Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 05 de xullo de 2002 Páx. 10.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de xullo de 2002 pola que se convocan axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros e se modifica a Orde do 14 de xullo de 2000.

A Orde do 14 do xullo do 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros, prevé a existencia de convocatorias, que se rexerán polas bases e condicións establecidas nela.

Por medio desta disposición procédese tamén a efectuar unha modificación da orde indicada, que non afecta o contido esencial dela, orientándose as modificacións ó establecemento máis rigoroso na forma de realización das obras, acorde ca execución orzamentaria, e a establecer uns requisitos máis rigorosos no ámbito da seguridade da vida humana no mar.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 14 de xullo de 2000 (DOG do 2 de agosto de 2000), sendo o prazo de presentación de solicitudes, de acordo co artigo 12 dela, de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ó exercicio do ano 2002.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.723A.770.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002 e cun importe desta anualidade de 32.016.413 euros.

Artigo 3º.-Modificación da Orde do 14-7-2000.

A) Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 14 de xullo de 2000, que quedarán redactados da seguinte maneira:

«Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concedénse con cargo as aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

A convocatoria anual poderase facer no exercicio orzamentario anterior, rexida polas bases e condicións establecidas nesta orde e axustándose ó disposto para a tramitación anticipada de expedientes de gasto; e sen perxuízo da posibilidade de máis dunha convocatoria anual.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 17º.-Realización das obras e garantías.

As obras, tanto polo que respecta á renovación como á modernización, deben estar totalmente concluídas dentro do prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión da axuda, que non será inferior a doce meses desde a concesión dela no caso das novas construccións, e en todo caso, dentro do exercicio orzamentario correspondente á concesión para as modernizacións.

No caso de expedientes plurianuais os requisitos establecidos nos artigos 24 puntos d) e e) e 25, f) deberán cumprirse no momento de procederse ó pagamento final.

O incumprimento de calquera das condicións establecidas nos parágrafos anteriores levará aparellada a perda do dereito á subvención, salvo causa de forza maior debidamente acreditada e non imputable ó beneficiario e sempre tendo en conta o previsto no artigo 7º.

En tódolos expedientes e para garanti-lo bo fin do investimento e ata o cumprimento deste, deberase constituír un depósito ou aval do importe do catro por cento do investimento subvencionable, debidamente achegado ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda, e que deberá estar formalizado no momento da aceptación da axuda.

Só os buques xa construídos ou as obras rematadas dentro do prazo indicado no parágrafo anterior quedarán exonerados da obriga citada.

A non realización das obras con tódolos requisitos da resolución de concesión dará lugar á perda da garantía, e sen prexuízo do indicado no parágrafo terceiro deste artigo».

B) Inclúese un novo artigo na Orde do 14 de xullo do 2000, co seguinte texto:

Artigo 24º bis.-Outros requisitos.

Para o pagamento da axuda deberá estar adecuadamente xustificado, a criterio da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Tódolos buques que, a teor da súa actividade, se afasten nalgún momento máis de 150 millas náuticas da costa, deberán ir provistos de traxes de supervivencia para tódolos tripulantes.

b) A matrícula e folio dos buques debe estar pintada o máis alto posible sobre as amuras, sobre fondo branco ou negro, e con aqueles na cor contraria.

Así mesmo, para os buques de tódalas flotas excluída a artesanal, o indicativo radio internacional e o número de folio deben estar pintados na parte superior da ponte na cor que faga contraste, de maneira que poida distinguirse con claridade desde o aire.

c) O buque debe estar dotado do Plan de Prevención de Riscos Laborais.

d) Tódalas novas construccións deben ir dotadas do sistema mundial de socorro e seguridade marítima -SMSSM.

e) Os buques aportados como baixa para unha nova construcción dun barco da flota pesqueira artesanal -de menos de 12 metros de eslora total-, deberanse materializar mediante o despezamento ou procedemento substitutorio, e isto deberá constar reflectido na folla de asento».

C) Fanse modificacións parciais, en dous artigos da Orde do 14-7-2000, no seguinte sentido.

Artigo 9º, parágrafo segundo.

Substitúese a referencia a «barcos de máis de quince anos» pola seguinte «barcos de máis de dez anos».

Artigo 15º.1.A.

Engádese un novo punto co seguinte texto:

f) Declaración responsable de que o proxecto recolle os requisitos de seguridade establecidos no artigo 24º bis.

Disposición transitoria

Nesta convocatoria, o prazo establecido no artigo 15 da Orde do 14-7-2000 para a presentación da documentación queda establecido en 35 días hábiles.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos