Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 09 de xullo de 2002 Páx. 10.643

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 24 de xuño de 2002 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura (DOCE do 31-12-1992), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26-6-1999), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30-12-1999), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias das intervencións de mellora da práctica da pesca costeira artesanal realizada polos buques pesqueiros, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas primas globais é a de mellora-las condicións da práctica da pesca costeira artesanal en materia de condicións de traballo e seguridade, innovación tecnolóxica, organización da producción, transformación e comercialización dos productos e formación profesional, entre outras que contribúan a alcanzar un equilibrio duradeiro entre os recursos obxecto da pesca artesanal e a súa explotación, a incrementa-la competitividade das súas estructuras de explotación, a melllora-lo abastecemento e revalorización dos productos propios desta pesqueira, a desenvolver e revitaliza-las zonas que dependen desta flota, a mellora-lo emprego, fomenta-lo feminino e protexe-lo ambiente.

O obxecto destas axudas é o de incentiva-la realización dos proxectos colectivos integrados, que melloren esta flota, e que se dirixan a:

a) A instalación de equipos de seguridade a bordo dos buques da pesca costeira artesanal e de mellora das condicións sanitarias e de traballo neles.

b) A introducción de innovacións tecnolóxicas que faciliten unha pesca máis selectiva.

c) A organización da cadea de producción, transformación e comercialización para a consecución dun incremento do valor engadido dos productos.

A mellora do tratamento, clasificación e etiquetaxe de peixe a bordo e na realización da primeira venda.

d) A reorientación ou formación profesional.

e) O cumprimento da finalidade específica destas primas globais, de calquera outra forma, compatible cos obxectivos da Política Común Pesqueira e coas intervencións estructurais no sector.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 11º, así como disposicións concordantes

do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

As convocatorias anuais, que poderán ser varias, rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Para o exercicio do ano 2002 será con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.723A.780.0 e por un importe de 2.697.149 euros.

As axudas financiaranse con cargo a fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas primas globais a tanto alzado os grupos de propietarios de buques ou de familias de pescadores que practiquen a pesca costeira artesanal, en buques de eslora total inferior a 12 metros e incluídos na lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques, Censo da Flota Pesqueira Operativa, Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma e que gocen de permiso de explotación para a actividade e cumpran conxuntamente os seguintes requisitos:

a) Que formen o grupo dentro dun marco asociativo, que poderá ser unha organización de productores pesqueiros, unha confraría de pescadores ou federación provincial destas, ou outro tipo de asociación que estea formalmente constituída, da que formen parte tódolos participantes do grupo e que sexa aprobada pola Administración xestora como marco asociativo idóneo.

Esta organización, confraría, federación ou asociación non é beneficiaria das compensacións económicas, senón cada participante en función do esforzo financeiro realizado por cada un deles.

b) Que a través dalgunha das entidades citadas na alínea a) anterior se presente e tramite un proxecto colectivo integrado, que como tal debe ter unha unidade de fins e obxectivos, afectar a tódolos partícipes e referirse a calquera das melloras da flota artesanal que se recollen no artigo 2º desta orde como obxecto destas axudas.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e paga-

mento das subvencións e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación con aquelas e coa súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas, para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

A contía das primas globais a tanto alzado, condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias, estará limitada a 150.000.euros (24.957.900 pesetas) por proxecto colectivo integrado.

A Administración xestora determinará o importe da prima realmente aboada e a súa distribución entre os beneficiarios, en función da amplitude de cada proxecto e dos esforzos financeiros realizados por cada participante.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de primas globais están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpren.

Priorizaranse os expedientes en función, por esta orde, do número de barcos afectados polo proxecto colectivo integrado, o número de pescadores que se beneficien da utilidade do proxecto e, no caso de empate, este desfarase segundo a orde decrecente de tipoloxías de proxectos integrados ás que se refire o artigo 2º, segunda parte, de forma que os proxectos subsumibles na alínea a) son prioritarios sobre os da b) e así sucesivamente.

Artigo 10º.-Procedemento de concesión das primas.

O procedemento de concesión destas primas consta de dúas fases: a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da prima global a tanto alzado.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes das primas globais deben ser efectuadas por unha organización de productores, unha confraría, federación de confrarías ou unha asociación doutro tipo. Neste último caso non se dará trámite ó expediente ata que, se é o caso, a Administración xestora aprobe a asociación como marco asociativo idóneo.

Achegarse a seguinte documentación, en orixinal e tres copias.

a) A solicitude en impreso normalizado que se xunta como anexo I desta orde.

b) Certificación do secretario da entidade solicitante, ou de persoa habilitada para iso, relativa a:

Persoa que representa a entidade para a presentación e tramitación do expediente.

Relación nominal de participantes no proxecto colectivo; indicación do barco do que son propietarios cada un deles ou, se é o caso, qué parentesco -ata o segundo grao- ten o participante co propietario dun determinado barco; a condición de membros da entidade solicitante e de que previamente manifestaron por escrito a súa vontade de participar no proxecto e acceder á subvención.

c) Declaración contida no anexo II desta orde, relativa ó momento da solicitude.

d) Descrición detallada do proxecto colectivo integrado, na que necesariamente se fará referencia:

Á finalidade e o seu obxecto.

A cál das alíneas da última parte do artigo 2º se considera que se refire o proxecto.

A descrición pormenorizada dos investimentos ou actividades obxecto do proxecto e, se é o caso, se se dispón das habilitacións precisas para isto.

As utilidades que se espera que se deriven del.

Indicación precisa do esforzo financeiro de todos e cada un dos participantes e custo total do proxecto.

e) Uniranse copias cotexadas dos DNI dos beneficiarios; de tódolos propietarios de cada barco ou proxecto se son unha pluralidade de persoas; no seu lugar, a tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas se a propietaria dun barco é unha entidade deste tipo.

f) Certificación bancaria de conta da que sexan titulares cada un dos participantes beneficiarios, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número

de conta; se algún dos beneficiarios é unha pluralidade de persoas, da conta bancaria deberán ser titulares todas elas.

A solicitude presentarase nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en cualquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ó da entrada en vigor desta orde ou da correspondente convocatoria.

Artigo 12º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos e que se refiran a supostos subvencionables, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A fase de selección de solicitudes conclúe coa decisión definitiva que conteña a relación de expedientes seleccionados.

Esta relación publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, sen prexuízo dunha maior difusión a través das organizacións do sector, a partir do trixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13º.-Concesión das primas globais.

Ós expedientes seleccionados concederáselle-la correspondente prima global a tanto alzado determinando o importe da súa distribución entre os participantes.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas compensacións económicas será realizada polos servicios periféricos da consellería baixo a supervisión da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A selección será realizada polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do dito centro directivo.

A resolución dos expedientes correspóndelle ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que a delega nos delegados territoriais da consellería, que tamén proporán o pagamento, de se-lo caso, despois da correspondente modificación orzamentaria de transferencia de fondos ós órganos provinciais.

Artigo 15º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo en que debe notificarse a resolución será de seis meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os inte

resados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas primas globais a tanto alzado queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 17º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se a entidade solicitante non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado, entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 19º.-Realización do investimento.

A actividade ou investimento en que o proxecto consista deberá ser realizada dentro dos catro meses seguintes á concesión da axuda e, en todo caso, dentro do ano de outorgamento da subvención.

Poderá ser concedida prórroga, polo director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, polo tempo mínimo imprescindible para a conclusión do proxecto.

A acreditación da realización de proxecto será efectuada mediante certificación dos servicios da consellería.

Artigo 20º.-Pagamento da axuda.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) A acreditación da realización da actividade ou investimento obxecto do proxecto colectivo integrado.

b) Que os beneficiarios se atopen ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Segu

ridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 21º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser pedido pola entidade solicitante despois da realización da actividade ou investimento en que o proxecto consista, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Certificacións acreditativas de que os participantes se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Estas certificacións só serán esixibles se a axuda a cada participante non está exenta disto pola correspondente Lei de orzamentos.

b) Declaración contida no anexo II desta orde, relativa ó momento da petición de pagamento.

c) Facturas orixinais do investimento realizado, que poderán ser devoltas, por petición dos interesados, unha vez tomada razón da súa utilización para os pagamentos con fondos IFOP.

d) Certificación do acredor, acreditativa do pagamento das ditas facturas.

e) Certificación bancaria do seu pagamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de xullo de 1997 pola que se regulan as axudas para a adquisición de elementos e equipos que melloren a seguridade en determinadas embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, e toda a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposiciónss derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos