Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 10 de xullo de 2002 Páx. 10.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de xuño de 2002 pola que se establecen axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia.

O asociacionismo e cooperativismo agrarios son instrumentos fundamentais que contribúen moi positivamente na continua modernización do sector agropecuario galego e na súa progresiva adaptación a un mercado cada vez máis amplo e esixente.

Numerosos estudios constatan que o apoio das administracións públicas favoreceu decisivamente o proceso investidor necesario para adapta-las entidades asociativas de carácter agropecuario á realidade actual, facéndoas máis competitivas e dotándoas dunha maior viabilidade e estabilidade económica.

En consecuencia, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considera interesante apoiar aquelas accións orientadas a incrementa-la formación cooperativa dos agricultores e gandeiros socios, así como a mellora-la xestión e os servicios prestados, mediante un maior coñecemento da súa realidade e posibilidades de futuro e a contratación do persoal necesario, xerando creación neta de emprego.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1º e 3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liñas de axuda.

Pola presente orde convócanse as seguintes liñas de axuda:

1. Axudas para mellora-la formación cooperativa.

2. Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado.

3. Axudas para a informatización.

4. Axudas para a contratación de persoal.

5. Axudas para actuacións relacionadas coa calidade.

Sección primeira

Axudas para mellora-la formación cooperativa

Artigo 2º.-Obxecto.

Mellora-la capacitación profesional e a formación empresarial do persoal e dos socios das cooperativas e sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), así como divulga-lo asociacionismo agrario nesta comunidade autónoma, mediante a realización de actividades formativas, fundamentalmente asistencia e organización de cursos, seminarios e xornadas técnicas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas as cooperativas de carácter agropecuario, as de explotación comunitaria da terra e as SAT domiciliadas en Galicia.

Artigo 4º.-Condicionantes.

1. Poderanse subvenciona-las solicitudes de axuda para actividades de formación que se realicen de acordo coas condicións esixidas nesta orde. Excepcionalmente, apoiaranse actividades de formación que poidan durar máis dun ano, sempre que o seu interese e realización estean debidamente xustificados.

2. Nas resolucións de concesión especificarase o prazo para a realización das actividades de formación que se subvencionan, que en xeral non excederá do 31 de outubro de cada ano. O incumprimento do prazo concedido poderá supoñe-la perda da subvención aprobada.

3. Os cursos para os socios deberán fomenta-lo asociacionismo agrario e ter unha duración mínima de 20 horas lectivas.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-los gastos derivados da organización e realización de cursos, seminarios e xornadas técnicas por parte das cooperativas e SAT, destinados ó seu persoal, ós socios e demais membros da unidade familiar, así como ós agricultores e gandeiros galegos en xeral. Tamén se poderá subvencionar calquera outra actividade semellante que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considere de interese.

2. A axuda non poderá ser superior ó 80% dos gastos de organización e realización das actividades formativas subvencionables, principalmente os gastos de profesorado e material didáctico necesarios.

A subvención poderá chegar ata un máximo de 6.000 euros por actividade formativa que se realice.

3. En calquera caso, ningunha entidade beneficiaria poderá percibir máis de 100.000 euros nun mesmo período de 3 anos.

4. A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, se o considera oportuno e en función das características e do programa das actividades formativas subvencionables, poderá establecer uns importes máximos auxiliables, sen supera-los límites citados anteriormente.

Artigo 6º.-Documentación específica.

1. Ademais da documentación de carácter xeral requirida no artigo 39º, coas solicitudes achegarase unha memoria explicativa das actividades formativas que está previsto realizar, na que se faga referencia ós seguintes aspectos:

a) Motivación e obxectivos.

b) Número e relación de participantes.

c) Duración, datas, horario e lugares de celebración.

d) Programa, debidamente xustificado.

e) Coordinador-responsable das actividades.

f) Profesorado, no caso de organización de cursos e xornadas.

g) Orzamento desagregado por partidas ou facturas proforma.

2. Calquera modificación significativa que afecte ó desenvolvemento da actividade de formación aprobada (programa, horario, datas, lugar de celebración, etc.), deberase comunicar obrigatoriamente ó Servicio de Fomento Asociativo, con antelación suficiente, para os efectos de control que se consideren oportunos. O incumprimento desta obriga poderá ser causa da revogación da axuda aprobada.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-O interese das accións formativas que se vaian realizar.

-A relación existente entre o programa e a actividade productiva desenvolvida polos membros da entidade solicitante.

-O número de participantes, que debe ser acorde co tipo de actividade formativa prevista.

-O menor número de solicitudes de subvención, para os mesmos conceptos, que se lle concederon nos últimos tres anos.

-A proposta de asistencia dun técnico designado pola Administración.

Artigo 8º.-Xustificación da axuda.

Unha vez realizada a actividade de formación e comprobada a súa correcta execución, procederase ó pagamento da subvención. Para tal efecto, previamente as entidades beneficiarias deberán presentar:

a) Memoria-informe das accións formativas desenvolvidas, describindo aquelas incidencias e aspectos técnicos máis relevantes.

b) Relación definitiva de tódolos participantes, cos seus correspondentes datos persoais e enderezo, así como do profesorado.

c) Xustificación dos gastos efectuados, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, perfectamente detallados e clasificados por capítulos, co IVE especificado correctamente.

d) Xustificación do seu pagamento.

Sección segunda

Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios e viabilidade e estudios de mercado

Artigo 9º.-Obxecto.

O obxecto desta liña de axudas é dobre:

-Que as entidades asociativas agrarias regularicen a súa contabilidade e coñezan o mellor posible a súa situación económica real, mellorando a xestión empresarial e facéndoa máis transparente ante os socios, mediante a realización de auditorías e análises de xestión.

-Que as entidades asociativas agrarias coñezan e analicen as súas posibilidades e perspectivas de

futuro, a conveniencia de poñer en marcha novos servicios e actividades, a situación do mercado e do seu contorno e a mellora da comercialización das súas produccións, mediante a elaboración de estudios de viabilidade e de estudios de mercado.

Artigo 10º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas de carácter agropecuario, as de explotación comunitaria da terra e as SAT con domicilio social en Galicia.

Artigo 11º.-Condicionantes.

1. As auditorías e análises de xestión deben ser realizadas por censores xurados de contas ou auditores rexistrados oficialmente. No caso dos estudios de viabilidade e de mercado, serán realizados por técnicos competentes na materia, colexiados e con experiencia suficiente.

2. Os informes das auditorías e análises de xestión e as conclusións dos estudios, conxuntamente cos dictames efectuados, deberanse explicar con claridade ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que teña lugar con posterioridade á súa realización. Esta exposición detallada ante o socio recollerase expresamente na acta da devandita sesión plenaria.

3. O prazo para face-las auditorías e os estudios, así como a súa exposición ós socios, remata o 31 de outubro do ano seguinte ó exercicio económico auditado. Poderase ampliar este prazo sempre que se expoñan razóns formais que así o motiven.

4. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 300.000 euros, salvo que sexan de recente creación.

Artigo 12º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Son subvencionables as auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado que se realicen de acordo co establecido nesta orde.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 70% do seu custo, cun máximo de 10.000 euros por auditoría, análise ou estudio realizado. Ningún beneficiario poderá recibir axudas por máis de 100.000 euros nun mesmo período de 3 anos.

Artigo 13º.-Documentación específica.

Presentarase a documentación xeral que se establece no artigo 39º, así como a documentación específica que se detalla seguidamente:

a) Memoria xustificativa.

b) Orzamento ou facturas proforma.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

Artigo 14º.- Criterios de valoración.

Para a aprobación desta axuda teranse en conta preferencialmente:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-Que as entidades solicitantes teñan como actividade principal a transformación e comercialización dos productos dos seus socios.

-Que as entidades inicien novas actividades ou servicios.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

-Que sexa a primeira vez que soliciten.

Artigo 15º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida polo equipo técnico realizador ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das devanditas facturas.

2. Ademais, para a xustificación dos gastos, será necesario presenta-la seguinte documentación:

-Copia dos informes de auditoría e análises de xestión e copia dos estudios de viabilidade e de mercado que se subvencionaron, así como das conclusións e dictámenes resultantes.

-Copia compulsada da acta da sesión plenaria, certificación da mesma ou compromiso de presentala, na cal se lle explicase ós socios con claridade os estudios, auditoría e informes realizados.

3. O Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, á vista da documentación xustificativa que segundo este artigo é necesario presentar, valorará se as análises de xestión, auditorías, estudios de viabilidade e estudios de mercado realizados se axustan ó inicialmente solicitado, con base no que se describe na memoria e demais documentación que se xunta á solicitude. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que se poderá considerar condicionante para a determinación do importe final da axuda concedida.

Sección terceira

Axudas para a informatización

Artigo 16º.-Obxecto.

Lograr que a xestión empresarial das entidades asociativas agrarias sexa máis eficaz, moderniza-los procedementos de xestión técnico-administrativa e incrementa-la prestación de servicios ós seus socios, mediante a adquisición de equipos e programas informáticos e de fotocopiadoras.

Artigo 17º.-Beneficiarios.

Poderanse acolle-las cooperativas agrarias que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Condicionantes.

1. Só se poderán conceder axudas para a informatización ás cooperativas agrarias no momento da súa constitución ou ás que amplíen significativamente as súas actividades.

Entenderase por ampliación significativa unha extensión das súas actividades a novos productos ou novos sectores ou a expansión cuantitativa superior ó 30% das actividades da entidade. A axuda limitarase proporcionalmente ás novas necesidades creadas por tal aumento de actividades.

2. As entidades beneficiarias deben ter como obxectivo adaptar conxuntamente a producción dos seus membros ás necesidades do mercado, prevendo normas comúns sobre a producción, en particular sobre a calidade dos productos e as prácticas culturais, sobre a comercialización e relativas á información dos productos. Non se concederán axudas a entidades que teñan por obxecto a xestión dunha ou máis explotacións agrarias, xa que na práctica son asimilables a productores individuais.

3. As entidades beneficiarias deberán establecer normas que preveñan que os productores socios permanezan nelas durante alomenos tres anos e que notifiquen a súa baixa cun mínimo de doce meses de antelación.

4. Esta axuda concederase nunha única vez, cando se adquira o material informático e a fotocopiadora subvencionables por parte das entidades asociativas agrarias recén constituídas ou que amplíen significativamente as súas actividades

5. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 300.000 euros. No caso das entidades de nova creación non se esixirán estes límites.

6. Nas resolucións de concesión especificarase o prazo para a realización dos investimentos considerados nesta liña de axudas, que xeralmente non excederá do 31 de outubro de cada ano.

Artigo 19º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderase subvenciona-la adquisición de equipos e programas informáticos, o software relacionado coa presencia en Internet e a compra de fotocopiadoras.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, sen supera-los seguintes límites máximos:

-Equipos e programas informáticos: 15.000 euros.

-Software para Internet: 6.000 euros.

-Fotocopiadoras: 2.000 euros.

3. Excepcionalmente, estes límites poderanse superar cando se xustifique que se trata de proxectos de investimento que realizan conxuntamente varias entidades asociativas, ou que o investimento que se vai facer en equipos e programas informáticos repercutirá en beneficio de tres ou máis cooperativas.

Artigo 20º.-Documentación específica.

Para solicitar esta axuda é necesario presenta-la documentación xeral establecida no artigo 39º desta orde, así como a documentación específica seguinte:

a) Relación e características do equipamento informático que posúe a entidade.

b) Memoria xustificativa da necesidade e aplicación da fotocopiadora e dos equipos e programas informáticos que se pretenden adquirir, así como xustificación dos condicionantes establecidos no artigo 18º desta orde.

c) Especificación das características técnicas do novo equipamento informático.

d) Orzamento ou facturas pro forma.

Artigo 21º.- Criterios de valoración.

Para a concesión desta axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

-As características técnicas do novo equipamento e a súa concordancia coas necesidades da entidade asociativa.

Artigo 22º.-Xustificación da axuda.

Para efectua-lo pagamento da axuda concedida será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se deberá presentar copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida pola empresa subministradora ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das referidas facturas.

Sección cuarta

Axudas para a contratación de persoal

Artigo 23º.-Obxecto.

Mellorar e profesionaliza-la xestión empresarial das entidades asociativas, fortalece-las súas estructuras productivas e comerciais tanto técnica como funcionalmente, realizar novas actividades e ofrecer máis servicios, mediante a contratación de persoal para consolidar ou cubrir novos postos de traballo que sexa necesario crear.

Artigo 24º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de explotación en común, que teñan o seu domicilio social en Galicia, sempre que contraten persoal para xerencia, traballos técnicos, especialistas e outros traballadores, incluídos os coordinadores de programas de formación ou de intercooperación e os axentes de substitución nas explotacións dos seus socios.

Artigo 25º.-Condicionantes.

1. Só se poderá subvenciona-la contratación de persoal cando signifique a creación neta de emprego.

2. As axudas para os postos de traballo creados concédense para o primeiro ano de contrato, aínda que se poderán prorrogar dúas veces ata completar tres anos de duración. A solicitude e concesión da prórroga farase cada ano ó abeiro da orde de axudas correspondente.

3. En tódolos casos a duración da contratación deberá ser como mínimo superior nun ano ó período de tempo subvencionado.

4. O importe da axuda será decrecente (como máximo ata o 70% no primeiro ano, 50% no segundo e 30% no terceiro).

5. Pola súa tipoloxía, os contratos subvencionables deberán garanti-la estabilidade do emprego xerado. Para iso, no primeiro ano deberán ser de carácter indefinido ou de duración determinada por obra ou servicio determinado. No caso das prórrogas, os con

tratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido.

6. Cando se produza a rescisión dun contrato para o que se concedeu subvención, procederase á substitución do traballador no prazo máximo dun mes, en similares condicións ás inicialmente aprobadas, para seguir tendo dereito á axuda concedida. Os datos do substituto e a copia compulsada do seu contrato remitiranse no prazo máis breve posible á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

7. Serán subvencionables todas aquelas contratacións de persoal e prórrogas que se realicen ata o 1 de outubro do ano en curso, como data límite para a formalización do contrato.

8. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 300.000 euros. No caso das entidades de nova creación non se esixirán estes límites.

Artigo 26º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-las retribucións económicas dos traballadores contratados ó abeiro desta liña de axudas, tanto durante o primeiro ano de duración da contratación, como durante o segundo e o terceiro ano nos casos de prórroga. Para o cálculo do importe económico da axuda terase en conta o establecido no contrato, así como os conceptos e contías incluídos nas súas nóminas. A subvención aprobada non comprenderá en ningún caso as cotizacións á Seguridade Social que lle correspondan á entidade contratante.

2. Contía económica e limitacións:

a) O importe da subvención poderá chegar ata o 70% das retribucións económicas do primeiro ano de contrato. Se se prorroga a contratación, a axuda poderá chegar ata o 50% no segundo ano e ata o 30% no terceiro.

b) As retribucións económicas subvencionables deberán estar en consonancia cos cometidos e co nivel do posto de traballo desenvolvido. As subvencións concedidas non poderán supera-los seguintes límites:

-Xerentes e técnicos: 20.000 euros.

-Coordinadores: 20.000 euros.

-Administrativos: 15.000 euros.

-Axentes de substitución: 15.000 euros.

-Persoal especializado: 15.000 euros.

-Outro persoal: 10.000 euros.

Artigo 27º.-Documentación específica.

Ademais da documentación de carácter xeral que se detalla no artigo 39º desta orde, é necesario presenta-la documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos, características e viabilidade das contratacións que se pretenden realizar.

b) Orzamento anual da nova contratación ou da prórroga.

c) Data prevista da nova contratación ou prórroga e a súa duración. Se non fose posible a contratación

na data establecida, comunicarase coa máxima rapidez á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria a nova data de formalización do contrato.

d) Compromiso formal de mante-lo posto de traballo que se crea durante o tempo mínimo que se fixa nesta orde, segundo cada caso.

e) Compromiso formal sobre as condicións de substitución, en caso de rescisión do contrato de traballo antes de finaliza-lo período de duración establecido.

f) Copia compulsada dos TC1 e TC2 dos meses de maio e outubro do ano anterior, especificando o nome completo dos traballadores que se corresponden cos códigos do TC2.

g) No caso dos coordinadores, acreditación dos vínculos ou compromisos entre as cooperativas participantes nos programas de formación ou de intercooperación.

h) No caso dos axentes de substitución nas explotacións, relación dos socios interesados en dispoñer deste servicio e duración prevista do mesmo. Para as prórrogas, copia da contabilidade xustificativa do posto de traballo.

Artigo 28º.-Criterios de valoración.

1. Para a concesión desta axuda terán preferencia as solicitudes presentadas polas cooperativas e SAT que:

-Soliciten por primeira vez.

-Incrementen significativamente o seu cadro de persoal.

-Poñan en marcha novas actividades ou servicios.

2. En canto ós postos de traballo que se crean, consideraranse preferenciais os postos de xerentes, coordinadores, técnicos, axentes de substitución, administrativos, especialistas e outros traballadores, por esta orde.

3. Tamén se terán en conta os seguintes criterios de preferencia:

-O tipo de contrato, con prevalencia para os de carácter indefinido.

-As razóns expostas na memoria xustificativa e a viabilidade da contratación.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

-O coñecemento do cooperativismo que acredite o persoal contratado.

Artigo 29º.-Xustificación da axuda.

1. Para poder realiza-lo pagamento das subvencións concedidas será necesario xustificar debidamente os gastos efectuados, mediante:

-Copia compulsada das nóminas pagadas pola entidade beneficiaria ó novo persoal contratado ou prorrogado.

-Copia compulsada dos TC1 e TC2 correspondentes ó período xustificado, ou de se-lo caso, compromiso de presentalos.

-No caso dos axentes de substitución é necesario presentar unha contabilidade que permita determina-los custos e coñece-los servicios prestados ós socios, ou alomenos comprometerse a presentala.

2. Coa primeira liquidación tamén se achegará a documentación seguinte:

-Copia compulsada do DNI ou NIF do novo persoal contratado.

-Copia compulsada do contrato ou contratos, nos que deben figura-los datos persoais e profesionais dos novos traballadores.

-Copia compulsada do título académico ou certificación da entidade en conforme o traballador ten cualificación suficiente para desempeña-lo posto creado.

-Nos casos de prórroga, copia compulsada dos novos contratos.

3. A partir do primeiro pagamento iranse facendo sucesivas liquidacións da axuda, por trimestres naturais, para as que é necesario previamente presenta-las nóminas, TC1 e TC2 correspondentes.

4. As contratacións de persoal, por razón da súa duración, adoitan culminar alén do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente terá carácter plurianual.

Sección quinta

Axudas para actuacións relacionadas coa calidade

Artigo 30º.-Obxecto.

Mellora-la competitividade das cooperativas e SAT galegas, mediante a incentivación e o fomento da implantación de sistemas de xestión da calidade e de xestión ambiental, incluída a súa certificación.

Artigo 31º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a esta liña de axudas as cooperativas de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de explotación en común, que estean domiciliadas en Galicia.

Artigo 32º.-Condicionantes.

1. Para que as entidades asociativas agrarias poidan beneficiarse desta liña de axudas é imprescindible que rematen o proceso de implantación das normas de calidade elixidas e obteñan a correspondente certificación acreditativa.

2. A empresa de consultoría externa deberá estar acreditada e ter suficiente experiencia na realización de procesos similares.

3. Non se subvencionará a renovación de certificados.

Artigo 33º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvencionar:

a) Estudios previos sobre o interese da implantación. Neste caso non é obrigatorio cumpri-lo establecido no punto 1 do artigo anterior.

b) Gastos da entidade asociativa agraria, que se produzan e sexan necesarios como consecuencia da implantación dos sistemas de xestión da calidade e de xestión ambiental.

c) Gastos de consultoría externa para elabora-la documentación básica dos sistemas de calidade, así como para asesoramento e supervisión da súa implantación.

d) Gastos derivados da certificación: auditorías de control, concesión, rexistro e emisión de certificados.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% dos gastos subvencionables, cos seguintes importes máximos:

-1.500 euros, no caso dos gastos contemplados no apartado a).

-15.000 euros, para os gastos do apartado b), salvo que o interese e a excepcionalidade do proxecto de implantación de normas de calidade aconsellen superar este límite.

-5.000 euros, para os gastos do epígrafe c).

-5.000 euros, para os gastos do epígrafe d).

3. En todo caso, ningún beneficiario poderá percibir máis de 100.000 euros, nun mesmo período de 3 anos.

Artigo 34º.-Documentación específica.

Presentarase a documentación xeral que se detalla no artigo 39º desta orde, así como a documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa presentada pola cooperativa ou SAT, onde conste a súa evolución, actividade, volume de facturación, número de empregados e as súas tarefas, instalacións, estructura organizativa, productos que comercializa, clientes e mercados que atende, situación actual da producción, previsións futuras e interese da acreditación.

b) Memoria descritiva do proxecto de implantación de normas de calidade e a súa acreditación, que conteña as actividades que se van realizar e os obxectivos previstos, así como tódolos elementos significativos para a avaliación do proxecto.

c) Programa de investimento e orzamento ou facturas pro forma, desagregado por capítulos de gastos.

d) Prazo de execución do proxecto e cadro de resultados previstos.

e) Memoria de presentación da empresa de consultoría externa, onde se indique a súa organización, metodoloxía e experiencia en procesos similares.

Artigo 35º.-Criterios de valoración.

Para a aprobación desta axuda consideraranse os seguintes criterios de preferencia:

-Aplicación práctica do proxecto de implantación de normas de calidade e a súa acreditación no relanzamento e previsións futuras da entidade.

-Carácter innovador, en canto á achega de coñecementos ou habilidades inexistentes ou inusuais, que no seu conxunto repercutan favorablemente na entidade e nos seus socios.

-Coherencia do proxecto coa estructura socioeconómica da cooperativa ou SAT solicitante.

-Que a entidade solicitante realice procesos de transformación de materias primas mediante unha industria de carácter agrario, así como a posterior comercialización dos productos resultantes.

Artigo 36º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificacións expedidas pola empresa consultora e pola entidade de acreditación, ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das devanditas facturas.

2. Ademais, coa xustificación dos gastos presentarase a seguinte documentación:

-Informe técnico ou memoria xustificativa na que se describa a realización do proxecto de acreditación e se recollan aquelas incidencias máis significativas que ocorreron na súa execución.

-Copia compulsada dos certificados de acreditación obtidos, unha vez rematado o proceso de implantación das normas de calidade elixidas.

3. O Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, á vista da documentación xustificativa presentada, valorará se a implantación das normas de calidade e os gastos derivados están acordes co inicialmente previsto nas solicitudes de axuda aprobadas. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que se poderá considerar condicionante para determina-lo importe final da subvención concedida.

Sección sexta

Disposicións xerais

Artigo 37º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se xunta.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Xuntaráselle-la documentación que se detalla nesta orde, tanto de carácter xeral como específica, para cada liña de axudas. A documentación que sexa coincidente para varias liñas de axuda só se presentará unha vez.

3. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 38º.-Condición previa.

Non se admitirán como subvencionables os investimentos, actividades e gastos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.

Artigo 39º.-Documentación xeral.

As solicitudes débense presentar xunto coa documentación específica que se detalla nesta orde para

cada liña de axudas e coa documentación de carácter xeral que a continuación se cita:

a) Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo do anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-las accións para as que se vai pedi-la subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

b) Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, completamente cuberto.

c) Copia compulsada do CIF.

d) Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último exercicio económico. No caso das cooperativas de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

e) Certificacións, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

f) Certificación bancaria do número de conta.

Artigo 40º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que o servicio competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 41º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para cada liña de axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Pro

moción Agroalimentaria remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 42º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e investimentos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 43º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ás entidades beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente ante o Servicio de Fomento Asociativo, (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades e gastos realizados, de acordo co que se especifica para cada liña de axudas no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

As facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE especificado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente que xa están pagas.

4. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente a entidade beneficiaria presente a seguinte documentación de carácter xeral:

a) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

c) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais. Esta certificación pode solicitala directamente a cooperativa ou SAT beneficiaria á Axencia Estatal da Administración Tributaria; ou ben autorizar á Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática, cubrindo a autorización que figura como anexo VII á presente orde, que deberá entregar co resto da documentación no momento de presenta-la solicitude de axuda.

e) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

5. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicitar documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ó respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados e admitidos, practicarase a reducción proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 44º.-Seguimento e control.

1. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as cooperativas e SAT beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 45º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sección sétima

Disposicións específicas para a convoctoria do ano 2002

Artigo 46º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2002, o prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 47º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.770.0 «Apoio ó cooperativismo», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, dotada cun importe dun millón cincuenta mil euros (1.050.000 A), así como con outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación.

Disposición adicional

A concesión destas axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO