efecto multiplicador. Esta información que se vai facilitar estará formada a título orientativo por:

-Contidos técnicos da actuación en soporte electrónico.

-Descritores das actuacións: programa, destinatarios, axentes participantes, lugar e datas de celebración, distribución da convocatoria, etc.

-Niveis de certificación da certificadora en España por comunidades autónomas.

-Niveis de certificación da certificadora noutros países.

-Referencias da Internet en materia de calidade.

-Informes técnicos e noticias no ámbito da certificadora.

As certificadoras farán pública, ademais da información xerada ó amparo do presente convenio, as iniciativas propias relacionadas coa calidade, así como outras iniciativas de formación e información postas en marcha pola Consellería de Industria e Comercio de forma directa ou xestionadas a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Así mesmo cada certificadora remitirá previamente á sinatura do convenio ou no momento de solicita-la súa adhesión para aquelas que se adhiran con posterioridade, un escrito comunicando a designación dun interlocutor único para a resolución de cantas dúbidas xurdan na tramitación das axudas, e que será o mesmo que presten a representación na comisión de seguimento.

As certificadoras deberán comunicarlle á Consellería de Industria e Comercio calquera variación que se produza nos datos anteriores, garantindo a

confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios.

As certificadoras someteranse ás actuacións de comprobación que esta consellería poida efectuar respecto da xestión destas axudas, e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Consello de Contas.

Ademais, colaborarán na restitución das subvencions outorgadas nos que concorra causa de reintegro.

Décima.-Solicitude de admisión de expedientes previo á certificación.

As certificadoras remitirán á Consellería de Industria e Comercio o compromiso do beneficiario e autorización previa de axuda para certificación, as cales se achegan como anexo II.

Con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada anualidade dentro da vixencia do convenio atenderanse de forma correlativa a súa presentación individual as solicitudes de axuda para os procesos de certificación que teñan entrada na consellería anualmente, como máximo, ata o 30 de outubro e que, sendo aceptadas pola consellería segundo anexo II, se xustifiquen convenientemente, como máximo, ata o 29 de novembro de cada anualidade.

As axudas concederanse seguindo a orde de presentación de solicitudes ata o límite de crédito dispoñible, prestando a consellería a potestade de estimar ou desestima-la dita solicitude en función da adecuación ós obxectivos do presente convenio, así como da dispoñibilidade orzamentaria.

No momento que a consellería esgote a consignación orzamentaria establecida na cláusula oitava comunicaráselles ás certificadoras, non admitindo ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das axudas xa aprobadas.

Aquelas solicitudes aceptadas pola Consellería de Industria e Comercio cunha xustificación que non poida materializarse nas condiciones especificadas polo presente convenio dentro da anualidade na que foron aceptadas deberán comunicaráselle á consellería para o efecto da anulación dos ditos expedientes. Estes expedientes poderán presentarse novamente na seguinte anualidade sempre e cando a xustificación corresponda ó exercicio no que se concede a nova axuda.

Unha vez autorizada pola Consellería de Industria e Comercio unha axuda a unha certificación, as certificadoras aplicarán na factura que vaian emiti-lo desconto ofertado por estas como porcentaxe que subvenciona a Consellería de Industria e Comercio nas condiciones estipuladas.

Décimo primeira.-Xustificación das axudas.

Para recupera-las cantidades subvencionadas, as certificadoras presentarán ante a Consellería de

Industria e Comercio os resumos detallados segundo anexo III, xunto coa seguinte documentación:

-Copia da solicitude de autorización previa de axuda (anexo II).

-Copia das facturas emitidas pola certificadora, coa desagregación detallados dos distintos conceptos facturados, así como da axuda concedida.

-Documentos xustificativos do pagamento, por parte do beneficiario.

-Copia do certificado emitido pola certificadora.

-Copia do recibo de pagamento da última anualidade do imposto de actividades económicas (IAE) do beneficiario da subvención, ou alta no imposto para os de nova creación.

Décimo segunda.-Pagamento das axudas.

Para o pagamento das axudas aprobadas por parte da Consellería de Industria e Comercio, as certificadoras deberán acreditar previamente que se encontran ó corrente do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social. Para iso deberán presentar:

-Certificado acreditativo de estar ó día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

-Certificado acreditativo de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e non ter pendente o pagamento de ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir debidamente asinada a autorización que se remite no anexo IV para que este órgano poida solicitar esta información por vía informática.

-Certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os pagamentos.

Os expedientes autorizados que se xustifiquen con posterioridade ó 30 de novembro do exercicio 2002 poderán ser atendidos con cargo ós créditos do exercicio seguinte. Na anualidade de 2003 a data límite para presentar xustificacións será en todo caso o 30 de novembro.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio poderán verificar nas empresas, entidades ou organizacións beneficiarias das axudas, que o proceso se levou a cabo segundo o establecido, emitindo o correspondente informe.

Comprobada a documentación achegada e verificado, se procede, que o proceso se levou a cabo de acordo coas estipulacións, a Consellería de Industria e Comercio realizará a proposta de pagamento para reintegrarlles ás certificadoras o importe das axudas anticipadas por estas.

Procederase ó reintegro das subvencións percibidas nos supostos establecidos no artigo 78.4º TRLRFO aprobado polo Decreto lexislativo de 1/1999, do 17 de outubro.

Décimo terceira.-Seguimento do convenio de colaboración.

Para o seguimento e control do acordo constituirase unha comisión integrada por 2 membros designados pola Consellería de Industria e Comercio e os interlocutores únicos designados por cada unha das certificadoras asinantes do convenio ou adheridas a este.

Décimo cuarta.-Natureza administrativa.

Este convenio ten natureza administrativa e, en consecuencia, a Consellería de Industria e Comercio resolverá tódalas cuestións que xurdan no seu desenvolvemento de acordo co texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

Dada a natureza xurídico-administrativa deste convenio, a orde xurisdiccional contencioso-administrativa será a competente para resolve-las cuestións litixiosas que puideran suscitarse entre as partes durante a execución deste.

Décimo quinta.-Causas de resolución.

Son causas de resolución do presente convenio de colaboración o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas cláusulas deste coa conseguinte anulación de tódolos expedientes en trámite.

Décimo sexta.-Vixencia.

Este acordo terá vixencia dende o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 30 de novembro de 2003. Non obstante, en función dos resultados obtidos, poderá ser prorrogado, por mutuo acordo das partes.

E, en proba da conformidade cos termos do convenio, as partes comparecentes asinan e rubrican isto no lugar e data indicados no encabezamento.

-Pola Consellería de Industria e Comercio:

Juan Rodríguez Yusta

-Por Aenor:

Avelino Brito Marquina

-Por Bureau Veritas:

Enrique Quejido Martín

-Por Det Norske Veritas:

Luis Gutiérrez de Soto Gancedo

-Por Lloyd's Register:

José Antonio Reyero López

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL