Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 09 de xullo de 2002 Páx. 10.649

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Compostela Visión, S.L. (Grupo Localia).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Compostela Visión, S.L. (Grupo Localia) (código convenio 1503932), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-4-2002, e complementado o 24-5-2002, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social pola delegada de persoal os días 20-4-2002 e 20-5-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás

representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 5 de xuño de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Primeiro convenio colectivo de Compostela Visión, S.L. (Grupo Localia)

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación a tódolos centros de traballo de Compostela Visión, S.L. dentro da provincia da Coruña, constituídos ou que poden constituírse no futuro, durante o seu tempo de vixencia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a todo o persoal da empresa, coa excepción dos seguintes casos:

-Persoal de alta dirección.

-Persoal con contratación mercantil.

-Colaboradores artísticos (non suxeitos a contrato de traballo).

Artigo 3º.-Ámbito temporal, denuncia e prórroga.

Este convenio colectivo entrará en vigor o 1-3-2002 e a súa vixencia prolongarase ata o 31-12-2004.

Se non houber denuncia expresa, presentada antes do 30-9-2004, este convenio prorrogarase de ano en ano.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, este convenio será nulo e non terá ningún efecto no suposto de que a autoridade ou xurisdicción competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxectase ou epígrafe algún artigo ou epígrafe, ou non aprobase a totalidade do seu contido, que deberá ser único e indivisible na súa aplicación.

Artigo 5º.-Prelación normativa.

As normas deste convenio aplicaranse con carácter prioritario e preferente respecto de calquera outra disposición ou norma legal.

Para o non previsto, aplicarase o Estatuto dos traballadores e mailas outras disposicións legais de carácter xeral que regulen as relacións de traballo.

Artigo 6º.-Absorción e compensación.

As normas deste convenio colectivo substituirán os pactos e outras disposicións que ata o de agora regulaban as relacións de traballo entre as partes, que quedarán extinguidas, sen efecto e absorbidas polas deste convenio.

Tódalas modificacións legais de dereito necesario que melloren as condicións de traballo ou as retribucións establecidas neste convenio aplicaranse dun xeito inmediato en beneficio dos traballadores e traballadoras.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

A negociación e o pacto deste convenio faise coa vontade de que sexa prioritaria de regulamento nas relacións entre as partes negociadoras, polo que o seu carácter obrigatorio e normativo se deberá considerar no seu conxunto, como un todo orgánico e indivisible, mesmo naquelas partes de convención nas que os contratantes estableceron condicións diferentes ou especializadas respecto das xerais da lei.

No suposto dalgunha das condicións pactadas ser nula, ineficaz ou non válida -segundo a resolución da autoridade laboral ou por sentencia xudicial, no exercicio da legalidade establecida no artigo 90.5º do Estatuto dos traballadores- as partes negociadoras, mediante a comisión paritaria, dispoñerán dun prazo de trinta días para adopta-las medidas que procedan co fin de emenda-las anomalías.

Artigo 8º.-Comisión paritaria.

Estará composta por unha persoa de cada unha das partes negociadoras, ademais dos asesores que as devanditas persoas consideren adecuadas.

As súas funcións serán as de:

-Interpretación do convenio.

-Vixilancia do seu cumprimento.

-Mediación e arbitraxe dos posibles conflictos que xurdan.

Artigo 9º.-Cualificación do persoal.

Os traballadores e traballadoras que presten os seus servicios laborais na empresa e estean incluídos nos ámbitos deste convenio serán cualificados en relación coas aptitudes profesionais, titulacións e contidos xerais da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan os traballadores e traballadoras.

Poderán establecerse, dentro dos novos grupos profesionais, divisións en áreas funcionais.

Polo acordo entre a persoa traballadora e o empresario establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa pertenza a un dos grupos profesionais previstos neste convenio colectivo.

Factores de encadramento.

1. O encadramento dos traballadores e traballadoras incluídos nos ámbitos de aplicación deste convenio, así como as asignacións a cada un deles dun determinado grupo profesional, será o resultado da ponderación obxectiva dos seguintes factores:

-Coñecemento e experiencia,

-Iniciativa.

-Autonomía.

-Responsabilidade.

-Mando e complexidade.

2. Na valoración dos factores anteriormente citados teranse en conta:

a) Coñecemento e experiencia: a formación básica para cumprir axeitadamente os cometidos, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición dos devanditos coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: o grao de seguimento das normas e directrices para a execución de tarefas e funcións.

c) Autonomía: o grao de dependencia xerárquica no desenvolvemento das tarefas e funcións que se realicen.

d) Responsabilidade: o nivel de influencia sobre os resultados e a relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e productivos.

e) Mando: o grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, capacidade de interrelación, características do colectivo e número de persoas sobre as que se exerce o mando.

f) Complexidade: o número e o grao de integración dos diversos factores citados.

3. Os grupos profesionais teñen un carácter meramente enunciativo, sen que iso signifique que a empresa quede obrigada a incluír na súa estructura organizativa todos e cada un deles e que poida, se é o caso, establece-las correspondentes asimilacións.

Grupo profesional I.

1. Criterios xerais. O persoal deste grupo organiza, dirixe e coordina as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa.

Realiza funcións que comprenden a elaboración da política de organización, os desenvolvementos xerais da utilización axeitada dos recursos humanos e os aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización de acordo co programa establecido ou a política adoptada; o establecemento e mantemento de estructuras productivas e de apoio e o desenvolvemento da política industrial, financeira e comercial.

Toma decisións e participa na súa elaboración. Desempeña postos de alta dirección e execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, etc., nos que a empresa estea estructurada, e que sempre responden á súa particular ordenación.

2. Formación. Titulación de grao superior ou experiencia profesional semellante e contrastada.

3. Categorías do grupo. Director técnico, director comercial, director financeiro, xefe de producción, xefe de informativos, xefe de realización.

Grupo profesional II.

1. Criterios xerais. Funcións que supoñen tarefas técnicas homoxéneas e heteroxéneas que poden ou non implicar responsabilidade de mando, relacionadas con obxectivos, co adecuado grao de esixencia en autonomía e contido intelectual.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e, se é o caso, supervisión de actividades realizadas por colaboradores nunha mesma unidade funcional.

2. Formación. Titulación universitaria de grao medio ou superior ou experiencia profesional semellante e contrastada.

3. Categorías do grupo. Redactor, realizador, productor, grafista, cámara, técnico superior.

Grupo profesional III.

1. Criterios xerais. Tarefas e traballos relacionados coa execución de operacións que requiran coñecementos profesionais axeitados, aptitudes prácticas e iniciativa adecuada cunha responsabilidade limitada por supervisión; poden ser axudados por outra ou outras persoas traballadoras.

2. Formación. Titulación de formación profesional de grao superior, complementada cunha formación específica do grupo profesional que vaia desempeñar.

3. Categorías do grupo. Técnico de imaxe e son, axudante de realización, etc.

Grupo profesional IV.

1. Criterios xerais. Executar tarefas segundo instruccións concretas con alto grao de dependencia, que requiran esforzo físico e atención. Así mesmo, formarán parte deste grupo as tarefas que consistan en operacións realizadas seguindo un método de traballo preciso, con moita supervisión, que a cotío esixen coñecementos profesionais elementais e un breve período de adaptación.

2. Formación. Titulación profesional de grao medio ou educación secundaria, ou coñecementos adquiridos no desenvolvemento da súa profesión.

3. Categorías do grupo. Auxiliar.

Artigo 10º.-Período de proba.

Establécese un período de proba de tres meses para tódolos contratos fixos de tódalas categorías profesionais.

Os contratos non fixos incorporarán no seu articulado o período de proba correspondente.

Artigo 11º.-Contratación.

1. A duración máxima do contrato por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos -previsto no artigo 15.1º b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores- será de 6 meses dentro dun período de 12 meses.

2. No caso de que os ditos contratos sexan concertados por un período de tempo inferior ó máximo anteriormente indicado, poderán ser prorrogados mediante o acordo das partes, por unha única vez, sen que a duración total poida excede-lo límite máximo establecido no parágrafo anterior.

3. Os contratos realizados con empresas de traballo temporal non poderán supera-lo dez por cento do cadro de persoal nin ter unha duración superior ós tres meses, e unicamente se poderá contratar unha vez a cada persoa traballadora.

Artigo 12º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional será en tódolos casos ascendente e durará o tempo que dure o feito casual, que nunca poderá ser superior a nove meses consecutivos, sen que este feito supoña a consolidación salarial nin profesional.

Artigo 13º.-Xornada.

A xornada anual de traballo será a que resulte de desconta-lo total dos días do ano, as 52 fins de semana, os 23 días de vacacións e a totalidade dos días festivos entre semana.

A xornada semanal ordinaria será de 40 horas semanais.

Artigo 14º.-Dispoñibilidade horaria.

Ó tratamento económico, ademais dos conceptos de salario, antigüidade, etc. incorpórase o complemento de dispoñibilidade horaria, que variará de

acordo co grupo profesional ó que pertenza a persoa traballadora.

Artigo 15º.-Vacacións.

Tódolos empregados e empregadas terán dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais.

Os traballadores que traballen días festivos terán dereito a un día e medio libre por cada día festivo traballado.

Poderanse acumula-las vacacións ós días festivos traballados, regulándose ámbalas situacións co correspondente calendario de vacacións anuais para tódolos traballadores e traballadoras.

Os traballadores e traballadoras que non traballen festivos poderán goza-las súas vacacións en dúas fraccións como máximo.

Os traballadores e traballadoras que traballen festivos poderán goza-las súas vacacións en tres fraccións como máximo.

Artigo 16º.-Permisos retribuídos e licencias.

-Matrimonio: 15 días

-Nacemento de fillos: 3 días.

-Nacemento de fillos (con desprazamento): ata 5 días.

-Enfermidade grave ou pasamento de cónxuxe, fillos, pais e irmáns (incluso políticos): 5 días.

-O caso anterior con desprazamento: ata 5 días.

-Enfermidade grave de avós e netos: ata 3 días.

-Traslado de domicilio: 1 día.

-Traslado de domicilio a outra provincia: ata 3 días.

-Funcións sindicais: o solicitado.

-Parto: o establecido pola lei.

-Métodos de fecundación asistida: o establecido pola lei.

-Garda legal dun menor de 6 anos ou diminuído físico: o establecido pola lei.

Artigo 17º.-Permisos e licencias non retribuídas.

Regularanse de acordo co establecido ó respecto no vixente Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral aplicable.

Artigo 18º.-Excedencias.

Regularanse de acordo co establecido ó respecto no vixente Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral aplicable.

Artigo 19º.-Prevención de riscos laborais.

A protección da saúde dos traballadores e traballadoras constitúe un obxecto básico e prioritario das partes asinantes, que consideran que para alcanzala se require o establecemento e a planificación dunha acción preventiva nos centros de traballo e que as empresas teñan como fin a eliminación ou reducción dos riscos na súa orixe; que a partir da

súa avaliación, adopten as medidas necesarias, tanto na corrección da situación existente coma na evolución técnica e organizativa da empresa, para protexe-la saúde dos traballadores e traballadoras.

En tódalas materias que afecten a prevención, a saúde e a seguridade das persoas traballadoras, aplicaranse as disposicións contidas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e maila normativa concordante, que constitúen as normas de dereito necesario, mínimo e imprescindible.

Artigo 20º.-Convenios con estudiantes bolseiros.

As empresas incluídas no ámbito de aplicación deste convenio comprométense a informar documentalmente o comité de empresa ou os delegados de persoal dos convenios de colaboración que teñan subscritos ou asinen coas diferentes facultades, escolas técnicas ou centros de formación, co obxectivo de que os estudiantes daquelas realicen as probas teóricas e prácticas que se acorden.

Queda expresamente prohibida a substitución de traballadores ou traballadoras das empresas por este tipo de persoas -alumnado bolseiro- que, ademais, non poderá exceder de tres alumnos en empresas de ata vinte persoas traballadoras, de cinco nas empresas de vinteúnha a cincuenta persoas traballadoras, e o que se negocie entre a empresa e o comité de empresa naquelas de máis de cincuenta persoas traballadoras.

Artigo 21º.-Réxime disciplinario. Principios de ordenación.

a) Estas normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a convivencia normal, ordenación, técnica e organización das empresas, así como para a garantía e defensa dos dereitos e lexítimos intereses dos traballadores e traballadoras.

b) Os incumprimentos laborais dos traballadores e traballadoras poderán ser sancionados pola dirección das empresas de acordo co disposto neste capítulo e na lexislación vixente.

c) Toda falta cometida polos traballadores ou traballadoras clasificarase en leve, grave ou moi grave.

d) A falta, sexa cal for a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa á persoa traballadora.

e) Notificáranselle á representación dos traballadores as faltas graves e moi graves impostas pola empresa.

f) Para a prescrición das faltas establécense os seguintes prazos:

-As faltas leves prescriben ós dez días.

-As faltas graves prescriben ós vinte días.

-As faltas moi graves prescriben ós sesenta días.

Todos estes prazos, contados a partir do momento en que a empresa ten coñecemento de se teren cometido e, en todo caso, transcorridos seis meses desde a súa comisión.

Artigo 22º.-Gradación das faltas.

1. Consideraranse faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a 30 minutos.

b) A falta de asistencia inxustificada ó traballo dun día no período dun mes.

c) A non comunicación coa antelación previa debida da falta de asistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade de notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que non cause grave risco contra a integridade das persoas ou das cousas; neste suposto poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato cos clientes, xefes, compañeiros ou subordinados, en canto non danen a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que estivese ó cargo do traballador ou traballadora ou do que fose responsable, e que produzan deterioración leve deste.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

h) En xeral, calquera outra neglixencia ou incumprimento dos deberes laborais, cando non derive dela un prexuízo grave para os intereses da empresa, clientes, xefes, compañeiros ou subordinados.

2. Consideraranse faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total de ata 60 minutos.

b) A falta de asistencia inxustificada ó traballo de dous a catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída do traballo.

e) A desobediencia das ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves para a empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens das empresas ou comportasen risco de accidente para as persoas; neste caso consideraranse faltas moi graves.

f) A falta de comunicación á empresa das deterioracións ou anormalidades observadas nos útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e obras ó seu cargo, cando diso derivase un dano grave para a empresa.

g) A realización, sen o oportuno permiso, de traballos particulares durante a xornada, así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens das empresas para os que non se estivese autorizado ou para os alleos ós do traballo asignado, incluso fóra da xornada laboral.

h) O abuso da embriaguez habitual no traballo.

i) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afecta-lo proceso productivo ou a prestación do servicio e sempre que, previamente, fose avisado polas empresas.

j) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non derive un dano grave para as persoas ou as cousas.

k) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

l) As ofensas de palabras proferidas ou de obras cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo e cando revistan acusada gravidade.

m) A reincidencia na comisión de faltas leves dentro dun trimestre, aínda que sexan de natureza distinta e sempre que houbese sanción distinta á de apercibimento verbal.

n) En xeral, calquera comportamento para a empresa, os clientes, xefes, compañeiros ou subordinados, que non sexa falta moi grave.

3. Consideraranse faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano, debidamente advertida.

b) A falta de asistencia inxustificada durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, ou a apropiación, furto ou roubo de bens de propiedade das empresas, de compañeiros e calquera outras persoas dentro das dependencias das empresas.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, ou a prolongación ilícita da baixa por enfermidade ou accidente.

e) O quebrantamento ou violación de segredos e da confidencialidade de obrigada reserva que provoque grave dano para as empresas.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal ás empresas.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento no caso de folga legal.

j) O abuso da autoridade exercido por aquelas persoas que desempeñan funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada falta de utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

m) O uso indebido de programas informáticos da empresa que provoque grave dano para a empresa.

n) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, tendo en consideración como tal aquela situación na que, con anterioridade a se ter cometido o feito, o traballador ou traballadora fose sancionado por faltas graves, mesmo de natureza distinta, durante o período dun ano.

o) En xeral, calquera comportamento que supoña a creba da boa fe contractual e o abuso da confianza no desenvolvemento do traballo.

Artigo 23º.-Sancións.

1. As sancións máximas que se poderán impoñer pola comisión das faltas citadas no artigo anterior son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo ata 2 días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de 3 a 15 días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de 16 días a 1 mes e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que, como consecuencia das sancións impostas, puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó se cumpriren os prazos de dous, catro e oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais de representación.

Recoñeceranse como representantes legais dos traballadores e traballadoras aqueles que sexan membros do comité de empresa, delegados de persoal ou delegados da sección sindical.

Os dereitos e funcións dos delegados de persoal, comités de empresa e seccións sindicais recollidos no Estatuto dos traballadores e mais na Lei orgánica de liberdade sindical serán plenamente recoñecidos e garantidos.

Artigo 25º.-Prestación complementaria por incapacidade transitoria.

A empresa completará as prestacións da Seguridade Social por enfermidade ou accidente ata o 100% da retribución do traballador ou traballadora, incluída a antigüidade e mailas pagas extraordinarias e os complementos correspondentes segundo o

salario medio dos tres meses naturais inmediatamente anteriores á data na que se produza a baixa por incapacidade temporal.

Artigo 26º.-Seguro complementario e póliza de seguro.

Todo o persoal laboral estará incluído na cobertura dunha póliza de seguro colectiva que abranguerá as seguintes continxencias cos seguintes valores:

-Falecemento por accidente: 24.000 euros.

-Invalidez permanente total por accidente: 30.000 euros

-Invalidez profesional por accidente: 30.000 euros.

Este artigo entrará en vigor a partir do asinamento do seguro, que non deberá exceder do prazo de dous meses desde o asinamento deste convenio.

Transcorrido o dito prazo, a dirección responderá das cantidades reflectidas no artigo anterior se non estiver subscrita a referida póliza.

Artigo 27º.-Formación continua.

A formación pretende a xestión dinámica do coñecemento, orientada ó desenvolvemento do potencial dos empregados, co fin de adecua-lo seu nivel de competencias ós requirimentos de cada momento para a consecución dos obxectivos empresariais.

As empresas garantirán que o persoal empregado poida compaxina-lo eficaz desempeño das súas ocupacións coa participación nas necesarias actividades formativas.

As partes asinantes deste convenio subscriben o terceiro Acordo nacional para a formación continua, segundo o cal poderán confeccionarse plans -de empresa ou agrupados-, con carácter gratuíto, dirixidos á capacitación, promoción profesional e reciclaxe do persoal.

Os plans, sometidos ó acordo nacional e a outras formas de subvención institucional, deberán presentarse co acordo ou xunto coa acta onde se reflicta a posición motivada de cada parte.

A comisión mixta deste convenio terá entre as súas funcións a elaboración e promoción de plans anuais de formación, destinados a adecua-los coñecementos profesionais dos traballadores e traballadoras ás novas tecnoloxías e a facilita-la súa formación profesional. Así mesmo, avaliará as accións emprendidas para revisa-las orientacións, promover novas actividades e actualiza-la definición dos obxectivos e prioridades da formación profesional.

Artigo 28º.-Tratamento económico.

1. Para o ano 2002:

a) Créase a terceira paga extraordinaria, con consolidación plena para anos sucesivos, que se aboará no mes de marzo de 2002.

b) As partes acordan un incremento salarial para tódolos conceptos económicos, do 4%.

2. Para o ano 2003:

As partes acordan un incremento salarial no salario base do 19% e o IPC correspondente no resto dos conceptos económicos.

3. Para o ano 2004:

As partes acordan o incremento salarial necesario para igualarse ós conceptos salariais recollidos no anexo I, no epígrafe de 2004.

Artigo 29º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse anualmente tres gratificacións extraordinarias que se farán efectivas na primeira quincena do mes de pagamento, consistentes en 30 días de pagamento cada unha. As de xullo e decembro terán devengo semestral mentres que a de marzo terá devengo anual.

ANEXO I

Táboas salariais

Convenio colectivo Compostela Visión

Ano 2002Ano 2003Ano 2004

Grupo I
Salario mínimo anual (15 pagas)11.074,4113.178,5515.343,71
Complemento dispoñibilidade anual (12 pagas)901,80927,05953,01
Bruto mes
Neto mes

Grupo II
Salario mínimo anual (15 pagas)8.449,4010.054,7910.969,12
Complemento dispoñibilidade anual (12 pagas)901,80927,05953,01
Bruto mes
Neto mes
Grupo III
Salario mínimo anual (15 pagas)7.335,998.729,8310.218,26
Complemento dispoñibilidade anual (12 pagas)901,80927,05953,01
Bruto mes
Neto mes
Grupo IV
Salario mínimo anual (15 pagas)6.303,987.501,748.324,78
Complemento dispoñibilidade anual (12 pagas)901,80927,05953,78
Bruto mes
Neto mes